luns, 13 de xullo de 2015

O AFIADOR

     Non é doado determinar en que momento aparece o oficio de afiador. Para uns naceu en Francia ou en Italia e para outros en Ourense, por terras de Nogueira de Ramuín, Maceda, Pereiro de Aguiar, Esgos, Parada do Sil, Castro Caldelas a Paderne de Allariz, que tiñan sona de dar bos afiadores. Mais ao parecer, a procedencia definitiva queda en Nogueira de Ramuín.

     Seica a roda de afiar inventouna un tal Tío Xan, ferreiro e capador que vivía en Liñares, na Serra Corredoira, frente ao Miño. O pobo daría as mellores rodas de afiador, que eran de madeira de nogueira e abofé que ben resistentes. Hai unha lenda que di que o Tío Xan repousa no fondo do Miño, nun lugar onde o levou a enchente cando cruzaba as augas nunha pequena embarcación desde Barras de Miño a Santa María de Melia. Dende entón, aquel lugar chámase o Remuíño do Afiador.

     Os afiadores de Ourense falaban unha lingua propia: o barallete. Á roda de afiar chamábanlle tola;  Galiza era, Galleira; Castela: Ancha; Asturias: Berria; Portugal: Biqueque; América: Moreira; o viño: mouga; o ouro: vibelo; os cartos: zuros; a boca: garlea; os casados: apicholados; o can: doca; o burro: fandino; coche: chian; tren: caurel; ollos: mireus; carne: arguia; traxe: fiaña; baile: caxoteo; cura: caxiga...
 

     Dos afiadores que pasaban pola nosa zona, poucos viñan coa roda. Era moi incómoda de levar, sobre todo no inverno pola lama, os carreiros e os pasadoiros. Algúns viñan en bicicleta e o taller levábano nun caixón de madeira, que tamén lles servía para sentarse mentres facían as reparacións. Nese caixón levaban martelo, alicates, zafra (ferro cun espicho de tax ou sufrideira), remaches, subelas, arume, masilla...e tamén levaban varillas de paraugas usadas de reposto. Home de longo andar e de peregrinaxe eterno, eso sí, respetando fielmente o ámbito territorial no que cada un desenrolaba a súa actividade, o afiador chegaba aos lugares facendo soar, cunha extraña e sinfónica escala musica, o seu chiflo para que os parroquianos que
necesitaban dos seus servicios souperan da súa presencia. Aparte de afiar os coitelos e outras ferramentas, amañaban case de todo: paraugas (aínda non chegaran os chinos), potas furadas, cuncas e pratos de louza...cunha subela furaban a peza rota, poñíanlle grampas de arame e dábanlle masilla.

     A vida dos afiadores sería levada ao teatro por Alvaro de las Casas na obra Pancho de Rábade. Tamén Serafín Gómez Pato escribiu un completo Romance do afiador namorado. Victoria Armesto, Alvarez Blázquez, Cabanillas...axudaron a espallar a obra e a historia desta "especie en extinción". Mais a verdadeira historia destos desaparecidos ambulantes galegos, e a súa odisea internacional, aínda está por escribir.



FONTES:
- A cultura tradicional galega desaparecida. Antonio Rodriguez Cabanas.
- El afilador. Oficio gallego. Juan Ramón Díaz (La voz de Galicia 14 decembro 1971)
-Fotos: Revista Raigame nº 6 (maio de 1998) e Ourense no tempo.  



Ningún comentario:

Publicar un comentario