mércores, 14 de febreiro de 2024

O ENTROIDO DE LOUREDA

   Despois de recordar ao longo das últimas semanas como se celebraba o Entroido nas parroquias de Monteagudo e de Morás, hoxe, no día da Queima do Meco, continuamos coa nosa particular viaxe carnavalesca arteixá facendo parada en Loureda.

  Grazas ao marabilloso traballo que realizou na década dos anos 90 o admirado Víctor Iglesias, sabemos que a principios do século pasado o persoal con espíritu carnavalesco ía por toda Loureda repartindo o meco a base de coplas ben argalladas nas que non se salvaban nin os veciños máis respetados e queridos da freguesía. Un dos mozos, habitualmente de pouca escola e moita intelixencia, facía de cura e realizaba o responso tocando o corno (un corno de boi).

   Naquela hora había choqueiros borralleiros, que lles tiraban borralla aos que se rían deles e mascaritas e mascaritos que daban a nota máis colorida. Choqueiro era calquera. O mérito era facer de mascarito ou mascarita. Os mascaritos escollidos, que tiñan que ir a cara descuberta, eran os mozos máis altos e garridos de Loureda, e por suposto, os que mellor bailasen o suelto. Vestían o traxe típico do país, feito de estopa, co seu chalequiño branco e coa chambra de liño. O domingo de Entroido os mascaritos ían co seu traxe un pouco máis adornado do normal. Levaban unha banda vermella que lles cruzaba o peito, e mesmo había quen adornaba a súa monteira cun arado e unha grade pequeniños de madeira.

    As mascaritas vestían un refaixo de baeta colorada, con moito vuelo, e de cintura para arriba ían moi apretadiñas. Na cabeza levaban un sombreiro adornado con flores de papel e cintas de cores que preparaban con antelación durante varios días.

  Chegado o domingo de Entroido, saían todos coma en procesión levando un ramo e dúas cestas adornadas con roscas e figos que os "miróns" roubaban e os choqueiros se encargaban de recuperar.

  Xa no campo da "diversión", coa música das pandeiretas e do gaiteiro de turno, as parellas de mascaritos bailaban ata que un ousado agarraba e marchaba coa moza, que era reprendida polo mascarito no medio das risas e burlas da concurrencia.

  Os animais da parroquia de Loureda daquel tempo tampouco se libraban das entroidadas e non era inusual ver aos cans e aos carneiros cun xugo arando sen permiso as leiras dos veciños. Ou os burros con pantalóns, facendo as súas necesidades! 

 

   Non nos esquecemos dos bailes que se facían polo Entroido nos tres salóns cos que chegou a contar a parroquia. O salón do Castellano estaba en Quintán, no corazón do Val de Loureda, pegadiño á escola de Don Bartolo, nun lugar con moita vida naqueles tempos; o salón de Catoira, en Regocheo, a onde baixaba moita rapazada da Laracha e Cerceda; e o de Rumbo, no Foxo, un local ao que despois de tantos anos aínda se lle len as letras vermellas que hai enriba da porta: SALÓN DE BAILE.

 

Entrada do Salón de Rumbo

Imaxe actual do Salón de Rumbo

  Ao ir minguando o espíritu entroideiro nas parroquias do concello, dende hai xa bastantes anos as comparsas e as carrozas xa só desfilan na capital municipal, onde hoxe, mércores 14 de febreiro, remata oficialmente o Entroido do 2024 coa Queima do Meco. A comitiva sairá sobre as 19:30 h. da Praza do Balneario e realizará un percorrido polas rúas centrais de Arteixo antes de chegar ao Anfiteatro, que é o lugar onde Carmen Blanco oficiará o enterro do Entroido e a Queima do Meco.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario