Chegamos ao fin deste percorrido polos antigos salóns de baile que houbo en Meicende falando, nesta quinta entrega, do salón de Baltasar, un local que estaba situado no mesmo lugar que hoxe ocupa o edificio número 98 da Travesía de Meicende e a rúa Ecuador, xusto en fronte da autoescola Soto Lara.
Lugar no que estaba o salón de Baltasar |
O de Baltasar era un salón de notables dimensións e, segundo entrabas, xa podías ver o palco dos músicos de fronte. Á dereita da entrada estaba a porta do roupeiro e, á esquerda do escenario, había outra porta que comunicaba coa parte traseira do edificio, onde podías ver unha horta con bancos que se utilizaba como pista de baile nos veráns.
Seica cando o salón estaba ateigado nos bailes que se organizaban polo inverno, as parellas tamén bailaban neste espazo exterior, unhas parellas que en moitos casos déronse neste lugar o seu primeiro bico.
Polo que nos contaron recentemente, alí tocaron orquestras como Os Trovadores, Os Mallo de Feáns ou a Boquete, unha banda do barrio coruñés dos Mallos.
Sergio Naya, veciño de Meicende nacido no lugar no Sixto en 1949, recorda que ao carón do salón de Baltasar “había unha casiña na que tivera consulta durante certo tempo o médico Mariño”.
O salón de Baltasar, que era natural de Borroa, deixou de funcionar como tal na década dos 60. Posteriormente sería a sede do Teleclub de Meicende, sitio de encontro da xuventude inaugurado en outubro de 1971.
La Voz de Galicia, 3 de outubro de 1971 |
O réxime de Franco ofertaba entretemento a cambio de propaganda institucional de tal xeito que o Ministerio de Información e Turismo de Manuel Fraga enviaba unha televisión e libros para unha biblioteca. A rede de Teleclubs estivo operativa dende 1964 ata 1974. Prometemos falar noutra ocasión de todos os que houbo en Arteixo.
Tarxeta de socio do Teleclub de Meicende (Cortesía de Ana Mosquera) |
E así, despois do percorrido realizado ao longo das últimas semanas polos locais da sociedade 'La Esperanza', o salón de Avelina, o de Baldomero da Martela e o de Baltasar, poñemos fin a esta xeira sobre os antigos salóns de baile que houbo en Meicende... uns edificios actualmente desaparecidos (excepto o novo de 'La Esperanza') que forman parte da memoria popular e que foron a base de innumerables matrimonios ata ben entrada a segunda metade do século pasado!
A memoria é o que nos configura como seres. Coidemos este tesouro, por favor!
Ningún comentario:
Publicar un comentario