domingo, 12 de novembro de 2023

A TELLEIRA DE ARMENTÓN E OS BARREIROS DE MONTEAGUDO

  Ata hai relativamente poucos anos, antes de que se axilizaran os transportes e as comunicacións, practicamente a totalidade das materias primas procedían da contorna na que traballaban os artesáns, feito que limitaban as súas posibilidades ao que encontraban ao seu arredor e que condicionaba o proceso de fabricación e o acabado final dos seus produtos. 

 O barro, a auga e a leña (produtora do lume) eran elementos comúns e accesibles en boa parte das zonas do país. Deste xeito, ante a necesidade de útiles para a vida cotián e de dous elementos imprescindibles na construción de vivendas como eran o ladrillo e a tella, as olarías e as telleiras artesanais proliferaron ao largo e ancho de Galicia para fabricar todo tipo de cerámica. De seguro que este foi o momento do nacemento de topónimos como “oleiros” ou “telleira”, moi presentes en toda a xeografía galega.

  E como non podía ser doutro xeito, no municipio de Arteixo, concretamente na parroquia de Armentón, hai un lugar que se chama A Telleira, obviamente referido a unha instalación con forno onde antigamente se fabricaron tellas e ladrillos. 

 


Panorámica do lugar da Telleira, parroquia de Armentón

   Ademais, sabemos da existencia doutro lugar co mesmo nome na parroquia de Oseiro, no actual Polígono Industrial de Sabón, que estaba na zona que hoxe ocupan as instalacións da Leyma.

   Na parroquia de Larín temos localizada outra telleira da que nos fala Sebastián Miñano y Bedoya no seu Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal, magna obra composta por once volumes que foi publicada entre 1826 e 1829:

  “Esta parroquia (Larín) y la citada de Armentón componen el coto llamado de Anzobre, cuya jurisdicción fue del señor conde de Jimonde, y en ambas conocen a prevención el juez de Bergantiños y alcalde mayor de la Coruña. Produce 675 fanegas de trigo, 975 de maiz, 15 de centeno, 15 de cebada, 75 de habas, 7 ½ de avena y 1600 arrobas de patatas. Hay bastante arbolado, y su industria consiste en 8 molinos de agua, 1 batán, 4 telares y una fábrica de teja.”

   No que se refire á que houbo na parroquia de Armentón, a mesma que quedou reflectida co microtopónimo A Telleira, non temos información algunha dos anos que funcionou como tal, mais grazas a uns documentos do século XVII que localizamos no Arquivo do Reino de Galicia, sabemos que fornecía ao convento dos agostiños de Caión antes de 1772, que foi cando estos freires abandonaron a vila mariñeira e se estableceron no barrio coruñés da Pescadería (a día de hoxe a Praza e o Mercado Municipal de San Agustín da cidade herculina seguen mantendo viva a memoria desta orde relixiosa).

   Todas as telleiras precisaban un lugar onde extraer a materia prima para a posterior fabricación das tellas e dos ladrillos. Falamos dos chamados barreiros que, no caso da telleira de Armentón, estaban nas proximidades como así o reflicte, unha vez máis, a toponimia. Non deixa de ser curioso e significativo que a día de hoxe existan nesta zona da que estamos a falar dúas entidades de poboación coa denominación Os Barreiros, unha na parroquia de Monteagudo, onde está a Área Recreativa do mesmo nome, e outra na parroquia de Armentón, entidades que están separadas polo rego dos Barreiros (segundo María Rozamontes máis arriba chamado Ibia ou Río Xordán).

 


Lugar de Barreiros, parroquia de Monteagudo

Área Recreativa de Barreiros

    Eses documentos consultados no Arquivo do Reino de Galicia, que nos axudou a interpretar o prezado Marcos Emilio Amado Casdelo, é a resolución dun litixio do convento de Santo Agostiño de Caión contra un tal Juan Calvete e a súa muller “por una poca teja”, preito que levou o xuíz de Anzobre por agresión e impago e no que, entre outras cousas, dise que “(…) llegaron a la telleira de los Barreiros a buscar una poca de teja con unos carreteros”1

 

   Velaí está a telleira da Telleira!

   Ata a semana que vén!

__________

1 Vid. Arquivo do Reino de Galicia. Sinatura 1511-14.

Ningún comentario:

Publicar un comentario