PORTO EXTERIOR DE PONTA LAGOSTEIRA


NACEMENTO DO PORTO

     Desde A Coruña levaban tempo tratando de crear un megaporto, mais nos primeiros anos de goberno de Manuel Fraga (pódense consultar as hemerotecas), a Xunta non apoiaba esa idea. Aínda así, o alcalde herculino nesa altura, Francisco Vázquez, continuaría presionando á Autoridade Portuaria para que se implicase no proxecto, realizando estudos na procura dunha futuríbel localización. Após estudar a situación dos baixíos das Acentes (na entrada da ría da Coruña) e de Bens, prosperaría como máis adecuada a zona comprendida entre Ponta Lagosteira e Ponta Pelón, idea que non compartía a Dirección Xeral de Costas, opóndose "á destrución total dunha das poucas paraxes costeiras virxes da provincia". Mais todo mudaría naquel fatídico 19 de novembro de 2002, cando o "Prestige" afundía enfrente das costas galegas. Após a incompetencia demostrada polas administracións autonómica e estatal e, no medio da tormenta que se lle viña encima a José María Aznar, Vázquez ofreceulle o refuxio do Concello da Coruña para que se realizase un Consello de Ministros. O socialista sería moi criticado por iso, mais él salírase coa súa: conseguira que lle aprobasen un estudo de viabilidade para o seu soño.

     Posteriormente, a Xunta comezaría a mudar o seu discurso e a 30 de outubro de 2003, a Consellaría da Política Territorial (conselleiro Núñez Feijóo e presidente de Portos de Galiza, Carlos Negreira), apoia a idea do alcalde coruñés, o que permitirá construir "un porto máis seguro, que estará máis días aberto e que se poderá ampliar con máis facilidade". Para Vázquez, o financiamento das obras era ben sinxelo: 40% financiábao Europa, 30% Fomento e o 30% restante o propio porto, incluíndo tamén o espazo do porto actual, no centro da cidade, que se libertaría, vendendo o terreo ás inmobiliarias. O "Prestige" tiña sido a escusa para privatizar terreo público, como querían os especuladores que estaban no asunto, uns especuladores que serían os grandes gañadores da operación...aínda que o soñado negocio sería deitado pola borda por causa da actual crise económica que estamos a padecer. En outubro de 2003, o alcalde Vázquez agradaba que a venda de terreo público fornecese entre 100 e 175 millóns de euros e, pouco despois, tamén tentaría meter na venda o peirao do Centenario. As obras adxudicábanse por 479 millóns, dicindo que todo se arranxaba con 600 millóns de euros, mais xa había técnicos que elevaban a cifra até os mil millóns.
                                  Imaxe de Lagosteira antes do porto(www.meteo-europ.com)

     Após a perda do poder do Partido Popular, a exministra de Fomento, a socialista Magdalena Álvarez (2004-2009) tornaríase no único alto cargo da Administración que opuña resistencia á construción do porto xa que os seus colaboradores vían un auténtico disparate aquela operación..."sufrimos unas presiones tremendas para aprobar las obras. Nosotros, desde el primer momento, veíamos que aquello era un capricho de rico, era disparar con pólvora del Estado, como si el Estado fuese un ente abstracto que vive en el Alén y que fabrica dinero con una máquina de hacer billetes. Hay tráficos, como le sucede al puerto de Barcelona, que son incómodos para el entorno y en A Coruña es evidente que eso pasa. La mayor parte de los puertos tienen descargas de productos petrolíferos y la mayoría de los puertos de España también son urbanos. El traslado hacia otras zonas, hay que hacerlo de forma gradual y cuando se obtuviera financiación. Pero la solución en A Coruña fue muy de ricachón, esto es: yo construyo jardines y me llevo el puerto para otro lado. A que precio? Pues tanto me da, cueste lo que cueste. En España aún no aprendieron que cualquiera obra de estas dimensiones, la pagamos todos", indicaba un dos colaboradores de Magdalena Álvarez.

     Francisco Vázquez estimaba que a Ministra estaba moi influenciada polo daquela Secretario Xeral de Transportes e antigo Director Xeral de Portos, Fernando Palao. "Este señor, que había sido director del puerto de Gijón en 2003, decía que este puerto no era viable, que se lo iba llevar el mar...Y encima intervenía en Bruselas para que los fondos fueran a Gijón, en vez de a La Coruña", sinalaba Vázquez. O galego Fernando Palao, negaba rotundamente a antedita explicación."Os meus argumentos contra o porto exterior eran e son económicos (porque non van xerar nengún investimento adicional, nen máis tránsito do que xa existe no porto interior), financieiros (porque non había cartos para financialo e houbo que acudir a unha operación urbanística, que está parada pola crise) e oceanográficos (porque Lagosteira é o peor sitio da costa onde se pode construir un dique)".
                                          Inicio das obras (Foto Xurxo Lobato)

     Segundo o artigo do xornal El País, "Crónicas del despilfarro. El puerto de los mil millones de euros", outro dos argumentos polos que o equipo de Magdalena Álvarez non era favorable da construción do novo porto, era por causa da maior seguranza do porto interior da Coruña, a respeito do de Lagosteira, e por riba cumpría con todos os requisitos da norma medioambiental e de seguranza. Algúns técnicos aínda indicaban que, debido á axitación das augas, Lagosteira debería permanecer inoperativo un número indeterminado de días por ano. A Autoridade Portuaria da Coruña, dependente da Xunta e de Fomento, aseguraba porén, que todos os ensaios efectuados até ese momento atestaban a operatividade durante todo o ano. No mesmo artigo de El País, a Autoridade Portuaria indicaba alén diso, que entre as razóns que pesaron para promover a obra, tiveron gran peso as de medio ambiente, porque co novo porto se afastarían da cidade "mercadorías máis sensíbeis". Pilar Marcos, responsábel de costas de Greenpeace, opinaba que o dano do tránsito de mercadorías sensíbeis vai ser mínimo, comparado  coa desfeita que supuxo construír un novo porto nunha zona virxe..."xustificar un destrozo ambiental porque é incapaz de correxir os incómodos e os problemas de poluición ambiental, paréceme incríbel. O que había na realidade era unha grande operación especulativa, coa que se pretendía financiar un terzo das obras. Mais a burbulla rebentou estes planos", sinalabo Marcos. Coa submisión dos gobernantes locais, xa que en todo momento deu a impresión de que as obras estaban no municipio da Coruña e non no de Arteixo, o 2 de abril de 2005 colocábase a primeira pedra do Porto Exterior de Ponta Lagosteira.

     Este porto, foi proxectado a tan só 16 quilómetros do idéntico porto exterior de Ferrol e financiado con 265 millóns pola Unión Europea, a pesar de que os informes técnicos consideraban a localización da obra como a peor das alternativas, debido ás duras condicións oceanográficas deste extremo do Atlántico. O orzamento inicial de 479 millóns, víase ultrapasado até os mil  en tan só catro anos. Segundo publica Couselo en "El país de las cosas mal hechas", o xornal La Voz de Galicia en momento nengún ofreceu unha información correcta sobre o disparatado porto. Só apoiou un investimento desatinado nun país onde sobran portos ou están mal dirixidos. É evidente que están mal aproveitados e descoordenados. Galiza con cinco, ten o 17,8% dos portos de interese xeral do Estado, que en 2007 só captaron o 7,06% dos tránsitos e no 2005 rexistraron o 7,22%. Ocorre que en 2007, en relación a 2005, dos galegos só perdeu tráfico o porto coruñés á custa dos graneis líquidos e sólidos, porque en mercadoría xeral rexistrou un aumento, debido ao movemento de contedores, que finalmente tiñan principiado. O porto exterior de Ferrol dispón de 1.500 metros de liña de atraque con 20 metros de calado, infraestructura que se dá en poucos portos, con a finalidade de receber grandes portacontedores. Mais ignórase cando contará con acceso ferroviario, que é o fundamental para atraer estes tránsitos. Mentres, ben perto, estase a soterrar o diñeiro. Unha boa parte de fondos de cohesión, que naceron sobre todo para investimentos medioambientais, deitáronse para o lixo en Ponta Lagosteira. Frente a isto, doce das dezanove rías galegas non cumpren a directiva europea. A Comisión Europea tamén está por financiar caprichos, no canto de investir no fundamental, en limpar as rías cloaca.
                                          Obras en Lagosteira



1 comentario:

  1. "e oceanográficos (porque Lagosteira é o peor sitio da costa onde se pode construir un dique)".
    Os mariñeiros de Malpica xa xubilados, que pasaron máis horas nesa costa que nas súas casas, dixeron sempre e siguen dicindo que non hai peor lugar para construír un dique portuario entre Hércules e Sisargas.

    ResponderEliminar