Un dos primeiros salóns de baile que houbo na vila de Arteixo foi o de Pardo, un local que estaba na Baiuca, na zona que actualmente ocupa a rúa Alcalde Francisco Mosquera e a Travesía de Arteixo, preto do concello.
Cadro da autoría de Maribel Otero no que podemos ver o Arteixo dos anos 50. Á esquerda, na parte inferior, o Salón de Pardo |
Non sabemos con certeza o ano de inauguración deste salón máis é probable que os nosos devanceiros xa bailaran nel na década dos 20 (ou dos 30) do século pasado, nunha época na que tamén se facían bailes no Café Berán da Baiuca. Este local, o Berán, era sede da Sociedade Instructiva, Recreativa e Deportiva “El Alba”, e estaba situado a pouco máis de 100 metros do de Pardo, un pouco antes do concello vello.
O salón de Pardo era propiedade de Manuel Pardo Alvedro, un home que nacera en 1880 e que estaba casado con Esclavitud Rey Álvarez. O matrimonio vivía nunha casa situada nas inmediacións do salón, unha vivenda na que naceron Carmen, Anuncia, Estrella e Manuel, os catro fillos da parella.
Á parte de facer uns patacóns no salón de baile, Manuel Pardo gañaba a vida traballando de carpinteiro, de labrador e mesmo de matachín. Ademais, tamén foi alcalde de Arteixo dende xuño de 1931 ata febreiro de 1936.
Manuel Pardo Alvedro (Foto do libro "Alcaldes de Arteixo (1836-1998)" da autoría de Manuel Blanco Rey |
Seica despois da Guerra quen rexentaba o salón era Estrella, unha das fillas de Manuel e Esclavitud, que no ano 1940 asociouse con Manolo 'de Eva', de quen falaremos proximamente nesta bitácora. A sociedade duraría ata 1944, ano no que Manolo colle en alugueiro o Salón do 'Veigheiro' no cal ía botar unha década, ata 1954.
Na memoria do prezado Julio Mancebo, nado en decembro de 1942, aínda se conservan algúns recordos de Manuel Pardo e do seu salón de baile: “Pasada a casa de Marán, viña a casa do señor Manuel 'o Túzaro' e a súa muller, a señora Esclavitud. Xa eran maiores e vivían sós. No verán tiñan na casa a unha neta, filla de Manolo, que vivía na Coruña. Chamábase Ana i era do noso tempo. Ás veces viña con ela o seu irmán Pacholo. O señor Manuel recollía as castañas e extendíaas a secar na terraza do salón de baile. Baldomero e Famba eran os que se atrevían a saltar a muralla, subir as escaleiras e encher os bolsillos. Nos quedabamos fora vixiando. Bueno, era unha desculpa coma outra calquera para xustificar o medo. Concluido o asalto procedíase ao reparto, sentados detrás da fonte”.
Esa Ana da que fai referencia Julio Mancebo é Ana Pardo, que, andando no tempo ía ser xunto as súas compañeiras, entre elas a arteixá Maribel Otero e Ana del Río -filla do matrimonio que levou a administración do Balneario de Arteixo desde finais da década dos corenta ata 1962-, campioa de España de hóckey en varias ocasións co Santa Lucía da Coruña.
En 1954, despois de botar unha década no salón do 'Veigheiro', Manolo 'de Eva' volve a explotar (desta volta el só) o Salón de Pardo, ao que denomina Salón Moderno. Tres anos máis tarde, en decembro de 1957, falece o señor Manuel Pardo aos 77 anos de idade, mais o seu espíritu seguiría estando moi vivo no salón que abrira décadas atrás xa que, malia que Manolo 'de Eva' bautizara o local como 'Salón Moderno', todo o mundo lle seguiu chamando o Salón de Pardo.
Diploma
que Manolo 'de Eva', xerente do Salón Moderno, lle entregou a Carmen
Blanco en recoñecemento do bo papel realizado por esta moza arteixá no
programa "Desfile de Estrellas" de 1960 |
Maribel Otero, campioa de España de hóckey e autora do cadro que acompañamos nesta crónica, contounos que “o salón tiña planta baixa, que era onde se bailaba. Por fora, na parte dereita da fachada, había unhas escaleiras que levaban á terraza. Ás veces, cando facía bo tempo, tamén se bailaba alí. A terraza tiña unha varanda que tamén intentei plasmar no cadriño que pintei”.
José Ramón Campos, nado en Arteixo en 1944 e co paso dos anos xenro de Manolo 'de Eva', recorda que cando o seu futuro sogro levaba o salón de Pardo “por alí pasaron orquestras como a Finisterre, Os Satélites, Os Trovadores, a Spallant, a orquestra dos irmáns Mallo de Feáns e mesmo 'El Niño de Soandres'. Neste salón había uns bancos de madeira largos arrimados á parede. As vellas subíanse a eles para saber quen bailaba con quen e facer a crónica social”.
Do Salón de Pardo xa nada se conserva. Só os recordos que gardan na súa memoria os nosos avós. Preguntade na casa a ver que vos contan. De seguro que os maiores falarán dos bailes, das orquestras, de quen se prometeu alí amor eterno e mesmo dunha das imaxes da Baiuca da época, que non era outra que ver a Manolo 'de Eva' vendendo nas entradas na taquilla e á súa muller Carme 'da Caracola' na porta do local, unha imaxe que se repetiu ano tras ano ata que Manolo abriu a Sala de Festas Eva.
Imaxe actual do lugar no que estaba situado o Salón de Pardo |
Ningún comentario:
Publicar un comentario