A construcción do colexio Carrero Blanco (hoxe Ponte dos Brozos) significou no seu momento o final da maioría das escolas unitarias de Arteixo. O centro, que cumpre agora o seu cuarenta aniversario, unificou a educación primaria que até aquel entón se impartía nos diferentes centros unitarios que había nas parroquias e, ao mesmo tempo, gran parte dos profesores que se encargaban de impartir as clases nestas pequenas escolas pasarían a formar parte, na década dos setenta, do equipo docente do que, co paso dos anos, se convertiría nun dos centros educativos máis masificados de Galicia.
Antes da posta en marcha do Carrero Blanco, os nenos da parroquia de Arteixo asistían a clase á Escuela Completa Unitaria de Niños, situada na Baiuca, un centro que estivera rexentado durante máis de 40 anos por Cándido Trasende Vicente, mestre ao que un busto e unha praca na vivenda na que residiu aínda lle rinden homenaxe a día de hoxe. Trasende estivo sucedido por distintos profesores até a chegada de Santiago Mosquera Mariño, último docente desta escola e que chegaría a ser director do Carrero Blanco.
Casa onde residiu Cándido Trasende
As alumnas de primaria da capital do municipio asistían a clase á Escuela Completa Unitaria de Niñas, situada a escasos metros da dos varóns e da que Carmen Frade Giraldez sería a súa última profesora. Doña Carmen pasaría a formar parte do equipo docente do novo colexio nos anos setenta. Os máis pequenos recibían clase de parvulario, impartidas por doña Marisé, nunha escola ubicada no que hoxe é a rúa peonil.
Escola de Marisé
Na parroquia de Santiago de Arteixo estaba tamén a escola unitaria de O Pedregal (derrubada recentemente), centro que fora construído sobre 1930 en terreos municipais. O alcalde de aquel entón, Eduardo Martínez Palleiro, ordeara a súa construcción coa finalidade de ter ao seu carón á súa filla, a maestra Inés Martínez Castro.
O núcleo de Arteixo contaba ademais cunha escola privada rexentada, durante os anos 40, 50 e 60 por Julita Mosquera e os seus irmáns Pablo e Domingo Máximo (escola á que asistiron miña nai e meus tíos e pola que había que pagar 15 pesetas ao mes).
As outras parroquias do concello, así como algúns núcleos, contaban tamén cos seus centros educativos, como é o caso de Loureda, que dende 1893 dispoñía de escola pública.
A parroquia de Larín contaba cunha escola unitaria para nenas. Situada en Mirón, estivo rexentada durante quince anos pola ilustre profesora e escritora Dora Vázquez. Había ademáis un centro público mixto, que ao longo dos anos estaría instalado en distintos lugares como Paradela, Mirón, Coque, A Rúa ou o Igrexario. Dende 1952 ata 1954 o home de Dora Vazquez, Antonio Rodriguez, impartiría clases neste centro.
A escola de Armentón estaba ubicada no pazo de Anzobre dende 1877, cando o Concello alugou as instalacións á familia Puga, dona do pazo. A última profesora deste centro foi Carmen Lareo Galán, que ocupou a plaza dende 1968 ata que se integrou no que hoxe é o Ponte dos Brozos.
Barrañán aínda conserva, no lugar do Outeiro, a que foi unha das escolas máis antigas de Arteixo, fundada polo emigrante Antonio Vázquez, e que na actualidade é o local social de varias asociacións. A maestra Luisa Baamonde Piñón, coñecida como A Chicha, foi a encargada de pechar as portas deste centro.
A parroquia de Lañas contaba cunha escola mixta no lugar, e pazo, de Mosende. Antonio Pérez Varela, que rexentou esta escola durante case 30 anos (1943-1970) foi o seu último mestre. O noso escritor Antón Castro, un dos seus alumnos, califícao nunha das súas obras de "cruel moi dado ás malleiras". En sesión de 19 de xullo 1956 o Concello da luz verde á expropiación de terreos para a construcción da Escuela Nacional de Niños y Niñas de Lañas. A muller de Antonio Pérez, Delfina Seijas Dominguez, faríase cargo da unitaria de nenas en 1961, integrándose posteriormente no Grupo Escolar de Arteixo.
Marisé cos seus alumnos no campo dos bosques
Durante a dictadura de Primo de Rivera construiríase, no lugar do Sixto, a escola mixta de Meicende, escola que en 1964 desdóbrase en dúas: a unitaria de nenas, que estaría rexida por Carmen Arenas Quintela e, a unitaria de nenos ao frente da cal estaba Antonio Torrón Dumas. Finalmente, en 1971 daríase paso nesta localidade ao Grupo Escolar de Patronato Diocesano.
Tamén, na dictadura de Primo de Rivera, levantouse a escola mixta de Monteagudo, que estaba situada no Igrexario pasando, posteriormente, a O Freixal. Según conta M. Blanco Rey en Arteixo durante la II República y la Guerra Civil, o concello pagaba o seu aluguer ao propietario, Manuel Ferreiro Pallas, concelleiro republicano. Esta parroquia contaba ademais con outra escola, no lugar da Cachada, dende 1961.
Manuel Barcia Laya, coñecido coma o Peladillo foi o último mestre da Escuela Unitaria de Niños de Pastoriza, que estaba no lugar da Campanilla. O colexio das nenas atopábase no Santuario e tivo a doña Josefina como docente ata a unificación da educación Primaria no Carrero Blanco.
A parroquia de Morás contaba con dúas escolas: a Mixta nº 1, que estaba no lugar de Freán e, a Mixta nº 2, ubicada en Morás do Medio. Na primeira impartiría clase Carmen Vázquez García dende outubro de 1955 ata xuño de 1956, cando se casou co daquela futbolista profesional Arsenio Iglesias. Ramona Moscoso Menne, doña Moncha, foi a encargada de suceder no posto á muller do raposo de Arteixo, converténdose na última profesora de Morás xa que posteriormente incorporaríase ao novo Grupo Escolar de Arteixo, Almirante Carrero Blanco. A escola de Morás do Medio fora a única escola pública creada en Arteixo durante a II República.
Os cativos de Chamín e Sorrizo acudían a clase á escola mixta da Lagoa, construída en 1919 e que segue en funcionamento como centro unitario.
En Oseiro, no lugar de Raña, había un ha escola mixta que fora creada en 1899. Antes desta data, os nenos desta parroquia tiñan que ir á escola de Pastoriza. Como local escolar alugárase a casa do pai do Alcalde de aquela época, Generoso González Més.
Os veciños de Suevos contaron dende 1919 coa súa propia escola mixta para escolarizar aos seus fillos, un colexio que estaría rexentado dende 1963 ata a súa desaparición por Julia Sánchez Castelos, a última profesora do centro.
Imaxe do libro de M. Blanco Rey, Arteixo durante la
II República y la Guerra Civil (pax. 913)
Por último, cabe sinalar que a posta en funcionamento do Colexio Carrero Blanco fora motivo de preocupación das autoridades da época. En declaracións feitas a mediados de 1974 a un xornal herculino polo alcalde de aquela hora, Victor García Villaronga (subteniente da Garda Civil), mostraba a súa intranquilidade polo retraso na inauguración do novo centro escolar pese a que as obras remataran e as instalacións estaban perfectamente acondicionadas...mais finalmente en setembro dese ano 74 o Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos, principiaba a súa andaina.
O Carrero Blanco recén inaugurado
FONTES:
-Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil. Manuel Blanco Rey
-El "cole" que unió a los niños de Arteixo. La Opinión. Viviana Burón
![]() |
Alumnado de Arteixo no Eusebio da Guarda da Coruña con Rosario Romero e María Barbeito (Nomes e Voces) |
O PADRE VILLA E A "CIUDAD DE LOS MUCHACHOS" DE AGARIMO
![]() |
Imaxe dos primeiros anos do Padre Villa no Portiño |
Van pasando os anos e en 1972 convértese en "chabolista cos chabolistas", vivindo cóbado con cóbado coa xente do Portiño. Moito despois, en 2001, os residentes deste barrio da Coruña recoñecerían os esforzos do Padre Villa mediante a colocación dun busto rendíndolle homenaxe a quen fora o seu benefactor. Naqueles primeiros anos setenta xurdiría nel a condición de sacerdote obreiro, iniciando a súa experiencia no mundo laboral nunha empresa da construcción por un periplo de 8 anos, traballo co que en unión do seu día a día cos chabolistas o Padre iríase transformando nun ser distinto do que fora ata aquel entón e por iso, co permiso do seu superior, abandonou o convento e foise a vivir ao Portiño..."una cosa distinta es hacer la caridad desde una estructura cómoda, como la del convento, y otra hacer la caridad desde dentro", dicía.
![]() |
O Padre no interior da xaula dos leóns do circo Imperial |
No vocabulario do Padre Villa non existía a palabra imposible. Non tardaría en xuntar, despois de solicitar axuda en todos os púlpitos da Coruña, unha suma de 900.000 das pesetas de 1973 que, xunto a unha leira que un veciño de Arteixo lle regalou e os proxectos feitos gratuitamente por un arquitecto que non cría nos curas máis si neste pobre capuchino, o Padre principiaría a edificar a súa gran obra social logo de comprar terreos en Laxobre por un valor de 1.450.000 pesetas: a "Ciudad de los Muchachos Agarimo".
![]() |
Primeiros chaléts de Agarimo |
Finalizada a primeira fase da construcción da cidade, realizada por Construcciones Loureiro por un presuposto de 15.000.000 de pesetas, a inauguración do centro, do que nun principio se encargaban sete persoas do seu funcionamento, tería lugar o 3 de outubro de 1976. Eran catro chaléts que albergaban a cincuenta nenos e nenas: 21 eran do Portiño, 18 de Carballo e 7 de Vioño. O primeiro dos edificios, denominado Panxoliña, tiña unha cociña, un comedor, un cuarto social, unha sala de asambleas e as habitacións dos adultos. O segundo, denominado Abeiro, era a residencia dos mozos. O terceiro, Acouguiño, era o das mozas e o cuarto, Abrente, estaba adaptado para a escola. Ao fin o Padre Villa vía cumprido o seu soño e, cunha gran esperanza, principiaba a primeira experiencia de carácter mixto e interna, en réxime de liberdade, que se realizaba no Estado español.
Os primeiros meses serían duros e, dadas as circunstancias, houbo que crear un regulamento de réxime interno que irían descubrindo os propios rapaces nas súas asambleas. Pouco a pouco o protagonismo dos adultos iría deixando paso á asamblea dos cidadáns de Agarimo e ás autoridades e delegados escollidos por eles mesmos. Os "muchachos" van gañando así en conciencia comunitaria, en convivencia, en espíritu de traballo e en liberdade responsable. O sostemento da "Ciudad" supoñía, naqueles primeiros anos de actividade, uns gastos anuais de máis de catro millóns de pesetas que se sufragaban coa aportación dos socios e entidades colaboradoras.
Aos dous anos, e dacordo coas normas vixentes do Ministerio de Educación, construiríase o Colexio con capacidade para oito unidades e para o cal fora necesario solicitar un préstamo á Caixa de Aforros por valor de 18 millóns de pesetas. Todo isto daba máis plenitude á atención pedagóxica e cultural dos cativos e así, moitas dependencias que ocupaban un lugar nos chaléts, pasarían directamente ao novo edificio, como o autoservicio, o ropeiro, a enfermería, a secretaría, a banca... disfrutando, ao mesmo tempo, dunhas aulas máis grandes e confortables. Ao ano seguinte da construcción do Colexio, principiaban as obras de edificación do núcleo central, lugar donde se atendería moito mellor aos rapaces ao poseer un comedor máis amplo, cociña industrial, un almacén de alimentos, unha sala de xogos, unha biblioteca, unha sala de televisión, unha sala de asambleas, unha pista deportiva e un frontón. Posteriormente construiríase un invernadoiro, unha granxa, compraríase uns terreos para facer un campo de fútbol e unha leira para o uso de cultivos.
![]() |
Agarimo na década dos 80 |
![]() |
O Padre Villa |
Na actualidade Agarimo, que no pasado mes de outubro cumpriu o seu 40 aniversario, é titular dun centro educativo, o CPR Agarimo, centro completamente gratuíto no que o alumnado recibe un ensino presencial en grupo e con reforzos individuais. A oferta educativa posibilita a recuperación de mozos e mozas de familias con escasos recursos económicos, e cun claro risco de exclusión social.
As unidades autorizadas que a día de hoxe están en funcionamiento en Agarimo son as seguintes:
-EDUCACIÓN SECUNDARIA PARA PERSONAS ADULTAS:
FORMACIÓN PROFESIONAL BASICA:
Dicir tamén que no ano 2015 a Asociación Agarimo conseguiría da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, dependente da Conselleria de Economía, Emprego e Industria, acreditarse como Centro de Formación para o emprego tendo, na actualidade, un curso en marcha para 60 rapaces en paro e con baixa cualificación académica.
Á marxe de todo isto, Agarimo tivo e segue tendo ese espíritu de solidaridade con todo aquel ou aqueles que poidan necesitar a súa axuda, unha Asociación Agarimo que non debemos esquecer que segue adiante grazas a todos esos socios que mes a mes, trimestre a trimestre, ano a ano dan os seus donativos...a esos cidadáns da Coruña, Arteixo, etc, que non escatiman esforzos en arrimar o ombro cando é necesario. Por iso as portas de Agarimo sempre estarán abertas para todo aquel que chame a elas, sexa persona física, asociación cultural ou clube deportivo, como é o caso do Club Luz Verde, o CRAT de rugby, ou unha das entidades máis representativas de Arteixo: Xiradela, asociacións que hoxe alberga Agarimo.
Poucas series de televisión causaron tanto furor na segunda metade do pasado século como «La casa de la pradera», a aclamada ficción que narraba as andanzas da familia Ingalls, un grupo de colonos norteamericanos que se estableceu no Medio Oeste de Estados Unidos na década de 1870. Baseada nos relatos reais da escritora Laura Ingalls Wilder, a filla menor do matrimonio Ingalls, a ficción narrou nos seus 208 capítulos e nove tempadas as aventuras da familia protagonista na súa odisea por tratar de encontrar o seu lugar no mundo.
Chegados a este punto, de seguro que vos estades preguntando que demo ten que ver “La casa de la pradera” e a familia Ingalls con Arteixo. Pois veredes, o Colexio Público Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos, comezou a súa andaina o 12 de setembro de 1974, nunha época na que cada aula do novo grupo escolar superaba sobradamente a trintena de alumnos. Ante tal masificación, pronto xurdiu a posibilidade de construír un novo colexio público, o de Galán, que foi inaugurado polo Ministro de Educación, Juan Antonio López Ambrona, o 15 de outubro de 1981. Neste novo centro educativo, a rapazada das parroquias de Oseiro, Morás e Pastoriza empezou a realizar os seus estudos de primaria a partir do curso 1982/83.
![]() |
"A casa da pradera" de Arteixo |
Mais, malia a inauguración do novo colexio de Galán, o Carrero Blanco continuaba superando a trintena de alumnos por aula. De feito, ata o padre Villa chegara a ofrecer no seu momento as instalacións de Agarimo, a chamada “Ciudad de los Muchachos”, para desconxestionar a masificación escolar que naquela altura padecía o colexio de E.X.B. da capital municipal. Non sabemos con exactitude a data concreta, mais debeu ser naquela altura, a finais dos setenta ou a principios dos oitenta, cando se edificou, na zona que hoxe ocupa o pavillón da Escola de Educación Infantil do CEIP Ponte dos Brozos, unha pequena construción prefabricada como “solución” aos graves problemas de masificación do grupo escolar inaugurado en 1974. Aquela pequena construción prefabricada, coincidindo co éxito televisivo do que gozaba por aqueles días a popular serie norteamericana nomeada anteriormente, sería coñecida decontado como “A casa da pradera”.
As miñas lembranzas da “casa da pradera” de Arteixo son máis ben escasas xa que fixen todos os cursos de E.X.B. no cole grande mais, con todo, do que si me lembro é da grande esplanada que había diante dela, que era o lugar onde aparcaban os autobuses que realizaban os traxectos das diferentes liñas escolares. Se mal non recordo, penso que naquela esplanada tamén se celebraron nalgunha ocasión as festas do Apóstolo.
Outra das lembranzas que teño da “casa da pradera” é do regato que pasaba pola parte traseira. Sei de quen caeu nel varias veces, e tamén sei de algún individuo que tirou a máis dun cativo nese regato. Confeso que algunha vez saltei o valado do Carrero Blanco para ir fumar a detrás da “casa da pradera” os Camel que lle mangaba a miña nai e que compartía, a caladas, con algún elemento de 8º. Naquela parte traseira creo que vin os primeiros condóns da miña vida e tamén algunha que outra xiringa. Non tardei en comprender que aquel lugar tiña vida polo día e pola noite!
Recordo
tamén uns
vestiarios que había ao seu carón e
unha
pista polideportiva
na que un grupo de rapaces de Arteixo xogabamos os venres partidos de
baloncesto. Isto, se
a memoria non me falla, debeu ser en 1985 ou 1986, unha época na que, polo que me
contaron varios
ex alumnos e ex alumnas que estudaron na “casa da pradera”, había
catro ou cinco aulas nas
que os mestres
Mari Luz, Lolita, Maloli ou Gonzalo impartían
clase de 3º, 4º e 5º de E.X.B. Tamén hai quen afirma que nalgún
ano o edificio do que estamos a falar foi o parvulario do grupo
escolar. Agardo os vosos comentarios ao respecto!
A “casa da pradera” debeu funcionar como escola ata os últimos anos oitenta ou primeiros noventa, que foi cando o Presidente da Xunta, Manuel Fraga Iribarne, inaugurou o actual pavillón da Escola de Educación Infantil do CEIP Ponte dos Brozos o 1 de setembro de 1993. Mais non vaiades a pensar que ese foi o fin do edificio protagonista desta historia. Non, non. Tras cumprir a súa función durante algo máis dunha década, a construción prefabricada foi desmontada e agardou á intemperie un novo destino.
Nun momento no que a serie “La casa de la pradera” xa non era un éxito que agrupaba ás familias arredor da pequena pantalla, as trece parroquias de Arteixo disputáronse a antiga escola prefabricada, que acabou viaxando ata Larín para se converter, aproximadamente sobre o ano 1993, no que sería o primeiro centro social da parroquia despois de que a veciñanza puxera a disposición un terreo comunal nas inmediacións da capela de San Roque e do campo de fútbol.
![]() |
"A casa da pradera" construíndose en Larín |
“A casa da pradera” volvía a revivir converténdose, grazas ao enorme traballo das veciñas e dos veciños que colocaron unha a unha as pezas, na parada obrigada da parroquia. Ao longo dos noventa, alí daríanse clases de baile e tamén se realizarían todas as actividades que cada ano programaba a Asociación de Veciños. Ademais, os membros do equipo de fútbol tiñan nela a súa sede. “A casa era grandiña. Tería uns 150 ou 160 metros cadrados. Tiña tres cuartos e un salón enorme”, recorda Suso Borrazás, antigo futbolista e directivo do C.D. Larín que, curiosamente, realizara parte dos seus estudos de primaria no edificio que hoxe homenaxeamos nesta bitácora.
Mais, pouco a pouco, o tempo iría pasando factura. Co cambio de século o chan foise picando, só abrían tres fiestras, algunhas persianas estaban rotas e as portas... vaia por Deus!
![]() |
"A casa da pradera" pouco antes de ser desmantelada |
Toda a parroquia aceptou que a “casa da pradera” fora derrubada e así, en agosto do 2002, as táboas que se poideron aproveitar foron repartidas entre os veciños e o resto queimadas. Houbo xente que non sentiu pena algunha pola desaparición do edificio mais, pola contra, tamén houbo quen lle tiña un especial cariño, principalmente os que máis traballaran para levantala. Cada unha destas persoas conserva no seu domicilio unha fotografía de gran tamaño da “casa da pradera” como recordo.
A finais do 2002, o Concello de Arteixo empezaría a construír no mesmo lugar o novo centro social da parroquia.
FONTES:
VÁZQUEZ, DOLORES (2003): Los Ingalls ya no viven en Larín. La Voz de Galicia, 16 de xaneiro de 2003.
DAS ESCOLAS UNITARIAS DAS PARROQUIAS AO COLEXIO CARRERO BLANCO (50 ANOS DO CEIP)
A construción do colexio Carrero Blanco, actualmente CEIP Ponte dos Brozos, significou no seu momento o final da maioría das escolas unitarias de Arteixo. O centro, que cumpre agora o seu cincuenta aniversario, unificou a educación primaria que ata aquel entón se impartía nos diferentes centros unitarios que había nas parroquias e, ao mesmo tempo, o profesorado que se encargaba de impartir as clases nestas pequenas escolas pasarían a formar parte, na década dos setenta, do equipo docente do que, co paso dos anos, se convertería nun dos centros educativos máis masificados de Galicia.
![]() |
Imaxe do colexio Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos, ao pouco da súa inauguración (Arquivo de Manuel Aldao) |
Antes da posta en marcha do Carrero Blanco, os nenos da parroquia de Arteixo asistían a clase á Escuela Completa Unitaria de Niños, situada na Baiúca, un centro que estivera rexentado durante máis de 40 anos por Cándido Trasende Vicente, mestre ao que un busto e unha placa na vivenda na que residiu aínda lle renden homenaxe a día de hoxe. Trasende estivo sucedido por distintos profesores ata a chegada de Santiago Mosquera Mariño, último docente desta escola e que chegaría a ser director do Carrero Blanco.
As alumnas de primaria da capital do municipio asistían a clase á Escuela Completa Unitaria de Niñas, situada a escasos metros da dos varóns e da que Carmen Frade Giráldez sería a súa última profesora. Dona Carmen pasaría a formar parte do equipo docente do novo colexio nos anos setenta. Os máis pequenos recibían clase de parvulario, impartidas por dona Marisé, nunha escola situada no que hoxe é a rúa peonil.
![]() | |
Marisé co seu alumnado no campo dos Bosques a principios dos anos 70 (Cidadáns de Arteixo) |
Na parroquia de Santiago de Arteixo estaba tamén a escola unitaria do Pedregal, centro que fora construído sobre 1930 en terreos municipais. O alcalde daquel entón, Eduardo Martínez Palleiro, ordenara a súa construción coa finalidade de ter ao seu carón á súa filla, a mestra Inés Martínez Castro.
O núcleo de Arteixo contaba ademais cunha escola privada rexentada, durante os anos 40, 50 e 60 por Julita Mosquera e os seus irmáns Pablo e Domingo Máximo.
As outras parroquias do concello, así como algúns núcleos, contaban tamén cos seus centros educativos, como é o caso de Loureda, que dende 1893 dispoñía de escola pública.
A parroquia de Larín contaba cunha escola unitaria para nenas. Situada en Mirón, estivo rexentada durante quince anos pola ilustre profesora e escritora Dora Vázquez. Había ademais un centro público mixto, que ao longo dos anos estaría instalado en distintos lugares como Paradela, Mirón, Coque, A Rúa ou O Igrexario. Dende 1952 ata 1954 o home de Dora Vázquez, Antonio Rodríguez, impartiría clases neste centro.
![]() |
Dora Vázquez na escola unitaria de Larín (Arquivo de José Antonio López Canedo 'Cantudo') |
A escola de Armentón estaba situada no pazo de Anzobre dende 1877, cando o Concello alugou as instalacións á familia Puga, dona do pazo. A última profesora deste centro foi Carmen Lareo Galán, que ocupou a praza dende 1968 ata que se integrou no que hoxe é o CEIP Ponte dos Brozos.
Barrañán aínda conserva, no lugar do Outeiro, a que foi unha das escolas máis antigas de Arteixo, fundada polo emigrante Antonio Vázquez, e que na actualidade é o local social de varias asociacións. A mestra Luísa Baamonde Piñón, coñecida como a Chicha, foi a encargada de pechar as portas deste centro.
A parroquia de Lañas contaba cunha escola mixta no lugar, e pazo, de Mosende. Antonio Pérez Varela, que rexentou esta escola durante case 30 anos (1943-1970) foi o seu último mestre. O noso escritor Antón Castro, un dos seus alumnos, cualifícao nunha das súas obras de «cruel moi dado ás malleiras». En sesión de 19 de xullo 1956, o Concello dá luz verde á expropiación de terreos para a construción da Escuela Nacional de Niños y Niñas de Lañas. A muller de Antonio Pérez, Delfina Seijas Domínguez, faríase cargo da unitaria de nenas en 1961, integrándose posteriormente no Grupo Escolar de Arteixo.
![]() |
Escola de Lañas nos anos 50-60 (Memorias de Arteixo) |
Durante a ditadura de Primo de Rivera construiríase, no lugar do Sixto, a escola mixta de Meicende, escola que en 1964 se desdobra en dúas: a unitaria de nenas, que estaría rexida por Carmen Arenas Quintela, e a unitaria de nenos á fronte da cal estaba Antonio Torrón Dumas. Finalmente, en 1971 daríase paso nesta localidade ao Grupo Escolar de Patronato Diocesano.
Tamén, na ditadura de Primo de Rivera, se levantou a Escola Mixta de Monteagudo, que estaba situada no Igrexario pasando, posteriormente, ao Freixal. Segundo conta Manuel Blanco Rey en Arteixo durante la II República y la Guerra Civil1, o Concello pagaba o seu aluguer ao propietario, Manuel Ferreiro Pallas, concelleiro republicano. Esta parroquia contaba ademais con outra escola, no lugar da Cachada, dende 1961.
![]() |
Escola de Monteagudo nos anos 60 (Cidadáns de Arteixo) |
Manuel Barcia Laya, coñecido coma o Peladillo, foi o último mestre da Escuela Unitaria de Niños de Pastoriza, que estaba no lugar da Campanilla. O colexio das nenas atopábase no santuario e tivo a dona Josefina como docente ata a unificación da educación Primaria no Carrero Blanco.
![]() |
Dona Josefina no comedor da escola con algunhas das súas alumnas (Documental 'Pastoriza na lembranza') |
A parroquia de Morás contaba con dúas escolas: a Mixta nº 1, que estaba no lugar de Freán, e a Mixta nº 2, situada en Morás do Medio. Na primeira impartiría clase Carmen Vázquez García dende outubro de 1955 ata xuño de 1956, cando casou co daquela futbolista profesional Arsenio Iglesias. Ramona Moscoso Mene (dona Moncha) foi a encargada de suceder no posto a muller do futbolista da Baiuca, converténdose na última profesora de Morás xa que posteriormente se incorporaría ao novo Grupo Escolar de Arteixo, almirante Carrero Blanco. A escola de Morás do Medio fora o único colexio público creado en Arteixo durante a Segunda República.
![]() |
Escola de Freán nos anos 50 (Cidadáns de Arteixo) |
Os cativos de Chamín e Sorrizo acudían a clase á escola mixta da Lagoa, construída en 1919 e que segue en funcionamento como centro unitario.
En Oseiro, no lugar de Raña, había unha escola mixta que fora creada en 1899. Antes desta data, os nenos desta parroquia tiñan que ir á escola de Pastoriza. Como local escolar alugárase a casa do pai do alcalde daquela época, Generoso González Mes. Anos despois íase construír unha nova escola na rúa San Tirso, edificio que aínda se mantén en pé na actualidade.
Os veciños de Suevos contaron dende 1919 coa súa propia escola mixta para escolarizar os seus fillos, un colexio que estaría rexentado dende 1963 ata a súa desaparición por Julia Sánchez Castelos, a última profesora do centro.
Por último, cabe sinalar que a posta en funcionamento do colexio Carrero Blanco fora motivo de preocupación das autoridades da época. En declaracións realizadas a mediados de 1974 a un xornal herculino polo alcalde daquela hora, Víctor García Villaronga (subtenente da Garda Civil), mostraba a súa intranquilidade polo retraso na inauguración do novo centro escolar pese a que as obras remataran e as instalacións estaban perfectamente acondicionadas e xa acollían ao alumnado da capital municipal no pavillón de arriba. Finalmente, en setembro dese ano 74 o Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos, principiaba a súa andaina de xeito oficial coa rapazada das aoutras parroquias polo que neste 2024 que está a piques de finalizar, celebra o seu quincuaxésimo aniversario... 50 anos nos que cursaron os seus estudos primarios miles de alumnos e alumnas de Arteixo... 50 anos nos que impartiron clase centos de mestres e mestras... 50 anos nos que traballaron ducias de persoas nas instalacións do colexio (administración, cociña, conserxería, limpeza, etc.)... 50 anos abrindo as portas do futuro!
Moitos, moitos parabéns por estos 50 anos!
1 Manuel Blanco Rey (2008): Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil.
Non dá vostede nin unha no que se refire ao cerre das escolas unitarias e aos seus últimos mestres. Prégolle, polo ben da verdade, que se documente antes de escribir esta fabulosa historia.
ResponderEliminar