Pódese dicir que ata os primeiros anos 60 Arteixo viviu case que exclusivamente do agro. Naquel entón só se lembraban desta vila algunhas persoas cando querían aliviar as dores de reuma no Balneario. A cousa cambiou coa construción das primeiras fábricas do Polígono Industrial de Sabón, que ía significar un gran desenvolvemento económico para Arteixo, planeándose nos seus terreos grandes proxectos empresariais que hoxe son coñecidos como primeiras marcas mundiais.
A chegada da industria foi o motivo polo que moita xente, especialmente moza, se trasladou naquela época á capital municipal, unha vila que estaba mudando a súa fisionomía vertixinosamente. Aquelas circunstancias sociais do “novo” Arteixo pedían a berros unha iniciativa como a que tivo Manolo 'de Eva', precursor da movida da bisbarra que a principios de 1968 inaugurou unha sala que decide bautizar co nome de súa nai: Sala de Festas Eva. Atrás quedaban os tempos dos antigos salóns de baile do 'Veigheiro' e de Pardo, que o noso protagonista viña rexentando dende os anos corenta.
Mozos e mozas de Arteixo na sala Eva nos anos 70 (Cortesía de Luís Souto) |
A Sala de Festas Eva non tardou en converterse na referencia da fin de semana para a xuventude do municipio, da Coruña ou mesmo da Laracha, onde xa levaba algún tempo funcionando a Sala Pazos, que aínda non gozaba do éxito que tería co paso do tempo. Precisamente Manolo Pazos, fundador desta sala, recordaba que “naquel tempo Manolo 'de Eva' tiña unha sala mellor ca miña. Manolo soubera adiantarse aos tempos. A sala de Arteixo estaba moi ben”.
Publicidade da época |
Cando se inaugurou en 1968, a Sala de Festas Eva era máis pequena de como a recordades ultimamente, coa entrada na rúa Ferrol. Alí traballaban unha ducia de persoas, entre elas Manolo 'de Eva', a súa muller Carme 'da Caracola' e Remedios, a filla do matrimonio, que casara en 1967 co barbeiro José Ramón Campos, unha especie de wikipedia de Arteixo que tivo a ben recordar aqueles tempos con quen escribe. “Á parte de meus sogros, a miña muller e eu, tamén traballaba unha curmá de Remedios e o seu home. Na barra había catro ou cinco camareiros, e outros dous ou tres servindo por toda a sala. Un dos camareiros era Fajardo, que era directivo do Ciudad Jardín, o equipo de fútbol da Coruña. En total eramos doce ou catorce persoas, sumando tamén a do roupeiro. Os días dos bailes, que eran os domingos de 4 a 8 da tarde, polo Antroido, ano novo e outros días sinalados, eu dedicábame principalmente a controlar á xente para que non houbera follóns… que algún tamén houbo, eh! Pola semana íamos no meu Seat 850 repartir polas parroquias os carteis das actuacións para que a xuventude soubera que había tal ou cal orquestra ou artista. Pola sala pasaron as mellores orquestras galegas, e algúns dos mellores grupos e cantantes españoles da época, entre eles Camilo Sesto.”
Imaxe do ano 2016 da Sala de Festas Eva |
Efectivamente, nesa primeira etapa da Sala de Festas Eva, Camilo Sesto actuara alí en abril de 1972. José Ramón Campos recordaba que “para entrar pola sala mandou moito carallo porque non lle quedou outra que acceder pola porta do público e ollo, o palco estaba no outro lado, ao fondo do local! Xa te podes imaxinar a situación e o acoso das fans.”
Segundo nos contaron algunhas persoas presentes naquela lendaria actuación, o éxito fora rotundo, e ben mereceu as cen mil pesetas do caché. As fans contemplaban ao artista en éxtase. Coa súa voz, o seu físico e os seus axustadísimos pantalóns, algunhas daquelas mozas seica lle berraban…
-Camilo, queremos un hijo tuyo!
La Voz de Galicia, 23 de abril de 1972 |
A actuación de Camilo Sesto daríalle certo pulo á sala de festas, e así foi como despois virían os Diablos, Fórmula V, Pekenikes, Juan Camacho, María Jesús y su acordeón e o propio Julio Iglesias, que malia non chegar a actuar, si tiña o contrato asinado.
Era tal o éxito da Eva que, sete anos despois de abrir, en 1975, houbo que ampliar as instalacións. Naquela altura José Ramón Campos e Remedios Díaz, xa eran pais dos seus dous fillos, cativos aos que a parella decidira bautizar (non podía ser doutro xeito) cos nomes de Eva, na honra da nai de Manolo, e Manuel, coma o avó materno. Co paso dos anos, Manuel íase converter no prezado e admirado artista arteixán Manuel de Eva.
A xente de Arteixo e arredores tiña ben claro que facer na tarde-noite dos domingos. Sorprende o feito de que o maior abarrote da nova sala fose provocado por un conxunto da terriña. Unhas 1.400 persoas déronse cita na Eva para ver a un dos mellores grupos galegos de todos os tempos: Os Tamara do gran Pucho Boedo. José Ramón Campos contounos que “Pucho xa tocara de moi noviño en pantalón curto na primeira época que meu sogro rexentara o salón de Pardo. Eran moi bos amigos. Cando Os Tamara viñan tocar a Arteixo, Puchiño sempre lle traía uns garrafóns de caña a Manolo 'de Eva'. Recordo que andaba co pelo largo. En 1958 aínda non había esa moda e coidado… el xa ía coa súa media melena tapándolle as orellas. Nacera adiantado aos seus tempos. Cando veu á nosa sala cos Tamara xa fixéramos a ampliación do local. Eso creo que foi en 1975. Nunca tanta xente houbo na Eva. Non se collía nin abaixo, na zona de baile, nin arriba, que, despois da reforma, era onde estaban as mesas, as sillas e a barra. Non se podía andar dun lado ao outro. Alí non collía unha mosca.”
Aqueles marabillosos anos da sala da Eva… aquela música dos Tamara:
"...cando a luíña aparece
e o sol nos mares se esconde
todo é silencio nos campos,
todo na ribeira dorme..."
Nos bos tempos da sala de festas da que estamos a falar, era común que actuasen alí os Satélites, os Españoles, Sintonía de Vigo, os Key, os Trovadores ou os Players, que por aí adiante estaban consideradas unhas excepcionais orquestras. Mais non todo era música ou baile. Moitísimos matrimonios téñense fraguado nesta sala, parellas que hoxe superan os 60 anos e que ían á Eva a bailar, ou a mocear, ao tempo que bebían os seus primeiros cubalibres. Mais tamén había quen armaba lea cada domingo. José Ramón Campos recorda que “nunha ocasión houbera un follón moi grande fóra da sala, ao acabar o baile. Aquilo fora unha verdadeira batalla campal. Aquel día actuaran Os Satélites e, cando estaban cargando o equipo e os intrumentos na furgoneta, uns trinta mozos empezaron a estacazos contra outros trinta. Daquela non había os edificios que hai hoxe, claro. E andaban polo medio das leiras con paus das obras! O follón chegara ata o bar de Dionisio, que estaba ao carón do cine. Un dos grupos era unha banda da Coruña que se chamaban os 'Diablos Rojos'. Eran terribles. Algún dos mozos desa banda acabou casando en Arteixo”.
Morre Franco e chega a democracia tras 40 anos de ditadura franquista. En Arteixo, que seguía medrando vertixinosamente, Ernesto Pampín é nomeado Alcalde como resultado das primeiras eleccións municipais democráticas celebradas en abril de 1979. Pampín ía permanecer no cargo ata setembro de 1982 que, curiosamente, foi cando Manolo 'de Eva' dixo:
-Os anos non pasan en balde. Ata aquí chegamos!
Camiño dos 72 anos, o que fora precursor da movida da bisbarra xa non tiña, obviamente, a enerxía de antano para seguir á fronte do negocio. Unha sala que lle alugou a dous socios que a mantiveron aberta durante catro ou cinco meses, ata finais de 1982, que foi cando pechou definitivamente a Eva.
Manolo Díaz, máis coñecido como Manolo 'de Eva', finou o 19 de xullo de 2006, aos 95 anos de idade. A súa sala, na que actuaran os mellores artistas da época e na que tantos matrimonios de Arteixo se fraguaran, foi derrubada en xuño de 2021.
Imaxe actual do lugar no que estaba a Sala de Festas Eva |
FONTES:
CUNS LOUSA, XULIO & VEIGA FERREIRA, XOSÉ M.ª (2006): Orquestras populares das Mariñas; Betanzos: Concello de Betanzos.
IGLESIAS GARCÍA, VÍCTOR (2017): A sala de festa Eva, relato publicado no libro Crónicas de Arteixo, Xabier Maceiras, Edicións Embora, Ferrol.
O pianista dos Satelites e Jacinto Paredes de Borneiro e o primeros e o chofer
ResponderEliminarGraciñas!
Eliminar