xoves, 27 de outubro de 2022

A TENDA E O SALÓN DO 'VEIGHEIRO'

  Nestas Crónicas de Arteixo continuamos movendo o esqueleto ao ritmo das orquestras coas que bailaron os nosos avós. Se a semana pasada falamos do salón de Pardo da Baiuca, hoxe desprazámonos ata a Avenida de Fisterra da capital municipal para recordar algunhas anécdotas do salón do 'Veigheiro', outro dos locais punteiros do Arteixo dos 40 e dos 50.

 O salón abrírano José Gestal García, tamén coñecido polo alcume do 'Veigheiro', e a súa muller Elvira Martínez Vázquez. José era dos da 'Veigheira' de Figueiroa (de aí a orixe do alcume), e Elvira da familia dos de Galán de Oseiro. Á parte do salón de baile, o matrimonio tamén tiña panadería, estanco e taberna, desas tendas das de antes nas que tanto podías comprar un paquete de café coma botarlle unha cunca de viño. A tenda do 'Veigheiro' era, ademais, un dos lugares no que os arteixáns da época xogaban a partida. Polo que recorda Julio Mancebo, nado en decembro de 1942, “a tenda do 'Veigheiro' era o único sitio de Arteixo onde se podían escoitar os partidos de fútbol do Mundial de Brasil no ano 1950. Os locutores eran Matías Prats e Enrique Mariñas.”

   Este negocio estaba a poucos metros da actual Avenida do Balneario, aproximadamente na zona que hoxe ocupa o edificio no que está a Librería Marina. Pegada á tenda, había unha casa que era onde a familia Gestal Martínez tiña o seu domicilio, unha vivenda na que se criaron Fina, que naceu antes de que se pai combatera na Guerra Civil; Maruja; Eladio (máis coñecido por Lecho) e Luisa, os catro fillos de José e Elvira. E a continuación, estaba o salón de baile, un local que a xuventude da época denominaba o salón do 'Veigheiro' ou mesmo o salón de Caldas, por ser este o lugar no que se encontraba. Na parte traseira destos edificios era onde José e Elvira tiñan a panadería e amoreaban a leña para enfornar.

 

Panorámica da tenda do 'Veigheiro', que é o edificio de planta baixa, da vivenda da familia Gestal Martínez e do salón de baile (Cortesía da familia Insua García)

   Pouco tempo rexentou Gestal o salón de baile. Tiña dabondo coa panadería. En 1944, nos duros anos da posguerra, alúgalle o seu local a Manuel Díaz, Manolo 'de Eva', que anteriormente, tal e como contamos a semana pasada nesta bitácora, fixera baile durante uns anos no Salón de Pardo da Baiuca.

   Carmen Bermúdez, veciña do Rañal nada nos anos 40, recorda que “no medio da pista do salón do 'Veigheiro' había unha columna e a xuventude bailaba arredor dela. O palco estaba ao fondo do local e tamén tiña o ghaliñeiro no alto, que era o lugar no que estaban as nais e as avoas das mozas controlando con quen bailaban as súas fillas ou netas. Recordo que ao fondo, na zona do palco, había unha xanela dende a que se podía ver a leña da panadería”. Outra moza da época, Teresa Blanco, veciña de Figueiroa, contounos que “os domingos iamos a bailar ao salón do 'Veigheiro' de 8 a 12 mentras os homes da casa xogaban a partida na taberna de Ana (onde está agora o restaurante El Gallo de Oro novo) ou na taberna do 'Veigheiro'. Alí tocaron orquestras moi boas como Os Satélites, a orquestra X ou a Finisterre”.

   Mais, polo que nos contaron varias persoas, se houbo unha actuación que causou furor no tempo que Manolo 'de Eva' levou o salón do 'Veigheiro', esa foi a da popular Martela. A Martela era o nome artístico de Finita Gay, de quen Xurxo Souto escribe nos seus fantásticos Contos da Coruña1 que foi “a primeira muller que subía a cantar nun escenario. O seu era pura vehemencia vocacional, e case tivo que escapar da casa -alá pola parte de Castelo, en Carral- para conseguir ser artista.

  Cos seus compañeiros dos Guiliades provocou auténtica conmoción. Mesmo da parte de Ordes e Guitiriz baixaban novos e vellos para contemplar como Finita Gay bailaba a raspita. 

 

Finita Gay, 'A Martela' (Cortesía da familia de Finita Gay)

   En pleno éxito marchou a Venezuela. Alí casou e traballou como modista. Cando tivo os fillos criados, decidiu volver e facer o que de verdade lle prestaba: cantar. Regresou nos oitenta e, nun acto de valentía impresionante, investiu todos os seus aforros nun Café Concerto en Tabeaio: A Martela, nome do lugar onde se criou.

   Alí a grande estrela era a propia Finita. Recuperou os seus antigos seguidores e triunfou entre a xente nova. Esta loitadora acadara o seu soño. Desgraciadamente, aos poucos anos, en pleno triunfo, morreu vítima dunha rápida enfermidade”.

   Despois de botar unha década rexentando como alugueiro o salón do 'Veigheiro', Manolo 'de Eva' deixa este local en 1954 e retorna ao de Pardo, na Baiuca.

   A partir de aquí, Pepe Gestal íase adicar exclusivamente á panadería, e o seu salón xa non volveu a funcionar como tal. O 'Veigheiro' faleceu en 1962 nun accidente de tráfico con tan só 49 anos, unha tráxica noticia da que se facía eco La Voz de Galicia do seguinte xeito:

Un industrial de Arteijo, falleció en accidente de circulación. Su vehículo chocó contra un camión en eI lugar de Bértoa
En la mañana de ayer, en la parroquia de Bértoa, en las inmediaciones de un puente existente en dicho lugar y coincidiendo con un cambio de rasante, un turismo que circulaba hacia Carballo chocó violentamente contra un camión que transportaba ganado y que se dirigía a La Coruña. Resultó con heridas gravísimas que motivaron su fallecimiento a los pocos momentos, el conocido industrial de Arteijo, José Gestal García, de 49 años de edad, más conocido por “Veigueiro”.
El señor Gestal conducía un “Dauphin” y al salir del cambio de rasante se encontró con el camión que, al parecer a causa de una avería, se había cruzado en la carretera. La colisión fue violentísima y el turismo quedó materialmente destrozado.
Inmediatamente los conductores de otros vehículos que circulaban por el lugar, trataron de prestar ayuda al herido que fue trasladado a Arteijo, pero nada pudo hacerse por él, ya que falleció a los pocos momentos, siendo conducido al domicilio familiar.
El señor Gestal García era un hombre conocidísimo tanto en el lugar de su residencia como en Carballo y La Coruña, por lo que la sensible desgracia ha causado profundo dolor.
Momentos antes de ocurrir el accidente, tres pesados camiones, uno detrás de otro, circulaban en dirección a La Coruña. El primero iba con carga diversa, el segundo con arena y el tercero con ganado.
Según se desprende de lo manifestado por el conductor, de este último vehículo, el vecino de Puente del Puerto, José Castiñeiras, su camión circulaba detrás del de la arena. Al aproximarse a éste, Castiñeiras accionó los frenos, pero no le respondieron, echándose entonces hacia la izquierda y rozando contra la baldera de dicho camión, rompiéndosela. Su intención era, al parecer, meterse en la cuneta, pero cuando estaba atravesado en la calzada llegó el ''Dauphin”, estrellándose contra él.
En el lugar del accidente se personó el Juzgado de paz de Arteijo y la Guardia Civil de Tráfico, que iniciaron las correspondientes diligencias.
Durante el día de ayer, y después de conocerse la desgraciada noticia, fueron muchísimas las personas que se trasladaron hasta el domicilio mortuorio para testimoniar a su viuda y demás familla su sincera condolencia.2

   Curiosamente, nese ano de 1962, Fina Gestal (a filla maior do defunto José e de Elvira) e o seu home Pepe Morgade abren no outro lado da actual Avenida de Fisterra, naquela hora coñecida como a Carretera Nova, un restaurante ao que deciden bautizar El Gallo de Oro, nome co que lembraban a ópera de Nikolái Rimski-Kórsakov que tanto lle gustaba ao médico don Manolo, o padriño do seu fillo Fernando.

 

Á esquerda o restaurante vello El Gallo de Oro e á dereita o salón do 'Veigheiro'

   Trala morte de seu pai, Lecho, que ía casar con M.ª Luisa Maceiras, foi levando pouco a pouco a batuta do negocio e sería quen de asentar as bases do que hoxe é a popular Panadería Gestal.

   Unha das súas irmás, M.ª Luisa, quedaría viúva catro anos despois de casar con Juan José Castro Corral, enxeñeiro de camiños de Pastoriza que faleceu en decembro de 1968 en San Fernando (Cádiz) vítima dun accidente de circulación.

   Pola súa banda, e xa para rematar, Maruja, a outra das irmás Gestal Martínez, casou con Jesús García 'O Grilo', que foi o primeiro taxista que houbo en Arteixo. Jesús, que faleceu en 1984 aos 56 anos, seica tiña un Renault Gordini. “O taxi era do Grilo pero quen o cunducía era seu irmán Mero, que era con quen nós quedabamos varios días antes para que nos levara ás romarías e pasaba todo o día con nós”, lembraba a veciña do Rañal Carmén Bermúdez. Maruja (a quen de seguro vistes algunha que outra vez no seu estanco, o que está ao carón da Panadería Gestal) e o seu home Jesús foron os que rexentaron a tenda e a taberna do 'Veigheiro' durante moitos anos, unha tenda que as persoas de Arteixo coas que falamos recordan con moito cariño. De tal xeito, Ángel Traba contounos que trataban ben a todo o mundo e tiñan crédito para todos os veciños; eran grandes persoas.” Mari Luz Pereira quixo mencionar a Paquita e a Lolita, “empregadas perfectas do establecemento; era un trato familiar e atendían sempre ben, mesmo aos nenos que facíamos os recados. Amelia Cedeira tamén nos contou que “mira si eran atentos que ía o can de Ramón 'o Mañas' coa nota na bolsa e poñíanlle as cousas e aos nenos non nos facían esperar”. 

 

Publicidade do ano 1969

   A matriarca da familia, a señora Elvira Martínez Vázquez, morreu en xullo de 1994 aos 80 anos de idade. O seu espírito e o do seu home Pepe seguen estando moi presentes na Panadería Gestal, pois non son poucas as persoas de Arteixo que lle seguen chamando a este negocio a panadería do 'Veigheiro'.

 

Imaxe da tenda, do domicilio e do salón do Veigheiro nos anos 60 (Cortesía da familia Insua García)

Imaxe tomada en outubro de 2022 no mesmo lugar que a fotografía anterior

__________________

1 Vid. XURXO SOUTO EIROA (2001): Contos da Coruña; Vigo: Edicións Xerais, p. 104.

2 Vid. La Voz de Galicia, 10 de febreiro de 1962, páx. 4

Ningún comentario:

Publicar un comentario