ONDE HAI UN CRUCEIRO houbo sempre un pecado, e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do ceo, polo arrepentimento de quen o pagou e polo gran sentimento de quen o fixo. ¿Tedes reparado nos nosos cruceiros aldeáns? Pois reparade (Castelao)
Sinal de identidade da paisaxe galega e expresión da devoción popular, os cruceiros levántanse en encrucilladas ou preto de ermidas, igrexas e cemiterios. Castelao dicía que un cruceiro é "un perdón do ceo" e que se erixían para facerse perdoar algún pecado. Dado que en Galicia hai uns 12.000 cruceiros (uns vinte en Arteixo), as nosas faltas deben de ser grandes... Pero tamén se di que os cruceiros protexen os viaxeiros, así que para os que andades por estas terras a protección está garantida. Benvidos a Arteixo 1900, onde, como non podía ser doutro xeito, tamén temos o noso cruceiro particular.
Coincidindo co 75º aniversario do seu pasamento, nesta edición queremos homenaxear a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo 1886-Bos Aires 1950), intelectual galego moi comprometido coa terra e co país que alcanzou, co paso do tempo, unha dimensión mítica.
Membro destacado da Xeración Nós, na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político. Ademais, estudou medicina, pero habitualmente confesaba que se fixera médico “por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
A aldea galega foi unha fonte de inspiración fundamental para Castelao. Escrita baixo un punto de vista crítico e realista, mais cunha fina ollada humorista, Cousas é seguramente a creación literaria máis orixinal que nos deixou o artista de Rianxo. Unha obra publicada por vez primeira no ano 1926, na que retratou magnificamente non só a aldea, senón tamén arealidade socioeconómica de Galicia desde a óptica de personaxes populares, labregos e mariñeiros, e pobres xentes do campo, emigrantes, cegos e desamparados.
CHÁMANLLE A ''MARQUESIÑA'' e os seus peíños endexamais se calzaron. Vai á fonte, depelica patacas e chámanlle a Marquesiña. Non foi á escola por non ter chambra que pór, e chámanlle a Marquesiña. Non probou máis lambetadas que unha pedra de zucre, e chámanlle a Marquesiña. A súa nai é tan probe que traballa de xornaleira na casa do Marqués. ¡E aínda lle chaman a Marquesiña! (Castelao)
Moitas das aldeas das trece parroquias do Arteixo de 1900 poden verse reflectidas en Cousas, abofé. A través destas breves narracións, Castelao consegue expresar a realidade esencial do pobo galego, coa observación detallada que realiza do país e dos costumes da súa terra. Unha observación caracterizada poloselementos cotiáns propios da aldea, como a pedra, o fume, as casas co tellado de tella e a vexetación que envolve a contorna, como se pode ver na descrición da “aldea esquecida” en Cousas, que ben podería ser calquera aldea das freguesías arteixás.
A PONTE VELLA XA NON REXE cos amores e as traxedias que leva no lombo e calquera día amañece afundida.
CASTELAO E ARTEIXO
A relación de Castelao con Arteixo vén da man de Picadillo, xa que os dous persoeiros coincidiran na redacción do xornal El Noroeste. O noso homenaxeado mesmo agasallou ao seu grande amigo cunha caricatura na que o afamado cociñeiro e ex-alcalde da Coruña está sentado diante dun pote, no que parece ser a cociña do Pazo de Anzobre, centro neurálxico da cultura galega da época, que moi probablemente Castelao visitou en máis dunha ocasión. Sobre este particular, Chau Fernández-Gago Puga, neta de Picadillo, cre recordar que cando era nena na súa casa había “unha foto de Castelao na galería de Anzobre e penso que fora tomada antes de que casara meu avó, pero non o podo asegurar porque eu non teño esa foto. Tamén sei que hai unha imaxe na que aparecen os dous xuntos nalgún número da revista Vida Gallega.”
![]() |
Caricatura de Picadillo da autoría do seu amigo Castelao |
Amigo dos dous era o crego e escritor ourensán Antonio Rey Soto, que paraba con certa frecuencia no Balneario de Arteixo e no Pazo de Anzobre para visitar a Picadillo. Curiosamente, Rey Soto foi o crego que casou a Castelao e a Virxinia Pereira en 1912.
Con relación á nosa zona, cousas do destino, coincidindo coa celebración do 75º aniversario do pasamento de Castelao, descubrimos recentemente un camiño esquecido que nos levou ata o Caión dos anos 40-50. Este sendeiro virtual comeza no asunto dos cegos, tan recorrente na súa obra desde que en 1914 sufrira un desprendemento de retina que o ía ter a tratamento toda a vida. Durante varios anos estivo baixo o coidado do seu amigo oftalmólogo Ángel Varela Santos, que, ademais de ser o seu oculista, mantivo con el unha grande amizade e unha intensa relación epistolar, como persoa comprometida tamén coa realidade e futuro de Galicia. Froito daquela amizade, un dos cadros de Castelao ía viaxar ata o Caión da posguerra, época na que Luis Varela Curbera, fillo de Ángel Varela Santos, era o médico da vila mariñeira.
A vea artística de Castelao parece que se mantivo sempre, dalgún xeito, oculta fronte aos seus traballos literarios ou aos indispensables idearios políticos. Con todo, os seus debuxos marcaron profundamente o subconsciente galego e algúns deles convertéronse en auténticos símbolos. Fagamos con el este camiño esquecido que nos leva ata o Arteixo 1900!
CAMIÑO ESQUECIDO que xa non vai a ningures. Un camiño calzado de pedra, inzado de silvas ensarilladas e de ortigas arnales, que se perde na boca moura dunha congostra (Castelao)
Ningún comentario:
Publicar un comentario