O voo sen motor é un deporte aéreo que consiste en pilotar
un planador para percorrer distancias e elevarse sen máis
axuda que os movementos das masas de aire no seo da atmósfera, sosténdose e avanzando aproveitando as correntes de aire. Aínda que
hai numerosos precedentes deste tipo de voos, considérase a Otto
Lilienthal como o pai do voo sen motor.
O verdadeiro comezo deste deporte realízase en Alemaña en 1920, co
primeiro concurso de aeroplanos sen motor celebrados na montaña de Wasserkuppe (Hesse). Nos primeiros
tempos desta modalidade aérea, nos anos 20 e 30 do século XX, os
planadores lanzábanse dende o alto dunha ladeira axudados por un sistema
de gomas elásticas mais, dende hai anos, son remolcados por un avión.
Na Coruña, un grupo de aficionados a este deporte ían fundar o "Club de
Vuelos Sin Motor" no ano 1932, club que máis tarde, no ano 35, pasaría a
denominarse Aero Popular Coruña. Esta modesta entidade aeronáutica nacera do
entusiasmo e tenacidade duns mozos herculinos que tiñan máis ilusión
que medios. Nun pequeno local, fronte ao vello estadio de Riazor (hoxe
colexio das Esclavas), instalaron o seu taller, local que se enchería de
contado de madeiras e ferramentas e no que montarían unha
oficina-biblioteca no interior da carrocería dunha antiga furgoneta. E
como as ansias de voo eran grandes, non tardaron en crear o primeiro modelo
capaz de voar, ao que lle chamaban "Rompepiernas". ¡Que valor para voar naquilo!
Reclamáronse planos ao estranxeiro, e o taller-escola pronto tomaría un
ritmo de traballo febril. Estudantes e mozos das máis variadas
profesións, entre os que hai que lembrar ao presidente do Club, Ángel
Blázquez; os irmáns Catoira (Ricardo e Juan); os irmáns Salgado (Enrique e
Rafael); Jovino L. Villar; Bordomás; Urresti; Díaz ou, entre outros,
Lalín Mora, convertiríanse rapidamente en carpinteiros de primeira e en
verdadeiros artesáns da madeira, sendo de admirar a execución de
traballos tan delicados como o planador "Zogling", que ía estar exposto
no salón do Circo de Artesáns de 1935.
 |
Voo sen motor na zona das praias de Alba e Sabón nos anos 30 (La Voz de Galicia, 26 de maio de 1963)
|
Construídos polas súas propias mans, daquel taller de Riazor sairían
dous aparatos: o deslizador, que pola peligrosidade nomearon
"Rompepiernas", e o "Zogling". Outro flamante planador, un C.Y.P.A.,
sería doado pola "Dirección General de Aeronáutica Civil", aparato co que
se realizarían voos de ata 34 segundos nas praias de Alba e Sabón, lanzándose dende o alto do
Monte de San Tirso, dende a zona na que leva anos instalado o depósito de auga do Polígono.
 |
Panorámica actual do Monte de San Tirso e do depósito de auga do Polígono (Xabier Maceiras)
|
Segundo as informacións publicadas na edición do 25 de xullo de 1934 do xornal La Voz de Galicia, ese lugar de Arteixo, que reunía as mínimas condicións para esta
clase de voos, pasou a historia deste deporte aéreo porque "(...)según nota que el Aero nos comunica, se hicieron marcas muy apreciables tratándose de la primera vez que en Galicia se volaba sin motor."
Así pois, Arteixo, aí é nada, foi pioneiro e testemuña
dos primeiros voos sen motor realizados na xeografía galega. No mesmo artigo, La Voz tamén informaba que "(...) a pesar de no haberse anunciado las pruebas, asistió
mucho público de Arteijo y alrededores que quedó complacidísimo de la
espectacularidad de este hermoso deporte completo como pocos y con menor
peligro de los demás".
 |
La Voz de Galicia, 25 de xullo de 1934
|
No
ano 1935 aquel grupo de heroes comeza a construción dunha avioneta
con motor, que sen dúbida algunha era a súa maior ilusión: "Le Pou du
Ciel", que tan famosa se fixera en Francia. Mais este proxecto non ía chegar ao seu fin xa que se prohibiría posteriormente a causa dos moitos accidentes provocados polas
deficiencias técnicas da súa fabricación. Os aficionados montaban o aeroplano en espazos moi reducidos e, calquera erro de milímetros nunha medida,
convertía á "pulga" nun ataúde.
 |
La Voz de Galicia, 11 de maio de 1935
|
Con todo, a "pulga" coruñesa estaba totalmente terminada (axustada aos planos de
Henry Mignet e co patrocinio de Pedro López Sors e co de Pedro Barrié de
la Maza), pendente só de recibir o motor dunha casa francesa. Mais poucos días despois comezaba a Guerra Civil, quedando truncada a
posibilidade de ver sucado o ceo coruñés e arteixán coa súa silueta.
FONTES:
Ricardo Catoira (1963): "En 1932 un grupo de entusiastas coruñeses fundó en La Coruña el Club de Vuelos sin Motor", La Voz de Galicia, 26 de maio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario