xoves, 3 de decembro de 2015

O MAR DE ARTEIXO E OS SEUS NAUFRAXIOS

O NAUFRAXIO DO VAPOR ALEMÁN TRIER EN SUEVOS (III)

     O que estaba a acontecer en Suevos era unha cousa insólita. Por un lado, as autoridades tentaban impedir que a xente se apoderase da carga do navío, para evitaren desa maneira o contrabando e, por outro, a tripulación do "Trier", despois  de subir as mercadorías á cuberta, tirábanas indistintamente ás gabarras ou ao mar. Había pouca preocupación por parte dos mariñeiros alemáns da sorte que pudese correr todo. Apreciábase unha enorme falta de dirección e a confusión era notábel. Visto isto, era comprensíbel que a xente de terra non tivese reparo en recoller o que a tripulación do vapor alemán trataba con tan pouca consideración.

     O domingo,13 de xullo, chega de Xibraltar o remolcador inglés "Newa" (hai que sinalar que a tripulación do "Newa" organizaría dous anos máis tarde, o o 12 de marzo de 1904, un dos primeiros partidos de fútbol xogados na Coruña. O encontro disputaríase, segundo conta Fernando Patricio Cortizo en "Historia da costa galega e os seus naufraxios", na antiga praza de touros da urbe herculina e o rival era o Football Club Coruña, que en 1906 convertiríase no R.C. Deportivo) cuxo capitán, logo de comparecer no lugar do sinistro, sube a bordo para enterarse en primeira persoa das condicións nas que se atopaba o "Trier", que continuaba escorado de estribor. As potentes bombas do "Newa" comezan a achicar a auga que tiña o barco alemán nos compartimentos estanco, e dous mergulladores do remolcador descenden varias veces para ver o xeito de tapar provisionalmente os furados que as rochas abriran no casco. O alixo da carga continuaba como nos días anteriores: 205 obreiros ocupábanse de cargar nas gabarras as mercadorías que despois transportaban até os armacéns da rúa Teresa Herrea e no que había próximo á fabrica de mistos de Zaragüeta.
Fábrica de mistos de Zaragüeta (Nuevo mundo)

     O xoves 17 téntase por fin, aproveitando a marea chea das dúas da tarde, colocar o "Trier" en condicións de saír do lugar no que se achaba. O vapor, facendo funcionar a súa máquina e auxiliada polo "Newa", voltaría a recobrar en parte a súa primitiva posición, mais de maneira incompleta. Coa achicadura das bombas, a auga diminuiría considerablemente e a carga xa se extraera por completo. No entanto, o navío, se ben aboiaba, non o facía tanto como se agardaba. O capitán do "Newa", decatándose de que só co seu barco o "Trier" non sairía da Gaianda, requere á súa armadora outro barco, decidindo a compañía enviar o "Herakles", un remolcador de maior potencia que o "Newa e que contaba, alén diso, con aparellos para este tipo de traballos. Mesmo así, o "Newa" fai outra tentativa de remolque na madrugada do sábado. Ás tres e cuarto, hora na que a marea tiña chegado á súa máxima altura, comezaron a funcionar as bombas e o remolcador deu avante, fixo virar a hélice, os cabos cos que se daba o remolque puxéronse en tensión e o "Trier" principiou a avanzar lentamente. O percorrido acadado non sería longo (oito ou nove pés), mais a manobra faría renacer en todos a confianza en que o vapor alemán sería posto a salvo coa axuda do "Herakles".
La Ilustración española y americana, 15 de xullo de 1902
     Neste mesmo día, facía escala no porto da Coruña o vapor "Alfonso XIII", da Transatlántica española, e sae rumbo á Habana coa pasaxeira Elda Cooper (que viña no "Trier" en primeira clase).

     O "Herakles" chega á cidade herculina pouco antes das sete da tarde, no domingo, e ás dez da noite, aproveitando que o ceo estaba limpo e a noite bastante clara, diríxese cara a Suevos mais, o mal estado do mar e o forte vento do nordés, imposibilitarían toda clase de preparativos durante uns días.

     O mércores, 23 de xullo, por fin se leva a cabo o tan ansiado remolque, que desde había xa bastante tempo, se tentaba dar ao "Trier". O vento calmara e ás catro e media da tarde, aproveitando a marea viva, comezan os traballos. Había que conseguir que o buque flotase para facelo saír das rochas que o aprisionaban pola parte central. Principiouse por facer funcionar as bombas de achicadura, suxeitáronse as amarras das vitas da popa ás da popa do "Newa", mentres que nas vitas de proa se amarraron algúns cabos que lanzara o "Herakles", pretendendo conter o "Trier" na dirección do canal e impedir que fora empurrado polo mar cara a terra. Fíxose funcionar, ademais, a máquina do vapor alemán para dar maior impulso e facelo saír da "cama" que lle formaran as rochas. Todo sería inútil: o "Trier" non se movería nen un metro, polo que as esperanzas de que saíra da Gaianda, comezaban a fraquear. Non obstante, os capitáns do "Newa" e do "Herakles", así como o resto dos oficiais, non desesperan e pensan na opción de dinamitar as rochas que detiñan ao barco. O peor era que cumpría agardar á lúa nova para que as mareas subisen abondo.

     En vista de que os esforzos realizados non deron resultados positivos, acórdase que 35 dos 57 tripulantes do barco alemán regresen a Bremen e para isto telegráfase a Vigo co obxecto de que se envíe á Coruña o vapor "Pfalz", que regresaba de Buenos Aires con pasaxeiros para Galiza e Alemaña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario