venres, 22 de maio de 2015
ORIXE DAS FESTAS NA HONRA DO ESPÍRITU SANTO EN UXES
As testemuñas históricas existentes na parroquia de Morás só fan referencia á capela de Uxes no referente ao lugar onde se atopa, as súas dimensións e a data da súa construcción: século XIX. Dende entón ata agora, tanto o seu pasado coma a orixe das festas na honra do Espíritu Santo só sobreviven nas faladurías e nas lembranzas da xente, nas verbas que transmitiron os avós aos seus netos e netas de Uxes e dos arredores, netos e netas que hoxe teñen máis de setenta primaveras.
As lembranzas comezan cando a cantidade de automóbiles aínda non xustificaba o asfalto das estradas, e os pobos estaban cheos de corredoiras polas que pasaban as vacas. Nun deses lugares, no chamado "camiño das montañesas", nunha zona entre Orro e a Zapateira -en dirección a Meirama- existiu unha capela dedicada ao Espíritu Santo, da que só se atopan unhas pedras hoxe en día.
A imaxe desa capela levaríase a Uxes, onde ata ese intre San Bartolomé era o santo do lugar. Ocorrera que a imaxe do dito santo levárona ou roubárona e, no seu lugar, foi posta a do Espíritu Santo. Sobre da viaxe ata Uxes di unha lenda que, cando pararon para repousar nunha fonte, a súa auga fíxolles coller azos para proseguir, fonte que sería bautizada como a do Espíritu Santo.
Capela de Uxes
Case dende os primeiros anos comezou a facerse unha romaría na Pascua de Pentecostés, celebración que duraba todo o día do luns e na que as mañáns dedicábanse á misa, as tardes á comida e á merenda e, as noites á festa. A xente viña de sitios coma Meirama, Cerceda, Boedo, A Coruña e, por suposto, do Concello de Arteixo. Entón o normal era andar e, coa chegada do tren, aumentaría o número de persoas que se achegaban a Uxes a cantar e bailar, e algúns din que a buscar pelexa pois, parece ser, que polas noites había algunhas liortas.
Nos anos 30 e 40 a romaría seguíu coa súa boa marcha, mais na década dos 60 baixaría o número de afluencia. As datas da festa trocáronse para a fin de semana e a romaría comezou a morrer como tal, manténdose a verbena e, por suposto, a misa de honra. Din que a culpa foi do cura da parroquia das Encrobas, en Meirama, porque alí tamén puxeron unha imaxe do Santo e quedaba máis preto para moita xente.
A finais dos 60 tentouse recuperar a tradición dos primeiros anos mais non chamou a atención da xente. Diversas comisión seguiron coas festas e, posteriormente, a Asociación de Veciños sería a encargada de organizala. Aló, no tempo, ficaron os vellos costumes coma ficaron as grandes extensións de campos (algúns deles -como o que aparece no artigo da Voz de novembro de 1925- eran propiedade da familia Rivera, os donos da Estrella Galicia). Mais aínda queda xente para lembrarnos como eran as cousas, ou as dúas imaxes que se conservan na capela: a máis nova, mercada no seu momento, e a orixinal, con Xesús sostendo na man esquerda unha cruz e coa man dereita alzada, coa pomba que simboliza ao Espíritu Santo enriba da súa cabeza...o recordo do pobo é o recordo da honra dunha festa. A festa mudou pero mantense viva.
La Voz, 20.11.1925
(relato publicado no Boletín Informativo Municipal por Santiago Sande Mañana)
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario