Para
falar da orixe dun dos topónimos do litoral arteixán, da Constanza,
temos
que
viaxar ata a
segunda metade do
século XV, época na que o gran Gómez Pérez das Mariñas, que
pertencía a unha familia nobiliaria en ascenso,
era o Señor de boa parte do
territorio
que hoxe ocupa o concello
de Arteixo.
Os
antepasados do
noso protagonista
foran
no seu tempo Señores
de Suevos e Oseiro e estenderan,
naquela
época convulsa
e violenta,
o seu dominio por terras das actuais comarcas de As Mariñas e
Bergantiños. Sendo mozo marcharía á corte do rei Juan II onde a
súa valía e a súa destreza coa espada permitiríanlle gañar fama
e honra e,
despois
de vencer a un enorme alemán que ninguén ousaba retar,
convertiríase no maior xustador que no seu tempo houbo en Castela.
Alí, dos encontros e contactos con outros nobres na corte real,
fraguaríase o matrimonio concertado con Teresa de Haro.
Grazas
ao favor real, conseguiría a estrela que adorna o escudo dos Mariñas
e a tenencia vitalicia do castelo de A Coruña, cidade
na que se intalaría
coa súa dona. Convertido
no
Señor máis poderoso e rico da zona, Gómez
Pérez
sería quen de intervir
con éxito nas contendas nobiliarias que convulsionaron á sociedade
dese século, entre elas a
Gran Revolta Irmandiña, que
fora un exemplo de dignidade do pobo galego daquela hora. Farto dos
impostos
desorbitados, abusos de
toda índole e
expolio permanente dos
seus
mermados recursos, os
labregos estouparían manifestando
a súa
indefensión ante o
vasalaxe,
máis
parecido ao
esclavismo que
a unha relación con contrapartidas, que
exercía sobre eles boa parte da nobreza local, unha
nobreza que acabaría decantando ao seu favor aquela Gran Revolta
Irmandiña iniciada polos pobres labregos. Sobre
o
papel dun
xa máis vello
Gómez Pérez das Mariñas naquel
episodio da nosa historia, o
escritor de Caión Marcos Amado cóntanos
o seguinte no
seu libro “Poder,
dominio e sangue. A liñaxe Bermúdez de Castro, señores de
Montaos”:
“Chegada
a contenda irmandiña en 1467, Gómez Pérez refuxíase dos alzados
no mosteiro de Samos, pero pronto se unirá ao contraataque iniciado
polo arcebispo, e agrupará as súas tropas en Santiago coas de
Andrade, Ulloa e Lope Pérez de Moscoso “o groso”. Rapidamente
foron vencidos os irmandiños e instaurado o poder señorial
precedente, e estes últimos catro señores unidos ao das Mariñas,
aliaranse na vista confederación antiarcebispal para frear o exceso
de fortalezas ocupadas por Fonseca II (que eran da igrexa quen llas
tiña cedidas en feudo a aqueles). Na reconquista para os Moscoso do
castelo de Altamira cercado polo prelado en 1471, sitúase o lance no
que Aponte dá boa conta do respecto que os seus iguais tiñan a
Gómez Pérez das Mariñas, “que era más viejo y más sabio y en
las guerras… todos consentían con él”, de maneira que os seus
plans foron acatados ante as vehementes ansias de ataque doutros
señores. Recuperada Altamira e posteriormente tamén Vimianzo, os
confederados diríxense á fortaleza de Mesía, propiedade de Gómez
Pérez das Mariñas pero ocupada polo xefe das tropas arcebispais,
irmán do prelado Alonso II de Fonseca e Acebedo, que heroicamente
soportaron tres meses de sitio e trabucazos ata a súa entrega”.
Sobre
a descendencia de Gómez Pérez das Mariñas, que falecería no ano
1475, dende
o infortunio dun primoxénito e dúas fillas mortas prontamente, este
importante
persoeiro da
historia galega
tería sucesivamente outras tres fillas máis con dona Teresa de
Haro: María das Mariñas, Constanza das Mariñas e Xenebra das
Mariñas, ademais
de procrear fóra de matrimonio a unha sexta filla ilexítima, Mencía
das Mariñas.
Gómez
Pérez lograría para as catro fillas outros tantos pactos
matrimoniais con grandes herdeiros ou Señores das súas respectivas
casas nobiliarias, concertados na elite da contorna señorial galega.
Así mesmo, como ben nos conta Marcos Amado no libro anteriormente
referido, estes, conscientes da ausencia dun herdeiro varón,
agardarían esperanzados unha futura porción da Casa das Mariñas
para os seus señoríos tralo pasamento do seu sogro.
María
das Mariñas, a maior delas, casaría con Diego De Andrade, Señor da
poderosa Casa de Andrade, e recibiría de seu pai os señoríos das
Mariñas dos Condes, co pazo de Miraflores como cabeza de
xurisdición, correspondente cos actuais concellos de Oleiros e Sada,
e das Mariñas dos Freires, bens situados no arciprestado de Faro e
entre os ríos Mero e Mandeo, dominados desde o pazo de
Bergondo-Mariñán e hoxe pertencentes ao concello de Bergondo, con
partes nos de Abegondo, Cambre, Carral e Betanzos.
Sobre
o legado da seguinte, Constanza das Mariñas, que casaría en
primeiras nupcias con Lope Sánchez de Moscoso, os bens reservados
serán “as
merindades e señorios que yo el dicho Gómez Pérez llievo e poseyo
desde la agua do Burgo fasta la Ponte Ceso e Val de Ruus”.
Eran bens dos cotos anexos á cidade da Coruña, coas antigas
freguesías da liñaxe de Suevos e Oseiro, pasando ás interiores de
Erboedo e Meirama, e englobando todas as súas abundantes posesións
en terras de Bergantiños, dominadas desde o pazo e torre de
Cillobre, fortaleza
situada na parroquia larachesa de Santa María de Torás. Constanza
tamén recibiría outro pazo situado na cidade de A Coruña, na rúa
Ferreirías… “estas
mys casas con sus huertas en la que agora moramos”,
que viña sendo no que residía a familia e se atopaba Gómer Pérez
ao outorgar testamento.
Xenebra
das Mariñas, coa que os seus pais quixeron afianzar alianzas coa
mitra compostelá desposándoa moi nova con Luís de Acevedo,
Pertegueiro Maior dos exércitos arcebispais, recibiría de seu pai
todas as casas, rendas e propiedades sitas na cidade de Betanzos,
ademais do señorío dos cotos de Oza-Cesuras e da Casa de Mesía,
coa súa torre e fortaleza.
Mencía
das Mariñas, a filla bastarda, enlazaría co fidalgo Juan García
Barba de Figueroa, Señor da Casa de Figueroa. Os sepulcros do
matrimonio, labrados coas armas e figuras xacentes, pódense visitar
na igrexa parroquial de San Miguel de Figueiroa, no concello de
Abegondo.
Mais
centrémonos agora na segunda das fillas de Gómez Pérez das Mariñas
e dona Teresa de Haro, en Constanza, unha muller que daría pé á
lenda da que falamos a continuación. Como dixemos anteriormente,
Constanza das Mariñas casara en primeiras nupcias con Lope Sánchez
de Moscoso “o groso” quen, segundo as crónicas de Vasco de
Aponte… “non era para ter xerazón (...) non era hombre para
mujer y doña Constanza no le quería por marido”, unha
Constanza que se separaría do seu home e voltaría ao domicilio de
seus pais. Grande foi o desgusto que por estos feitos tería Gómez
Pérez das Mariñas, mais as razóns expostas pola súa filla eran
dabondo para xustificar tal decisión e había que dala por ben
feita.
Un
día chegou á residencia de Gómez o cabaleiro Fernán Pérez
Parragués quen, de mozo, fóra paxe de aquel seguindo a costume
adoptada entre os grandes señores que adoitaban enviar aos seus
fillos á morada de algúns dos amigos da nobreza para que se
educaran ao seu carón, apartados da casa paterna, aprendendo todo
canto conviña a súa condición. Os mozos fillos dos nobres
empezaban como paxes para ser, co paso do tempo, escudeiros ata que
máis tarde poideran, con algún feito notable, obter o título de
cabaleiros.
Gómez
Pérez das Mariñas dispensaríalle un afectuoso acollemento ao seu
antigo paxe, un Fernán Pérez de Parragués que quedara viúvo tras
o recente falecemento da súa dona, que era filla de Fernán Díez de
Ribadeneira. Se cadra aquela visita non tiña soamente o desexo de
saudar ao seu antigo señor. Probablemente, no recordo da súa
primeira estadía na residencia de Gómez Pérez tiña unha gran
importancia unha moza loira que, naqueles intres, era unha fermosa
muller que non facía moito que abandonara ao seu home: Constanza das
Mariñas.
O
certo é que pouco despois desta visita, dona Constanza e Fernán
Pérez Parragués casaban, mais casaban en secreto, sen que o soupera
o pai dela, Gómez Pérez. Segundo Leandro Carré Alvarellos,
“algunas veces, doña Constanza trasladábase a La
Coruña para ver a su esposo; otros días era don Fernán el que iba
a Bergantiños cuando tenía saudades de su mujer. Dícese que estos
viajes casi siempre se hacían por mar y que embarcaban o tomaban
tierra en las playas de Valcovo o de Barrañán”.
Pois
ben, a lenda conta que en certa ocasión dona Constanza agardaba a
chegada do seu marido e, impaciente por velo, achegouse ata á
beiramar do areal de Sabón. Ben por parecerlle que podía ver máis
pronto que tarde a embarcación na que viría o seu amado, ou ben
porque acostumaban a empregar aquel lugar para baixar mellor da barca
a terra, o caso é que sentou nun gran penedo que había perto da
praia. Coa impaciencia, cravados os ollos no horizonte mariño, non
se decataría dona Constanza de que subía a marea e de que estaba
quedando entre as ondas, sen marxe de maniobra para poñerse a salvo,
principiando as salpicaduras das ondas a mollar o seu vestido.
Naqueles
intres, a humidade deixábase sentir co frío da auga e a brisa do
atardecer, sendo entón cando dona Constanza, aterrorizada, viu o
perigo no que se atopaba. Ninguén se vía no areal para pedir
auxilio. ¿Cómo fuxir de alí? A morte por afogamento agardábaa
naquel penedo para ela tan querida. Berrou unha e outra vez pedindo
socorro, mais sería en balde…
Constanza,
na desesperación da súa impotencia, botaría unha última mirada ao
lonxe. ¡Ah! Unha barca bolinaba a toda vela, rompendo as ondas que
despedían espumas fosforescentes. Na pequena embarcación viña
outro corazón ansioso. Sí, era don Fernán o que se achegaba ao
lugar no que estaba a súa amada en grave situación de perigo.
As
augas do mar xa chegaban aos xeonllos de dona Constanza e a noite
principiara a estender a súa capa de escuridade sobre a terra e a
inmensidade oceánica cando, ao fin, a barca de don Fernán atracou
xunto as rochas nas que permanecía a súa amada, que
estaba
enchoupada coa salitre mariña. Un doce e efusivo abrazo de home e
muller, darían paso a que os dous embarcaran e
se trasladaran
de contado ao areal de Sabón onde, ao
poñer pé na area,
permanecerían un anaco antes de encamiñarse a unha das súas
posesións cercanas, probablemente un caserío de Rañobre que,
andando no tempo, pasaría a formar parte
do señorío dos Oca.
Superado
o tremendo susto, semellaba que ningunha outra consecuencia tería
aquel amargo acontecemento, mais non sería así xa que foi aí cando
Gómez Pérez das Mariñas enterouse de que a súa filla casara en
secreto con Fernán Pérez Parragués e, ao considerarse humillado e
aldraxado, cubriu a súa cabeza cun capuz negro, que non quitaría
xamais ata a súa morte.
Desde
aquel entón, aquel penedo próximo á praia de Sabón foi chamado “A
pena de Constanza”, nome que aínda se mantén nos nosos días.
Esta lenda que recolle Leandro Carré Alvarellos no seu libro “Las
leyendas tradicionales gallegas”, xa aparece mencionada polo
pai deste, Uxío Carré Aldao, na súa popular “Geografía
General del Reino de Galicia” onde, no apartado que lle adica á
parroquia de Oseiro, di que… “En las playas inmediatas se dice
hay la llamada “Pena da Constanza”, que debió este nombre a que
allí embarcaba y desembarcaba doña Constanza das Mariñas, la
casada en segunda nupcias y “a furto de su padre” con Fernán
Pérez Parragués, por haberse separado de su primer marido, un Conde
de Altamira “que no servía para casado”, según nos cuenta Vasco
da Ponte. Esta doña Constanza, llamada “a vella” para
diferenciarla de su hija doña Constanza, que apellidaban “ a
nova”, tuvo en mayorazgo, fundado por su padre en los bienes que
éste le legó en testamento de 4 de Noviembre de 1474, hecho cuando
la hija era menor de edad, “todo lo que poseía en bergantiños
en oseyro e suevos e val de miis heruoedo e meyrama e con las
encomiendas de santo andres e monteagudo e con los foros casas e
casares que yo el dicho gomer perez llievo en las
dichas encomyendas e en la terra señorio que foi de Iohan de coyro e
de martin sanchez e en la terra de iohan dandero”.
As
obras iniciadas nos anos sesenta do século pasado para a
construcción da Central Términa de Fenosa, ademais da posterior
construcción do Porto de Punta Langosteira, sepultarían boa parte
da Constanza de Fora e da Constanza de Dentro, como así lle chamaban
os máis vellos a aquel lugar no que había un embarcadoiro
semellante ao Carreiro do Rañal mais, con todo, aínda se pode ver
unha parte dela, que está moi próxima a ese pequeno areal que se
formou a raíz das modificacións das correntes coas devanditas obras
do porto. Así que amigos e amigas, xa sabedes, cando vaiades a ese
punto do litoral arteixá que vos quede claro que estades na
Constanza!
FONTES:
-
Alfeirán, Xosé. Duelo a espada en 1437. La Voz de Galicia,
27 de xullo de 2015.
-
Amado, Marcos Emilio. Poder, dominio e sangue. A liñaxe Bermúdez
de Castro, señores de Montaos. Edición do autor. Caión, 2017.
-
Carré Aldao, Uxío. Geografía del Reino de Galicia. Carreras
y Candi. Casa Editorial Alberto Martín. Barcelona, 1928.
-
Carré Alvarellos, Leandro. Las leyendas tradicionales gallegas.
La Voz de Galicia, 2000.
Ningún comentario:
Publicar un comentario