martes, 15 de outubro de 2019

A TABERNA "O PIÑEIRO" DE CHAMÍN

   Empezando a subir a costa de Chamín do Medio, á man dereita da estrada que conduce a Caión, para máis sinais, moi preto do cruce que vai para Santaia e Monteagudo, tedes un dos mellores establecementos hostaleiros de todo o municipio de Arteixo: o Café Bar “O Piñeiro”, sitio tranquilo, de boas tapas e de boa atención, abofé! 

Imaxe do "Piñeiro" antigo
    Ao entrar, atoparedes un fermoso local decorado con gusto. Unha ducia de mesas que conxugan á perfección o pasado co presente, cada unha delas rodeada de cadeiras de madeira de aspecto tradicional, convidan ao descanso, á lectura dos xornais do día, á conversa e tamén, especialmente na fin de semana, a botar a partida. Nas paredes colgan varios fotos do equipo de fútbol do lugar. Tamén hai unha imaxe do bar vello, que estaba uns metros máis adiante que o actual, ao carón da estrada, unha imaxe que cada vez que a vexo faime viaxar á miña xuventude, aos anos 90, tempos nos que paraba con frecuencia neste establecemento. E tamén hai un reloxo antigo no que se parou o tempo ás 17:40 horas dun día calquera dun ano incerto, un reloxo que seica xa formaba parte do mobiliario da antiga taberna.

David e Dorita no "Piñeiro" de Chamín
  Se es dos que te quedas na barra, mentres que che prepara un café o amigo David, o actual propietario do negocio, escoitarás a súa nai Dorita dende o seu “búnker” particular preparando o xantar para a familia e algunha que outra tapa para o negocio que rexenta o seu fillo dende que ela se xubilou. É probable que na barra atopes algún cliente dos de toda a vida, dos que aínda lembran os tempos do vello Piñeiro, unha taberna que se derrubou no ano 2000, pouco despois de abrir o bar actual.

    Como todas as tabernas das de antes, o Piñeiro antigo, vendía un pouco de todo. Aínda lembro as chapas descoloridas polo paso do tempo de Coca Cola e de Fanta que había pegadas xunto á porta e, tamén, o letreiro de Tabacalera coa súa insignia que estaba colgado na fachada da casa e que indicaba que O Piñeiro era un establecemento autorizado para a venda do tabaco. Alí, no banco de pedra que había na entrada da taberna, boteille os meus primeiros Royal Crown na compaña dos bos amigos de Chamín que aínda conservo. Como di o prezado Moncho Vilar nun dos capítulos do seu libro “Un peixe no parqué”… Quen cona fuma Royal Crown hoxe en día? Ti coñeces alguén? Naqueles tempos era o que había e, cousas do destino, quen escribe xa leva catorce anos sen fumar!

Imaxe do interior do "Piñeiro" antigo
 Mais continuemos coa descrición do Piñeiro vello. Naqueles anos 90, o paso do tempo xa se notaba ben na estrutura exterior do edificio. Nas súas paredes de pedra, nas portas e nas ventás de madeira o paso dos anos xa deixaran a súa pegada na vivenda na que que, de xeito moi doado, un podía viaxar gratis no tempo para imaxinar como era a vida dos nosos devanceiros. Se querías soñar como era a vida nas tabernas de antes, O Piñeiro era un lugar ben axeitado para facelo xa que no interior podías observar que o único que mudara co paso das décadas fora o envoltorio dos productos que alí se vendían.
 
   Outro dos recordos que teño do vello Piñeiro é que non costaba moito estirar a man e tocar o teito, que era de madeira e, nas súas vigas, había cravadas puntas de aceiro que facían á vez de ganchos para colgar chourizos, paquetes de sebo e outros artigos necesarios para a vida cotidiá da veciñanza.

Ramón Varela e Jesusa Bermúdez
  O Piñeiro fora, no seu momento, dos poucos lugares de Arteixo nos que as innovacións pasaran de largo e poucos cambios houbera no local dende que o abriran en 1934 Ramón Varela Paulos, natural do lugar do Piñeiro (de aí o nome do negocio), parroquia de Monteagudo, e Jesusa Bermúdez Ferreiro, que era natural de Gondreo, parroquia de Sorrizo. 
 
   Ramón e Jesusa, tiñan o seu domicilio na parte superior da taberna, lugar no que virían ao mundo os tres fillos máis pequenos do matrimonio: Chucho, Melindra e Dorita. Os dous maiores, María e Cresencia, naceran no Piñeiro, na casa paterna de Ramón, lugar no que habitaron ata que construiron a súa nova vivenda en Chamín do Medio e abriron o establecemento do que estamos a falar pouco antes da Guerra Civil.

Dorita en Caión na súa xuventude
    Jesusa era quen atendía o establecemento, unha taberna que nos primeiros anos viviría, coma as outras da contorna, tempos difíciles, tempos da posguerra, tempos de medo nos que non se podía falar de case nada, tempos de fame, de racionamento e de sacrificio, de moito sacrificio, mais, con todo, nunca lles faltou clientela que lles dera un peso a gañar, aínda que moitas veces… “leva o que precises que cho fío, xa pagarás; moitas grazas señora Jesusa”. Pola súa banda Ramón adicábase a traballar nas leiras da comarca coa máquina de mallar da súa propiedade, pasando nalgunhas ocasións semanas enteiras fóra do seu domicilio.
   E así irían pasando os corenta, os cincuenta e os sesenta, que foi cando Dorita, a filla máis nova de Ramón e Jesusa empezou a levar o peso da taberna, unha Dorita que non tardaría en casar con Telmo, con quen tería catro fillos: os meus prezados amigos Javier, Sonia, David e Inés. 
 
    A vida seguiría sendo igual no vello Piñeiro ao longo dos setenta e dos oitenta... bueno todo non. Xa non estaban Ramón e Jesusa, que falecerían respectivamente en 1973 e 1984, ambos aos 77 anos de idade. 

   Telmo tiña unha pequena empresa de construcción na cal empezarían a traballar os seus fillos Javier e David. 

Dorita con seus pais e Javier, o seu fillo maior
   Nos 90 a familia decidiu que xa era hora de darlle un cambio ás súas vidas e facer unha nova vivenda… mais... xa se sabe… na casa do ferreiro coitelo de pau… e a idea foise pospoñendo ata finais da década. Finalmente abrirían o novo bar en decembro do 2000, días despois de tirar o vello Piñeiro.
   Telmo falecería no ano 2007 e David continuaría un ano coa empresa de construcción, ata o 2009, que foi cando xa se puxo definitivamente detrás da barra do Bar o Piñeiro. 

David, terceira xeración do negocio, agarda por vós alí para conversar dos tempos de antes ou do que se tercie. Se paredes no seu establecemento, asegúrovos que habedes de pasar un rato agradable escoitando as historias do Chamín de antano e do Chamín de hoxe!



Ningún comentario:

Publicar un comentario