domingo, 13 de decembro de 2015

ARQUITECTURA POPULAR

OS HÓRREOS

Labrador folgazán,
hórreo sen espiga e cabeceira sen pan


     Tal como os coñecemos na actualidade, os hórreos son elementos arquitectónicos perfectos de ventilación e secado, imprescendíbeis no rural para gardar cereais como o millo, onde este remata a súa maduración, seca, consérvase, almacénase e protéxese dos roedores.

     Este tipo de construcións xa se utilizaban nos tempos da dominación romana (a palabra hórreo ven do latín "horreum") como depósitos de víveres, uns romanos que o perfeccionarían, considerándoo como un lugar perfecto para a conservación do gran. Naquela hora, para entrar neles había que solicitar permiso ao seu dono e se alguén roubaba os alimentos do interior, o feito considerábase coma sacrilexio.

     Na Galiza, coa chegada do millo, importado polos colonizadores americanos no século XVI, xurdiría un modelo arquitectónico característico da nosa terra. Os nobles e o clero, por mor da alta producción, atoparíanse con elevadas cantidades de cererais que non tiñan donde almacenar, polo que decidiron construir grandes hórreos, como o de Lira (Carnota) no ano 1779, con 22 pares de pés e 36,5 m. de longo. Polo xeral, nas proximidades dos monasterios ou igrexas importantes atópanse hórreos con notables elementos artísticos, feito que para Trapero Pardo débese a que foron diseñados polos mesmos mestres de obra das construccións relixiosas.
Partes do hórreo
      Os hórreos poden ser de madeira, pedra ou de ambas cousas á vez. Teñen celosías para que entren o aire e a luz e un beirado arredor de lousas ou pedras que se chama tornarratos, que son unhas pezas asentadas sobre os pilares para impedir o acceso dos roedores.

     Na cuberta, que é a dúas augas, colócase tella curva, granito ou lousa e adobíase con pináculos de forma piramidal ou de galos, reloxos de sol (en Souto e Morás do Medio hai hórreos con reloxos de sol) ou de cruz, que garantiza ao hórreo o amparo do ceo.

     Aínda que baixo diferentes denominacións e tipoloxías, aparte do no país, tamén podemos atopar hórreos en Portugal, provincia de León, Asturias, Cantabría, País Vasco e Navarra mais na Galiza, donde a día de hoxe estímase que aínda se conservan un 30.000 hórreos, por desgracia, estas construccións están desaparecendo paulatinamente, na maioría dos casos, pola falta de uso.


FONTES:
-"Temas gallegos". Los domingos de La Voz (17.10.1971) Juan Ramón Díaz.
-Modesto García Quintáns
-Departamento Normalización Lingüística Concello de Arteixo

Ningún comentario:

Publicar un comentario