mércores, 11 de marzo de 2026

HISTORIA DO VILARRODÍS F.C. (1ª parte)

  A maioría dos que somos afeccionados ao fútbol escoitamos, algunha que outra vez, falar do accidente de aviación do Manchester United acontecido o 6 de febreiro de 1958. O equipo británico regresaba a Inglaterra despois de disputar o partido de volta de cuartos de final da Copa de Europa en Belgrado ante o Estrela Vermella, enfrontamento do que saíra victorioso e que clasificaba aos ingleses para as semifinais da máxima competición continental.

  As cousas xa empezaran a ir mal no aeroporto de Belgrado pois o voo 609 da British European Airways, que os ía levar de volta ás Illas Británicas, tivera que retrasar a súa saída unha hora porque un dos xogadores, Johnny Berry, perdera o pasaporte. O avión tiña previsto facer unha parada técnica en Munich para repostar combustible. Unha vez en Alemaña e cando se dispoñía a despegar da capital bávara cara o Reino Unido, o capitán fixo dous intentos de despegue e ao terceiro a aeronave fallou ao non gañar a altura adecuada, estrelándose contra uns terreos colindantes ao aeroporto, nunha casa na que non se atopaba ninguén. En total falecerían 23 persoas entre futbolistas, directivos, corpo técnico, xornalistas e tripulación. Do United, sete futbolistas morreran no acto1 e un máis, Duncan Edwards, falecería días despois a causa das feridas sufridas. O adestrador Matt Busby e os futbolistas Dennis Viollet, Jackie Blanchflowe e o mítico Bobby Charlton, figura sobre a que se reconstruiría o novo Manchester United, foron dos poucos superviventes daquel lendario e tráxico accidente aeronáutico.

  Se 1958 é o ano máis triste da historia dos red davils, tamén o é do Atlético Vilarrodís, equipo de fútbol do que falaremos ao longo das próximas semanas. Seis meses despois do sinistro do Manchester United, o domingo 10 de agosto, o equipo arteixán, que daquela aínda non estaba federado, tiña previsto disputar un partido amigable na vila de Rianxo. Facía unhas semanas que Brasil, integrado por xogadores de ensoño como Garrincha, Didí, Vavá, Zagalo ou un rapaz de 17 anos chamado Pelé, gañara o Mundial que se celebrara en Suecia, derrotando na final ao equipo anfitrión por 5-2.

  Coa idea de emular as filigranas dos astros canarinhos e dispostos a disfrutar dun día de festa, a expedición do Vilarrodís partía cara a Rianxo ás sete e media da mañá no ómnibus con matrícula de Lugo número 1.270, propiedade da empresa Rápido de Armentón, con 19 persoas, entre elas Armando Sanguino Mateos, que naquela hora tiña 20 anos; Juan Suárez Souto, 22; Emilio Súarez Mosquera, 25; Alfonso Riveiro Doldán, 22; Emilio Veira Vázquez, 24; Manuel Longueira Trigo, 25; Juan Suárez Mosquera, 20; Francisco Veira López; Luis Mareque Zas, 23; Luis Caneda Balado, 28; e José Mosquera Rodríguez, de 18 anos, que eran algúns dos xogadores que por aqueles tempos vestían habitualmente a camiseta do Vilarrodís.

Imaxe antiga do lugar de Vilarrodís

  O Rápido, conducido polo fillo do propietario da empresa, Manuel Ferrín Cores, de 24 anos, circulaba normalmente e sen problema algún, mais, sobre as nove da mañá, ao chegar a Tabeaio, no municipio de Carral, por mor dunhas manchas de aceite que había no asfalto e do mal estado do firme da estrada, o coche empezaría a derrapar, indo de lado dunha cuneta a outra ata volcar nun pequeno terraplén, de pouco máis de dous metros de altura, dando media volta de campá e quedando coas rodas cara arriba.

  Inmediatamente de acontecido o accidente, presentáronse no lugar do sinistro numerosos veciños de Tabeaio cun médico e coa Garda Civil de Carral. Había, entre xogadores e o resto dos ocupantes do ómnibus, un total de 16 feridos a quen, tras sacalos do interior do vehículo e despois de prestarlles os primeiros auxilios, conduciron nun camión e en varios coches ata A Coruña, onde ingresarían sobre as once da mañá no Sanatorio do Socorro.

La Voz de Galicia, 12 de agosto de 1958

   Aos poucos intres de ingresar no Hospital, Alfonso Riveiro Doldán, dado o seu estado de gravidade, sería trasladado ao seu domicilio de Vilarrodís, onde falecería pouco despois. Dérase a tráxica circunstancia de que ao ocurrer o accidente, Alfonso fora un dos primeiros en abandonar o ómnibus sinistrado, e cando lle prestaron os primeiros auxilios manifestara que non tiña nada e que atenderan aos seus compañeiros. Minutos despois, a causa dun derrame interior, o seu estado agravaríase, falecendo ás poucas horas. No Rápido tamén viaxaba o pai do mozo falecido, Manuel Riveiro Cedeira, de 55 anos, que resultara con fractura de varias costelas e outras graves contusións diversas.

  Pola tarde daquel terrible domingo 10 de agosto de 1958, xusto cando o equipo debería estar xogando o partido amigable en Rianxo, practicamente toda a veciñanza do lugar de Vilarrodís, desfilaría polo Socorro para enterarse do estado dos feridos.

Imaxe do autobús no que viaxaba o equipo (El Ideal Gallego, 12 de agosto de 1958)

  Mais o tráxico suceso non rematou aquí xa que o luns, cando se conducía o cadáver de Alfonso Riveiro Doldán ata o cemiterio de Oseiro, estaría a piques de producirse unha verdadeira catástrofe: os que asistían ao enterro encontráronse cun camión que circulaba en dirección oposta. Ao parecer ao vehículo falláronlle os freos, feito que sementou o pánico entre as numerosas persoas que acompañaban o finado. Afortunadamente o incidente só quedaría nun monumental susto e non houbera que lamentar víctima algunha.

(...CONTINUARÁ)

_______________________________________

1 Geoff Bent, Eddie Coleman ou Liam Whelan entre outros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario