domingo, 27 de novembro de 2022

'PASTORIZA NA LEMBRANZA'

Como diría un bo amigo meu… e de remate, que a festa continúe!

O acontecido onte en Pastoriza, coa presentación do documental “Pastoriza na lembranza”, foi algo inesquecible, abofé. Aínda nos arde o peito de tanta emoción! Fran Naveira e un servidor estaremos eternamente agradecidos á Asociación O Grilo e a todas as persoas que, dun xeito ou doutro, fixestes posible este soño, o soño de manter viva a memoria dun pobo!

 

Presentación do documental 'Pastoriza na lembranza'

O proxecto nacía a mediados de 2020, cando o realizador arteixán Fran Naveira e quen escribe xa levabamos certo tempo gravando aos protagonistas de “Campanal de Loureda. Paixón por un sentimento”, proxecto irmán que estreamos no lugar da Queira (no campo do Cubano) en xuño deste 2022.

Mundi Neira, presidente da Asociación O Grilo, propúxonos a realización do documental, coa idea inicial de tratar tres ou catro temas (patrimonio, educación, deportes, festas…) e de recompilar unha serie de fotografías antigas e de cintas en VHS e Super 8 que algúns veciños lle cederan á asociación. Sempre coa idea na mente de aportar o noso gran de area na recuperación da memoria, naquela primeira xuntanza démoslle luz verde a Mundi e ao Grilo e, ao pouco, tamén se sumou ao equipo de traballo César Díaz.

Tras barallar varios títulos para o proxecto, as gravacións de "Pastoriza na lembranza" comezaban o 2 de outubro de 2020, día no que entrevistamos a Ramón Carro e a Aurelio Corral. Despois, ao longo dos meses seguintes, faríamos o propio con Franki Lafuente, Carmen Vázquez, Maruja Aldao, Ana Mosquera, Geluca Naya, Eulogio Gestal, José Luís Sande 'Patolo' e Maruja Zas… dez persoas que nos atenderon coa maior das amabilidades e que nos permitiron pasear pola súa memoria e polos seus recordos de Pastoriza.

Rematadas as entrevistas, había que construir un guión para tratar de dárlle xeito ás informacións e anécdotas contadas polas persoas entrevistadas. Unha tarefa ardua e nada sinxela, polas diferentes temáticas e épocas nas que os protagonistas do documental pasaron a súa infancia e xuventude. Apuntamos que a maior destas dez persoas, Maruja Aldao, naceu en 1930 e a máis nova, Franki Lafuente, en 1961.

A medida que Fran Naveira e un servidor construiamos o guión e empezabamos a editar, en Pastoriza xurdía a idea de que o proxecto tiña que ter o seu propio tema musical. Foi aí cando apareceu en acción a mente privelexiada do poeta Pablo Mariño, quen, co seu enorme talento, compuxo “Isto é Pastoriza”:

 

Abrín os meus ollo, no Moucho á alborada,

a Vieira á Maceira, cos raios do sol retaba.

Subín a Avenida, Rexidoiro, Pedra Grande,

no Barrionovo un Lagarto, tal Canteira de grande!

 
 

Albisquei a Campanilla, camiño do Forno,

Cheguei ó Igrexario, na Fonte, un bo grolo!

Escaleiras arriba. A Pedra dos Cadrís,

a Moura tumbada, o Berce que sorrí.


Que veñan xentiñas, da cidade e das aldeas,

que veñan a Pastoriza, hai cariño a moreas!

Señoras e señores, mozos e mociñas,

cativas e cativos, isto é Pastoriza.


Ben alto, no outeiro, O castro impoñente,

Reckiario na cadeira, cuida da súa xente.

A Batería de Monticaño, a Antena e os Piñeiros,

saúdan a Candás, verxel dos labregos.

No Quinto Pino os de Mesoiro, polo Coto as da Coruña,

pola Regha as de Rañobre, e os de Suevos que rabuñan.

De Oseiro e de Arteixo entran pola Choupana,

pola Furoca os de Elviña, a Pastoriza con ganas!


Que veñan xentiñas, da cidade e das aldeas,

que veñan a Pastoriza, hai cariño a moreas!

Señoras e señores, mozos e mociñas,

cativas e cativos, isto é Pastoriza.


Vide por unha variña, vide polas castañas,

á Feira da Madeira a mercar unha gadaña.

San Migueliño querido, Porlier está contento.

En Vilariza outra vez volve haber Levantamento!


Que veñan xentiñas, da cidade e das aldeas,

que veñan a Pastoriza, hai cariño a moreas!

Señoras e señores, mozos e mociñas,

cativas e cativos, isto é Pastoriza.


Que veñan xentiñas, da cidade e das aldeas,

que veñan a Pastoriza, hai cariño a moreas!

Señoras e señores, mozos e mociñas,

cativas e cativos, isto é Pastoriza.

 

O tema composto por Pablo Mariño non tardou en gravarse nos Estudios Visue de Suevos con Nacho Varela aos mandos, primeiramente cunha versión tradicional da man de Ana Edreira (voz e pandeireta) e de Víctor Iglesias (acordeón), unha versión que podedes ver aquí:

 

Semanas máis tarde íase gravar outra versión máis rockeira a cargo de Franki Lafuente, Iván Pardo, Guillermo Pardo, Manuel Martínez e Adrián Pereiro, todos veciños de Pastoriza. Non nos esquecemos do coro formado por máis dunha vintena de persoas que, dirixidos por Víctor Iglesias, cantaron no adro do santuario o retrouso de “Isto é Pastoriza” que acompaña a versión tradicional.

Mentres tanto, Fran i eu seguiamos co audiovisual, que finalmente, despois de moitas moitas horas de traballo, decidimos estructurar non nas tres ou catro temáticas programadas inicialmente, senón nun total de once, que aparecen no documental por este orde:

-A xanela do noso faiado.

-Escolas de vida: a herdanza de dona Josefina.

-O tempo de lecer.

-Contos da emigración

-A Casa Lola e o Mesón de Pastoriza.

-A Batería de Monticaño.

-Historias do noso patrimonio.

-Os equipos de fútbol.

-A Feira da Madeira.

-O Salón da Roxa.

-As Festas do San Miguel.

 

Unha vez rematado o traballo só quedaba presentalo. E así foi como chegamos ao día de onte, sábado 26 de novembro de 2022, o día da estrea de “Pastoriza na lembranza”, día inesquecible, abofé!

 

Grazas por todo Pastoriza!

2 comentarios:

  1. Dou fe do que comenta Xabier. Eu estiven nesa presentación, que foi, en efecto, emocionante, amais dun momento que de seguro será de grato recordo para veciños e xente de Pastoriza. Non coñecía o trasfondo da historia, o xermolo do documental. Fai ben Xabier Maceiras en explicalo, porque o que queda fóra de foco tamén forma parte da propia historia e porque é a única maneira de amosar, cando menos polo miúdo, o esforzo que hai detrás. Ocorre coma na gastronomía: antes de papalo prato, hai que elaboralo. Fran e Xabier prepararon un menú de primeira que degustamos con verdadeiro pracer quen fomos testemuña dese pequeno instante da historia de Pastoriza tan ben retratada e contada con profesionalidade. Parabens e grazas por compartires. Guillermo Pardo Campos, nado e criado en Pastoriza.

    ResponderEliminar