martes, 20 de febreiro de 2024

A FAMILIA 'DEL ADALID' E A SÚA RELACIÓN COA PARROQUIA DE SORRIZO

  A familia Del Adalid conta con varios membros destacados ao longo da historia e algún deles, como veremos seguidamente, tivo certa relación coa parroquia de Sorrizo. O primeiro que cómpre resaltar é Marcial Francisco del Adalid de Rozas Ramírez de Arellano, verdadeiro creador da famosa dinastía de músicos da España do Romanticismo. Este persoeiro nace en 1755 na localidade rioxana de Nestares, no val de Cameros, onde pasa a súa xuventude ata que, a causa do progresivo declive dos cultivos do liño durante o último cuarto do século XVIII, a facenda familiar quedou en quebra. 

  Como tantos outros veciños da rexión, diríxese ao florecente porto da Coruña, dedicándose á industria navieira. Grazas ao desenvolvemento logrado no porto herculino coa intensa actividade comercial nas Indias, principalmente a finais do século XVIII, á vez que suministraba folla de tabaco á Fabrica de Tabacos da Palloza, tamén era distribuidor do papel timbrado do Estado nas sete provincias de Galicia. Nesa época, na que os seus barcos navegaban acotío por diante do litoral de Arteixo, tamén tece vínculos mercantís con Gran Bretaña. Adalid logra unha desafogada situación financieira e convértese nun ascendente político de ideoloxía liberal, feito que lle ía provocar non poucos sobresaltos durante os últimos anos do reinado de Carlos IV, durante a breve ocupación francesa e na época da Restauración fernandina.

    Marcial Francisco del Adalid de Rozas Ramírez de Arellano, que estaba casado coa vasca Francisca Josefa Loredo y Lalisal, convértese no principal mecenas cultural (sobre todo musical) da súa cidade de adopción, onde foron moi coñecidos os seus seráns musicais nos que se interpretaba música das escolas alemá, vienesa, francesa e británica, como así o demostra a súa fabulosa biblioteca, conservada na Real Academia Galega. Así mesmo, favoreceu os contactos culturais entre A Coruña e Londres, cidade á que enviou ao seu fillo Francisco del Adalid, e a seu sobriño, Marcial de Torres Adalid, para que estudaran co famoso compositor e pedagogo Ignaz Moscheles, herdanza que recibiría o seu neto, o gran pianista romántico Marcial del Adalid y Gurrea.

    Ao morrer na Coruña en 1821, os seus fillos Juan Antonio e Francisco Pedro Bruno del Adalid y Loredo seguen cos negocios emprendidos polo proxenitor. Anos despois Juan Antonio, afamado liberal e membro da Milicia Nacional, matricúlase en 1830 no ramo de fabricantes de vidros con “La Provisión”, unha fábrica de vidro plano que funcionaba nos terreos da antiga provisión de pan do Orzán, comprada no seu día por seu pai. Foi a primeira fábrica de vidros da Coruña, da que sairían moitos dos cristais usados nas típicas galerías coruñesas. Traballaban nela uns 50 operarios –30 de procedencia estranxeira– e estaba situada nos terreos que hoxe ocupa o colexio e igrexa dos padres salesianos, no que naquel entón era coñecido como o Areal do Orzán. “La Provisión” desapareceu en 1845, tres anos antes de que morrera Juan Antonio na súa casa do Portazgo, na parroquia de Santa María de Rutis (Culleredo).

   Seu irmán Francisco (A Coruña, 1792–1855), home tamén netamente liberal, estaba casado con Josefa Eufemia Gurrea Carbonell (A Coruña, 1804 –1836), que era filla do tamén rioxano emigrado a A Coruña Francisco Gurrea Martínez. Os dous fillos maiores do matrimonio Adalid-Gurrea, Juan Francisco e Francisca María de la Ó, falecen con moi poucos anos de idade, antes de 1834. E pouco despois, o 30 de novembro 1836, tamén morrería moi xove, con tan só 32 anos, Josefa Gurrea, deixando orfos a Marcial, de 10 anos, a Francisca Venancia, duns 9 anos, e Josefa Fabriciana, duns 7 anos. Noutra traxedia familiar, ao pouco tempo tamén finarían as dúas cativas máis novas.

   Do desconsolado Francisco sabemos que tiña propiedades na parroquia de Sorrizo, aínda que descoñecemos se os terreos foran herdados por vía paterna ou se os comprara o propio Francisco. O caso é que, con motivo do reparto da contribución extraordinaria de Guerra, na acta municipal da sesión plenaria celebrada o 28 de xuño de 1841 en Arteixo, aparecen varios terratenentes forasteiros vencellados ao municipio arteixán: o Señor de Láncara e o conde de San Román con Oseiro; os herdeiros de Ramón del Río e Antonio Pardo con Suevos; Andrés Rojo e Juan Villardefrancos con Pastoriza; Antonio Loriga con Lañas; o Conde de Ximonde con Armentón e Monteagudo; José María Romay e Antonio Pardo Osorio con Loureda; e, por último, o nomeado Francisco del Adalid con Sorrizo.

   Ao tempo que levaba a actividade comercial e navieira que deixara seu pai, en 1843 Francisco ocupa o cargo de rexedor do Concello da Coruña, cidade na que faleceu en 1855.

    O único fillo que lle sobreviviu, Marcial Francisco Juan Bartolomé del Adalid y Gurrea, máis coñecido como Marcial del Adalid, ía recibir unha ampla formación cultural e artística, de xeito especial no eido musical no que se iniciara no ambiernte familiar e guiado polo organista da Colexiata da Coruña. A moi curta idade, Marcial xa interpreta obras dos compositores máis afamados, sempre en temas de calado romántico. Grazas a posición privilexiada da súa familia pode asistir a óperas, viaxar polo estranxeiro, acudir a concertos e coñecer a diversos autores persoalmente. En 1844 viaxa a París coa intención de estudar con Frédéric Chopin, soño que non puido cumprir. Trasládase a Londres, onde estuda desde 1844 ata 1849 con Ignaz Moschels, discípulo de Beethoven. Seu pai Francisco seguíalle permitindo estar desligado do negocio familiar e dedicarse por completo á súa actividade musical, recluíndose no Pazo de Lóngora (Liáns, Oleiros). Volve a París, onde parece ser que recibiu os consellos de Franz Liszt. 

 

Marcial del Adalid Gurrea

   Marcial del Adalid era home de notable cultura literaria, e en moitas das súas obras cítanse a coñecidas figuras do Romanticismo, como José de Espronceda, Alphonse de Lamartine ou Lord Byron. Regresa a España e trala morte de seu pai en 1855 establécese en Madrid, dando a coñecer alí as súas obras, aínda que non logra alcanzar o soño que se propuxera de estrear en París a súa ópera Inese e Bianca, con libreto italiano de Achile de Lauzières (esta ópera estreouna modernamente a Universidade da Coruña o 21 de abril de 2007 en versión de concerto).

   Sobre o ano 1859 casa coa escritora coruñesa Francisca González Garrido, máis coñecida por Fanny Garrido ou polo pseudónimo "Eulalia de Liáns". Muller, segundo a época, de esplendorosa beleza, Fanny acompañaría ao seu marido en numerosos viaxes e organizaría concorridos seráns musicais na residencia do matrimonio, no Pazo de Liáns, cantando incluso os propios poemas que Marcial compoñía musicalmente. 

 

  Ao igual que acontecera con seu pai Francisco, o nome de Marcial del Adalid tamén aparece nas Actas do Concello de Arteixo, concretamente na sesión do 7 de marzo de 1872 na que consta o seguinte:

Se dio lectura de otra instancia presentada por Don Marcial del Adalid y Gurrea de Santa Eulalia de Liáns en que manifiesta que careciendo de título de pertenencia de varias fincas que posee en el barrio de Sorrizo pide se certifique a su continuación de lo que resulte de los repartos de contribución territorial con objeto de inscribirlo en el Registro de la Propiedad y la corporación acordó se le expida recibiéndose antes prueba testifical.” 
Acta do Concello de Arteixo do 7 de marzo de 1872

   Nesa época Marcial vivía o que se cadra foi a etapa máis frutífera en canto á creación da súa obra, principalmente composta para piano e amosando influencia de Frédéric Chopin. Ademais, tamén se preocupa pola música galega, publicando en 1877 os primeiros cadernos da colección Cantares viejos y nuevos de Galicia”, a súa obra de maior fama e que non se vería publicada na súa totalidade ata despois da súa morte, chegando a un total de vinte e seis cancións, quince delas orixinais e nove harmonizacións de melodías tradicionais. Vaia como exemplo, o acompañamento musical que fixo para a siguinte canción popular (a letra é coñecida por moitas persoas pero descoñecen quen compuxo a música):

Non te quero por bonita

Non te quero por bonita,
que xa sei que non o és,
quérote por moreniña
e pola lei que me tés.

N’aquela corredoiriña,
en aquel anoitecer,
o qu’entrambos nos xuramos
ti-lo sabes, eu tamén.

Miña vida está en teus ollos,
miña morte está tamén,
dame a vida ou dame a morte,
para min todo está ben.

   Marcial del Adalid foi, por tanto, o primeiro gran creador da melodía galega, que tivo a súa continuación en compositores como Pascual Veiga, José Castro González (Chané”) ou Xosé Baldomir, o que supuxo unha aportación musical básica ao Rexurdimento.

 

Marcial del Adalid

   Porén, boa parte da obra do noso homenaxeado permanece inédita. A precaria saúde da que sempre gozou íalle reproducir unha antiga doenza hepática que abocou a que Marcial del Adalid morrera dun xeito prematuro no seu Pazo de Lóngora, recibindo sepultura no cemiterio de San Amaro da Coruña a finais de 1881.

   A herdeira de Marcial del Adalid e Fanny Garrido foi a súa única filla, a pintora María de los Dolores del Adalid y González Garrido, quen, sen descendencia, doou a biblioteca de seus pais á Real Academia Galega. As restantes propiedades, entre as que imaxinamos que tamén estarían os terreos de Sorrizo, foron legadas á congregación relixiosa dos Salesianos.

María de los Dolores del Adalid y González Garrido

FONTES:

Concello de Arteixo, Arquivo Municipal, plenos do 28 de xuño de 1841 (Caixa 1841 C-1) e do 7 de marzo de 1872 (Caixa1872 C-3)

Fernández Caamaño, J.M. (2016): Una saga familiar con historia, El Ideal Gallego, 25 de setembro.

Quirós Rosado, Roberto: Marcial Francisco del Adalid Ramírez de Arellano, Real academia de la Historia.

Touriñán Morandeira, Laura (2021): Marcial del Adalid (1826-1881): un capítulo único de nuestra Historia de la Música Española y Gallega. En Camiños do Coñecemento e Experiencia 2020. Santiago de Compostela: Campus na nube USC, 2021.

Ningún comentario:

Publicar un comentario