En novembro de 2022 tivemos a sorte de entrevistar no seu domicilio de Meicende a Plácido Rodríguez, un dos grandes músicos da bisbarra do que xa falamos no espazo Crónicas da Laracha (https://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2022/11/placido-rodriguez-un-dos-grandes.html).
Naquela entrevista, Plácido contounos que “cando empecei a tocar na Orquesta Jazz Melody contratáronnos para tocar en Rañobre. Eu tiña daquela 16 anos, e ao chegar alí veu unha señora e dixo:
-Este neno vén para a nosa casa, que os pais son amigos meus!
A min coñecíanme alí por meu pai, que era zoqueiro e facía zocos para esa casa. Eu durmía na casa dos de Venturiña e os meus compañeiros noutras casas de Rañobre. Recordo que nos contrataran polo San Tirso de 1948 ou de 1949 para actuar durante tres días. Tocabamos nun alpendre e finalmente, en vez de tocar durante tres días como estaba previsto, botamos oito días seguidos sen saír de alí. Todos os integrantes da Jazz Melody permanecemos en Rañobre todo ese tempo”.
Para lembrar aqueles tempos, falamos con Pepe Naya 'O Camarín', veciño do Rañal nacido en Rañobre en 1936. “O baile facíase polo San Tirso, o 28 de xaneiro, no alpendre de Jesús de Mari Pepa. Había baile en Oseiro e había baile en Rañobre. Os músicos comían e durmían nas casas dos labradores”.
Alpendre da casa de Jesús de Mari Pepa na actualidade (Antonio Martínez) |
Unha desas casas era a de Venturiña, da que nos falou Plácido Rodríguez, e as outras eran a do Robeirán e a de Generoso do Calaso e a súa muller Carmen, irmá de Milio, o avó materno dun servidor. Comían e durmían nesas tres casas e o baile facíano no alpendre de Jesús de Mari Pepa e seica, á parte da xente de Rañobre, tamén ía moita xente de Suevos.
Pepe tamén nos contou que “o xenro de Baliño tamén era músico. Chamábase Antonio e xa morreu. Tocaba a trompeta, se non recordo mal, na mesma orquestra que Plácido. Tamén había outro músico en Vilarrodís pero non me acordo do seu nome. Eso quen o pode saber e miña irmá Blandina”.
Plácido Rodríguez tocando a batería coa orquestra Jazz Melody (Cortesía de Plácido Rodríguez) |
E falamos con Blandina, nacida en Rañobre no ano 1933 e casualmente, ao igual que seu irmán Pepe, tamén veciña do Rañal. “Cando eu era unha mociña, 12 ou 13 anos tería daquela, ía moita xente a Rañobre polo San Tirso, ao baile que se facía na de Jesús de Mari Pepa. Os músicos que tocaban alí eran todos chavales. Recordo que un deles era Manolo o da Vieira. Tamén había outro de Vilarrodís que se chamaba Chucho. Comían na casa de Generoso, na de Venturiña… nas casas dos labradores ricos. Na do Venturiña comían e durmían. Un ano gañaran o premio Generoso do Calaso e a súa muller Carme, que bailaban moi ben. Outro ano o premio da xota e da muiñeira levárao a Lixeira de Rañobre. Nalgunha ocasión tamén llo deran a Carme, unha irmá de Fina a de Laradas. A xente de Rañobre era moi festixeira.”
Alpendre da casa de Jesús de Mari Pepa na actualidade (Antonio Martínez) |
Oitenta anos despois daquelas grandes festas e foliadas que se organizaban no lugar, damos fe de que a xente de Rañobre segue sendo moito festixeira, abofé que si! Debe ser cousa da xenética!
Dios EU son de uns anos dempois e que nos recordos me traen esas foliadas gracias Rañobre por tan bos recordos amen
ResponderEliminarEso perdiuse todo
ResponderEliminar