Á unha da tarde do luns, 12 de abril de 1897, a lancha Victoria zarpaba do porto de Malpica cun cargamento de táboas de pino destinadas á fábrica de tabacos da Coruña, industria manufactureira que se puxera en marcha en 1808 e que naqueles últimos anos do século XIX alcanzaría o seu punto máis alto de emprego, con 4.000 operarias nos diferentes traballos de elaboración e funcionamento da tabacaleira, a cifra máis elevada da súa historia.
Tripulaban a embarcación o seu patrón e propietario, José Martínez, e os mariñeiros José Torrente, veciño de Pontedeume; Miguel Leira e Manuel Leira, de San Salvador de Maniños (Concello de Fene); Juan Cierto, Juan Ríos, Ramón Vila, Evaristo Vila e José Fernández, estes dous últimos con domicilio na parroquia de San Martiño do Porto (Concello de Cabanas). Agás Miguel Leira, que contaba 52 anos, todos os demais eran mozos de 24 a 25 anos. Embarcaran tamén en Malpica con varios paxes de peixe, Dolores Garrido, Ramona Varela, Dolores Varela, Manuela Castiñeiras e Dolores Blanco, cinco mulleres que ían a cidade herculina a vender os seus produtos. Ramona e Dolores Varela eran irmás dun personaxe con sona na Malpica da época, o ilustre Ignacio Varela, tenor galego nado nesta vila mariñeira no ano 1864.1
Imaxe do tenor malpicán Ignacio Varela (Joaquín Martín de Sagarmínaga (2010): Mitos y Susurros. 50 años de lírica en España, Editorial Zumaque, Alcalá la Real, Jaén, páx. 135) |
Cando a Victoria zarpou do porto bergantiñán o tempo non era malo, mais ao pouco empezouse a notar un vento do nordés que non tardou en converterse en furacanado. Naqueles intres, cando navegaban por diante do litoral de Arteixo, caería ademais, unha boa treboada que cubriría o horizonte cunha densa cerrazón. A viaxe principiaba a ofrecer gran risco, polo que o patrón decide poñer rumbo a Caión para refuxiarse neste porto.
De minuto en minuto o vento era máis ameazador e o mar ía enfurecendo de xeito extraordinario, embarcando a Victoria gran cantidade de salseiros a bordo con perigo inminente de afundirse. Tanto José Martínez como o resto dos tripulantes facían esforzos inauditos para arriar as escotas, mais o vento derrubaba sobre cuberta os mariñeiros. A confusión a bordo era inmensa, tan grande como os esforzos en van dos seus ocupantes para gobernar a embarcación á que, nun dos seus acentuados abaneos, acabaríaselle correndo a carga sobre o costado de estribor facéndoa afundir nas proximidades da enseada de Lourido.
Enseada de Lourido |
Imposible describir o acontecido naqueles intres. Os nove mariñeiros e as cinco peixeiras de Malpica, que non tiveran tempo a darse conta do naufraxio xa que viaxaban no camarote do patrón, irían nun abrir e pechar de ollos ao fondo do mar. Medios de salvamento a bordo non había, só unha pequena chalana de cabida para tres persoas que remolcaba a lancha de José Martínez. Deuse o caso de que nun dos primeiros golpes de mar a embarcación auxiliar ceibouse da principal e, tralo naufraxio desta última, quedou flotando ao garete a unhas trinta ou corenta brazas de distancia da Victoria. Os mariñeiros que foran quen de saír á superficie empezarían a nadar cara o casco da lancha naufragada que, ao envorcar, quedara coa quilla ollando o ceo. Todos menos dous chegarían a termarse dela mentres se mantivo a flote.
Tamén aparecerían dúas das mulleres. Unha delas logrou asirse a unha táboa e un dos mariñeiros, procurando salvala, apresurouse a xuntar varios taboleiros para formar, como malamente puido, unha especie de balsa que amarrou cunha corda. A esta mesma balsa, pequena e insignificante, subiríase tamén José Fernández, outro dos tripulantes que non fora quen de poñerse a salvo na quilla da Victoria, mais a ondada iríaa separando e xa non se volvería a saber máis daqueles infelices, o mesmo que da maioría dos mariñeiros que permanecían asidos na quilla da lancha, que cando afundiu definitivamente desaparecerían con ela. Só se salvarían dous: o patrón José Martínez e o tripulante de Pontedeume, José Torrente.
O patrón, que aínda divisaba a chalana, naqueles momentos de angustia nadaría vigorosamente ata alcanzala. Estaba sen remos e sen toletes. Meteuse dentro e pouco despois escoitou, moi próximos, berros desesperados. Afundíndose ás veces e saíndo outras á superficie, viu, non moi lonxe, unha das peixeiras de Malpica. Tratábase da rapaza de 18 anos Manuela Castiñeiras, que estaba apoiada nunha táboa. Subiu a moza a bordo axudado polo mariñeiro Torrente, que nadara ata aquel punto, e a continuación os tres náufragos deixáronse ir impulsados polo vento e as ondas. Pola dirección que levaban déronse de conta de que non tardarían en esnafrarse contra as rochas do litoral de Sorrizo. En vista disto tentaron dirixirse cara a Caión mais, cando querían poñer esa dirección na pequena chalana, era imposible xa que o mar rompía alí dun xeito impoñente. Terían que virar a sotavento e encamiñarse cara a enseada de Lourido, onde ao estar próximos a terra, como o arribo non era doado, Martínez lanzaríase unha vez máis a auga, para suxeitar a chalana e, entre él e o seu compañeiro Torrente, desembarcarían a Manuela Castiñeiras.
Litoral de Sorrizo |
Os tres náufragos superviventes chegarían a pé a Caión, onde son auxiliados polas forzas de carabineiros e pola veciñanza, que os recollería nas súas casas. Pouco despois, coas primeiras luces do día, saen do porto caionés varias embarcacións comandadas polo patrón Martínez cara a costa de Arteixo, co obxecto de buscar máis superviventes. Á altura do Lourido fan todo tipo de operacións para atopar á Victoria e os corpos dos náufragos mais, despois de inspeccionar durante todo o día cada punto e cada palmo do litoral arteixán, os esforzos resultarían infructuosos.
O que sí atoparon foi unha gran cantidade de madeira que a lancha transportaba para a fábrica de tabacos. José Martínez, cando andaba a procura da súa embarcación, chagaría ata o areal de Sabón, onde xa había dous carabineiros que foran a pé dende Caión. Segundo as crónicas da época, na praia había infinidade de persoas "(…) que se dedicaban, burlándose de los carabineros, imponiéndoseles por la superioridad numérica, a recoger la madera e irla apilando o cargando en carros".2
La Opinión de Pontevedra, 18 de abril de 1897 |
Aquilo resultaba verdadeiramente escandaloso. Cando viron ao patrón, ou mellor dito, cando se enteraron que era un dos náufragos, asediárono a preguntas. Acerca do seu estado? Respecto ao número de víctimas? Nada diso. Preguntaban polos cartos que a lancha levaba; se estaban colocados nalgunha caixa; cal era o cargamento da embarcación; etc, etc. Martínez, "que es un mozo fornido y valiente"3, de seguro que de non estar tan rendido faría pagar cara alí, a algúns dos presentes, a súa falta de humanidade e cobiza.
Mais nada puidera facer. Uns minutos despois daqueles lamentables feitos presentábanse en Sabón dous carabineiros máis, os do posto de Pastoriza, a quenes o patrón informou do que estaba pasando no areal. Unha vez souberon o que alí acontecía, os dous carabineiros de Pastoriza xunto aos outros dous de Caión, empezaron a arremeter contra os crebeiros arteixáns, feito que lles darían a estos máis ánimos para tratar de acometer a acción das escasas forzas da orde. Os carabineiros, véndose en apuros, dispararon varios tiros ao ar e, a continuación, detiveron os propietarios dos dous carros que estaban ateigados dos taboleiros que pretendían roubar.
Tras este lamentable incidente, o patrón e o mariñeiro dirixiríanse á Coruña e a moza Manuela Castiñeiras regresaría dende Caión a Malpica. José Torrente era a cuarta vez que naufragaba e que, por sorte para él, lograba salvarse. Martínez sería atendido na cidade herculina na casa do seu parente Ramón Casal, onde estaría durante varios días recuperándose do abatemento da traxedia na que faleceran sete mariñeiros e catro pasaxeiras; un patrón que tiña na lancha, gardados nun saquiño, 288 pesos que se cadra aínda permanecen nas profundidades oceánicas desta parte do Atlántico. Martínez tamén levaba un xiro dunhas mil pesetas endosado por D. Santiago Cachón á orde de D. Santiago Cabanillas, da Coruña.
Unhas semanas despois do naufraxio a prensa galega da emigración informaba que “(…) por ahora no se tiene noticia alguna acerca de los náufragos de la lancha 'Victoria', de Malpica, ni aparecieron los cadáveres de las víctimas. Las pasajeras Dolores y Ramona Varela, que han perecido, eran hermanas del aplaudido tenor Ignacio Varela”.4
_________
1 Ignacio Varela chegara a actuar en 1894 nas celebracións pola coroación do último dos zares, Nicolás II de Rusia. Coa súa muller, a tamén cantante Bibiana Pérez, viaxou ata San Petesburgo para interpretar Os pescadores de perlas, a ópera de Georges Bizet, no Teatro Imperial. Ao ano seguinte, “o noso Plácido Domingo”, volvería facer historia para o canto galego ao estrear en La Scala de Milán a ópera de Enrique VIII e con posterioridade, nos mellores anos da súa carreira artística, tamén actuaría en Roma con La Traviata, ao lado dunha das figuras da época, a soprano Gemma Bellincioni. Nado en Malpica no ano 1864 e fillo dunha humilde familia de mariñeiros, tras emigrar a Cuba, Ignacio Varela voltaría a Galicia, onde casa coa soprano Bibiana Pérez e, ao deixar a súa carreira musical no ano 1901, o matrimonio funda na Coruña unha escola de canto pola que pasarían algunhas intérpretes ilustres como a soprano coruñesa María Luísa Nache, que chegaría a interpretar Medea de Cherubini en La Scala de Milán xunto á célebre María Callas. Ignacio Varela, que falecería en 1923, investira gran parte das ganancias como tenor na súa vila natal, ao montar unha fábrica de salgadura de peixe. Ademais, tamén tiña en propiedade dous pesqueiros, La Conchita e Arturo.
2 Vid. La Opinión: diario de Pontevedra, 18 de abril de 1897, páx. 3.
3 Cfr. Ibidem
4 Vid. El Eco de Galicia , Buenos Aires, 20 de maio de 1897, páx. 6.
Ningún comentario:
Publicar un comentario