martes, 18 de xuño de 2024

HISTORIA DO PEÑAROL DE LAÑAS (1ª parte)

  Soa o vento e cantan os grilos nas noites de verán no Campo da Choca e no Sanín, os terreos de xogo nos que o Peñarol de Lañas ofreceu tantas tardes de gloria aos seus seareiros. Situado nas proximidades do Monte da Angra e do castro de Castelo, onde vive a lendaria galiña dos pitos de ouro, o da Choca leva anos invadido pola daniña Herba da Pampa. O de Sanín hoxe é unha leira agrícola. Localizámola non moi lonxe do suxestivo lugar das Arcas e ao carón do camiño do Igrexario e do rego Aión, onde aínda se manteñen en pé os muíños de Freire e o do Tendeiro. Jaime Traba, presidente da Asociación Recreativa Cultural e Deportiva Fontesvellas de Lañas, falounos da represa que había no de Freire e da praia que se formaba alí co areón que traía este regato que nace na Bidueira. “Na represa deste muíño bañábanse os nenos e os xogadores do Peñarol cando non había vestiarios”, recordaba Traba.

 Á dereita da parte superior da imaxe pódese observar o Campo da Choca (PNOA 2004-2007 https://mapas.xunta.gal/visores/basico/)
Panorámica actual do terreo onde estaba o campo de Sanín. Ao fondo vemos algunhas casas do lugar do Igrexario de Lañas

   O Campo da Choca e o de Sanín parecen estar definitivamente condenados ao silencio. Mais, na memoria de moitas e moitos veciños da parroquia, aínda resoan os berros de ánimo aos seus futbolistas, aos once valentes que cada domingo defendían a camiseta do seu querido Peñarol, un equipo que durante as doce tempadas que estivo federado foi un dos grandes animadores do Campionato de Liga da chamada Zona de Arteixo.

    Corrían os anos corenta do século pasado (unha época na que non poucos arteixáns gañaban o seu pan nas minas de volframio que se explotaban nos montes da bisbarra) cando os rapaces de Lañas empezaron ao xogar ao fútbol na parroquia. Segundo nos contou Jaime Traba, “o primeiro balón que veu para Lañas trouxoo da Coruña o señor Perfeuto de Torres e os rapaces xogaban na horta do Mangolo, en Preguín”.

 

Imaxe actual da horta do Mangolo

    Nesa altura o Deportivo concentrábase con certa frecuencia no Balneario de Arteixo, recinto onde tamén estarían hospedados en maio de 1945 e en xuño 1947 os futbolistas da selección española e do Real Madrid por sendos partidos disputados en Riazor1. Se cadra, o feito de ver con frecuencia naquela época aos mellores xogadores da liga española tan cerca das súas casas puido axudar a que aqueles rapaces da parroquia decidiran que xa era hora de que Lañas tamén tivera o seu propio equipo de fútbol.

    O caso é que, aproximadamente sobre o ano 1945, Ramón de Mosende, Primitivo do Pazo e Fernando Guapito deciden fundar o Deportivo Juvenil de Lañas (bautizado igual que o Club Deportivo Juvenil, filial do Deportivo moi en auxe na época que mesmo chegaría a xogar na Segunda División na tempada 1954-55).

    A nova entidade de Lañas empeza a xogar os seus primeiros partidos nos torneos amigables que habitualmente se organizaban polas festas de verán ou mesmo nalgún día sinalado do inverno.

    O Campo da Choca foi o escenario dos primeiros enfrontamentos que o Deportivo Juvenil de Lañas disputou como locatario dun xeito máis ou menos oficioso. Hoxe chégase alí de xeito doado pola estrada que conduce ao repetidor de Barrañán, mais naqueles “tempos incestuosos”, como dicía o poeta Manuel María, os contendentes atravesaban a pé os carreiros do Monte da Angra, algún deles, seguramente, mirando ben polos arredores a ver se vía a popular galiña e aos seus pitiños de ouro.

 

Aspecto do Campo da Choca na actualidade

   Un dos primeiros partidos disputados neste campo foi o xogado o 1 de novembro de 1950 entre o cadro local e o Laracha, enfrontamento que ía rematar coma o rosario da aurora e que mesmo tivo certa repercusión na prensa herculina. O xornal La Voz de Galicia, cun titular no que anunciaba que “El Laracha gana, pero no hay trofeo”, informaba sobre este enfrontamento dicindo que ”con motivo de la festividad de Todos los Santos, se celebró en Lañas un partido amistoso de fútbol entre el equipo titular y el Laracha F.C.. Faltaban dos minutos para finalizar, y ganaba el Laracha por 2-1, cuando a causa de una discusión, se suspendió el partido, no efectuándose la entrega del trofeo en disputa al equipo vencedor, ya que el Lañas, que lo donaba, se negó a ello”2.

    Casualidades da vida, consultando a hemeroteca de El Ideal Gallego para documentar o libro 100 anos de futbol en Arteixo e A Laracha que publicamos no 2021, tivemos a sorte de atopar un tesouriño etnográfico titulado O equipo da Laracha nun especial dos anos oitenta, con sinatura de Manolo Negreira, dedicado ás festas da vila larachesa no que, a xeito de cuartetos, poñíase de manifesto con certa retranca o acontecido naquel partido xogado no Campo da Choca en 1950:

 

Laracha F.C

foi xogar a Lañas

pero de volver

non lle quedaron ganas.


Non vaiades pensar

que che foi por medo

pois o noso medo

sodes moi pequenos.

 

Mirade o que é xogar

cos da aldea

que perden a copa

e quedan con ela.


Perde o noso equipo,

tamén tivo xenio

despois xa lla daban

e non a quixeron.


E as trangalladas

acaban así,

que os de Laracha

non volven alí.


E os do salón

xa rabeaban coa xente

porque lles marchaban

pra casa de enfrente.


Tirade a orquesta

e o acordeón

que os da Laracha

non van ao Salón.


Bailade a Muiñeira

e bailade a Jota

e despois viredes

pola nosa copa.


Non teñen vergonza.

Non a conocen.

Xa o di o refrán,

o roubado non loce.


E de xogar copas

non quedan vezados

que pola primeira

van ben escalados.


No campo de Lañas

avergonza o dicir

que tivo que acudir

a Guardia Civil.


E eso os de Lañas

téñense por listos

van vir retratados

na caixa de mistos.


Para hoxe está ben,

deixalos en paz,

que o día primeiro

havos de acordar3.

    O Deportivo Juvenil de Lañas ía continuar xogando baixo esa denominación durante varios anos máis, ata que en 1956 Domingo Barreiro Barbeito (Domingo do Pazo), Luciano Naya 'O Listero' e Antonio 'da Casilla' decidiron cambiarlle o nome. Dende aquel momento o equipo pasou a chamarse Peñarol, un cambio que viñera dado pola enorme popularidade da que gozaba o seu homónimo sudamericano ou, se cadra, porque Domingo tiña familia en Montevideo: seu irmán Primitivo (Primitivo do Pazo), que segundo as informacións da súa filla Adriana Barreiro Díaz, emigrou a Uruguai en 1954.

 

Escudo do Peñarol de Lañas

   Precisamente, certo tempo despois (sobre 1960), o propio Domingo ía emigrar á capital uruguaia, cidade na que continúa residindo aos seus 82 anos de idade. En Montevideo tamén vive Primitivo, que vai camiño dos  98 anos.

Domingo e seu irmán Primitivo en Montevideo en maio do 2024 (Cortesía de Adriana Barreiro Díaz)


(CONTINUARÁ...)

_____________

1 O 6 de maio de 1945, con motivo da inauguración oficial do estadio, xogouse en Riazor o partido España-Portugal (4-2). O 22 de xuño de 1947 disputouse en Riazor a final da Copa del Generalísimo (actual Copa do Rei) entre o Real Madrid e o Español, que rematou 2-0 a favor do cadro merengue.

2 Vid. La Voz de Galicia, 5 de novembro de 1950.

3 Vid. “O equipo da Laracha”. El Ideal Gallego, 15 de agosto de 1989. “Fiestas en Laracha”, páx. X.

Ningún comentario:

Publicar un comentario