venres, 2 de xuño de 2017

AS CASAS DOS PEÓNS CAMIÑEIROS DE LAÑAS E O SEIXEDO


A desaparecida casa dos peóns camiñeiros de Lañas
   Se estos días pasades por Lañas veredes que no cruce, á altura dos semáforos, derrubaron unha das casas máis antigas do lugar, un edificio que pertencía aos peóns camiñeiros e sobre o cal o escritor arteixán Antón Castro (Lañas, 1959) contábame non hai moito algunha que outra lembranza da súa infancia: "era como algo que estaba aí, misterioso...vías aos homes sentados no banco de pedra mais nunca sabías ben o que facían".

     A figura do peón camiñeiro fora creada en España en 1759, durante o reinado de Fernando VI, para cuidar, a pé de camiño, a rede de estradas do Estado. A raíz dunha  Real Orde de 1852, empezaríanse a construir as chamadas "casillas", uns pequenos edificios que tiñan pozo e, nalgúns casos, un pequeno horto que estos operarios utilizarían como vivenda e como lugar para gardar as ferramentas de traballo.

     O cometido dos peóns camiñeiros, que nos primeiros tempos cobraban uns cinco reais diarios e vestían traxe de pana e gorro de prato, era o arranxo, limpeza e coidado das vías nun treito determinado: unha legua, equivalente a 5.572 metros, de aí que na nosa terra se chamaran popularmente legoeiros.

     Do ano 1909 é o Regulamento do ingreso de peóns camiñeiros onde se di que, para entrar no corpo, había que "saber leer, escribir y contar" e ter un mínimo de 20 anos e un máximo de 35. A ordenanza tamén estipulaba que, entre 15 e 30 quilómetros de estrada, habería un xefe ou peón capataz formando unha sección. Os peóns de treitos consecutivos configuraban unha cuadrilla e, ademais, debían vixiar se había posibles sospeitosos, delincuentes e trasladalos ao centro de postas máis próximo.

     Durante décadas os legoeiros serían esenciais para as comunicaciones. Todos os días, desde o amencer ata o solpor, percorrían a súa legua correspondente coas súas ferramentas ao lombo para comprobar que as vías estaban nas mellores condicións posibles que permitían os medios da época. Limpaban e desbrozaban as gabias para que non se acumulara a auga ou, entre outras tarefas, arranxaban os furados que a choiva e o tránsito formaban na calzada parcheándoos con area, grava e unha mestura de auga con betume coa que conseguían unha masa semellante ao cemento.

   No século XX, a medida que se ía incrementando o tráfico rodado, o número de peóns camiñeiros e de capataces tamén aumentaría. No que ao noso concello se refire, os legoeiros encargados do mantemento dos primeiros quilómetros da estrada A Coruña-Fisterra tiñan "casilla" en San Xosé, no Seixedo e en Lañas.

      Na de San Xosé, que estaba ubicada aproximadamente no lugar que hoxe ocupa a entrada da Refinería, traballaba o señor Rúa, un veciño de Suevos que seica era moi bo pescador de robalizas e que se encargaba do mantemento da estrada ao seu paso por Meicende, Pastoriza e Oseiro.

Imaxe actual da casa do Seixedo do capataz dos peóns camiñeiros
      A do Seixedo era a casa do capataz Juan Sánchez, un home que sería pai de cinco fillos: Antonio, que mantería a tradición familiar deste emprego ao ser capataz durante 30 anos pola zona de Coristanco; Pepe; Jesús; Aurelio, que andando no tempo casaría en Meicende e montaría unha empresa de transportes: Autocares Aurelio Sánchez; e Eduardo, que foi o fillo que quedou a vivir nesa "casilla" que, a día de hoxe, segue sendo coñecida como a casa dos "do Capataz". Un veciño da zona, José Riveiro Ferrín, afirma que o pequeno núcleo do Seixedo antano tamén era coñecido polo nome de As Casillas, xa que ao carón das primeiras vivendas do lugar construírase a "casilla" do capataz dos peóns camiñeiros. Ferrín, nado en xullo de 1948, tamén se acorda de ver traballar a mulleres de Oseiro cando se asfaltaba algún treito da estrada, treito ao que posteriormente lle pasaba o cilindro apisonador outro veciño: Ramón Calvete, "Ramón de Flora".

Derrubamento da casa dos peóns camiñeiros de Lañas
   Na casa de Lañas, a que derrubaron recentemente, segundo informacións da señora Carme Iglesias, moitos anos ao fronte da Panadería Fernández, vivira o legoeiro Perfecto coa súa muller Dolores e os catro fillos do matrimonio: Che, Eduardo, Domingo e Lola. Ao parecer, o último que viviu nesa "casilla" dos peóns camiñeiros de Lañas foi Domingo, que faleceu no 2014 e está enterrado no cemiterio de Lañas.

     É certo que tiñan o grao máis baixo na cualificación profesional do mundo das infraestructuras viarias, mais os peóns camiñeiros abofé que tiveron unha vida peculiar. De feito ata o artista galego Carlos O Xestal rendíralles unha pequena homenaxe ao realizar unha gravación en 1962 (Ep. Hispavox) titulada "Música y cuentos gallegos", onde ten un tema titulado "O peón camiñeiro".

     Co tempo, cando xa non "pateaban" os correspondentes 5.572 metros de estrada, o que coñecían como "cacho", e sobre o que, cada un, tiña responsabilidade e vixianza, os legoeiros pasarían de depender das Deputacións provinciais a ser adscritos ao Ministerio de Fomento, logo a Obras Públicas (MOPU), e posteriormente as súas competencias foron transferidas á Xunta e á consellaría correspondente. Aínda hai pouco, no 2001, houbo unha convocatoria para "categoría 31 (peón camiñeiro) do grupo IV de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia".

    Non sei se será verdadeiro o dito e a fama de "traballas menos que a chaqueta dun peón camiñeiro", mais o caso é que a súa labor, levada a cabo durante moitos anos, iría caendo no esquecemento a medida que o oficio desaparecía, oficio que lembramos co recente derrubamento da "casilla" de Lañas.


4 comentarios:

  1. O legoeiro que vivia coa sua muller Dolores, chamabase Perfeto, non Domingo e sua filla mais nova era Lola (Dolores) Domingo era o fillo e faleceu en Xullo do 2014, está enterrado no cementerio de Lañas, unha lembraza pra todos eles.

    ResponderEliminar
  2. En la casilla de Lañas vivía otra familia la de José (tio Lañas)y Estrella(Josefa) con sus 6 hijos:Carmen, Manolo,Maruja,Rogelio, Ramón y Asunción.Ya que estas casas contaban con dos viviendas.

    ResponderEliminar