Hai uns días deixounos Domingo Máximo Mosquera Calvete, un arteixán de novela ao que lle queremos render homenaxe nas Crónicas de Arteixo desta semana.
Dicimos “de novela” porque a súa vida, as súas experiencias e a súa personalidade eran tan extraordinarias que parecían sacadas dunha obra literaria de ficción, abofé! Mestre, futbolista profesional, banqueiro, alcalde, xerente do Balneario… se hai un persoeiro da nosa bisbarra que é coñecido polas múltiples actividades que realizou ao longo da súa vida, ese non é outro que ‘Pitos’, alcume polo que o noso homenaxeado era coñecido na súa vila natal.
Nacido na Baiuca o 3 de xullo de 1936, era o máis novo dos sete fillos (Fino, Julita, Sara, Pablo, Totos, Teté e Pitos) que tiveron Delfino Mosquera Riobóo e Julia Calvete Hermida, casados nas festas do Apóstolo de 1917.
Delfino, Oficial 1º do Concello de Arteixo e presidente da “Sociedad Instructiva y Recreativa El Alba”, verdadeiro referente cultural do Arteixo da época, ía falecer en novembro de 1938 con tan só 42 anos, cando ‘Pitos’ era un cativo moi pequerrecho de pouco máis de dous aniños.
Así pois, o noso protagonista vai medrando sen a figura do seu proxenitor, pero protexido no matriarcado da señora Julia e arroupado no niño familiar. Unha vez que remata a súa formación, empeza a dar escola no seu domicilio (xunto a seus irmáns Julita e Pablo) a ducias de cativos de Arteixo que, ademais de aprender alí as primeiras letras, tamén tiveron a oportunidade de ver, por primeira vez, a televisión xa que a da señora Julia foi das primeiras (ou a primeira) casas do municipio que contou con este novo invento. A rapazada puido ver alí os festivais de Eurovisión ou as filigranas que facían coa pelota xogadores inesquecibles como Pelé, Alfredo Di Stéfano ou o noso Luis Suárez, bo amigo de ‘Pitos’… porque non esquezamos que ‘Pitos’ tamén foi un futbolista de novela que empezara a destacar no Penouqueira de moi cativo.
![]() |
| 'Pitos' co Penouqueira nos anos 50 |
Por aqueles días, cada vez que o Penouqueira xogaba no campo do Balneario, moitos dos seus alumnos acudían ao encontro para ver as filigranas que o seu mestre facía coa pelota defendendo as cores do equipo da Baiuca, partidos nos que habitualmente ‘Pitos’ non deixaba indiferente a ninguén: era quen de coller o balón nunha portería e chegar á outra driblando a canto rival lle saía ao paso!
O seu enorme talento levárao a fichar uns anos antes, nos primeiros 50, na categoría xuvenil do Santa Margarita, que chamara a súa atención nun dos amigables que xogara en Arteixo contra o Penouqueira. Mais a estadía do noso homenaxeado neste equipo da capital sería efémera, xa que non ía tardar en fichar no Deportivo, con quen se ía proclamar campión galego de xuvenís en 1953 baixo a batuta do arxentino Rafael Franco, que fora un dos integrantes da lendaria dianteira 'Orquesta Canaro' coa que o cadro deportivista quedara subcampión de Liga na tempada 1949/50. “Este pibe es un fenómeno”, dicía habitualmente o técnico arxentino sobre o futbolista arteixán abandeirado do número 10, a mesma camiseta que vestira ata a campaña anterior un tal Luís Suárez.
Naquela altura o Deportivo da Coruña creara un equipo na Serie A Rexional, o Deportivo “B”, coa idea de que os seus xogadores xuvenís se fosen fogueando competindo con equipos como o Astano, Esteiro, Flavia, Brigantium, Ordes, Sporting Lugo, Noia ou mesmo co Fabril, outro equipo da cidade da Coruña. ‘Pitos’ xogaría neste Deportivo “B” ata a tempada 1956/57, que foi cando debutou na Terceira División co Fabril, que, por aqueles días, adestraba Antonio Vilar Chao, fillo do galeguista Antonio Vilar Ponte, e que fora un dos integrantes do Deportivo que acadara na tempada 41/42 o primeiro ascenso á Primeira División.
No equipo fabrilista, ‘Pitos’ comparte vestiario con futbolistas do nivel de Mangana, Acuña -que era irmán de ‘Xanetas’, o porteiro do primeiro equipo deportivista-, Porvén, Chas, Gerardo Roldán -xogador de Meicende-, Bouza e un longo etcétera. Xogadores que, nalgúns casos, reforzaron algunha que outra vez aos equipos que disputaban os torneos de verán que se organizaban no Balneario de Arteixo por aqueles anos 50. Precisamente, foi nun destos partidos do verán xogados no campo do recinto termal, onde ‘Pitos’ sufriu unha gravísima lesión de xeonllo que estivera a piques de truncar a súa carreira deportiva, mais, con todo, emulando o afán de superación do astro brasileiro Garrincha, que tiña a perna dereita seis centímetros máis curta que a esquerda, o futbolista da Baiuca ía ser quen de seguir xogando ao fútbol grazas, en gran medida, ao traballo do masaxista do Deportivo, Vicente Cucarella.
A súa pequena coxeira non sería impedimento para ser dos futbolistas máis destacados do Fabril durante a tempada 57/58 na que, segundo informaba o xornal La Noche na súa edición do 12 de novembro de 1957, espertara o interese de varios equipos: “En el mismo Fabril está el jugador Pitos por el que se interesa el Cádiz y la Cultural Leonesa”. Mais finalmente o da Baiuca seguiría defendendo as cores do Fabril, onde xoga a un alto nivel a tempada 58/59 e parte da 59/60, que foi cando fichou no Racing de Ferrol, equipo que naquela hora disputaba a Segunda División.
![]() |
| La Voz de Galicia, 3 de novembro de 1959 |
O futbolista arteixán, sempre co 10 ás costas, debuta no once ferrolán o 1 de novembro de 1960 nun Racing-Sestao no que, a pesar de que os locais perderon por 2-3, deixa a súa pegada ao anotar o seu primeiro gol cos racinguistas. No anecdotario do seu paso polo once departamental tamén queda unha eliminatoria da ‘Copa del Generalísimo’, a actual Copa do Rei, na que o Racing de Ferrol se enfrontou ao F.C. Barcelona dos Ramallets, Kubala, Luís Suárez e compañía. O equipo galego, con ‘Pitos’ xogando de titular, perde no Nou Camp por 7-1, pero cóntase que Helenio Herrera, o adestrador do equipo catalán, quedara gratamente sorprendido coa exquisita técnica do da Baiuca e que chegara a interesarse por el. A modestia de ‘Pitos’, con quen falamos varias veces no transcurso da elaboración do libro 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha, levábao a dicir que esta información non era verídica pero, houbera algo ou non, deixamos o seguinte apuntamento que o escritor arteixán Antón Castro fai sobre el na súa novela El álbum del Solitario:
“Nosotros lo admirábamos por sus buenas maneras y porque sabíamos que había estado a prueba en el Barcelona en los tiempos de Kubala y Luis Suárez (algunos decían que había sido el delantero más grande del Penouqueira en toda su historia, mejor incluso que Arsenio), pero una inoportuna lesión le apartó del fútbol. Redondo y más bien pequeño, era un extremo hábil y veloz, autenticamente letal; su dominio del balón resultaba tan apabullante que en ocasiones, en verano, se permitía jugar descalzo1”.
Ao remate daquela tempada 1959/60, na que ían pasar polo banco do Racing de Ferrol ata catro adestradores: Román Galarraga, Tomás Castro, Hilario Marrero e Ramón Miranda, o cadro departamental descendería a Terceira despois de xogar dezaseis campañas consecutivas na Segunda División.
'Pitos' permanece en Ferrol a tempada seguinte, a 1960/61, na que os racinguistas non serían quen de recuperar a categoría perdida.
Na 61/62 volta de novo ao Fabril, onde colle os galóns de capitán e, unha vez máis, é dos xogadores máis destacados. Desta campaña cabe salientar como dato anecdótico que, o 29 de abril de 1962, o futbolista da Baiuca defendeu as cores do C.D. Lugo nun partido amigable contra o Celta, no que os da muralla venceron por 2-1.
![]() |
| La Hoja del Lunes, 16 de outubro de 1961 |
'Pitos', que naquela altura tiña 26 anos, vendo que estaba a piques de instalarse no declive da súa carreira deportiva, empeza a enfocar a súa actividade profesional no mundo da banca e non tarda en converterse, con 29 abrís, en director da primeira entidade bancaria do municipio arteixán, a Caixa de Aforros, que se inaugura o 21 de marzo de 1966.
Casado con Enriqueta Pérez González, matrimonio do que ían nacer catro fillos, o xa ex-futbolista dirixiría a Caixa durante máis de tres décadas, ata 1998. Nese período tamén fixo unha incursión no mundo da política xa que sería alcalde de Arteixo dende agosto de 1974 ata xaneiro de 1975, un curto mandato no que se inaugurou a actual Casa do Concello e igualmente comezara a funcionar o Grupo Escolar Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos.
![]() |
![]() |
| Imaxes da inauguración da actual Casa do Concello sendo alcalde Domingo Máximo Mosquera 'Pitos' (Foto Blanco) |
Despois da súa etapa á fronte da Caixa, 'Pitos' ía pasar boa parte do seu día a día no Balneario de Arteixo, un establecemento que os irmáns Mosquera Calvete administraron durante máis de medio século e no que este persoeiro de Arteixo viviu momentos inesquecibles da súa vida deportiva, momentos que tivemos a fortuna de que nos transmitira no recinto termal. Un deles foi o partido Penouqueira-Fabril, que se xogou en xullo de 1958 e no que, á parte de 'Pitos' participaran, entre outros, Arsenio Iglesias e o lendario Luís Suárez, Balón de Ouro en 1960.
O noso homenaxeado era dos que non quería saír da foto. Tampouco lle gustaba o protagonismo nin as homenaxes. Alí onde esteas, esperemos que non te enfades con nós por esta pequena mostra de admiración, efecto e respecto.
D.E.P., Máximo!
_______________
1 Antón Castro (1999): El Álbum del solitario, Ediciones Destino, Barcelona, pp.56-57.






Ningún comentario:
Publicar un comentario