martes, 3 de decembro de 2024

DAS ESCOLAS UNITARIAS DAS PARROQUIAS AO COLEXIO CARRERO BLANCO

  A construción do colexio Carrero Blanco, actualmente CEIP Ponte dos Brozos, significou no seu momento o final da maioría das escolas unitarias de Arteixo. O centro, que cumpre agora o seu cincuenta aniversario, unificou a educación primaria que ata aquel entón se impartía nos diferentes centros unitarios que había nas parroquias e, ao mesmo tempo, o profesorado que se encargaba de impartir as clases nestas pequenas escolas pasarían a formar parte, na década dos setenta, do equipo docente do que, co paso dos anos, se convertería nun dos centros educativos máis masificados de Galicia.

Imaxe do colexio Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos, ao pouco da súa inauguración (Arquivo de Manuel Aldao)

    Antes da posta en marcha do Carrero Blanco, os nenos da parroquia de Arteixo asistían a clase á Escuela Completa Unitaria de Niños, situada na Baiúca, un centro que estivera rexentado durante máis de 40 anos por Cándido Trasende Vicente, mestre ao que un busto e unha placa na vivenda na que residiu aínda lle renden homenaxe a día de hoxe. Trasende estivo sucedido por distintos profesores ata a chegada de Santiago Mosquera Mariño, último docente desta escola e que chegaría a ser director do Carrero Blanco.

    As alumnas de primaria da capital do municipio asistían a clase á Escuela Completa Unitaria de Niñas, situada a escasos metros da dos varóns e da que Carmen Frade Giráldez sería a súa última profesora. Dona Carmen pasaría a formar parte do equipo docente do novo colexio nos anos setenta. Os máis pequenos recibían clase de parvulario, impartidas por dona Marisé, nunha escola situada no que hoxe é a rúa peonil.

Marisé co seu alumnado no campo dos Bosques a principios dos anos 70 (Cidadáns de Arteixo)

   Na parroquia de Santiago de Arteixo estaba tamén a escola unitaria do Pedregal, centro que fora construído sobre 1930 en terreos municipais. O alcalde daquel entón, Eduardo Martínez Palleiro, ordenara a súa construción coa finalidade de ter ao seu carón á súa filla, a mestra Inés Martínez Castro.

    O núcleo de Arteixo contaba ademais cunha escola privada rexentada, durante os anos 40, 50 e 60 por Julita Mosquera e os seus irmáns Pablo e Domingo Máximo.

   As outras parroquias do concello, así como algúns núcleos, contaban tamén cos seus centros educativos, como é o caso de Loureda, que dende 1893 dispoñía de escola pública.

   A parroquia de Larín contaba cunha escola unitaria para nenas. Situada en Mirón, estivo rexentada durante quince anos pola ilustre profesora e escritora Dora Vázquez. Había ademais un centro público mixto, que ao longo dos anos estaría instalado en distintos lugares como Paradela, Mirón, Coque, A Rúa ou O Igrexario. Dende 1952 ata 1954 o home de Dora Vázquez, Antonio Rodríguez, impartiría clases neste centro.

Dora Vázquez na escola unitaria de Larín (Arquivo de José Antonio López Canedo 'Cantudo')

   A escola de Armentón estaba situada no pazo de Anzobre dende 1877, cando o Concello alugou as instalacións á familia Puga, dona do pazo. A última profesora deste centro foi Carmen Lareo Galán, que ocupou a praza dende 1968 ata que se integrou no que hoxe é o CEIP Ponte dos Brozos.

   Barrañán aínda conserva, no lugar do Outeiro, a que foi unha das escolas máis antigas de Arteixo, fundada polo emigrante Antonio Vázquez, e que na actualidade é o local social de varias asociacións. A mestra Luísa Baamonde Piñón, coñecida como a Chicha, foi a encargada de pechar as portas deste centro.

   A parroquia de Lañas contaba cunha escola mixta no lugar, e pazo, de Mosende. Antonio Pérez Varela, que rexentou esta escola durante case 30 anos (1943-1970) foi o seu último mestre. O noso escritor Antón Castro, un dos seus alumnos, cualifícao nunha das súas obras de «cruel moi dado ás malleiras». En sesión de 19 de xullo 1956, o Concello dá luz verde á expropiación de terreos para a construción da Escuela Nacional de Niños y Niñas de Lañas. A muller de Antonio Pérez, Delfina Seijas Domínguez, faríase cargo da unitaria de nenas en 1961, integrándose posteriormente no Grupo Escolar de Arteixo.

Escola de Lañas nos anos 50-60 (Memorias de Arteixo)

    Durante a ditadura de Primo de Rivera construiríase, no lugar do Sixto, a escola mixta de Meicende, escola que en 1964 se desdobra en dúas: a unitaria de nenas, que estaría rexida por Carmen Arenas Quintela, e a unitaria de nenos á fronte da cal estaba Antonio Torrón Dumas. Finalmente, en 1971 daríase paso nesta localidade ao Grupo Escolar de Patronato Diocesano.

   Tamén, na ditadura de Primo de Rivera, se levantou a Escola Mixta de Monteagudo, que estaba situada no Igrexario pasando, posteriormente, ao Freixal. Segundo conta Manuel Blanco Rey en Arteixo durante la II República y la Guerra Civil1, o Concello pagaba o seu aluguer ao propietario, Manuel Ferreiro Pallas, concelleiro republicano. Esta parroquia contaba ademais con outra escola, no lugar da Cachada, dende 1961.

Escola de Monteagudo nos anos 60 (Cidadáns de Arteixo)

   Manuel Barcia Laya, coñecido coma o Peladillo, foi o último mestre da Escuela Unitaria de Niños de Pastoriza, que estaba no lugar da Campanilla. O colexio das nenas atopábase no santuario e tivo a dona Josefina como docente ata a unificación da educación Primaria no Carrero Blanco.

Dona Josefina no comedor da escola con algunhas das súas alumnas (Documental 'Pastoriza na lembranza')

  A parroquia de Morás contaba con dúas escolas: a Mixta nº 1, que estaba no lugar de Freán, e a Mixta nº 2, situada en Morás do Medio. Na primeira impartiría clase Carmen Vázquez García dende outubro de 1955 ata xuño de 1956, cando casou co daquela futbolista profesional Arsenio Iglesias. Ramona Moscoso Mene (dona Moncha) foi a encargada de suceder no posto a muller do futbolista da Baiuca, converténdose na última profesora de Morás xa que posteriormente se incorporaría ao novo Grupo Escolar de Arteixo, almirante Carrero Blanco. A escola de Morás do Medio fora o único colexio público creado en Arteixo durante a Segunda República.

Escola de Freán nos anos 50 (Cidadáns de Arteixo)

   Os cativos de Chamín e Sorrizo acudían a clase á escola mixta da Lagoa, construída en 1919 e que segue en funcionamento como centro unitario.

   En Oseiro, no lugar de Raña, había unha escola mixta que fora creada en 1899. Antes desta data, os nenos desta parroquia tiñan que ir á escola de Pastoriza. Como local escolar alugárase a casa do pai do alcalde daquela época, Generoso González Mes. Anos despois íase construír unha nova escola na rúa San Tirso, edificio que aínda se mantén en pé na actualidade.

   Os veciños de Suevos contaron dende 1919 coa súa propia escola mixta para escolarizar os seus fillos, un colexio que estaría rexentado dende 1963 ata a súa desaparición por Julia Sánchez Castelos, a última profesora do centro.

   Por último, cabe sinalar que a posta en funcionamento do colexio Carrero Blanco fora motivo de preocupación das autoridades da época. En declaracións realizadas a mediados de 1974 a un xornal herculino polo alcalde daquela hora, Víctor García Villaronga (subtenente da Garda Civil), mostraba a súa intranquilidade polo retraso na inauguración do novo centro escolar pese a que as obras remataran e as instalacións estaban perfectamente acondicionadas e xa acollían ao alumnado da capital municipal no pavillón de arriba. Finalmente, en setembro dese ano 74 o Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos, principiaba a súa andaina de xeito oficial coa rapazada das aoutras parroquias polo que neste 2024 que está a piques de finalizar, celebra o seu quincuaxésimo aniversario... 50 anos nos que cursaron os seus estudos primarios miles de alumnos e alumnas de Arteixo... 50 anos nos que impartiron clase centos de mestres e mestras... 50 anos nos que traballaron ducias de persoas nas instalacións do colexio (administración, cociña, conserxería, limpeza, etc.)... 50 anos abrindo as portas do futuro!

Moitos, moitos parabéns por estos 50 anos!


_____________

1 Manuel Blanco Rey (2008): Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil.

Ningún comentario:

Publicar un comentario