Hai
case corenta anos que o mar chegou a Aragón. Fíxoo da man de Antón
Castro, un rapaz de Arteixo que en 1978 viaxa a Zaragoza fuxindo da mili
porque escoitara que alí había un grupo de obxectores de conciencia.
Aquel mozo, ao que súa nai chamaba "Planetas" porque fabulaba a todas
horas, empezaría a traballar na vendimia en Cariñena (Zaragoza) e, posteriormente, nun bingo da capital maña, cidade na que o noso protagonista coñecería ao amor da súa vida: Carmen Gascón.
Ao par que a parella ía incrementando xenerosamente a natalidade aragonesa con cinco fillos, tres cativos e dúas cativas que, andando no tempo, convertiríanos en avós de tres netos (e outro en camiño), Antón, movido pola curiosidade infinita acadaría de contado un doutoramento en algo que hoxe xa case non existe: escoitar. Xenerosidade, memoria e sempre atento a toda manifestación cultural, o escritor arteixán (Lañas, 1959) non tardaría en converterse en xornalista e nun narrador único, portentoso... empezando a darlle forma a algunhas anotacións que se agochaban na súa prodixiosa imaxinación, algunhas delas escritas no papel de estreza que envolvía os cartóns do bingo no que traballara ao pouco de chegar a Zaragoza.
Tras escribir varias obras relacionadas coa súa terra de adopción, daría paso a outras nas que Arteixo sería a súa fonte de inspiración vertebrando o municipio como ninguén o fixera antes: Armentón, Anzobre, Barrañán, Lañas… Baladouro. Foi aí cando descubrimos a personaxes da súa infancia como María da Nacha, que presumía de ter visto o demo e seica se alimentaba de sangue de polo e bebía auga de salamántigas e ortigas; a dun tío seu, que estaba recluído no manicomio e que cando lle concedían permisos temporais pasaba algunhas tempadas na súa casa e durmía onda Antón deitado sobre un xergón; ou a dun afiador ourensán que nada máis chegar á vila reunía aos nenos e nenas e relatáballes ata o máis mínimo detalle de todos os crimes habidos e por haber en Galiza. Tamén soubemos dos partidos do Peñarol de Lañas; dos combates de boxeo que vía pola televisión xunto ao seu pai, un home que puxera fóra de combate en Melilla ao mítico Max Azagra, varias veces campión de España dos pesados; ou das lembranzas mariñas vividas en Valcovo, Barrañán ou Combouzas, onde se ten bañado ducias de veces entre golfiños.
A salitre oceánica chegaba, deste xeito, ás terras aragonesas con traballos como A lenda da cidade asolagada (Xerais, 1995); Vida e morte das baleas (Espiral Maior, 1997), publicacións nas que recrea o mundo máxico do seu lugar de nacemento; ou El álbum del solitario (Destino, 1999), libro de topografía sentimental na que aparecen moitos amigos enmascarados dun Antón que nos relata a historia dun adolescente que vive en Lañas e que posteriormente se traslada á vila arteixá. Mais co libro que definitivamente o autor arteixán levou o mar a Aragón foi con Golpes de mar.
Con Antón Castro no verán do 2015 |
Así pois, algo terá este mundo de palabras cando trinta anos e cinco edicións despois, os Golpes de mar volven a revivir! Ide correndo a comprar o libro! Agradecerédesmo toda a vida!
Ningún comentario:
Publicar un comentario