venres, 7 de abril de 2017

OS TEMPOS DOS CAPADORES

     Ata hai ben pouco, os capadores eran as persoas que ían ás casas a esterilizar aos animais domésticos, principalmente aos porcos, a quenes capaban de leitóns porque, se non o facían aos poucos meses de nacer, seica máis tarde a súa carne tería un cheiro e un sabor moi fortes, carne que polo que me contou un carniceiro recentemente "nin os cans a comían". As súas ferramentas de traballo limitábanse a unha pequena coitela, unha agulla con fío, aceite e augardente.

   Blandina Naya e Carme Bermúdez, dúas veciñas do Rañal con máis de setenta invernos nas súas costas, teñen a mesma opinión á hora de lembrar o salvaxismo que se lle facía aos porcos..."os pobres animais sufrían cando lle sacaban os cataplíns e sufrían o día da súa morte, con aquel xeito terrible de facer a matanza".  

     Carme lembra que, sendo nena, seus pais mercaban os leitóns na feira de Paiosaco entre os meses de xullo e agosto e despois..."traíanos para a casa na burra ou no trolebús e, unhas semanas máis tarde viña o capador. Cando chegaba á aldea, facía soar o seu chifro (noutras zonas chámanlle xipla) e xa se avisaban a algúns veciños para que viñeran axudar a aguantar do animal".

     Polo Rañal viñan varios capadores. Un deles seica era de Elviña e, ao parecer, tiña os dedos moi longos cos que, cando tiña que capar as cochas, chegaba con facilidade ás empreñadeiras: tiraba delas cara fóra para cortalas coa navalla capadoira, mentres a xente da casa e algún veciño que axudaba na macabra faena suxeitaban do animal. Ás veces, preguntábanlle ao capador de Elviña polo seu oficio, e disque contestaba con retranca, mentres metía a man no peto, buscando a navalla: “Son capador para servilo a vostede”

     Segundo o testemuño de Blandina e Carme, as miñas veciñas do Rañal, pola aldea tamén viña un capador de Santa Icía e outro de Chamín, que era o máis demandado na parroquia..."o de Chamín, Manuel de Subiela, era o que máis viña por aquí. Botou moitos anos de capador e despois aprendiu o oficio un dos seus fillos".

     Tamén había capadores que ofrecían os seus servicios noutras feiras como a de Carballo. Hipólito da Costa era un deles, un Hipólito sobre o que o amigo Ramón M. Vilar Landeira escribiría o seguinte artigo, publicado en La Voz de Galicia do 14 de agosto de 2004 baixo o título Un capador reconvertido:
 
"Hipólito da Costa conxugou durante case cinco décadas o seu oficio labrego coa nobre profesión de capador. Da arte que tiña para deixar sen armas reproductoras aos porcos da bisbarra poden dar testemuña numerosas casas de labranza bergantiñáns nas que deu boa mostra do seu probado pulso coa coitela. Despois da Guerra Civil aprendeu o choio cun afamado profesional de Coristanco que lle mostrou a un Hipólito case imberbe todos os segredos. Sacáballe os milindreques aos cochos sen o risco das tan temidas infeccións posteriores. Aquel vello capador confesoulle que a mellor maneira de afastar os perigos postoperatorios era botarlle pola zona aberta do animal unhas boas doses de caña branca do Ribeiro, mesturada días antes con labazas e mexacáns dos que medran nos camiños. Dito e feito, nos corenta e oito anos de profesión só lle morrera un marrán nunha casa de Entrecruces e Hipólito sempre sostivo que desconfiaba que aquel pobre rancho entregara coa fame. Coa chegada dos oitenta, a competencia dos veterinarios e doutros capadores fixo que os apuros de traballo do Hipólito foran a menos. Por boca dun farmacéutico soubo que existía unha práctica chamada vasectomía e que había homes que se operaban para non teren máis fillos. O Hipólito pensou que había que renovarse e incluso falou cun concelleiro de Carballo co que tiña bo trato. O edil convenceu ao Hipólito que non había maneira de convalidar a longa experiencia cos porcos e poder entrar logo no novo negocio das vasectomías. Hipólito nunca comprendeu que non se contara coa súa dilatada experiencia. Na reconversión industrial non entrou o gremio dos capadores".

    Os tempos mudaron mais teño entendido, se non é así que se manifesten @s veterinari@s, que no Estado español a actual lexislación permite a esterilización rutinaria e sen anestesia dos leitóns machos na súa primeira semana de vida, e só os dedicados a sementais sálvanse de tan terrible práctica. Noutras nazóns da Unión Europea, coma no caso de Holanda, xa hai anos que acordaron prohibir a esterilización de porcos sen anestesia, decisión que supón un importante avance entre os dereitos dos animais domésticos. "Major", o vello porco dirixente de "Rebelión na granxa", a novela satírica do británico George Orwell, ha de estar ben contento!

 Ramato xa cunhas coplas que deixou o oficio de capador:

Metéronme na escullera,         
foi a miña salvación,
aprendín a capar porcos
e salvei a situación.

 O oficio de capar
caeume ben na man,
capo os porcos pola noite
e morren pola mañán. 


FONTES:
-Modesto García Quintáns
-Ramón M. Vilar Landeira. Un capador reconvertido. La Voz de Galicia. 14.8.2004


2 comentarios: