Portada da revista de coplas da comparsa "Os que ninguén pode igualar nas farras do Antroido" | (Familia Castro Añón) |
"Di
o noso Director,
que
está marcando o compás,
que
nas comparsas do Antroido
ninguén
pode con Morás".
(Comparsa
“Os que ninguén pode igualar nas farras do Antroido”, Moras, 1950)
Velaí
tedes unha das coplas que compuxeron nos anos 50 os letristas de
Morás, parroquia onde a tradición antroideira foi, durante moitos
anos, signo de identidade e marca propia do lugar. Morás era, sen
ningún xénero de dúbidas, sinónimo de troula, de festa, de
esmorga, de foliada e, por suposto, de Antroido, de Antroido con
maiúsculas grazas a comparsas como “Os invencibles de Morás”,
“Os que ninguén pode igualar nas farras do Antroido”, “Os da
cacheira con filloas” ou, “Os Mariachis”.
“Aquí
estamos os “Mariachis”
que
vimos a saudar,
somos
de Morás do Medio
non
o podemos negar”.
(Comparsa
“Os Mariachis”, Morás, 1960)
Morás
do Medio, Uxes e posteriormente Souto, foron durante moito tempo os
principais centros neurálxicos das celebracións carnavalescas, a onde tamén acudía a veciñanza dos outros lugares da
parroquia, xentes da Insua, das Roxiñas, da Estación, do Martulo,
da Xesteira, de Santa Icía, de Freán, de Canzobre… xentes que
durante unhas horas esquecían as miserias da posguerra e botaban
risas a esgalla coas coplas que os letristas da parroquia compoñían
en cada Antroido!
“Ben
saben que o noso pobo
que
ten por nome Morás
moitos
xa queren chamarlle
María
Pita ou Garás”.
“Morás
novo continente
da
vida a moitos obreiros
e
cartos aos labradores
e
pon ricos aos tendeiros”.
(Comparsa
“Os da Cacheira con filloas”, Morás, 1956)
Un
daqueles letristas era Cándido López Ferreño, máis coñecido
polo alcume de “O Ghaiteiro de Morás”. Natural de Morás do
Medio, Cándido empezou a tocar a gaita sendo moi cativo e, con
tan só once anos, xa amenizaba as festas e os bailes que se organizaban
na contorna. Mais o repertorio do “Ghaiteiro de Morás” non se
quedaba só na gaita. Non, Cándido, emulando a outro gran referente
do antroido arteixán, Ricardo “O Moucheiro de Meicende”, tamén
cantaba e recitaba as coplas que compoñía el mesmo, espectáculo
que realizaba enriba do taboado que se armaba no alpendre de turno.
A
Cándido non lle quedaban atrás, nin na composición das coplas nin
no espectáculo, outros dous dos precursores da tradición
antroideira da parroquia, ambos os dous veciños tamén de
Morás do Medio. Falamos dos irmáns Castro: Jesús, máis coñecido
por Chucho “O Cacheiro”, autor segundo algunhas fontes da
primeira copla escrita na parroquia, e José Castro, avó dos amigos
Manolo García Castro, referente na defensa do patrimonio do Concello
de Culleredo, e Roberto Castro, pintor e libreiro co que tedes a
oportunidade, se algún día pasades polo seu negocio, a Libraría
Sisargas da Coruña, de facer unha alucinante
viaxe no tempo coas mil e unha historias que garda na súa memoria!
Polo
que contan os netos de José, o seu avó era o encargado de ler o
testamento. Era, por así dicilo, o “secretario palanca” de seu
irmán Chucho, que facía de “cómico Serapio” naqueles
antroidos que se celebraban en Morás nos anos cincuenta, nos
que Cándido, “O Ghaiteiro de Morás”, exercía de “director de
orquestra” e outros mozos da parroquia como Aurelio de
Calvete, Juan de Mingos ou Urbano do Estanqueiro tamén aportaban o
seu gran de area para continuar coa popular tradición antroideira do
lugar.
Un
home disfrazado de vello chepudo coa cara ciscada e a roupa
esfarrapada, outro montado nun burro cun colar de flores e axóuxeres
no pescozo… Son algúns dos
recordos que a veciñanza máis vella da parroquia mestura, na súa
memoria, con imaxes confusas de choqueiros e coas coplas coas que
botaban risas a esgalla nos anos da súa infancia e xuventude, nas que non se salvaba nin o mellor veciño e que, na época da
posguerra, eran controladas e censuradas, pois antes de recitalas en
público había que obter a correspondente autorización da Garda
Civil. Posteriormente, as coplas vendíanse pola parroquia e
arredores.
Naqueles
duros anos da represión franquista, nos
días do Antroido, que empezaba en Candeas e remataba coa queima do
meco o Mércores de Cinza, a
xente podía disfrazarse mais iso si, sempre coa cara descuberta,
unha altura na que sabemos que durante certo tempo a veciñanza de
Morás do Medio argallou máis de media ducia de comparsas.
O
sábado era o día no que se
facían as filloas e tamén o
día no se preparaban os
choqueiros que as pedían de porta en porta. Mais
o día grande era o
"Domingo de Carnaval". Pola mañá era unha obriga acudir
ao Igrexario para continuar coa tradición da poxa da carne das
ánimas, segundo a cal a xente de Morás levaba á igrexa
cacheiras, bicos, e patas dianteiras da última matanza do porco, e
tamén algunha cunca de barro con graxa derretida.
A
poxa propiamente dita principiaba no adro da igrexa á saída da
misa, que era cando se lle ofrecía a carne aos parroquianos
para que poxaran por ela. Logo, a persoa que máis ofrecía era a
que levaba a peza de carne para a súa casa, quedando os cartos a
beneficio das ánimas do purgatorio. En
moitos casos, a persoa que levaba unha peza era despois a que máis
poxaba por ela, o que habitualmente se facía por un ofrecemento.
Por tal motivo, despois de poxar para as ánimas a veciñanza
cedíalle a peza, por cortesía, a esta persoa ofrecida para que a
levara de volta para a súa casa.
Despois
da poxa, era o turno para unha
das poucas ocasións que había ao longo do ano para encher o
estómago, e aí non faltaban as visitas dos
familiares que ateigaban cada casa da parroquia e
que se xuntaban ao redor da
cacheira pregando por ser comida.
E xa, despois
do xantar,
quen máis e
quen menos, disfrazado ou non, saía das casas e armaba
unha boa troula!
Segundo Santiago
Sande Mañana, non
hai moito aínda
quedaba
xente na parroquia
que recordaba
como
“O Cacheiro”
se
disfrazaba de
cura portando un paraugas do que colgaban restas de allos; como
“O Peisaqueiro”,
vestido de vella, facía
filloas enriba dun carro; e
como
Cándido, “O
Ghaiteiro de Morás”, recitaba as súas coplas tanto en Uxes como
en Morás do Medio.
Tamén queda xente na parroquia que lembra como,
de cando en vez, se unían a aqueles carnavais que se celebraban en
Morás as comparsas chegadas
de Feáns ou de Elviña.
O polifacético Xurxo Souto
dinos nos seus Contos da
Coruña (Xerais, 2007)
que en Elviña había dúas grandes comparsas: Calaveras e
Rexumeiros. En 1954, "(...) estes últimos disfrazáronse de “Garda Moura
de Franco” e baixaron, montados en burros, á conquista da Coruña.
Á altura da Ponte da Pedra serían interceptados pola Garda Civil.
Esa noite durmiron en comisaría, mais, aínda hoxe se mantén a gloria de tanto empeño (...)"
Precisamente
en Elviña, as mulleres da parroquia organizarían no Antroido de
1961 un partido de fútbol entre as solteiras e as casadas que
conmocionaría a toda a bisbarra xa que os obreiros negáronse a
traballar por ir velas. Dende aquela, o Martes de Carnaval é día
festivo! Dous
anos despois, no Antroido de 1963, emulando ás súas veciñas de
Elviña, as mulleres de Uxes tamén xogarían un partido de fútbol
entre as solteiras e casadas do lugar. Sen elas sabelo, estaban
facendo historia xa que aquel foi o primeiro partido de fútbol
feminino xogado no municipio de Arteixo.
Imaxe do primeiro partido de fútbol feminino que se xogou en Uxes (La Voz de Galicia, 5 de marzo de 1963) |
Os
"chascos", trolas, burradas, verbas ben argalladas para
soltalas a algún veciño ou veciña. Un meco ben equipado, cunha
espiga de millo e dous nabos, para gastarlle unha broma a alguén que
era levado á casa con algún pretexto sospeitoso, onde a este persoa
o agardaba o meco do antroido e, onde despois do correspondente
susto, a persoa convidada volvía a morder o anzol comendo algunha
que outra filloa con fíos ou bebendo café con sal a comer e beber.
Novos partidos das mulleres. Novos ataques dos letristas da parroquia
coas coplas que recitaban os Mércores de Cinza subidos ao
garda-agullas da estación do tren ou nalgún carro de Morás do
Medio. Escenificación de laconada con ingredientes tan apetecibles
coma un rato morto…
Así
irían pasando os anos ata chegar a finais dos sesenta, altura na que
o testamento e as coplas empezan a decaer, pois os letristas de
antano non seguen coa tarefa que viñan desempeñando dende os
tempos da súa infancia e xuventude. Con todo, nos anos setenta o
Antroido aínda seguía tendo peso na parroquia: as comparsas de fóra
continuaban a parar por Morás, e por aqueles días aínda se mantiñan
os "chascos" e o de "botar o antroido".
Ao
pouco da morte de Franco daríanse os primeiros pasos para a
recuperación da cultura tradicional e tamén a liberdade para
retomar as tradicións dos carnavais. Sería aí, nos primeiros anos
oitenta, cando un grupo de xente de Souto como Xosé Luis Mañana,
Manolo de Rodríguez, Manolo de Amado, Nito, Fina de Amador, Ignacio e outras
persoas da aldea pensaron que había que recuperar a tradición
antroideira da parroquia e decidiron facer unha comparsa, "Os
carnavalescos de Souto", que se empezarían a xuntar no
baixo da casa de Xosé Luis para argallar as primeiras coplas e
realizar os primeiros ensaios dos famosos enterros e testamentos do
lugar que, andando no tempo, convertiríase nunha das festas
tradicionais máis importantes do concello de Arteixo e da comarca.
“Quédense
con Dios señores,
que
non lles pareza mal,
viva
Souto e Morás
e
todos en xeral.
Dámoslle
grazas a todos
este
ano oitenta e tres,
e
que volvamos para o ano
saudalos
outra ves”.
(Comparsa “Os
carnavalescos de Souto, 1983)
Naquela altura tamén xurdiría a Asociación Cultural Queiroa, que tería
como
primeiro presidente ao propio Xosé Luis Mañana e na que tamén se
atopaban varios dos compoñentes da comparsa. Mentres que a A.C. Queiroa
daba os seus primeiros pasos realizando actividades como a
organización dunha "caravana de mulleres" seguindo o
exemplo daquela famosa película do Oeste norteamericano, ou tamén o
chamado "tren
da alegría", a comparsa “Os carnavalescos de Souto” iríase
consolidando non só no eido cultural senón tamén no comercial coa
venda das coplas.
Pouco
a pouco, a comparsa foise desvencellando dalgún xeito da asociación
e ata se fixeran intentos de “profesionalizala”. Naqueles anos
oitenta os enterros e as leituras do testamento de Souto arrastraban a
moita xente ao lugar porque tiñan moita “garra”. Nito e
Ignacio adicábanse á caza e captura das cousas que pasaban durante o
ano, tomando notas dos feitos que acontecían na parroquia ou mesmo
do que se cocía nos plenos do Concello co obxetivo de preparar a súa
sátira: o testamento. Mais este traballo era moi, moi sacrificado e
pedía moita constancia. Os principais promotores da mesma, Nito e
Ignacio, continuarían coa tradición durante uns anos, ata o
antroido de 1994, que foi cando se fixo a última leitura do
testamento do antroido en Souto. Tras case quince anos de duración,
remataba a súa andaina e, con ela, a tradición antroideira da
parroquia de Morás!
Moitos
recordos desde Morás
lles
manda o fulano,
que
se Deus non cambia a sorte
xa
os saúda pro ano.
(Comparsa
“Os que ninguén pode igualar nas farras do Antroido”, 1950)
Ao ir minguando o espíritu entroideiro nas parroquias, dende hai xa bastantes anos o Entroido xa só se celebra na capital municipal, onde neste ano 2024 a temática será o cómic. Coincidindo co recente pasamento de Francisco Ibáñez, debuxante e guionista de cómics, coñecido por ser o pai dos populares personaxes Mortadelo e Filemón e de ser tamén o creador de series como 13 Rue del Percebe, Rompetechos, El botones Sacarino ou Pepe Gotera e Otilio, a Concellería de Cultura quixo render homenaxe a este xénero artístico e por ende, a todos, os personaxes que marcaron a nosa infancia dende os superheroes de Marvel ata Snoopy, Mafalda, Tintín, Astérix e Obélix, Zipi e Zape...
Aí tedes a programación do Entroido 2024:
FONTES:
-BLANCO
REY, MANUEL. Alcaldes de Arteixo (1836-1998). Concello
de Arteixo, 1998.
-SANDE
MAÑANA, SANTIAGO. Boletín Informativo
Municipal de Arteixo nº 48
-SOUTO,
XURXO. Contos da Coruña.
Xerais. Vigo, 2007.
Xa me gustaría volver ver o carnaval da queles anos otro maceiras moitas gracias amigos
ResponderEliminarGraciñas polo teu comentario!
Eliminar