No pasado mes de agosto, con motivo do 60 aniversario da aprobación do decreto que daba luz verde a creación do Polígono de Sabón, publicamos unha crónica na que contamos, de xeito resumido, como se xestou este espazo industrial no que se asentan, dende hai anos, primeiras marcas mundiais que pasean o nome de Arteixo por todo o planeta (tedes a crónica ao voso dispor aquí: https://cronicasdearteixo.blogspot.com/2025/08/a-creacion-do-poligono-industrial-de.html)
Como podedes imaxinar. a historia do Polígono dá para moitos capítulos máis, abofé. Nas Crónicas de Arteixo desta semana ímonos centrar nun deles. Visitamos o encoro do Rexedoiro para falar da súa construción e da antiga Ponte de Oseiro, que quedou asolagada baixo as augas deste espazo que na actualidade acolle unha moi interesante diversidade de aves acuáticas reprodutoras e invernantes.
Mais, antes de mergullar polas augas da presa, imos ver o que nos conta María Rozamontes Vázquez sobre o significado do topónimo O Rexedoiro:
“Como outros topónimos idénticos espallados polo territorio galego, este nome facía alusión en orixe ó ruído dun cachón ou fervenza nunha corrente fluvial. En orixe sería, polo tanto, O Ruxidoiro ou O Roxidoiro, como aínda lle chama algunha xente de vello. Os Rexedoiros é un núcleo de poboación da parroquia de Larín, por onde pasa un regato que lle dá as súas augas ó río que desemboca na praia de Barrañán. Na parroquia de Pastoriza está o núcleo do Rexedoiro. O encoro do Rexedoiro está no Polígono de Sabón e nas súas augas están asolagadas A Ponte de Oseiro, A Ponte de Tabardón e A Ponte das Pedras. Había unha casa, catro muíños e unha fervenza. O topónimo alude sen dúbida a esta última. O encoro, que se construíu a principios dos anos setenta constitúe un lugar de paso e cría de aves acuáticas onde aniñan especies como as fochas e as garzas reais, aproveita as augas do río Seixedo, duns 13 km de percorrido desde o seu nacemento no Monte das Arcas ata a súa desembocadura na praia de Alba. Recibe aportacións de pequenos regatos a unha e a outra banda da conca. Rega as parroquias de Morás e Oseiro.
Etimoloxicamente proveñen do latín RUGITORIU, derivado de RUGIRE ‘ruxir’ ”1.
Sobre o encoro do Rexedoiro sabemos que o proxecto para o seu saneamento e construción aprobouse o 30 de xuño de 1968 e que as obras de abastecemento e saneamento foron adxudicadas o 14 de decembro do mesmo ano á empresa madrileña “Ingeniería y Construcciones Duce S.A.” en 32.523.668 pesetas, cun prazo de execución de 18 meses. Estas obras comprendían a construción do encoro que estaba previsto que ocupase unha superficie de 561.969 m², cun volume de 1.872.660 m³ de auga represada por un encoro de planta recta con altura total de 16 metros e o aprovisionamento de auga ás parcelas industriais polo sistema de bombeo desde o encoro ata un depósito regulador de 10.000 m³ de capacidade que se levantaría no punto máis alto do Polígono: o Monte de San Tirso2.
Finalizadas as obras, e aínda que nun principio o levantamento de Actas de Expropiación rematara o día 29 de abril de 1970, a Deputación Provincial da Coruña faría, posteriormente, novas expropiacións a partir de marzo de 1973 de “fincas que, situadas fuera del área delimitada como Polígono Industrial de Sabón-Arteijo, resultan afectadas por enajenación de las augas que configuran el embalde de Roxedoiro, que presta servicio de abastecimiento al indicado Polígono (...)”3.
Lugar de Rañobre antes da construción do Polígono. Á esquerda da imaxe, vense moitas das leiras asolagadas polas augas do encoro do Rexedoiro (La Voz de Galicia)
Antes do asolagamento das terras que hoxe ocupa o encoro, a xente podía cruzar o río Seixedo por varias pontes que había na zona da que estamos a falar. A máis antiga era a Ponte de Oseiro, unha estrutura de características similares á Ponte dos Brozos. Pendente de estudos e investigacións detalladas, todo apunta a que, como mínimo, este tesouriño asolagado é de orixe medieval. O que si sabemos con certeza é que a Ponte de Oseiro formaba parte do Camiño Real da Coruña a Fisterra.
No 2020, aproveitando unha baixada do nivel das augas do encoro que deixaron parte da estrutura ao descuberto, a arqueóloga Puri Soto, Hugo Traba, o realizador Fran Naveira e un servidor elaboramos unha peza audiovisual sobre a devandita ponte, unha peciña de 5 minutos na que quixemos destacar a importancia de aprender a mirar as paisaxes pretéritas como é o caso deste punto de Arteixo, onde se abre a porta á Costa da Morte. Aí a tedes:
______________
1 María Rozamontes Vázquez (2003): Arteixo de onte a hoxe. Volume II. Notas xeográficas, históricas, artísticas, lingüísticas, culturais e industriais sobre o Concello de Arteixo. Edita: Concello de Arteixo (Departamento de Normalización Lingüística), pp. 100-101.
2 Xabier Maceiras (2019): Sabón, autoedición, pp.147-148.
3 Boletín Oficial da Provincia da Coruña, 9 de marzo de 1973.
Ningún comentario:
Publicar un comentario