martes, 17 de decembro de 2024

PACO RODRÍGUEZ, O BATERÍA DE "LOS TAMARA"

 Los Tamara foron unha banda de pop que nos anos 60 e 70 gozaron de enorme popularidade. Responsables da difusión das músicas e sons de todo o mundo e do achegamento da canción popular galega ao gran público, o grupo estableceu fortes vínculos entre música e a poesía coas adaptacións, en varios dos seus discos, dos poetas galegos máis universais, caso de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Francisco Añón ou Celso Emilio Ferreiro.

  A mítica formación foi creada na vila de Noia por Prudencio Romo, un músico que levaba certo tempo tocando en varias orquestras noiesas cando decide pór en marcha o seu propio conxunto para participar nun concurso en Radio Vigo. Corría o ano 1958 e Los Tamara acababan de nacer. Prudencio (baixo, guitarra e violín) bautiza así a banda en honor ao antigo nome do río Tambre, que desemboca en Noia, debido a que pasaba por terras dos condes de Trastámara. Xunto a Prudencio, segundo conta Fernando Fernández Rego no seu libro Unha historia da música en Galicia 1952-2018”1, atopamos a seu irmán Alberto Romo (guitarra), Manolo Paz, José Sarmiento (guitarra e clarinete), Germán Olariaga (voz) e Enrique Paisal (teclados). Posteriormente uníuselles o que sería o seu líder carismático, o cantante coruñés Pucho Boedo, ademais doutros músicos como o batería Francisco Rodríguez Cotelo, de quen falamos deseguido.

 

Francisco Rodríguez Cotelo, segundo pola esquerda, con Los Tamara (Cortesía da súa familia)

   Francisco, tamén coñecido polos apelativos de Pancho ou Paco, nace en 1926 en Cabovilaño, parroquia da Laracha da que eran naturais os seus proxenitores Ramón Rodríguez Ríos e Purificación Cotelo Becerra, que ían ser pais de seis fillos máis. Pura era da familia dos de Fermelle de San Román e tiña un irmán (Plácido) que rexentaba unha taberna na rúa da Estrella da Coruña, o Bar Pura. O pobre, que bautizou a todos os seus afillados co seu propio nome, perdera unha perna na Guerra Civil e por iso a clientela denominaba o seu local 'O pata de pau'.

   Ramón e Pura eran zoqueiros, oficio que tamén ía aprender o seu fillo Pancho. Quen sabe? Se cadra os golpes do macico, da anxola, do mazo e do resto de instrumental da profesión animaron ao noso protagonista a entrar de cheo no mundo da percusión.

   Despois da Guerra, a familia Rodríguez Cotelo abandona A Laracha para establecer o seu domicilio en Arteixo, na parroquia de Pastoriza, onde naquela altura tiña moita sona a Feira da Madeira que se celebraba o 28 de setembro, véspera de San Miguel, e os luns de Pascua. Primeiramente viven no lugar do Coto e, certo tempo despois, residen nunha casa de Barrionovo. Nesa época Pancho e seu irmán Plácido, asisten ás clases de solfexo que naquela hora impartía o mestre Luís Brage na súa academia da rúa San Andrés da Coruña. Xa podedes imaxinar onde tomaban un aperitivo á saída das clases. Si, no 'Pata de pau', o bar que seu tío materno tiña na rúa da Estrella.

   De Plácido, que tamén foi batería de grandes orquestras da bisbarra, xa falamos nas Crónicas de Arteixo da semana pasada (podes ver a crónica aquí: http://cronicasdearteixo.blogspot.com/2024/12/placido-rodriguez-un-dos-grandes.html). Sigamos, pois, coa homenaxe a seu irmán Pancho Rodríguez, que era o maior dos fillos varóns de Ramón e Pura.

   En 1942, cando tiña 16 anos, Pancho convértese no percusionista de orquestras como a Orfeo da Coruña ou mesmo os Guiliades, que se chamaban así porque eran do lugar de Guiliade (Betanzos). Nos anos corenta esta orquestra foi a sensación das Mariñas ao contar cunha animadora, a lendaria Finita Gay, 'A Martela'. Á marcha de Finita contaron con outra animadora que foi Obdulia Sánchez.

   Pouco despois, sobre o ano 1944, os Rodríguez Cotelo establecen o seu domicilio en Meicende, nunha casa que había a poucos metros da actual Avenida do Butano. Nesa época, cando non tiña actuacións, Pancho segue botándolle unha man a seus pais traballando coma zoqueiro.

   Durante varios anos encárgase da percusión da Orquesta Orfeo. Compúñase aquilo dun bombo con pedal para zouparlle, un tambor, que lle chamaban 'caixa', un platillo grande, pendurado dun gancho e outros artefactos. Segundo nos contou seu irmán Plácido, nos invernos seica actuaban con certa asiduidade no Hotel Embajador, sede actual da Deputación da Coruña, e no Finisterre, curiosamente os dous edificios inaugurados en 1948. Nos veráns tocaban moito nas instalacións da Solana e, como todas as orquestras da época, nas festas parroquiais e nos salóns da bisbarra.

   Estamos xa nos 50. O noso homenaxeado coñece a Carmen Deza, unha moza de Mesoiro coa que casa na Coruña. En 1954 ía nacer Agustina (Tita) a primeira filla do matrimonio. A finais desta década é cando Prudencio Promo crea Los Tamara en Noia, onde existe un vello refrán que di: "xente de Noia campana de pau", por ser esta vila antigamente terra de zoqueiros e carpinteiros de grande monta. Tería algo que ver o refrán coa chegada do músico-zoqueiro de Meicende aos Tamara? Seu irmán Plácido, falecido recentemente, non nos precisou cal foi a primeira actuación de Pancho co lendario grupo. “O que si che podo dicir é que deixou a Orfeo para tocar con eles en Vigo e despois foi ao norte de África e a Francia. Cando marchou, eu quedei no sitio del e fun o batería da orquestra Orfeo durante algún tempo”, recordaba en novembro do 2022.

 

Los Tamara cos futbolistas do Real Madrid Alfredo Di Stéfano e Emilio Santamaría, a quenes abraza Pucho Boedo. Paco Rodríguez é o primeiro pola esquerda da fila superior (Cortesía da súa familia)

   Segundo o investigador vigués Manuel Costas, Los Tamara chegan á cidade olívica para participar nun certame de promesas de Radio Vigo e hospédanse nunha pensión en Urzaiz, próxima ao hotel Lisboa. Despois de tocar no concurso radiofónico foron contratados para amenizar os seráns na terraza da Marquesina (posteriormente o Flamingo de Príncipe) e as noites do Real Club Náutico. Nunha ocasión, cando tocaban neste lugar, chega un trasatlántico con turistas coa sorte de que nel viña Monsieur Marly e a súa familia. Marly era un importante produtor de espectáculos residente en Mónaco e encantáralle a actuación da banda galega. Mandoulles unha tarxeta á mesa na que estaban por medio dun camareiro para que se puxeran en contacto con el. Ese encontro ía ser determinante porque Marly introduciría a Los Tamara no circuito do Norte de África, unha importante rede de actuacións para o turista e o público, fundamentalmente francés2.

   O certo é que os feitos se suceden de maneira vertixinosa. Entran no circuito de actuacións do Magreb e tocan en lugares tan prestixiosos como o Casino de Orán ou o Negresco de Casabranca así como en Tánxer, facendo xiras durante tres anos seguidos por países como Marrocos, Alxeria, Tunisia ou o Líbano… e aí estaba o noso veciño, que cando integraba Los Tamara era coñecido como Francisco ou Paco Rodríguez. O alias de Pancho era para os familiares máis achegados.

 

Los Tamara nunha das súas viaxes. Á dereita, aplaudindo, vemos a Paco Rodríguez (Cortesía da súa familia)

    A viaxe resulta apaixoante. Polo que nos conta Fernando Fernández Rego, chámalles a atención o ambiente cosmopolita de cidades como Tánxer, que era porto franco, e unha urbe que parecía que nunca durmía, con tránsito de xente día e noite. Literalmente alucinan ao ver as bailarinas semiespidas do Casino de Tánxer. Mais, tras moitos meses actuando sen sobresaltos, todo se complica. Alxeria vivía tempos moi convulsos coa guerra de independencia contra a colonización francesa, con constantes levantamentos militares, e vense obrigados a abandonar o país ao recrudecerse os enfrontamentos do Fronte de Liberación Nacional (FLN) co poder colonial francés3.

   Saen de Alxeria prácticamente co posto, nun avión da Cruz Vermella que os leva a Marsella. Marly búscalles nun par de días actuacións pola zona e teñen que realizar unha escapada a Suíza para armarse cos instrumentos necesarios. En Marsella, o cantante Germán Olariaga namórase perdidamente dunha moza corsa e marcha para Córcega da noite á mañá, abandonando o grupo. Nese mesmo día Prudencio Romo chamou ao seu amigo Pucho Boedo, que se encontraba en Madrid cos Trovadores, para ver se lles podía botar unha man. A elección de Pucho sería unha das decisións máis acertadas de Prudencio, abofé. Nun abrir e pechar de ollos o da Silva chega a Marsella e aprende todo o repertorio, aínda que ao principio as cancións en francés non lle saían, como era lóxico, e tiveron que pasar moitos temas da lingua gala para o español. Con Pucho na banda, Los Tamara ían alcanzar de pleno o recoñecemento e o lendario cantante encontraría a plataforma necesaria para acadar a trascendencia á marxe do tempo e a distancia.

   De Marsella, Los Tamara foron a Suíza, Alemaña e despois á Costa Azul. A banda sempre levaba a súa terra por bandeira. A moitas das súas actuacións no estranxeiro acudían galegos emigrantes que residían nestos países. Para eles, escoitar a Los Tamara era unha forma de volver por un momento á súa terra. A emoción que sentían era enorme! 

 

Los Tamara nunha actuación nos anos 60 na que vemos ao batería Paco Rodríguez no medio da fila superior (consellodacultura.gal)

   As xiras por toda Europa sucédense. As actuacións máis soadas son as que realizan no Sporting de Montecarlo e, sobre todo, no Olympia de París, compartindo cartel con Jacques Brel e Charles Aznavour. Ata ese momento o único artista español que pisara o Olympia fora Lola Flores. Para as xiras europeas tiñan outro cantante, ademais de Pucho, Tony Preysler, que era filipino, curmá de Isabel Preysler. Falaba seis idiomas e encargábase de cantar os temas en inglés e italiano.

   É o selo francés Bel Air o que lles edita as súas primeiras gravacións, un conxunto de cinco EP que comeza con Esperanza Esperanza/ El otorrinolaringólogo/ Camino del Sahara/ Pide (Bel Air, 1962) e termina con Todo ya pasó, Joey/ El padrino lloró/ Seguir soñando/ Acurradito (Bel Air, 1963).

  A súa primeira gran actuación en España foi na sala Titos, en Mallorca, onde cantaban artistas como Frank Sinatra. Naqueles primeiros anos 60 o éxito tamén era grande en cidades como Barcelona ou Madrid como así o reflexa o xornal madrileño Pueblo nun artigo no que tamén aparece a fotografía que acompañamos:

 

Postal promocional de Los Tamara para o selo discográfico francés Bel Air. Abaixo, á esquerda, o larachés Paco Rodríguez (consellodacultura.gal)

 “Estos son los Tamara, la orquesta, posiblemente, la mejor orquesta que ha pasado por Madrid desde hace años, y que en el “rendez-vous” del Hilton ha obtenido el espaldarazo del mejor público de Madrid. Los Tamara son todos de la dulce Galicia, y han tomado el nombre primitivo de su villa natal, Noya. Sus nombres: Prudencio Romo, Germán Olariaga, Pucho Boedo, Alberto Romo, José Sarmiento, Francisco Rodríguez y Enrique Paisal. Edad media, veintisiete años. Discos Barclay. Repertorio, 250 números. Actuaciones en Francia, Suiza, Alemania, norte de África y España. Contratos firmados hasta marzo de 1963. Los Tamara son “responsables” de los llenos diarios. Arreglos fabulosos de Romo, de los cuales el de “Exodo” es el más impresionante y logrado de cuantos puedan oír”.4

   Mais, malia ao grande éxito de Los Tamara, que andando no tempo tamén ía alcanzar América do Sur, onde varias das súas cancións convertiríanse en número un, o larachés-arteixán Francisco Rodríguez decide abandonar o grupo a mediados dos 60 para empezar unha nova vida en Barcelona coa súa muller Carmen e a súa filla Tita, que naquela altura tiña 9 anos.

   Na Cidade Condal abre un restaurante ao que bautiza, en lembranza do tempo que botara no popular grupo, o Tamara. O restaurante venderíao posteriormente, e os novos propietarios chamáronlle Carballeira.

   En Barcelona Paco Rodríguez e Carmen Deza tamén ían ser pais da súa segunda filla, Elena, que nace en 1966. Nesa época o de Meicende a base de traballo, ambición e creatividade rexenta máis restaurantes, negocios que vendía cando funcionaban ben. Continúa mantendo o contacto con Los Tamara, a quen se lles atribue a gravación da primeira canción pop en galego: “Galicia terra nosa”, incluída no single Allá, allá / Galicia terra nosa / El amor/Mashed Potato Time (Zafiro, 1964), iniciando así un estilo popular enraizado na música e, sobre todo, na poesía galega, que lles daría grandes éxitos nos setenta, xunto coas súas versións dos temas máis dispares, desde Aznavour, Mikis Theodorakis e a súa Zorba o grego, Otis Redding, ata James Brown e o seu I Got You (I Feel Good), que eles versionaron co título de Soy muy feliz na cara B do famoso tema A Santiago voy (1967), e mesmo o clásico popular grego Misirlou, do que en 1994 Quentin Tarantino incluiu a versión de Dick Dale na súa película Pul Fiction.

   Ao tempo que o éxito de Los Tamara chegaba a medio planeta, Paco continuaba cos seus negocios en Barcelona, onde o noso protagonista traballou durante algún tempo co constructor galego Carlos López Conde. Posteriormente ía dirixir un complexo con piscinas e bares chamado Escala e tamén rexentou o popular Pippermint, un bar que continua aberto co mesmo nome no n.º 20 da rúa Bori i Fontestà da Cidade Condal.

   Paco Rodríguez, que foi presidente de honor do Centro Galego de Barcelona, finou en maio de 1984 aos 58 anos de idade, dous anos antes da morte de Pucho Boedo e da disolución de Los Tamara. Os integrantes orixinais reuniríanse tras a morte de Pucho para gravar en 1990 o disco homenaxe Carta a un amigo con Sito Sedes á voz. A iniciativa do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem), volveron con esta formación en 2002 co CD Agora é sempre.

   Case corenta anos despois da morte de Paco Rodríguez Cotelo en Barcelona, o seu espiritu continua a estar moi presente na capital catalá xa que a súa batería, a batería que tocaba con Los Tamara, está colgada no teito do restaurante La Taberna del Cura (Gran de Gràcia, 83) propiedade do seu amigo Moncho Neira. No bombo do instrumento reza: “RECUERDO DE LOS TAMARA DE PACO PARA SU AMIGO MONCHO.”

 

Imaxe da batería que Paco Rodríguez lle regalou ao seu amigo Moncho Neira (La Taberna del Cura)

   O empresario José Ramón Neira Pérez é o propietario do grupo Moncho's, un auténtico imperio do sector da restauración. Natural de Pol (Lugo), Neira é un daqueles galegos como o propio Paco Rodríguez que crearon excelentes restaurantes en Barcelona. En 1975 inaugurou a famosa marisquería Botafumeiro, que no seu día liderou a restauración da Cidade Condal en volume de ingresos. Actualmente ten unha quincena de negocios, sendo os is destacados o Asador del Mar, Marina Bay, Moncho's House, The Chipirón ou a devandita Taberna del Cura que, como xa dixemos, é o lugar no que podedes ver colgada no teito a batería coa que Paco Rodríguez tocou con Los Tamara.


FONTES:

Baena, Ana (2021): Manuel Costas reivindica la leyenda de Los Tamara, www.atlantico.net, 18 de abril.

Cuns Lousa, Xulio & Veiga Ferreira, Xosé M.ª (2006): Orquestras populares das Mariñas, Concello de Betanzos.

Fernández Rego, Fernando (2019): Unha historia da música en Galicia. 1952-2018, Editorial Galaxía.

Souto, Xurxo (2003): Pucho Boedo: Un crooner na fin do mundo, Documental.


_______________

1 Vid: Fernando Fernández Rego (2019): Unha historia da música en Galicia. 1952-2018, Editorial Galaxía, Vigo, páx. 22.

2 Vid: Fernando Fernández Rego (2019): Unha historia da música en Galicia. 1952-2018, Editorial Galaxia, Vigo, páx. 22.

3 Ibídem, páx. 23

4 Vid: Pueblo: Diario del trabajador nacional, Madrid, 7 de marzo de 1962, páx.14.

martes, 10 de decembro de 2024

PLÁCIDO RODRÍGUEZ, UN DOS GRANDES BATERÍAS DA BISBARRA NA DÉCADA DOS 50

   O protagonismo das Crónicas de Arteixo desta semana é para Plácido Rodríguez Cotelo, veciño de Meicende falecido recentemente que foi un dos grandes baterías da bisbarra durante os anos 50 e os primeiros 60 do século pasado.

   Plácido nace en 1932 na parroquia larachesa de Cabovilaño e era un dos sete fillos de Ramón Rodríguez Ríos e Purificación Cotelo Becerra, zoqueiros de profesión. Despois da Guerra os Rodríguez Cotelo abandonan a súa Laracha natal e establecen o seu domicilio en Arteixo, primeiramente en Pastoriza, e sobre o ano 1944 en Meicende, lugar no que residiría o noso homenaxeado ata o último dos seus días.

  Xunto a seu irmán Paco, o batería de 'Los Tamara' do que falaremos a vindeira semana, Plácido estuda solfexo na academia que o mestre Luís Brage tiña na rúa San Andrés da Coruña. Con 16 anos convértese no percusionista da Jazz Melody, unha banda na que permanece varios anos.

 

Plácido Rodríguez tocando a batería coa orquestra Jazz Melody (Cortesía de Plácido Rodríguez)

   Por aqueles días moitos músicos actuaban con diferentes formacións ao mesmo tempo, aproveitando as oportunidades que saían de traballar e facer uns pesiños. Iso de 'fichar' nunha orquestra non ía por contrato, se non por concertos e compromisos. Así foi como Plácido tocou, entre outras, coa banda de Luciano Pazos, 'O Pontevedra de Oseiro', da que tamén formaban parte dous músicos da Laracha: Carmen Mallo, 'A Maricaina' e Segismundo Regueiro, 'Segís'. Plácido Rodríguez Cotelo recorda en novembro de 2022 que “coa orquestra do Pontevedra tocabamos moito pola parte da Laracha, na miña terra de nacemento, e por iso ás veces durmía en Gabenlle, na casa do meu amigo Segís. Moi boa persoa, por certo. Tamén toquei con Carme 'A Maricaina' en Erboedo”.

   En 1950 entra a formar parte da Orquesta X, que andando no tempo ía cambiar a súa denominación, pasando a chamarse Orquesta Radio.

 

Plácido Rodríguez, de brazos abertos no centro da imaxe, coa Orquesta X en 1950 (Cortesía de Plácido Rodríguez)

  Un ano máis tarde, Plácido convértese no batería de Los Capitanes, unha orquestra de Sada moi popular na súa época que fora fundada polos irmáns Manolo e Emilio Capitán, músicos de Mondego. Los Capitanes actuaban moito en locais como La Terraza, o edificio modernista de Sada, ou no Salón Moderno, lugar que albergara o Consistorio municipal e que moitos anos despois convertiríase na Discoteca Baroke.

 

Plácido Rodríguez tocando a caixa coa orquestra Los Capitantes en 1951 (Cortesía de Plácido Rodríguez)

    Nesa altura a voz dun mozo da Ramalleira, entre a Silva e o Ventorrillo, namoraba a toda a cidade da Coruña e a boa parte da provincia. Falamos de Pucho Boedo, persoeiro ao que lle saíran varias 'noivas' ao mesmo tempo despois de triunfar de moi noviño nun concurso radiofónico. O caso é que Pucho canta en varias orquestras como a Eslava, a Spallant, Ubierna, os Mallos de Feáns, Los Capitanes ou a Oriente antes de que o chamara o director Alfonso Saavedra para ser o animador de Los Trovadores. A formación desta orquestra e a incorporación do crooner da Ramalleira deberon estar próximas no tempo, probablemente entre 1952 e 1953, tal e como figura nas fotografías cedidas por Plácido Rodríguez, que nos recordou que “cando eu estaba nos Capitanes de Sada foime buscar Saavedra para ser o batería principal de Pucho Boedo y sus Trovadores. Eu son un dos fundadores desta orquesta”.

 

Unha das primeiras imaxes da orquestra 'Pucho Boedo y sus Trovadores'. Plácido Rodríguez é o primeiro pola esquerda da fila superior (Cortesía de Plácido Rodríguez)

'Pucho Boedo y sus Trovadores'. Arriba, Pácido tocando a batería (Cortesía de Plácido Rodríguez)

'Pucho Boedo y sus Trovadores'. Plácido é o primeiro pola dereita da fila do medio (Cortesía de Plácido Rodríguez)

Plácido tocando a batería coa orquestra 'Pucho Boedo y sus Trovadores' que dirixe Alfonso Saavedra (Cortesía de Plácido Rodríguez)

    Plácido ía permanecer durante algo máis dun ano na orquestra dirixida por Saavedra e capitaneada polo animador Pucho Boedo, ata que pasou a integrar a Orfeo. “Meu irmán Pancho fora o batería desta orquesta durante bastante tempo. Ao marchar para Vigo, para tocar con Los Tamara, quedei eu no seu sitio. Eulogio Gestal, o do Mesón de Pastoriza, e seu irmán Pepe tocaron comigo na Orfeo. Polo inverno actuabamos na Parrilla do Hotel Embajador e nos veráns iamos para o Finisterre e para A Solana”.

  O noso homenaxeado casa en 1955 con Finita Gómez Longueira, veciña de Meicende (filla dos do ultramarinos Casa Cuña) coa que tería dúas fillas, Gloria e Montserrat. Ao tempo que toca a batería coa Orfeo, fai o propio na orquestra Sintonía da Coruña, na que permanece aproximadamente ata 1958, que foi cando se converteu nun dos integrantes de Los Celtas de España.

 

Placido Rodríguez tocando a caixa coa orquestra Sintonía da Coruña nunha festa celebrada en Pastoriza (Cortesía de Plácido Rodríguez)

    Os Celtas formáraos o director José María Velasco, 'Chemari', de quen Xurxo Souto escribe nos seus Contos da Coruña que “marchara, a principios dos cincuenta, a estudar canto a Madrid. Deseguido enrolouse como tenor nunha compañía de zarzuela e mesmo chegou a gravar algunha película musical. De volta á Coruña formou un grupo que -aproveitando os seus contactos cos representantes- axiña comezou a saír polo mundo co sonoro nome de Los Celtas de España (1).

  Seguindo a mesma tendencia que a sociedade galega, as orquestras proban sorte fora de Galicia. Aquí non podían tocar todo o ano. Cos rigores da ditadura, o cardeal Quiroga Palacios prohibira “aos músicos de toda arquidiciose tocar non só en Semana Santa, senón durante toda a Coresma. Moito tempo de vacacións forzosas para a economía de calquera traballadador(2).

  Este fenómeno ía adquirir notable importancia e repercusión tanto artística como económica, e moitas das nosas orquestras terían grande aceptación, entre elas os Celtas do noso prezado Plácido Rodríguez Cotelo que recordaba que “ toquei varios anos con esta orquesta e viaxei moito con eles. Recordo especialmente as actuacións en Alemaña. Alí tocamos en Heildelberg, que está cerca da fronteira con Francia; en Holf e en Munich”.

 

Plácido Rodríguez, a quen vemos debaixo da batería, na súa etapa cos Celtas (Cortesía de Plácido Rodríguez)

  Os Celtas ía ser a última orquestra na que tocou o noso protagonista, que deixou a música nos primeiros anos 60 para traballar na refinería de Meicende, onde gañou a vida ata a súa xubilación.

   D.E.P., Plácido!

 

Plácido Rodríguez e Xabier Maceiras na antiga Casa Cuña de Meicende en novembro de 2022 (Foto de José Bea)

 

FONTES:

-Cuns Lousa, Xulio & Veiga Ferreira, Xosé M.ª (2006): Orquestras populares das Mariñas, Concello de Betanzos.

-Fernández Rego, Fernando (2019): Unha historia da música en Galicia. 1952-2018, Editorial Galaxía.

-Souto, Xurxo (2001): Contos da Coruña, Edicións Xerais, Vigo.

______________ 

1.- Vid. Xurxo Souto (2001): Contos da Coruña, Edicións Xerais, Vigo, páx. 147.

2.-  Ibídem, páx. 145.

martes, 3 de decembro de 2024

DAS ESCOLAS UNITARIAS DAS PARROQUIAS AO COLEXIO CARRERO BLANCO

  A construción do colexio Carrero Blanco, actualmente CEIP Ponte dos Brozos, significou no seu momento o final da maioría das escolas unitarias de Arteixo. O centro, que cumpre agora o seu cincuenta aniversario, unificou a educación primaria que ata aquel entón se impartía nos diferentes centros unitarios que había nas parroquias e, ao mesmo tempo, o profesorado que se encargaba de impartir as clases nestas pequenas escolas pasarían a formar parte, na década dos setenta, do equipo docente do que, co paso dos anos, se convertería nun dos centros educativos máis masificados de Galicia.

Imaxe do colexio Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos, ao pouco da súa inauguración (Arquivo de Manuel Aldao)

    Antes da posta en marcha do Carrero Blanco, os nenos da parroquia de Arteixo asistían a clase á Escuela Completa Unitaria de Niños, situada na Baiúca, un centro que estivera rexentado durante máis de 40 anos por Cándido Trasende Vicente, mestre ao que un busto e unha placa na vivenda na que residiu aínda lle renden homenaxe a día de hoxe. Trasende estivo sucedido por distintos profesores ata a chegada de Santiago Mosquera Mariño, último docente desta escola e que chegaría a ser director do Carrero Blanco.

    As alumnas de primaria da capital do municipio asistían a clase á Escuela Completa Unitaria de Niñas, situada a escasos metros da dos varóns e da que Carmen Frade Giráldez sería a súa última profesora. Dona Carmen pasaría a formar parte do equipo docente do novo colexio nos anos setenta. Os máis pequenos recibían clase de parvulario, impartidas por dona Marisé, nunha escola situada no que hoxe é a rúa peonil.

Marisé co seu alumnado no campo dos Bosques a principios dos anos 70 (Cidadáns de Arteixo)

   Na parroquia de Santiago de Arteixo estaba tamén a escola unitaria do Pedregal, centro que fora construído sobre 1930 en terreos municipais. O alcalde daquel entón, Eduardo Martínez Palleiro, ordenara a súa construción coa finalidade de ter ao seu carón á súa filla, a mestra Inés Martínez Castro.

    O núcleo de Arteixo contaba ademais cunha escola privada rexentada, durante os anos 40, 50 e 60 por Julita Mosquera e os seus irmáns Pablo e Domingo Máximo.

   As outras parroquias do concello, así como algúns núcleos, contaban tamén cos seus centros educativos, como é o caso de Loureda, que dende 1893 dispoñía de escola pública.

   A parroquia de Larín contaba cunha escola unitaria para nenas. Situada en Mirón, estivo rexentada durante quince anos pola ilustre profesora e escritora Dora Vázquez. Había ademais un centro público mixto, que ao longo dos anos estaría instalado en distintos lugares como Paradela, Mirón, Coque, A Rúa ou O Igrexario. Dende 1952 ata 1954 o home de Dora Vázquez, Antonio Rodríguez, impartiría clases neste centro.

Dora Vázquez na escola unitaria de Larín (Arquivo de José Antonio López Canedo 'Cantudo')

   A escola de Armentón estaba situada no pazo de Anzobre dende 1877, cando o Concello alugou as instalacións á familia Puga, dona do pazo. A última profesora deste centro foi Carmen Lareo Galán, que ocupou a praza dende 1968 ata que se integrou no que hoxe é o CEIP Ponte dos Brozos.

   Barrañán aínda conserva, no lugar do Outeiro, a que foi unha das escolas máis antigas de Arteixo, fundada polo emigrante Antonio Vázquez, e que na actualidade é o local social de varias asociacións. A mestra Luísa Baamonde Piñón, coñecida como a Chicha, foi a encargada de pechar as portas deste centro.

   A parroquia de Lañas contaba cunha escola mixta no lugar, e pazo, de Mosende. Antonio Pérez Varela, que rexentou esta escola durante case 30 anos (1943-1970) foi o seu último mestre. O noso escritor Antón Castro, un dos seus alumnos, cualifícao nunha das súas obras de «cruel moi dado ás malleiras». En sesión de 19 de xullo 1956, o Concello dá luz verde á expropiación de terreos para a construción da Escuela Nacional de Niños y Niñas de Lañas. A muller de Antonio Pérez, Delfina Seijas Domínguez, faríase cargo da unitaria de nenas en 1961, integrándose posteriormente no Grupo Escolar de Arteixo.

Escola de Lañas nos anos 50-60 (Memorias de Arteixo)

    Durante a ditadura de Primo de Rivera construiríase, no lugar do Sixto, a escola mixta de Meicende, escola que en 1964 se desdobra en dúas: a unitaria de nenas, que estaría rexida por Carmen Arenas Quintela, e a unitaria de nenos á fronte da cal estaba Antonio Torrón Dumas. Finalmente, en 1971 daríase paso nesta localidade ao Grupo Escolar de Patronato Diocesano.

   Tamén, na ditadura de Primo de Rivera, se levantou a Escola Mixta de Monteagudo, que estaba situada no Igrexario pasando, posteriormente, ao Freixal. Segundo conta Manuel Blanco Rey en Arteixo durante la II República y la Guerra Civil1, o Concello pagaba o seu aluguer ao propietario, Manuel Ferreiro Pallas, concelleiro republicano. Esta parroquia contaba ademais con outra escola, no lugar da Cachada, dende 1961.

Escola de Monteagudo nos anos 60 (Cidadáns de Arteixo)

   Manuel Barcia Laya, coñecido coma o Peladillo, foi o último mestre da Escuela Unitaria de Niños de Pastoriza, que estaba no lugar da Campanilla. O colexio das nenas atopábase no santuario e tivo a dona Josefina como docente ata a unificación da educación Primaria no Carrero Blanco.

Dona Josefina no comedor da escola con algunhas das súas alumnas (Documental 'Pastoriza na lembranza')

  A parroquia de Morás contaba con dúas escolas: a Mixta nº 1, que estaba no lugar de Freán, e a Mixta nº 2, situada en Morás do Medio. Na primeira impartiría clase Carmen Vázquez García dende outubro de 1955 ata xuño de 1956, cando casou co daquela futbolista profesional Arsenio Iglesias. Ramona Moscoso Mene (dona Moncha) foi a encargada de suceder no posto a muller do futbolista da Baiuca, converténdose na última profesora de Morás xa que posteriormente se incorporaría ao novo Grupo Escolar de Arteixo, almirante Carrero Blanco. A escola de Morás do Medio fora o único colexio público creado en Arteixo durante a Segunda República.

Escola de Freán nos anos 50 (Cidadáns de Arteixo)

   Os cativos de Chamín e Sorrizo acudían a clase á escola mixta da Lagoa, construída en 1919 e que segue en funcionamento como centro unitario.

   En Oseiro, no lugar de Raña, había unha escola mixta que fora creada en 1899. Antes desta data, os nenos desta parroquia tiñan que ir á escola de Pastoriza. Como local escolar alugárase a casa do pai do alcalde daquela época, Generoso González Mes. Anos despois íase construír unha nova escola na rúa San Tirso, edificio que aínda se mantén en pé na actualidade.

   Os veciños de Suevos contaron dende 1919 coa súa propia escola mixta para escolarizar os seus fillos, un colexio que estaría rexentado dende 1963 ata a súa desaparición por Julia Sánchez Castelos, a última profesora do centro.

   Por último, cabe sinalar que a posta en funcionamento do colexio Carrero Blanco fora motivo de preocupación das autoridades da época. En declaracións realizadas a mediados de 1974 a un xornal herculino polo alcalde daquela hora, Víctor García Villaronga (subtenente da Garda Civil), mostraba a súa intranquilidade polo retraso na inauguración do novo centro escolar pese a que as obras remataran e as instalacións estaban perfectamente acondicionadas e xa acollían ao alumnado da capital municipal no pavillón de arriba. Finalmente, en setembro dese ano 74 o Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos, principiaba a súa andaina de xeito oficial coa rapazada das aoutras parroquias polo que neste 2024 que está a piques de finalizar, celebra o seu quincuaxésimo aniversario... 50 anos nos que cursaron os seus estudos primarios miles de alumnos e alumnas de Arteixo... 50 anos nos que impartiron clase centos de mestres e mestras... 50 anos nos que traballaron ducias de persoas nas instalacións do colexio (administración, cociña, conserxería, limpeza, etc.)... 50 anos abrindo as portas do futuro!

Moitos, moitos parabéns por estos 50 anos!


_____________

1 Manuel Blanco Rey (2008): Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil.