martes, 29 de decembro de 2015

OFICIOS TRADICIONAIS

CAPADOR
    
     Ata hai ben pouco, os capadores eran as persoas que ían ás casas a esterilizar (as ferramentas de traballo limitábanse a unha coitela especial, unha agulla con fío, aceite e augardente) aos animais domésticos, principalmente cabalos, cans, gatos e porcos. A estos últimos capábanos de leitóns porque, senón o facían aos poucos meses de nacer, seica máis tarde a súa carne tería un cheiro e un sabor moi fortes, carne que, polo que me contou un carniceiro, "nin os cans a comían".

    Os tempos mudaron mais teño entendido (se non é así que se manifesten @s veterinari@s) que no Estado español, a actual lexislación permite a esterilización rutinaria e sen anestesia dos leitóns machos na súa primeira semana de vida, e só os dedicados a sementais sálvanse de tan terrible práctica. Noutras nazóns da Unión Europea, coma no caso de Holanda, xa hai anos que acordaron prohibir a esterilización de porcos sen anestesia, decisión que supón un importante avance entre os dereitos dos animais domésticos. "Major", o vello porco dirixente de "Rebelión na granxa" (a novela satírica do británico George Orwell) ha de estar ben contento!

     O oficio de capador deixou coplas coma estas:

Metéronme na escullera,         
foi a miña salvación,
aprendín a capar porcos
e salvei a situación.

O oficio de capar
caeume ben na man,
capo os porcos pola noite
e morren pola mañán. 


FONTES:
-Modesto García Quintáns

Ningún comentario:

Publicar un comentario