Tal e como comentamos hai uns días neste espazo, houbo un tempo no que Uxes, con dous salóns de baile, era epicentro musical da bisbarra con actuacións de renome, diversidade e moita, moita diversión, abofé! Estamos a falar do salón de Parada e do salón de Picos, que funcionaron ao mesmo tempo durante os anos 50-60 facéndose a competencia o un ao outro. Sobre o primeiro xa compartimos con vós algunha que outra anécdota a semana pasada. Do outro, do de Picos, facémolo deseguido.
Había quen lle chamaba o salón de Picos e tamén había quen lle chamaba o salón de Marcelino. O caso é que “Picos” era o alcume de Marcelino Bermúdez Ferreño, nacido en Uxes en 1902 e casado con María López Orjeira, que era natural da parroquia de Loureda.
![]() |
| A casa da esquerda era o domicilio de Marcelino e María e no edificio do lado era donde tiñan o salón de baile |
Marcelino e María non tiñan fillos, pero a súa foi a casa de moita xuventude da zona. Tiñan o salón de baile pegado a súa vivenda, que era (e segue sendo) a última casa de Uxes en dirección a Feáns. Teresa Pombo Veiga, nacida en Uxes en 1937, bailou alí cando era nova. “Nos anos 50 cada un dos salóns de Uxes traía a súa orquesta cando podían. Che de Parada tiña o salón abaixo e a vivenda arriba. No outro, Marcelino e a súa muller tiñan o salón pegado á casa na que vivían. Este local soamente era salón. Recordo que na parte de arriba estaba o “ghaliñeiro” e abaixo estaba o palco, a pista de baile e un bochinche para refrescos. Eu acordo de ver alí a Orquesta Espallante, aos irmáns Mallo ou a Finita “A Martela”, que tamén cantou no salón de Parada. Os tempos aqueles moi bos non serían, pero eu creo que a xente era máis divertida e feliz que hoxe. Antes había máis contacto entre a xente, que hoxe cada un anda ao seu e sempre correndo de aquí para alí. Ás veces tamén íamos ao baile a Arteixo. Tiñamos que ir e vir a pé (risas). Íamos ao salón de Manolo de Eva, que primeiro estivo na Baiuca e despois púxoo na carretera nova, na do Veigheiro, que alí tamén cantara A Martela”.
Francisco Rodríguez Pan e Carmen Mañana Mañana, padriños de quen escribe, foron unha das numerosas parellas que bailaron no salón de Marcelino nos anos 60. “Nós fomos alí de mozos. O de Marcelino era un salón máis moderno que o de Parada. Ao fondo do local había unhas escaleiras para subir ao que se chamaba “o ghaliñeiro”, que era onde se sentaban algunhas mulleres para mirar aos mozos que bailaban. Alí tocaban moito Os Mallo de Feáns, e tamén tocou algunha vez a Orquesta Los Satélites. Nós casamos en 1969 pero o salón de Marcelino aínda botou aberto algúns anos máis”.
Efectivamente, tal e como recordaban Francisco e Carmen, o salón de Marcelino ía seguir aberto nos anos setenta mais, desta volta, con Antonio Ferreiro á fronte do local, que bautizou ao salón co nome de “El Competidor”. Ignacio Maceiras contounos que “non hai moito aínda vin algunha entrada do salón El Competidor”. Se tedes algunha desas entradas, contactade con nós por favor!
Ignacio tamén recorda que na súa xuventude tocou alí tocou, entre outras, a Orquesta Compostela co cantante e guitarrista Tito Calviño (1950), que daquela era moi xovenciño. Tito comezara as súas actuacións no seu Portomouro natal, concello do Val do Dubra, coa Imperial, a orquestra da súa aldea. Despois, como moitos outros, tivo que facer a maleta e partir cara a cidade. Santiago foi o seu destino. Alí estudou música e continuou o seu peregrinar por un rosario de formacións, entre elas a mítica Orquesta Compostela que o fichou como neno prodixio, neno que un día cantou no salón “El Competidor” de Uxes e que, segundo nos contou Ignacio Maceiras, “tocou a guitarra eléctrica pola espalda”. Tito estaría na Compostela doce anos e posteriormente actuou cos Key, coa Trébol e cos Players. Despois estivo tocando en Miami durante tres anos e, á volta da aventura americana, integrouse nos Satélites.
![]() |
| A Orquesta Compostela en 1966 co gran Tito Calviño tocando a guitarra (Facebook Orquestas 1900) |
Para recordar os tempos de “El Competidor” falamos con Antonio, fillo de Antonio Ferreiro e de Carmen Zas, que era o matrimonio que rexentaba o salón na década dos setenta. “Eu nacín en 1966 e poucos recordos teño do local. Supoño que Marcelino teríalle arrendado o salón a meus pais, que eran os dous de Uxes. Habitualmente estaban os dous cobrando na entrada e, se algún deles non podía, meu abuelo, Alfredo Ferreiro, tamén estaba na entrada”.
“El Competidor” ía pechar as súas portas na segunda metade dos anos setenta. Posteriormente, José Antonio Ferreño Gago, afillado de Marcelino, montou no local que fora salón de baile durante varias décadas un taller mecánico, negocio que mantivo aberto durante máis de trinta anos. Non vos estrañedes de que algún dos seus clientes pagara as facturas das reparacións cun movemento de cadeira, e cun pasiño para adiante e outro pasiño para atrás, porque, durante algún tempo, parte do palco do antigo salón de Marcelino permaneceu no taller mecánico. Disque algún dos clientes máis veteranos de José Antonio Ferreño se pechaba os ollos no taller durante uns intres podía escoitar aquilo que cantaban Los Satélites e que dicía…
"Así fue que empezaron papá y mamá
tirándose besitos y una guiñá.
Así fue que empezaron papá y mamá
y ya somos catorce...y ya vienen más "
![]() |
| Parte traseira do edificio no que estaba o salón de Marcelino e que anos máis tarde foi o taller mecánico de José Antonio Ferreño |
José Antonio Ferreño xa hai anos que disfruta da súa xubilación. Seu padriño Marcelino Bermúdez Ferreño, Picos de Uxes, faleceu poucos anos despois de que abrira o taller. Foise en decembro de 1983 aos 81 anos de idade estando viúvo da súa muller María, que finara en 1975 aos 71 anos.
Do mesmo xeito que tamén o fixera Che de Parada anos antes, Marcelino abofé que fixo moi feliz a moita rapazada da parroquia de Morás e da bisbarra coas grandes actuacións que organizou no seu salón durante tantos anos. As mellores orquestras e artistas da época actuaron en Uxes grazas a eles. Vaia dende aquí un recordo para os dous e tamén para Antonio Ferreiro e a súa muller Carmen Zas que, aínda que non estiveron tanto tempo como Che e Marcelino, tamén foron quen de situar a Uxes no mapa da diversión da bisbarra.


