domingo, 15 de xaneiro de 2023

O "PINO MACHO" DE VILARRODÍS E OUTROS REMEDIOS PARA A TOSFERINA

  Ata non hai moito, cando o instrumental e os medios non eran os actuais, os nosos devanceiros recorrían aos remedios caseiros e ás crenzas populares para curar enfermidades como a tosferina ou tose ferina, doenza infecciosa e moi contaxiosa producida nas vías respiratorias que causaba terror nas nais de antano.

  Esta doenza combátese dende hai décadas coa chamada vacina da tosferina ou pertusis, que aos bebés se lles aplica dentro da vacina hexavalente, administrada aos 2, 4 e 6 meses para protexelos ante seis enfermidades: o tétano, a difteria, a poliomielite, o Haemophilus influenzae tipo B, a hepatitis B e a devandita tosferina. Aos 18 meses se lles administra dentro da vacina pentavalente, que serve para previr cinco enfermidades, que son as mesmas que a hexavalente mais sen a dose de hepatitis B. E logo, dos 4 a 6 anos, adminístrase dentro da vacina trivalente, xunto ao tétano e a a difteria. Mais un momentiño. Despois de deixar estos datos enriba da mesa, viaxemos do presente ao pasado para saber o que facían as nosas avoas para atallar a tosferina e que remedios utilizaban para combatela.

   Unha das crenzas máis arraigadas naqueles tempos era a que dicía que os enfermos curaban levándoos xunto a un “pino macho” con resina, onde tiñan que dar nove voltas (e unha sen contare) ao seu arredor recitando oracións ou frases como esta:

Tos ferina,

vaite ao piñeiro de resina!

   Seica en cada volta os doentes tiñan que escupir a un punto fixo que tivera resina e, feito o remedio inicial, había quen levaba un anaco da casca do piñeiro macho para os seus respectivos domicilios e continuar alí coa “segunda fase” do proceso. Polo que nos contou a señora Peruca de Orxeira, veciña da Baiuca que residiu boa parte da súa vida no lugar de Laxobre, en Vilarrodís había un “pino macho” ao que acudía cando era nena. 

 

Imaxe dos anos 60-70 da aldea de Vilarrodís (Cortesía de Isabel Martínez)

“Levábanme meus tíos para que me pasara a tosferina. O pino estaba na aldea vella de Vilarrodís nun terreo dos do Americano. Eu era moi nena e recordo que había que dar voltas arredor del mentres unha señora, que creo era dos do Americano, rezaba un Padre Nuestro ou outra oración. Despois de facer o remedio, os tíos collían un cacho de casca do pino e levábano para Laxobre, onde o colgaban na porta do hórreo. Dicían que tiña que estar onde lle dera o aire do mar. Eu, tose que tose, miraba para a casca e respiraba ese aire”.

 

En primeiro plano o hórreo e a casa de Laxobre na que se criu a señora Peruca (Cortesía de Víctor Dopico)

  Marisa Roibal, veciña de Mins, parroquia de Loureda, que casou en Uxes hai máis de sesenta anos, falounos doutro remedio que se facía antigamente para atallar a tosferina. “En Loureda aos nenos mandábannos ao monte a recoller follas dunha planta que lle chamaban codeso. Traiamos unha bolsa delas e despois os maiores machacábanas ben machacadas. Logo espremían nun trapo o líquido que ía soltando as follas. Os cativos tiñamos que beber ese zume, que sabía a pestes, para que nos pasara a tosferina”. 

 

Adenocarpus complicatus, chamada comúnmente codeso (Wikipedia)

   Blandina Naya, díxonos que nos anos 50 ao pouco de casar no Rañal e ser nai de Fina, a súa única filla, foi “nunha ocasión á casa vella de Fontes, no Barral, pola zona do Alto de Arteixo, a buscar follas dunha planta que tiñan alí que lle chamaban a “figueira da tosferina”. Non sei que tipo de planta era. Recordo que era grande, como unha desas plantas de picos que se ven hoxe nos xardíns. Os de Fontes déranme unhas follas ou unha póla que espremín ao chegar á casa, e logo dínlle a Fina ese líquido. A nena tería 3 ou 4 anos; xa non acordo se o remedio fora efectivo ou non… naqueles tempos era o que había”.

    Outro remedio para atallar este mal foi o que nos contou en Santa Icía, na parroquia de Morás, Alejandro Castro Román, que nos dixo que antigamente, segundo lle escoitou aos maiores do lugar, para curar a tosferina seica levaban aos pequenos á ponte por onde pasaba o tren para respirar o fume que botaba a locomotora.

 

Vía ferroviaria de Santa Icía, actualmente anulada (Xabier Maceiras)

    Tamén nos falaron da semente do toxo e da chorima, as flores desta planta que tinguen de amarelo os nosos montes, como remedio para combater a doenza da que estamos a falar. As chorimas secábanse e despois fervíanse para tomar en infusión. As sementes, que seica é onde está a maior concentración de cistina, parece ser que eran aptas para elevar o ton cardíaco para combater a tosferina, a asma e a dor de cabeza.

 

Toxo oceánico (Xabier Maceiras)

    Xabier Monteiro Graña conta na revista cultural Columba que “para curar a tosferina dábase de beber auga de fungo; nun frasco de boca ancha botábase un fungo que, ao cabo dun tempo, ía medrando ata ter a forma dunha medusa. A auga que se formaba dese fungo era a que se bebía1” para sandar a tosferina.

    Na procura de remedios para curar a enfermidade, tamén sabemos que os nosos avós recorrían ás propiedades curativas das augas do mesmo xeito que o facemos hoxe. Eu non sei vós, pero un servidor, cando non ten o ánimo que debe ter, unha ollada dirixida ás augas resulta ser de natureza benfeitora. E neste sentido cómpre sinalar, como así nolo conta Vítor Vaqueiro na súa marabillosa obra Mitoloxía de Galizaque ver a roda dun muíño en canto moe, ou o fluír dun río ou regato, son bos remedios para curar a tose ferina. Igualmente, xa no medievo as augas considerábanse elementos eficaces para sandar a sarna2.

  A medicina popular tradicional está recoñecida pola OMS (Organización Mundial da Saúde), entidade que a ten definida como “a suma total de prácticas, coñecementos e habilidades baseadas nas crenzas, teorías e experiencias indíxenas das diferentes culturas, destinadas ao mantemento da saúde, prevención, diagnóstico, mellora e tratamento das enfermidades físicas e mentais”. Tamén é coñecida por “etnomedicina”, é dicir, a medicina tradicional dos pobos.

   Como traballador da memoria, e como neto de 'Carme do Médico' que é quen escribe, non queda outra que seguir recollendo esta parte do noso pasado do que prometemos seguir publicando no futuro nestas Crónicas de Arteixo.

  Ata a semana que vén!


FONTES:

FILGUEIRAS REY, ANA & RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ, TOMÁS (2000): Estudio Antropolóxico na Área do Xacemento Castrexo de Elviña, A Coruña. Programa Elviña. Estudios Plan Director. Plan Director del Castro de Elviña. LAFC/GIArPa, IIT, USC.

GARCÍA QUINTÁNS, MODESTO (2008): El Ayuntamiento de Dumbría. Historia, tradiciones y costumbres. Deputación da Coruña.

MONTEIRO GRAÑA, XABIER (2017): Medicina e sabiduría popular tradicional na antiga Terra de Serantes. Cultura Espiritual. Etnografía. Columba Revista Cultural, nº 17. Asociación Cultural Columba, Cobas, Ferrol.

SÁNCHEZ, LUISA (2021): El "toxo" y sus propiedades curativas. La Región, 15 de febreiro.

VAQUEIRO, VÍTOR (2011): Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres. Guías A Z. Editorial Galaxia, Vigo.


___________________

1 Vid. Xabier Monteiro Graña (2017): Medicina e sabiduría popular tradicional na antiga Terra de Serantes. Cultura Espiritual. Etnografía. Columba Revista Cultural, nº 17. Asociación Cultural Columba, , Cobas, Ferrol. Páx. 9.

2 Vid. Vítor Vaqueiro (2011): Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres. Guías A Z. Editorial Galaxia, Vigo. Páx. 64.

Ningún comentario:

Publicar un comentario