Carnaval, de carne e levare. «Quitar a carne». O carnaval é época de excesos. De celebración. O culto ás carnes antes da Coresma. Celébrase en todos os países de tradición católica, aínda que en cada recuncho do planeta coas súas particularidades. Hai puntos en común como a carne e a época do ano, mais sobre todo hai diferenzas: rituais, nomes ou aceptación... En pouco se parecen os corpos esculturais de Río de Janeiro, ou de Tenerife, ás ácidas chirigotas de Cádiz ou ás formigas rabiosas de Laza. Mais todo é carnaval. Bueno, na realidade case todo, porque en Galicia é Entroido.
Galicia é un mundo aparte, un pequeno cosmos, e cada comarca, coas súas peculiaridades. Entroido ou Antroido, segundo a zona. Desde os urbanitas de instituto que visten unha funda azul da obra na que traballaba seu pai, unha careta e, armados con petardos de mecha gorda, alborotan as rúas parando os corazóns do persoal ou dalgún asustadizo can, ata o oso de Salcedo, en A Pobra de Brollón (Lugo), que baixa da montaña para aterrorizar á veciñanza tras hibernar a gusto. Decídelle a un de Xinzo que o seu Entroido se parece ao de Verín. ¿É o mesmo un peliqueiro que un cigarrón? Existen puntos en común, como o culto á carne e ao viño en todas as celebracións. Pero moitas diferenzas.
E en Arteixo? Nestas Crónicas de Arteixo xa contamos hai certo tempo algúns aspectos dos entroidos que se celebraban no pasado nas nosas parroquias cos seus respectivos mascaritos e mascaritas, choqueiros de varredoiro, touros, burros… aspectos e pinceladas que prometemos ampliar no futuro ao resto das freguesías arteixás.
Mozas de Arteixo celebrando o Entroido nos anos 60 |
Hoxe retomamos esta viaxe carnavalesca en Monteagudo, onde nos anos 40 seica xa se celebraba un dos entroidos máis importantes da bisbarra. Dada a súa grandeza e importancia, acudían xentes de Lendo, San Román, Sorrizo, Chamín ou mesmo de Armentón, caso de Juliana, Felisa, Generosa de Cotolo e o coxo, veciños do lugar da Perillona que se desprazaban ata Monteagudo nun carro tirado por un cabalo e adornado de mimosas.
A semana anterior aos días de Entroido facíase a matanza e ao porco arrancábanselle os dentes máis grandes, para as entroidadas. Naqueles duros anos da posguerra, tempos de verdadeira necesidade, era cando máis e mellor se comía xa que o resto do ano, a meirande parte dos días, o único que había para levar á boca era caldo e broa. Polo que lle ten contado a señora Carmucha á súa neta Ana María Castro “polo Entroido, dabamosnos boas enchentas. Cacheira, grelos, filloas, buñuelos, chulas, guiso de tripas, rexóns, morcillas… Levábase a proba da matanza, algo que a min gustábame moito porque cando a levabas dábannos de comer ou algúns cartiños. Xa lle chamaban a "semana larpeira".
Unha semana antes xa se escoitaban os cornos. Oíanse ao lonxe. Era o sinal, aínda que na realidade o Entroido empezaba co mes de febreiro, o día dous, o día que casan os paxariños... día das candeas: tíralle o burro polas cadeas; o día tres, día de San Bras: tíralle o burro por detrás. Desde o día dous xa se empezaban a botar as entroidadas. Unha moi utilizada era a de debuxar un burro de papel e pegarllo ao lombo a alguén sen que se decatase.
Imaxe antiga da igrexa de Monteagudo |
O domingo empezaba a diversión. Os outros días había que levantarse cedo e facer o traballo da casa. Dábanlle de comer aos animais, ían coller a herba e alí xa falaban do que farían pola tarde. Traballábase só pola mañán, pola tarde gardábase o día santo.
O luns e o martes facíase baile na leira da Veiga, aínda que en ocasións tamén se facía nas leiras do Freixal. Era o mes de febreiro, facía frío e escollíanse sitios que fosen abrigosos. A señora Carmucha recordáballe á súa neta Ana que “eu vestíame de mascarita, poñía un vestido e colgáballe cintas de papel de cores. Non tiñamos cartos para comprar cousas e aproveitábamos o que había pola casa. No baile, que se facía con pandeiretas, tocábanse ghotas e muiñeiras. A mascarita bailaba co mascarito, que ía vestido cun traxe e na cabeza levaba un sombreiro de palla cuberto de cintas de papel. Os choqueiros ían vestidos con farrapos, as mulleres vestíanse de vellos e os homes de mulleres ou de vellas. O choqueiro tíñalle que roubar a mascarita ao mascarito. Cando este se daba conta se cadra xa íamos aló embaixo. Viña correndo para recuperarme… mira que corríamos! Cruzabamos a leira, saltabamos o esqueiro… cando nos pillaba voltabamos para o baile, e así todo o tempo”.
En Monteagudo tamén había algún que se vestía de touro. Na casa do señor Manuel tiñan o esqueleto da cabeza dun touro con cornos. No Entroido collían esa cabeza dúas persoas, tapábanse con mantas e simulaban un touro de verdade. Para facer o corpo, un ía de pé e o outro medio encurvado, que remataba a festa derreado dos cadrís. De rabo poñían un pau cebro, con ramas de espiñas na punta cheas de bosta para que ninguén se metese con eles.
Naqueles entroidos dos anos 40, a veciñanza de Monteagudo tamén ironizaba cos traballos que se pasaban nas minas de volframio. Ao parecer, algúns disfrazábanse de mineiros e outros de carabineiros. Os mineiros facían buratos na terra simulando lavar o mineral ata que chegaban os gardas para requisarlles o volframio extraído das minas, dando pé ao comezo da persecución!
Naquela hora, se te convidaban a tomar café polo Entroido o máis lóxico era que cho serviran con sal, e se che rogaban con filloas se cadra tiñas a “sorte” de morder a que levaba fíos. Os fíos eran de cerro de liño. Cando se fiaba xa se reservaba algunha madeixa para as entroidadas. Ao botar o amoado na sartén, ou mesmo na pedra, engadíanse os fíos a estas filloas que se colocaban no prato, no medio das outras, agardando a persoa “afortunada” da entroidada.
Filloas feitas pola señora Teresa |
Nos 50 e nos 60 o Entroido de Monteagudo ía continuar coa sona de antano. Arturo Varela, veciño de Armentón nado no Igrexario de Monteagudo recorda con especial cariño os traxes das mascaritas. “Eran unha cousa digna de ver. Miña nai, María, era costureira, e facía estes traxes de papel, de papel duro que non sei onde o conseguía pero que termía das costuras. Eran papeis de cores que tamén se utilizaban en tiras longas para adornar os sombreiros dos mascaritos e das mascaritas. As mascaritas ían vestidas de xeito impecable… o que pasa é que moitas veces caían e rompían o vestido.”
Hai quen recorda os traxes dos mascaritos con certo estilo militar e cun sombreiro bicudo con cintas e adornos en contraposición ao das mulleres, que era redondo, aínda que igual de adornado.
Nos Entroidos que se celebraban en Monteagudo nos anos 50 e 60 había tres días de baile nos que tocaban músicos como José Luís, integrante das orquestras Sintonía e Os Satélites; Breixo, que estaba na Banda Municipal da Coruña; Lemos de Oseiro; Daniel Mallo; Castro, que seica tamén era fotógrafo; e mesmo acudían artistas como O Xestal, músico, humorista, e, sobre todo, «contador de contos» moi querido en Bergantiños e en toda Galicia, onde popularizou temas míticos como Apaga o candil ou a Foliada de Montemaior.
O Xestal |
Os músicos contratados botaban os tres días en Monteagudo. Durmían e comían na taberna de Socorro e Antonio. Cando viña O Xestal xa vos podedes imaxinar como eran aquelas xornadas entroideiras. “Co Xestal todo o mundo quería estar na taberna porque botaba dende pola mañán ata a noite contando nos contos… era moita comedia do Noso Señor”, recorda Arturo Varela.
Mais as vidas e os hábitos da xente foron mudando paulatinamente e chegou un día no que se deixou de celebrar o Entroido en Monteagudo. Sirva este pequeno xesto, esta viaxe no tempo, para poñelo en valor e non esquecer a importancia que tivo no seu momento.
Ao ir minguando o espíritu entroideiro nas parroquias, dende hai xa bastantes anos xa o Entroido xa só se celebra na capital municipal, onde neste ano 2024 a temática será o cómic. Coincidindo co recente pasamento de Francisco Ibáñez, debuxante e guionista de cómics, coñecido por ser o pai dos populares personaxes Mortadelo e Filemón e de ser tamén o creador de series como 13 Rue del Percebe, Rompetechos, El botones Sacarino ou Pepe Gotera e Otilio, a Concellería de Cultura quixo render homenaxe a este xénero artístico e por ende, a todos, os personaxes que marcaron a nosa infancia dende os superheroes de Marvel ata Snoopy, Mafalda, Tintín, Astérix e Obélix, Zipi e Zape...
Aí tedes a programación do Entroido 2024:
FONTES:
BALADO, FRAN (2014): Guía rápida del entroido en Galicia, La Voz de Galicia, 28 de febreiro.
CASTRO REGUEIRA, ANA MARÍA (1998): O Entroido de Monteagudo, Traballo gañador do premio de investigación sobre o entroido convocado polo Concello de Arteixo en 1998 e publicado no B.I.M. nº 49.
Ningún comentario:
Publicar un comentario