martes, 27 de agosto de 2024

A CASA DO CONCELLO CUMPRE 50 ANOS

O venres, 30 de agosto de 2024, cúmprense exactamente 50 anos da inauguración da actual Casa do Concello de Arteixo, inaugurada oficialmente o 30 de agosto de 1974. por José García Hernández (1915-2000), naquela hora ministro da Gobernación e Vicepresidente primeiro do goberno de Franco.

 

Imaxe do día da inauguración da Casa do Concello de Arteixo

   Deseguido transcribimos o que contaba ao día seguinte sobre este acto o xornal La Voz de Galicia:

El ministro de la Gobernación inauguró las casas consistoriales de Arteijo y Laracha
Aspiramos a una renovada vida municipal, ya que los Ayuntamientos son la pieza clave en la marcha de la nación”, dijo el Sr. García Hernández.
El ministro de la Gobernación y Vicepresidente Primero del Gobierno, don José García Hernández, presidió en la tarde de ayer las inauguraciones de las Casas Consistoriales de Arteijo y Laracha. Acompañaban al ministro de la Gobernación, el subsecretario de su Departamento, don León Herrero Esteban; director general de Política Interior, don José Luis Taboada García; director general de Administración Local, director general de Seguridad, gobernador civil de La Coruña, don Miguel Vaquer Salort; consejero nacional, don Nicolás Franco y Pascual de Pobil; procuradores en Cortes, don José Luis Meilán Gil y don José Manuel Liaño Flores, y otras autoridades y representaciones.
EN ARTEIJO
Al llegar la comitiva a Arteijo fueron saludados por la Corporación Municipal en Pleno, mientras un grupo de gaiteros interpretaron aires regionales. Tras la bendición de la nueva Casa Consistorial, el teniente alcalde del Ayuntamiento, don Máximo Mosquera Calvete, en nombre del alcalde que se encontraba enfermo, dio la bienvenida a las autoridades y les agradeció su presencia en el acto. Le contestó el gobernador civil que felicitó a la Corporación y al pueblo por las nuevas instalaciones e hizo saber al ministro de la Gobernación la escasez que había de secretarios de ayuntamientos, verdaderos artífices de la marcha de los municipios.
Finalmente habló el ministro de la Gobernación, don José García Hernández, que mostró su satisfacción por encontrarse presidiendo el acto. Dijo que los pueblos son el nervio de la vida nacional. “Aspiramos -añadió- a una renovada vida municipal, ya que los Ayuntamientos son pieza clave en la marcha de la nación”. Finalmente el señor García Hernández habló sobre el problema que tiene planteado la Administración Local, diciendo “que es el más importante que tiene que resolver el Ministerio de la Gobernación”.
A la salida de la Casa Consistorial, al igual que a su llegada, el pueblo congregado en aquella zona dio muestras de afecto al ministro y sus acompañantes.
LAS OBRAS INAUGURADAS
La Casa Consistorial de Arteijo es un edificio de dos plantas de 350 metros cuadrados y otra de 250 metros cuadrados, que alberga la totalidad de los servicios municipales, así como el Consejo Local del Movimiento. El presupuesto, con instalaciones, fue de 12 millones de pesetas.
El de Laracha consta de dos plantas de 280 metros cuadrados, y al igual que el anterior, alberga los servicios municipales, Consejo Local del Movimiento y Juzgado de Paz. El presupuesto fue de 3 millones de pesetas. Ambas obras han sido subvencionadas por el Servicio Central de Planes Provinciales del Ministerio de la Gobernación1.

 

AS CASAS DO CONCELLO DA BAIUCA E FIGUEIROA

    A instauración da definitiva división provincial, a través do Real Decreto de 30 de novembro de 1833, daría paso á creación das Deputacións Provinciais e ao nacemento dos Concellos tal como os coñecemos hoxe e, segundo nos conta Xosé Fariña Jamardo na súa obra “Os Concellos Galegos”, o de Arteixo xa figura coas mesmas trece parroquias que agora ten no proxecto que a Deputación publica no BOP n.º 115 do 23 de abril de 1836, un municipio arteixán que tería a súa primeira Casa Consistorial nunha pequena vivenda da Baiuca e como primeiro alcalde a Juan Antonio Souto, veciño de Figueiroa nado en 1780 que estaría ao frente da primeira Corporación Municipal entre setembro de 1836 e maio de 1837.

    En 1840, durante o mandato do alcalde Ramón Bermúdez de Castro, que era natural da vila de Regla (Cuba) e tiña domicilio en Sorrizo, a Casa do Concello trasládase á aldea de Figueiroa por mor das reducidas dimensións da da Baiuca, lugar que antigamente parece ser que era coñecido como Pasacondia. Polo que nos conta Manuel Blanco en “Alcaldes de Arteixo”, a nova Casa Consistorial, que vén sendo a Casa dos de Borrazás, o pazo que hoxe ocupan os Maceiras López (prezada familia dun servidor), tiña todo o necesario...”para sala capitular, oficinas para el Ayuntamiento, despacho para el Alcalde y, aún, sitio para cárceles (esta casa perteneció a los herederos de José Navas); en realidad se trataba de buscar una comodidad para el propio Alcalde (era de frágil salud) ya que le quedaba más próxima a su domicilio”2.

    Ao ano seguinte, en 1841, con José González ao fronte da alcaldía, a Casa do Concello trasládase de Figueiroa, onde Antonia Maceiras (muller do Secretario Municipal, Manuel Rodriguez de Pazos) tiña unha taberna, á vivenda da Baiuca no que estivera anteriormente, pagando un prezo de aluguer de 200 reais ao ano.

 

Pazo de Figueiroa, sede do Concello en 1840

    Pascual Madoz non nos ofrece ningunha información sobre o consistorio municipal de Arteixo no seu Diccionario xeográfico editado en 1850, mais, pola contra, na xeografía de Carreras aparece que está na Baiuca, unha Casa que non podemos confirmar se é a n.º 19 deste lugar que o concello adquiriu no cuarto mandato de Manuel Añón Leal, alcalde entre 1857 e 1866, previa autorización do Gobernador Civil , pagando por ela ao seu propietario, Juan Tiometeo Taboada, a cantidade de 3.498 escudos.

    Aproximadamente polo ano 1880, despois de pasar por tres ou catro casas alugadas, sempre na Baiuca salvo o breve espazo que se asentou en Figueiroa, o concello adquire en propiedade un inmoble que sería reformado en 1953. A inauguración da obra do novo concello, que era o edificio que había cerca do estanco da Travesía de Arteixo, fora retratada polo fotógrafo Alberto Martí Villardefrancos e asistiran persoeiros de relevancia da sociedade coruñesa daquel entón como o gobernador civil Pardo de Santillana e o locutor e director de Radio Nacional de España, Enrique Mariñas. 

 

Imaxe do edificio que foi a Casa do Concello ata 1973

    Julio Mancebo, un dos nenos arteixáns daqueles anos 50, escribiu no seu blog “A miña Baiuca” as súas lembranzas sobre aquel edificio do seguinte xeito: “Ó outro lado da corredoira estaba o “ayuntamiento”, pois así lle chamabamos naquel tempo. Era un dos contados edificios de dous pisos. O baixo só se abría o día que medían ós quintos. Subindo unha escaleira moi empinada chegabas ó primeiro, onde estaba o xulgado no que traballaba Ramiro, o home de Nieves Salvadores, e un escribinte que se chamaba Juan Manuel. Cando éste marchou, sustituiuno Moncho Elespe “Pachá” quen, anos despois, casaría con unha moza da Catuxa. No segundo piso estaban as oficinas do concello. Alí atopabas a Julio do Perillón, a Fino da Sra. Julia e o seu irmán Totos. Non teño case memoria de ver alí a D. Santiago Astray, que era o secretario. A verdade é que de neno poucas veces subín, porque non tiña a que ir. Recordo que tanto Julio coma Fino escribían con pluma porque aínda non chegaran os bolígrafos. Tamén recordo a Totos escribindo á máquina con poucos dedos pero a moita velocidade. Na parte traseira do ayuntamiento estaba o calabozo”. 

 

Imaxe de Alberto Martí do acto da inauguración das obras de 1953

    Estamos xa nos 70. Arteixo, a raiz da construcción do Polígono de Sabón, medra considerablemente e, como as instalacións municipais non van da man do progreso, decídese construír unha nova Casa do Concello, proxecto que aparece publicado no BOP do 28 de xuño de 1971: Aprobado inicialmente el proyecto de Casa Consistorial y zona ajardinada, por término de un mes se abre información pública con respecto al mismo y documentos anejos de examen y reclamaciones procedentales. Por el proyecto aludido, resultan afectadas de expropiación las siguientes fincas: Número 1.-Propietario: Don Victoriano Marnotes Barbeito. Nombre de la finca: “Horta da Casa”. Superficie: 714 m². Linderos: Norte, casa y huerta de Estrella Pardo Rey; Sur, finca rústica de doña María de los Dolores Iglesias Mosquera; Este, carretera de La Coruña-Finisterre; y Oeste, finca de doña Rosario Marnotes Barbeito. Emplazamiento: Bayuca. Número 2.- Propietario: Doña María de los Dolores Iglesias Mosquera. Nombre de la finca: “Huerta”. Superficie: 708´10 m². Linderos: Norte, finca de don Victoriano Marnotes Barbeito; Sur, finca de don Juan Antonio Naya Lafuente; Este, carretera general La Coruña-Finisterre; y Oeste, finca de la misma propietaria. Emplazamiento: Bayuca”.

    Un incendio en 1973 do outro concello, que o deixaría practicamente inservible, levaría a que varios funcionarios municipais tiveran que traballar no novo durante algúns meses nunha situación máis que precaria..."Estivemos meses traballando no novo edificio que estaba en obras. Recordo que non tiñamos fiestras e que para subir á segunda planta non había escaleiras. Era unha rampla de ladrillos. No inverno había que ir a traballar coma se foramos á neve”, lembraba Avelino Moreiras, un daqueles funcionarios.

    O actual consistorio inauguraríase durante o mandato de Víctor García Villaronga, Subteniente da Garda Civil e alcalde de Arteixo dende marzo de 1971 ata o verán de 1974. Mais, segundo informaban os medios da época, como o máximo mandatario do municipio se encontraba enfermo, o daquela tenente alcalde Domingo Máximo Mosquera Calvete “Pitos”3 foi o que estivo presente no acto de inauguración da nova Casa do Concello, un edificio que sería reformado varias veces e que este venres cumpre o seu 50 aniversario.

 

A actual Casa do Concello nos anos 70

_________

1 Vid. La Voz de Galicia, 31 de agosto de 1974, páxina 27.

2 Vid. La Voz de Galicia, 31 de agosto de 1974, páxina 27. Vid. Manuel Blanco Rey ( 1998) Alcaldes de Arteixo (1836-1998), Concello de Arteixo, páxina 26.

3 Domingo Máximo Mosquera Calvete “Pitos”, ía ser alcalde de Arteixo dende os últimos días do verán de 1974 ata xaneiro de 1975,

martes, 20 de agosto de 2024

UN AVIÓN NAZI EN SUEVOS

  Durante a Guerra Mundial, Galicia converteríase nun fervedoiro de espías. Todos espiaban a todos, non só os nazis, senón tamén os británicos e norteamericanos, que vixiaban a neutralidade do réxime franquista e as operacións dos alemáns no noso territorio; uns alemáns que demandaban a explotación intensa do volframio galego para continuaren nutrindo a súa maquinaria bélica. Mais a vantaxe militar que lles proporcionaba o uso do noso mineral sería descuberta polo bando aliado e estes comezaron a mercar de forma masiva volframio en toda a xeografía galega, co único obxectivo de que non fose parar a mans nazis, dado que descoñecían o proceso de elaboración que posibilitaba o aproveitamento militar. Isto daría lugar ao que algúns chamaron a Guerra do Volframio, sendo a partir de aquí cando os aliados principian a vixiar a costa galega exhaustivamente para impediren que o mineral chegase a Berlín. Esta vixilancia provocaría o afundimento nas nosas augas de medio cento de submarinos nazis e o abatemento de avións das dúas faccións no noso territorio. 

  O 20 de agosto de 1942, ocorría en Arteixo un destes derrubos. Un Avro Lancaster MK1 (nº de serie R-5543) partía de St. Eval, Cornwall (sudoeste da Gran Bretaña) ás 11.00 da mañá rumbo á Galicia. O avión pertencía ao escuadrón 61 de Bombardeo da RAF, con base en Syerston, Nottingham, mais estaba destacado temporalmente no 5º grupo da Coastal Command, que tiña a súa base en St. Eval. Pilotado polo oficial británico John Henry Harrad, de 20 anos (substituía a A.L. Searby, morto no día anterior) e con seis tripulantes máis: os oficiais canadenses Thomson Lawrie Wilson, de 22 anos, e John Emmet Madson, de 20; os sarxentos británicos Richard Henry Linton e Harold Allen, ambos de 22 anos; Vivian John Watson, sarxento australiano de 29 anos e o tamén sarxento Thomas Lindsay Boland, neozelandés de 26 anos, o Lancaster realizaba habitualmente tarefas de patrulla antisubmarina, xa que estaba asignado temporalmente ao mando costeiro da RAF.

   Nesta misión, o avión aliado procuraba o mercante alemán Wesserland, que tiña previsto saír do porto de Corcubión polas 16.00 horas da tarde ateigado de volframio cara á Alemaña.

   Xa no espazo aéreo galego, á altura das Illas Sisargas, e na procura do mercante alemán, o Lancaster sería interceptado por dous Junkers 88 nazis que, pilotados por V. Giessübel e por Adolf Runge, partiran pouco antes da súa base francesa (outras informacións indican que puideron saír do aeródromo lugués das Rozas). Os dous avións alemáns pertencían á Z/KÜFIGR 106, mais cando recibiron a orde de protexer o Wisserland estaban de reforzo na 4/KG40. Cando se dirixían cara á posición do mercante, voando moi preto de Arteixo, os Junnkers detectaron o avión inimigo e atacárono.

 

Avión Junker-88

   Á altura da praia de Seaia (Malpica de Bergantiños), o Lancaster virou para enfrontarse cos avións nazis, que alcanzarían o aliado en dous motores, cola e fuselaxe. Os alemáns acabarían por abateren o Lancaster que, no seu traxecto final, ía ardendo e facendo manobras para esquivar os avións do III° Reich e, despois de que dous dos seus motores prenderan lume, o piloto J.H. Harrad tratou de realizar unha aterraxe forzosa no lugar da Pontedona (Xornes, Ponteceso) mais, pese a que as copas dos piñeiros amorteceron a caída, o impacto foi tan brutal que provocou o estoupido de dúas das catro bombas que levaba deixando os piñeiros talados nun radio de 15 metros. Os catro motores desprenderíanse e quedarían a uns 20 metros de distancia en varias direccións e a cola do avión aparecería a uns 40 metros espetada en vertical nunha leira. Dos sete tripulantes, seis quedaron calcinados e un deles, o sarxento australiano Vivian John Watson, acabaría morrendo na aldea da Pontedona. Todos os corpos serían enterrados nun lateral do cemiterio da parroquia de Xornes porque foran rexeitados noutra igrexa e posteriormente, ao final da guerra, serían trasladados ao cemiterio británico de Lujua (Bilbao).

   Antes de ser derrubado, o Lancaster aliado deixara moi danado a un dos Junker 88, o C-6 (3E+AY) nº 3600AY, que pilotaba Adolf Runge acompañado de dous tripulantes máis: o observador Franz Müller e o encargado da radio, Fritz Streng. O avión de Runge iría perdendo altura e botando fume dende Caión ata caer finalmente en augas de Suevos, preto da zona que hoxe ocupa o porto de Langosteira.

«Eu ese día estaba a brincar. Lémbrome que era á tarde, e vin dous avións que viñan da parte de Caión. Un deles botaba fume. Voaba baixo, dando a impresión que ía perdendo altura e pouco despois caía no mar diante da Becha. O outro avión continuou voando cara a parte da Coruña. Tamén lembro que nos días seguintes, foron aparecendo na praia de Alba algunhas cousas do avión».

   Así o lembraba o veciño do Rañal Adolfo Vázquez, daquela un cativo de 12 anos, nunha conversa mantida con el en outubro do 2010.

   Os tres tripulantes do avión nazi caído en Suevos morrerían, recuperándose dous cadáveres. O de Müller, no mesmo día 20 de agosto no areal carballés da Arnela, e o de Adolf Runge sería recuperado polo pesqueiro Dos Hermanas, na enseada do Orzán o día 3 de setembro.

 

Lápida de Adolf Runge. Curiosamente, tras permanecer durante décadas no cemiterio coruñés de Santo Amaro, na actualidade consérvase nunha casa de Vilarrodís (Foto de Xabier Maceiras)

martes, 13 de agosto de 2024

UN PASEO POLO ONTE E HOXE DE PASTORIZA

   Con motivo da celebración das Festas de Agosto de Pastoriza (do 13 ao 18 deste mes), nas Crónicas de Arteixo desta semana aproveitamos a ocasión para realizar unha viaxe no tempo na que podedes ver varios puntos da parroquia en épocas distintas. 

  Obsérvese nas fotos antigas pertencentes ao Arquivo do Reino de Galicia como era o lugar do Santuario hai un século, o Berce da Virxe cunha panorámica ben diferente á de hoxe, o castro... imaxes que son un verdadeiro tesouro do noso patrimonio, abofé!

   Boas festas!













martes, 6 de agosto de 2024

AS MINAS DE VOLFRAMIO DE ARTEIXO

  O volframio é, de todos os metais, o mineral que ten o punto de fusión máis elevado: 3400º C, punto de fusión que xunto as súas excelentes propiedades mecánicas, convérteno nun dos materiais máis apreciados para a industria. Na actualidade utilízase para a fabricación dos filamentos das lámpadas, nas ferramentas de corte, nas puntas dos bolígrafos, nas pracas en tubos dos raios X, nos arames dos fornos eléctricos ou, entre outras cousas, na fabricación das buxías de encendido. 

   Mais na Segunda Guerra Mundial non tiña uns usos tan inocentes xa que os alemáns, sabedores da súa extraordinaria dureza, aproveitárono para reforzar e endurecer a blindaxe dos seus carros de combate, Tiger e Panzer, e para fortalecer a capacidade destructiva dos seus proxectís. O mineral era imprescindíbel para nutrir a súa maquinaria bélica, unha maquinaria que o III Reich fortalecía co volframio da maior reserva mundial, localizada na China. No encanto, a guerra entre o país da gran muralla e o Xapón, iniciada en 1937, impediu o acceso desta reserva ao aparato nazi, polo que a Alemaña, que non tiña minas deste mineral no seu territorio, necesitaba outra fonte de aprovisionamento deste material estratéxico, e encontrouno no noroeste peninsular, único lugar na Europa onde era posíbel conseguir volframio en cantidades significativas para as necesidades alemás.

  Galicia veu a ser deste xeito, un territorio fundamental e sumamente importante (dende o punto de vista xeoestratéxico) para Hitler, xa que á parte do subministro de materias primas decisivas para a capacidade militar do nazismo, a nosa liña de costa e as redes de espionaxe alemás e contraespionaxe británicas, que se estabeleceron nas principais cidades galegas, fixeron que o noso país estivese moi presente en todas as chancelerías nazis.

   O feito de que Franco tivese que afrontar unha gran débeda, por causa do apoio alemán na Guerra Civil, propiciou que Hitler contase con todas as facilidades para a extracción do mineral en chan galego. Para a exploración do volframio, os nazis crearon en España a Sociedade Financieira e Industrial Sofindus, un consorcio con testaferros franquistas que chegou a administrar unhas 350 empresas en España.

   Galicia, como se dunha California se tratase, vivía, durante a Segunda Guerra Mundial, en plena "neutralidade" do franquismo, a súa particular febre mineira, principalmente en montes e minas de Ourense, Deza, Barbanza ou a Costa da Morte, con empresas "fachada" como Exploraciones Mineras Santa Tecla, en Vigo, ou Minas de Galicia, na Coruña. Igualmente, Sofindus se encarregaba do transporte do mineral ata Alemaña, que se realizaba en vagóns de tren (a través da Francia ocupada) e nos máis de 50 barcos que tiña a compañía.

   A febre do volframio tamén alcanzaría a Arteixo. Durante a Segunda Guerra Mundial, a actividade mineira no noso concello, aínda que nunca chegaría a atinxir a importancia doutras zonas de Galicia, foi bastante notable xa que durante estes anos, nos que os nosos devanceiros sufrían as penurias da posguerra, 400 persoas traballaron directamente nas minas que aquí se exploraron, ás que hai que sumar, furtivos e contrabandistas, que tamén tiveron a súa oportunidade para facer negocio, aínda que o garda civil Cadenas facía todo o posible para impedilo (algúns familiares dos furtivos aínda se lembran da maldade e das tundas deste garda civil). Para gañaren máis, os mineiros roubaban mineral nas minas para vendelo fóra e outros acudían aos montes, cos seus propios medios, para extraer o volframio que despois vendían no mercado negro. Esta práctica era coñecida como «ir á roubeta».

 

Cuadrilla de mineiros no Monte Barbeito (Arquivo de Sara Álvarez)

   Nunha conversa mantida cunha testemuña da época, o veciño do Rañal Adolfo Vázquez (Adolfo de Tiso), e que daquela tiña 12 ou 13 anos, lembrábase perfectamente de cando se almacenaba no alpendre da súa casa o volframio «da roubeta». Adolfo, falecido en marzo do 2015, tamén se acordaba de que nos primeiros anos da década de 1940, os «facultativos mineiros» (así lles chamaban os máis vellos) mandaron remexer moitos ferrados de terra. Na procura do ouro negro, perforaban montes e leiras que posteriormente volvían a tapar se non aparecía o mineral, provocando o enfado dos propietarios, xa que moitos deles perdían as súas colleitas.

    En Arteixo, fóronse descubrindo unha serie de pequenas exploracións de escaso valor tomadas por separado, mais con importancia potencial no seu conxunto. As de maior interese, encontraríanse no monte Barbeito. En 1940, recoñécense superficialmente os filóns e, aos poucos, principian os labores iniciais nas concesións La Rosa, Cor e Rodeo (unhas minas que serían as máis traballadas do concello), instalando o lavadoiro de minerais e postos. Todos estes depósitos mineiros serían traballados de forma moi rudimentaria, mediante a abertura de gabias, efectuando labores artesanais no interior da mina, moendo e peneirando o mineral. Os obreiros e veciños non souberon nunca a importancia que tiña para os nazis o mineral que extraían. Non imaxinaban que os tanques do Afrika Korps, que o mariscal Rommel comandaba no deserto do Exipto, estaban reforzados co volframio de Arteixo.

 

Mineiros arteixáns  nos anos 40-50 (Imaxes cedidas para o documental "Un raio chamado Catuxa" da autoría de Fran Naveira e Xabier Maceiras. Podes ver o documental aquí: https://www.youtube.com/watch?v=3Igv0ltvIp4&t=19s )

   Mais en 1944 os norteamericanos ameazaban con represalias comerciais a Franco, para que España deixase de enviar volframio a Berlín. O ditador español, que xa intuía que Alemaña ía perder a guerra, xogando a cabalo gañador, aseguraba a Washington que non volverían facer fretes para Hítler. Porén, nas minas galegas continuábase a traballar duro porque o ministro do Comercio, Demetrio Carceller, organizaba envíos clandestinos desde os portos de Vigo e Valarés (Ponteceso). As ameazas dos Estados Unidos ao réxime franquista non terían o efecto esperado polo que os americanos, dado que os alemáns continuaban recibindo volframio, utilizarían dous métodos para dificultar o abastecemento do mineral galego a Hítler. O primeiro foi o embargo petrolífero a España nese mesmo ano 44 e o segundo consistiu en comprar no mercado libre todo o volframio dispoñible, o que provocaría que o prezo se multiplicase por máis de dez. Esta operación sería unha auténtica aplicación práctica e bastante exitosa da táctica do pau e a cenoria.

 

Mineiros arteixáns nos anos 40-50 (Imaxes cedidas para o documental "Un raio chamado Catuxa)

   A do tamén chamado ouro negro foi unha exploración intensa mais breve no tempo. O mineral deixou de interesar en 1945, no final da Segunda Guerra Mundial e, aínda que volvería a repuntar coa Guerra de Corea (1951-1953), nunca o faría coa mesma intensidade ca nos anos corenta. No conflito bélico coreano, os americanos virían a ser os compradores do mineral e os vendedores xa estaban máis estruturados. Nesa altura, o grupo asturiano Fierro foi quen liderou este novo proceso, mais cómpre lembrar que entre os anos 1939 e 1953, Galicia atinxiu o 69% da produción de volframio en España.

   En Arteixo, a guerra de Corea reanima a minaría da zona, polo que as exploracións do concello sofren un novo impulso. Nestes primeiros anos cincuenta, retómanse os traballos sobre os filóns do monte Barbeito, comezando as exploracións de interior da mina, unha mina que nesa altura contaba cun cadro de persoal duns 200 obreiros e na que no interior traballaban dúas quendas de oito horas, facendo un avance aproximado de 0,5 metros diarios por medio de barrenas manuais. 

 

Mineiros do volframio nos anos 50 na zona que hoxe ocupa o Centro de Saúde de Arteixo (Arquivo de Carmen Bermúdez)

    Á parte das do Barbeito, outras concesións de interese no noso concello foron Caxigalmes e Fuente Santa en Sobico; Olguita en Barrañán; Elida en Loureda; Elenita en Uxes; La Perdida en Morás e Lunes en Vilarrodís. Tamén foron importantes as extraccións realizadas na zona onde hoxe está o restaurante Valcovo e outras pola zona de Figueiroa, ao carón das instalacións da empresa madereira Vázquez Rey S.L. No final da guerra de Corea, as diferentes concesións existentes en Arteixo irían fechando aos poucos, morrendo así a febre do volframio.

 






Membros de Protección Civil de Arteixo no interior dunha das minas do Monte Barbeito nos anos 90 (Arquivo de Kike Ferrín)