Hai varias hipóteses sobre o nacemento en Arteixo do noso ilustre veciño. Unhas afirman que a súa nai, dona
Concepción Murguía Egaña, se desprazara da Coruña ata o xa daquela
frecuentado Balneario arteixán na primavera de 1833 para tomar as augas
termais e prepararse para o parto do seu futuro fillo. Outras fontes
apuntan que, estando hospedada nos Baños, a nai do futuro patriarca das
Letras Galegas decidira visitar o Santuario de Pastoriza e no
percorrido, á altura de Oseiro, as dores do parto obrigárona a pedir
axuda nunha das casas do lugar. Mais tamén hai informacións que nos
indican que o nacemento de Murguía no concello arteixán non foi casual,
informacións como as que miña avoa materna Carme Pan Pan (1913-1999), "Carme do médico",
escoitou na súa casa de Froxel cando era nena e que dicían que os pais
do historiador eran amigos do seu tataravó Antón Pan, un home que
iniciara estudos en farmacia ou medicina mais que nunca chegara a
rematalos. "Era médico sen título", dicíanos a avoa Carme, que tamén falaba sempre dun baúl cheo de "libros de médicos" que había na casa na que nacera e se criara, a mesma na que viñera ao mundo oitenta anos antes Manuel Murguía.
Casa de Froxel onde naceu Murguía |
Ao parecer, Antón Pan fixérase amigo do pai do patriarca das nosas
letras, o boticario Xoán Martínez de Castro, cando os dous principiaran
os seus estudos, amizade que levaría a Antón a ser o padriño do neno que
nacera na súa casa de Froxel o 17 de maio de 1833 e que se bautizaba ao
día seguinte no Santuario de Pastoriza co nome de Manuel Antonio
Martínez Murguía (o feito do segundo nome de Murguía é outra proba máis
desa amizade cos pais do historiador que, no momento do nacemento do
cativo estaban aínda solteiros).
Froxel, anos 30 |
Xoán Martínez de Castro era farmaceutico na rúa Garás da Coruña e
estableceuse despois, sobre o ano 1837, en Santiago de Compostela. Será
neste lugar precisamente onde o neno Manolito Murguía presencie os
sucesos do 23 de abril de 1846: o pronunciamento progresista que
iniciara Miguel Solís nos primeiros días dese mes de abril en Lugo
contra o goberno de Narváez e do que os derradeiros feitos aconteceran
nas rúas de Compostela, algúns deles diante da propia casa da familia
Martínez Murguía. Este fracasado levantamento (que rematou co
fusilamento dos oficiais en Carral) confluiría politicamente coa
primeira manifestación do galeguismo, que Murguía narrará máis tarde nun
artigo titulado "La Voz de Galicia" cun enorme sentimento.
Manuel Murguía principia a estudar bacharelato na universidade a partir
de 1845, concluíndo o bacharel en filosofía en 1850 e, ao mesmo tempo, o
curso preparatorio de Medicina e Farmacia, que iniciara por desexo do
pai. Mais él tiña moi claros os seus gustos e, deste xeito, o interese
pola literatura e a historia faríano abandonar a carreira para dedicarse
plenamente co seu labor de escritor e investigador. Nestes anos, a vida
cultural de Compostela xiraba entorno ao "Liceo de la Juventud", onde se daban cita estudantes e intelectuais como Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre ou Rosalía de Castro.
En 1850 trasládase a Madrid para estudar Farmacia e alí relaciónase con
intelectuais como os irmáns Valeriano e Gustavo Adolfo Bécquer ou
Alejandro Chao. Catro anos despois publica o seu primeiro texto en
galego (o 1 de xuño de 1854) no álbum de Elena Avendaño, unhas
seguidillas tituladas "Nena das Soidades". En 1855 publica por entregas a
súa primeira novela: "Desde el cielo" e tamén colabora en xornais e revistas madrileñas da época como "La Iberia" e "Las Novedades", nos que acadaría un notable éxito que lle permitiría publicar folletíns con obras como "Mientras duermo", "Mi madre Antonia", "El ángel de la muerte" e "Los lirios blancos".
Murguía de novo |
En Madrid tamén coñecería a Rosalía de Castro. Ao escribir unha crítica de "La flor",
o primeiro poemario de Rosalía, a relación entre ambos os dous foise
estreitanto ata o punto de ennoivaren e, o 10 de outubro de 1858,
casaban na madrileña igrexa de San Ildefonso. É indubidábel que Murguía
foi unha peza de apoio intelectual e social para Rosalía. Dende o
principio, animouna na súa carreira literaria e na publicación de obras
como "Cantares gallegos", considerada o inicio do Rexurdimento literario galego, e mesmo chegou a publicar algunha obra súa sen o seu consentimento.
Algo que debemos considerar como o primeiro puntal do Rexurdimento
foi o cambio operado en Murguía cando deixou o labor creativo, tras
acadar un grande éxito, para se dedicar por completo á investigación
histórica e á divulgación desta, así como a difundir o ideario político
xurdido, principalmente, das súas investigacións.
En 1859 o matrimonio trasládase a Compostela, e con motivo do nacemento da súa primeira filla, en maio, publica "La primera luz",
un libro de lecturas escolares estructurado en vinte temas de historia e
xeografía, que o Ministerio de Fomento recomendou para o ensino nas
escolas de Galiza. Esta obra sería reeditada en Lugo en 1868.
Murguía e Rosalía cos fillos |
En 1862 Murguía remata o seu "Diccionario de escritores gallegos" e tres anos máis tarde edita o primeiro tomo da súa "Historia de Galicia".
Na revolución de setembro de 1868 sería secretario da Xunta
Revolucionaria de Santiago e despois nomeado director do Arquivo de
Simancas, en 1870 xefe do Arquivo Xeral de Galicia ata 1875, sería
director de "La ilustración gallega y asturiana" (1879) e máis tarde, no 1885, Cronista Xeral do Reino. No 86 (ao ano de morrer Rosalía) publica "Los precursores", obra na que fai unha descrición de varios personaxes da vida cultural galega. En 1890 dirixe xunto con Alfredo Brañas "La patria gallega",
boletín onde se deron as primeiras claves do que ía ser co tempo o
pensamento rexionalista galego. Tamén neste mesmo ano, Murguía publica
durante uns Xogos Florais en Barcelona un discurso (no que fala do
sentimento histórico e cultural diferenciador de Galiza) que foi moi
aplaudido e que fixo que o nomeasen "Mestre en Gay Saber".
Manuel Murguía |
Pouco despois sería nomeado presidente da Asociación Rexionalista
Galega (ARG), a primeira organización política de signo decididamente
galeguista. Nos Xogos Florais de Tui de 1891, organizados pola ARG,
faríase reivindicación do uso propio do galego, lingua en que Murguía
pronuncia o discurso inaugural.
¡O noso idioma!, o que falaron nosos pais e vamos esquecendo, o que falaron os aldeáns e nos achamos a punto de non entendelo.
Manuel Murguía sería destinado en 1892 á Biblioteca Universitaria de
Compostela, posto que exercería ata a súa xubilación en 1905.
Con 72 anos xorde en Murguía a idea de crear unha Academia Galega da
Lingua, idea que comunicou a outros escritores que se daban cita nunha
libraría da Coruña coñecida co nome de "A Cova Céltica". Tamén,
no noso protagonista, xurdiría a teima de crear un dicionario da lingua
galega, porque se sentía falto de vocabulario; se cadra, a inexistencia
deste dicionario foi determinante para que a súa obra en galego fose tan
escasa. O día 25 de agosto de 1906 aprobouse a creación da Real
Academia Galega, que presidiría ata a súa morte.
O
día 1 de febreiro de 1923, a piques de cumprir 90 anos, Manuel Murguía
finou na súa casa da rúa de Santo Agostiño da Coruña, sendo soterrado no
camposanto de San Amaro.
Pasamento de Murguía |
Ningún comentario:
Publicar un comentario