xoves, 23 de agosto de 2018

OS ANTIGOS BARES DA MIÑA ALDEA DO RAÑAL

Los bares, que lugares
Tan gratos para conversar.
No hay como el calor
Del amor en un bar”

¿Lembrades? Así cantaban os Gabinete Caligari o seu tema “Al calor del amor en un bar”, unha das cancións míticas dos anos 80, a mesma década na que os vigueses Siniestro Total tocaban:

Nosotros somos seres racionales
De los que toman las raciones en los bares
Y no nos digas que no está bien
Que ya sabemos cuáles son nuestros males
Vamos a kwai y al berberecho
Y al palentino y a lo hecho pecho
¿Que quiénes somos? ¿de dónde venimos?
¿Adónde vamos si se acaba el vino?

Moitas das cancións de Siniestro… Miña Terra Galega, Bailaré sobre tu tumba, Assumpta, ¿Quienes somos, de dónde venimos, a dónde vamos?, etc, acabaríanse convertendo na banda sonora de varias xeracións, entre elas a miña, enganchadas á súa desenfadada, á par que transgresora, actitude rocanroleira.

Outro tema moi coñecido con letra de bares é o de Dolores se llamaba Lola, dos ourensáns Los Suaves:

Lola, nena de papá
no trabaja pasa el rato.
Bares, "Pubs" y discotecas
y asi vuelan los años.

Las vueltas que da la vida
el destino se burla de ti.
Dónde vas bala perdida, dónde
vas triste de ti.
Dónde vas triste de ti”

   ...os nosos bares, a nosa marcha, a nosa música, aqueles anos 80-90. Teño que confesar que naquela altura eu era (e sigo sendo) máis dos Diplomaticos de Monte Alto e do seu popular tema “Parrús”, nome co que un grupo de amigos fundáramos por aqueles días un equipo de fútbol sala en Arteixo, o Sporting Parrús:

Parrús, parrús, hai parrús nos bares
Pra ti, pra min, pra dar ao repunante
Parrús, parrús, o ambiente está doente
E nós andamos kentes, andamos ao parrús”

   En fin, chegados a este punto de seguro que vos preguntaredes a que ven todo este conto en torno aos bares. Pois veredes, o conto ven dado porque no Rañal, a aldea na que me criei e resido, non hai actualmente un bar onde tomar un café ou botarlle unha cervexa cos veciños e veciñas para falar de que Francia gañou o Mundial pero Bélxica xogou mellor, do sablazo do IBI, de que morreu Che do Carpinteiro ou de que o fillo de Luisa do Coireiro atopou traballo despois de botar máis de dous anos no paro!

  
    Na miña infancia e adolescencia a historia era outro ben distinta, era matemática pura: 30 casas e 3 bares, conta ben doada de facer. Botando a vista atrás, é incrible pensar que unha aldea de pouco máis de 100 veciños e veciñas chegara a ter máis tabernas, chiringuitos, pubs, etc, que algunha parroquia.

    Polo que contan os máis vellos do lugar, a historia hostaleira e festixeira desta aldea, da miña querida aldea do Rañal, principia na casa dos de Tiso, onde seica se facían moitos bailes na eira, entre a propia casa dos de Tiso e a casa dos do Coireiro. A día de hoxe, aínda hai quen lembra unha festa que se fixera alí grazas ao tres bocois de viño que apareceran en marzo de 1931 nos areais da Area da Salsa e de Alba. La Voz de Galicia informaba sobre este feito dicindo que… “estos bocoyes fueron depositados en los domicilios de los vecinos Francisco Rodríguez (bisavó materno de quen escribe), Manuel Abeleira y José Figueroa. Quienes se crean con derecho a la propiedad de dichos bocoyes pueden reclamarlos en el plazo de 30 días, acudiendo ante la autoridad en la Comandancia de Marina”. Transcorrido o mes marcado pola lei, ninguén reclamou ningún dos tres bocois, polo que non é moi difícil imaxinar a festa que se argallou na aldea.“Nunca tanto viño se bebeu no Rañal”, din os máis vellos.


Veciñanza do Rañal nos anos 40 con dous militares destinados na zona, eira entre a casa dos de Tiso e a casa dos do Coireiro e, alpendre dos de Tiso
    Durante os duros anos da posguerra a casa dos de Tiso, neste caso o seu alpendre, tamén sería lugar de festa habitual. Todo viñera dado porque o pendello era utilizado como base do destacamento militar que estaba no Rañal vixiando as praias da zona. Os soldados comían e durmían alí, e os que non estaban de garda armaban troula día sí e día tamén. Cousas do destino, algún deles acabaría casando en Arteixo. 

   O primeiro bar da aldea non se abriría ata a década dos 50, que foi cando Jesús Souto e Amelia Naya inauguraron a súa tasca, o "Cafe Bar Chucho", que estaría aberto durante máis de corenta anos. Nos sesenta os rapaces da aldea tamén montaran unha especie de chiringuito, un pequeno local que levantaran á altura do que hoxe é o local social do campo do fútbol do Rañal, lugar no que a xuventude de aquela hora tomaría alí algún que outro cubata!

Rapaces do Rañal dos anos 60 diante do chiringuito que construiron naquela altura
   Os meus primeiros recordos en torno aos bares da aldea son do "Chucho". Calculo que debeu ser polo 74 ou 75 (se cadra foi antes, mais o acordo é o que é) cando entrei nesa taberna por primeira vez con meu avó Milio, Milio do Touciñeiro, o heroe da miña infancia. No "Chucho", mentres el falaba cos veciños do lugar botándolle un viño de Pampín, eu tomaba unha Mirinda de laranxa que pedía, non polo que me gustaba, senón polos debuxos de Hanna Barbera que viñan nas chapas das botellas.  

   
Jesús Souto e Amelia Naya co seu fillo Luís
N
a tasca de Amelia e de Jesús, escoitando as conversas dos maiores, o meu cerebro absorbía coma unha esponxa informacións de todo tipo. Alí sentiría por primeira vez os nomes de algúns deuses do balón coma Di Stéfano, Pelé ou Beckenbauer, e tamén descubriría que por aqueles días morrera un tal Franco, o home ese que aparecía nas moedas coas que compraba as larpeiradas e os sobres de cromos que coleccionaba por aqueles días. Lembro tamén con moita nostalxia os partidos de fútbol que se facían diante do bar. Dous terróns en cada lado da estrada facendo de porterías… todos contra todos, mozos contra vellos, uns con zocos que chispeaban no asfalto e outros con zapatillas de casa. Daba igual, o importante era marcar máis goles ca outro equipo para obter o premio, que non era outro que unha ronda de consumicións. 


   Teño que admitir que o conto que máis me impactou dos que escoitei no "Bar Chucho", foi o do can Lorón, que era a mascota duns mariñeiros franceses que andaban á langosta por esta parte do Atlántico e que en 1969 sufriran un sinistro co seu barco, o "Genevieve de Galard", en augas do Rañal, conto sobre o que xa teño escrito e que aparece recollido, por se é do voso interés, nos libros O mar de Arteixo e os seus naufraxios e Crónicas de Arteixo. O "Chucho", a parte da xente da aldea, tiña como clientela a moitos e moitas das traballadoras da fábrica de conservas que había na aldea, a A.&J. Salgueiro S.L. Curiosamente, unha destas operarias, Oliva Figueroa, unha fermosa rapaza de Baldaio, acabaría casando con Luís, o fillo máis novo de Jesús Souto e Amelia Naya, os propietarios da tasca.

Aspecto actual do "Chucho e do "Playa"
    Nos anos da miña adolescencia, na década dos oitenta, o Café Bar Chucho tamén faría o papel de algo semellante ás actuais casas da xuventude existentes en algún que outro concello ou centros sociais, que viña moi a conto co que cantaban os Gabinete Caligari… “Los bares que lugares tan gratos para conversar”. Ademais, a taberna tamén sería a primeira sede social da Asociación Deportiva Cultural Peña O Rañal, entidade creada en 1987 e da que teño a honra de ser un dos fundadores. Mais por desgraza, este bar do que gardo tan gratos recordos pecharía a finais dos anos noventa, tras a xubilación da súa propietaria Amelia Naya e, actualmente, é o domicilio de Patricia, unha das netas de Jesús e Amelia, que reside alí coa súa parella e os seus dous fillos.

  Outro dos bares que había no Rañal era o "Café Bar Playa", un estabelecemento que abriran na segunda metade da década dos sesenta Pepe Dans e a súa dona Jesusa Deus. Pepe, veciño do desaparecido lugar da Pedreira, que estaba situado no que hoxe é a Avenida da Moda, foi unha das numerosas persoas afectadas polas expropiacións para a construcción do Polígono Industrial de Sabón e, tras quedar sen terras e casa, iniciaria unha nova vida no Rañal montando o "Café Bar Playa", un local que abrira pola demanda hostaleira que había naquel intre para os traballadores do Polígono, que non contaban con moitos sitios onde poder xantar.

    O "Chucho" e o "Playa" tiñan a súa competencia. A clientela daba para os dous, aínda que a dicir verdade era o "Chucho" o que se levaba a palma, a pesar de non dispor o local dos metros cadrados que si tiña o bar de Pepe Dans. Os meus primeiros recordos co "Playa" están relacionados cunha colección de cromos do Mundial 82. Naquela altura xa completara a colección de Panini, que era a máis chula, e tamén tiña completo un álbum dunha editorial, que creo que se chamaba Fher, e finalmente empezara a coleccionar uns cromos que viñan cos chicles Gum. Van pasando os días e as semanas, e así, como quen non quere a cousa só me faltaba unha estampa para completar o álbum, cromo que aparecería nun chicle que comprei no "Playa", que sempre foi coñecido coma "o bar de Dans"

Imaxe de Pepe Dans con Maruja de Bastón
    Co paso dos anos, xa na adolescencia, lembro que teño parado algún que outro sábado pola máñán alí para charlar cos veciños mentres tomaba un vermú, mais a maioría dos mozos e do resto da veciñanza eramos máis de parar no "Chucho", se cadra polo trato de Amelia Naya, que sempre estaba de bo humor, e polos contos de Jesús Souto, un home que tiña as mans máis grandes que vin na miña vida. O "Bar Playa" pecharía uns anos antes de que o fixera o "Chucho".

    Outro dos locales da miña aldea, ao que tamén lle gardo moito cariño, é á primeira cantina do local social da Asociación Deportiva Cultural Peña O Rañal, sede social que era de madeira e que levantamos os socios e socias da entidade. Aquel local estaba situado na beira do río, ao carón do campo de fútbol e desmantelouse ao pouco de inaugurarse a nova sede da Asociación, contruída canda o paseo marítimo. As festas da romaría da Pedra do Aguillón organizada pola Peña tamén foron míticas, en especial as do ano 2008, que foi cando actuou no campo de fútbol do pobo a popular orquestra "París de Noya".

Imaxe do primeiro local da Asociación Deportiva Cultural Peña O Rañal



  Mais se había un local do Rañal do que presumía a xuventude do pobo dos 80-90 ese era o "Pub +-", ou "Positivo Negativo", como tamén se coñecía. O seu propietario era Juan Abelenda, un rapaz de Meicende con domicilio nun deses edificios que se empezaran a construir nos anos 70 na zona de Alba, perto do litoral. Juan abrira no baixo do seu domicilio un local como poucos existían na contorna. A dicir verdade, mais ben ningún, xa que por aqueles días o outro pub que había en Arteixo era o "Equus". O "Positivo Negativo" era un local moderno, moi na liña de moitos bares de copas que abriran naquela hora pola zona do Orzán, na Coruña, un local no que varios dos rapaces da aldea cumplimos alí a maioría de idade e tomamos os primeiros cubatas ao mesmo tempo que escoitábamos aos Status Quo, Dire Strait, The Police, os Siniestro Total e Aerolíneas Federales, estos dous últimos os meus grupos favoritos naquela altura. 

Imaxes do pub + -  do 2018 e 1993
   A música de fondo nos 90 xa sería outra. The Cure, Nirvana, Eurythmics, Madonna, Bruce Springsteen... eran os que máis soaban por aqueles días no "Positivo Negativo" onde, boa parte da xuventude do Rañal, descubrimos os discos de vinilo e pinchamos por primeira vez na cabina do pub. Lembro que alí, na cabina, imitamos algunha que outra vez a José Antonio Abellán, o locutor que escoitábamos os sábados pola mañán nos "40 Principales" para saber quen era o número 1 da lista esa semana. Tamén recordo que Juan Abelenda, sempre innovador, argallara no seu local un par de desfiles de moda que tiveran un enorme éxito. O "Positivo Negativo" pecharía a finais dos anos noventa, aínda que para moitos dos seus antigos clientes continua estando aberto xa que aínda están moi presentes na memoria os momentos de diversión alí vividos.

    E xa por último, para rematar esta crónica sobre a “movida” da miña aldea do Rañal teño que citar, logo da presión popular recibida nos últimos tempos por parte de moitos amigos e amigas que alí paraban, á “Chabola do Espada”. As persoas que me coñecedes desde hai moitos anos, sabedes do que falo ¿verdade?. Aquela caseta de pouco máis de 30 metros cadrados, que era propiedade da miña familia, fora construída nos anos setenta por meu avó Milio a poucos metros da praia de Alba. Naquel habitáculo gardábanse as ferramentas de labranza coas que os avós traballaban as leiras que tiñan pola zona, unha caseta que mamá empezaría a darlle outro uso nos veráns da miña infancia, pasando moitas horas dos fins de semana nela. De feito, case todos os sábados e os domingos de xullo e agosto xantábamos alí.

Festas na chabola
  Mais, cando cumprín os 18, co carnet de conducir na man, aquela caseta empezaría a ter, no fai falla entrar en detalles, un uso ben distinto. A parte, era raro que os sábados non se argallara algunha festa alí. Dado que o noso grupo de amigos e amigas era coma unha enorme familia, todo o mundo quería facer a festa de cumpreanos na chabola. Lembro que nunha de aquelas festas, na época forte da movida nocturna da Laracha, os pubs da vila larachesa estaban baleiros.

- ¿pero dónde está hoxe a xente hoxe?, preguntaba todo o mundo. Pois aquel día a xente, entre unhas 400 e 500 persoas, colapsaban O Rañal por mor da celebración do cumpreanos de tres rapaces do grupo, festa que se celebraba na chabola do Espada. Aquela caseta de pouco máis de 6x6, que estaba situada no inicio da pendente do Paiolo... si, si, xa sabedes, esa costa tan difícil de pedalear cando ides por alí en bicicleta, á altura do Rañal... sería derrubada cando se iniciou a construcción do Paseo Marítimo, mais aínda hai quen garda como recordo a bolsa cun cachiño de parede que un servidor regalou a moitos e moitas dos que alí pararon durante tantos anos. Algún día xuntaremos todos eses cachiños e diremos con nostalxia: ...”aaaii, se as pedras falaran”.

2 comentarios:

  1. Maravilloso reportaxe e excelente vídeo Xabi, botase de menos un fondo musical.¡Gracias!

    ResponderEliminar
  2. eu vivo en vilarrodis,oliva era miña veciña en baldaio,, a conocia a luis e outros moitos que non estan de xogar o futbol,rañal&rapadoiro...

    ResponderEliminar