Como ben sabedes, a aldea de Froxel é coñecida por ser o lugar de nacemento do insigne Manuel Murguía, o Patriarca das Letras Galegas, que veu ao mundo nese punto da parroquia arteixá de Oseiro o 17 de maio de 1833 na casa de quen sería seu padriño, Antón Pan.
Froxel tamén foi o berce de Manuel Rey Suárez, persoeiro sobre o que xa temos falado neste espazo e de quen sabemos con certeza que coñeceu e tratou ao propio Manuel Murguía, a Castelao, a Basilio Álvarez, a Casares Quiroga ou, entre outros, ao autor da novela O bosque animado, Wenceslao Fernández Flórez.
Froxel tamén foi o berce de Manuel Rey Suárez, persoeiro sobre o que xa temos falado neste espazo e de quen sabemos con certeza que coñeceu e tratou ao propio Manuel Murguía, a Castelao, a Basilio Álvarez, a Casares Quiroga ou, entre outros, ao autor da novela O bosque animado, Wenceslao Fernández Flórez.
Mais
un momentiño, Froxel tamén é a patria pequena de Dolores Naya Pan,
unha muller loitadora e arroutada que marcaría un antes e un despois
na gastronomía da bisbarra.
Dolores,
que era bisneta de Antón Pan, o padriño de Murguía e que, cousas
do destino, acabaría sendo nora do antedito Manuel Rey Suárez, nace
no ano 1896 na mesma casa que o Patriarca das nosas Letras e, dende a
infancia, sería coñecida polo apelativo de Lola.
A
nosa protagonista non tardaría en mocear co seu veciño José, un
dos tres fillos de Manuel Rey e Genoveva Riveiro, con quen casaría a
finais da década dos anos dez do século pasado. Despois de darse o
“si quero” Lola e José estabelecerían o seu domicilio en
Pastoriza, ao carón do popular Salón da Roxa e do ferrador do
lugar, nunha casa alugada na que se irían criando os seus seis
fillos, Manuel, Amelia, Enrique, Juan, Carmen e Josefa.
Lola, no medio, cociñando nunha casa de Suevos |
Alí,
en Pastoriza, o matrimonio sacaría adiante a súa numerosa prole
traballando na taberna-fonda que decidiran abrir no baixo do edificio
no que residían, negocio no que non faltaría clientela para facer
uns pesiños... moita dela, clientela que tamén acudía ao ferrador
de Pastoriza. Mais, cunha familia tan numerosa, os cartos sempre
escaseaban e por iso Lola, que guisaba como ninguén, tamén axudaba
na economía doméstica traballando como cociñeira nas casas dos
veciños da contorna que a contrataban polas festas parroquiais.
Naquela
altura, a finais de decembro de 1927, o Ministerio de Defensa
aprobaba o proxecto de instalación dunha Batería de Costa en
Monticaño, Batería que entraría en funcionamento en 1930, pouco
antes da morte de José, que falecería de peritonitis deixando viúva
e seis fillos orfos. Lola, que por aqueles días xa gozaba de moita
sona en toda a bisbarra polo seu bo facer nos fogóns, volvería a
ser nai en xullo de 1932, que foi cando naceu a súa filla Angélica,
cativa que bautizaría cos seus propios apelidos, Naya Pan.
Viúva
e con sete fillos, sacrificio e traballo duro, convertiríanse na
sinal de identidade de Lola, Lola de Areosa, alcume herdado do
seu difunto marido. A súa taberna, e sobre todo os seus guisos, eran
xa un verdadeiro referente alén do Santuario e, por suposto, na
propia Pastoriza onde a chegada dos militares a Monticaño supuxo
unha importante mellora na caixa do seu negocio pois, tanto os
oficiais como a tropa, paraban de xeito habitual no seu
estabelecemento.
Lola nun banquete |
Durante
os anos da II República, da Guerra Civil e da
dura posguerra, a relación cos oficiais da Batería sería sempre
excepcional,
de
xeito moi especial co capitán Juan A. Quiroga de Abarca.
Esa
amizade e bo trato cos mandos levaría a Lola a conseguir que moitos
rapaces da zona de Montemaior, Soandres, Larín, Loureda, Arteixo,
Pastoriza, etc., que ao cumpriren
a idade regulamentaria tiñan que entrar
no exército, fixeran
en Monticaño, moi perto dos seus domicilios, o
extinguido servizo militar, soldados
que nalgúns casos, os que
tiñan o “pase pernocta”, é dicir, os que durmían fora da
Batería, mudaban as roupas militares polas de civil nun reservado
que
había no
estabelecemento da
señora Lola,
ao
carón do ferrador.
Os
mandos da Batería de Costa tiñan sempre en consideración as
propostas da cociñeira, entre
elas o
xeito de argallar a festa da Santa Bárbara o 4 de decembro, día que
o corpo de artillaría festexa a súa patroa e da que Lola se ocupaba
todos os anos. Outra das propostas feitas por
Dolores Naya,
fora a
de traballar os terreos de Monticaño para colleitar patacas e outros
produtos. A
idea, que efectivamente
se levaría a cabo, non era outra
que a
de
abaratar
o custo da compra que a diario había que facer para elaborar o
rancho da tropa, rancho do que se ocupaba Lola, quen acabaría tendo
en Monticaño tanto ou
máis mando
que
algún sarxento da Batería.
Ese
feito sabíano ben o conxunto
de soldados
destinados
alí,
quintas
para
quen Dolores
se convertía, ano tras ano, no máis parecido a unha nai durante o
tempo que os mozos facían a
“mili” na
Batería:
-Señora
Lola, é a festa na miña aldea. ¿Pode falar co capitán a ver se me
da uns días de permiso?
-A
ver como te portas esta semana e xa veremos!
-Señora
Lola, necesitaba uns días para axudar na casa a plantar o millo.
¿Pode falar co capitán?
-A
ver logo que se pode facer!
Se
os guisos de Lola eran motivo de conversa diaria entre os militares
de Monticaño, tamén o eran entre as ducias e ducias de persoas que
peregrinaban ao Santuario de Pastoriza polo San Miguel quenes,
despois de cumprir coa devoción á Virxe, acudían ao seu
estabelecemento a degustar os callos e o estufado que preparaba a
popular cociñeira e que tanta sona tiñan porque disque sabían a
gloria divina. Naquelas romarías do San Miguel, nas que as
orquestras contratadas para a festa hospedábanse no seu humilde
negocio, e nas que cada ano mataban unha tenreira, Lola empezaría a
contar coa axuda da súa filla Angélica na segunda metade da década
dos corenta, cando a rapaza contaba aproximadamente con 14 anos.
Plácido e Geluca cos seus seus dous fillos |
O
bo facer nos fogóns de Lola seguiríase espallando por toda a
provincia grazas ao boca a boca da fiel clientela que cada ano acudía
ao San Miguel, aos militares da Batería de Monticaño e, tamén,
grazas á xente que a seguía contratando para cociñar nas súas
casas polas festas, casamentos e outras celebracións.
Angélica,
máis coñecida polo apelativo de Geluca, sabía xa moitos dos
segredos da cociña de súa nai cando empezou a mocear con Plácido
Suárez, un dos fillos “dos do Ruán de Meicende”, co que casaría
a principios de 1952. O matrimonio, que celebraría a súa voda no
vello edificio no que Lola continuaba de aluguer, serían pais de
contado dos seus únicos fillos: María Isabel, que viría ao mundo
en setembro do 52, e José Manuel, nado en agosto de 1957, pouco
despois de que os integrantes de unha das orquestras contratadas para
as festas de Pastoriza abandonara o estabelecemento familiar no que
fixeran fonda berrando:
-Adeus
Geluca, que teñas bo parto!
Geluca
era consciente, naquela altura, das grandes posibilidades de negocio
que ofrecían as exquisiteces gastronómicas que aprendera a cociñar
con súa nai. O tempo daríalle a razón, mais antes disto, antes de
que o seu restaurante fora un dos máis populares de toda a provincia
da Coruña, aínda acontecerían algúns feitos relevantes que
marcarían para sempre a súa vida.
Ao
pouco de nacer José Manuel, o fillo máis novo do matrimonio,
Plácido emigrou a Francia, onde botaría dous anos, tempo dabondo
para que Geluca e Lola, obrigadas a abandonar o edificio no que
tantos anos levaban de aluguer, construiran un novo estabelecemento
hostaleiro a poucos metros do anterior, un negocio hoxe coñecido
como Casa Xuntanza, e durante moito tempo como O Parador.
De esquerda a dereita, Mari, Lola, Plácido e Geluca |
Nese
novo local a popularidade das artes culinarias de nai e filla
seguiría aumentando de xeito considerable grazas as xentes que cada
ano acudía á romaría do San Miguel, na que había moitos
peregrinos da zona de Ferrol e de Pontedeume, e, por suposto, tamén
aos mandos da Batería e aos mozos que facían o servizo militar en
Monticaño, para quen a señora Lola era, ano tras ano, quinta tras
quinta, coma unha nai para eles.
Tras
dous anos na emigración, Plácido volta a Pastoriza e atópase coa
sorpresa da posta en funcionamento do novo local, nova que a súa
muller Geluca decidira ocultarlle durante todo o tempo que botara en
Francia para darlle unha boa sorpresa ao seu home. E abofé que lla
daría! Mais no novo negocio pouco tempo estarían, xa que dous ou
tres anos despois da súa inauguración decidirían vendelo, que foi
cando este local hostaleiro pasou a denominarse O Parador, para
empezar unha nova andaina a poucos metros, no que co tempo se había
de converter na primeira Adega Galiza.
Neste
novo local os mandos e soldados da Batería de Monticaño seguirían
sendo fieis clientes da señora Lola e da súa filla Geluca, o mesmo
que moitas e moitos dos peregrinos que cada ano visitaban o Santuario
de Pastoriza polo San Miguel, gañando, ademais, bastante clientela a raíz
da inauguración en 1964 da Refinería de Meicende, xa que moitos dos
operarios do complexo petroleiro comían alí pola semana. No novo estabelecemento tamén se
repetiría a historia familiar. Se Geluca aprendera a cociñar con
súa nai Lola, María Isabel, Mari para os seus coñecidos, faría o
propio coa súa nai e coa súa avoa materna.
Naqueles
anos 60, un día chega a este negocio unha muller, Mercedes Corgo,
coa idea de celebrar alí o seu casamento. Lola levaba moitos, moitos
anos do Noso Señor traballando de aquí para alá entre os seus
fogóns e os das casas particulares, e Geluca tamén xa contaba cunha
importante experiencia, mais nunca antes tiveran tal encargo. Sí, a
señora Lola elaborara ducias e ducias de menús nos domicilios que a
contrataban polas festas, casamentos e demais celebracións. Mais
aquela petición non era o mesmo. Aquela petición eran palabras
maiores!
Unha das últimas imaxes de Lola |
Geluca
e Lola aceptarían o reto e… mi madriña, a partir de aquel día
empezarían a recibir solicitudes de celebracións de vodas no seu
local dun xeito apoteótico.
Van
pasando os anos e a finais dos setenta, ante tal volume de traballo,
deciden construír no Seixedo, nuns terreos propiedade da familia, un
gran restaurante que poidera dar cabida a tanta demanda, restaurante
que Geluca, para honrar a tantos anos de traballo de súa nai, decide
chamar Casa Lola e que sería inaugurado o día 23 de xullo de 1980,
tres anos anos antes do falecemento de Lola, que morrería o día 15
de maio de 1983, aos 86 anos, traballando ata o último momento.
Naqueles
primeiros anos oitenta, Geluca sería testemuña directa de como
principiaban a asentarse en Arteixo novos residentes atraídos polas
ofertas de traballo que había no Polígono Industrial de Sabón,
residentes que nalgúns casos celebrarían no restaurante Casa Lola o
seu casamento.
Arteixo
medraba e medraba, mais ninguén podía imaxinar o imperio que
chegaría a albergar Sabón grazas, en boa medida, a un tal Amancio
Ortega, empresario ao que Geluca coñecería ao pouco de inaugurar o
seu novo local. Nunha conversa mantida con ela e coa súa filla Mari
recentemente no seu domicilio, lembrounos que..."Ortega viña
todos os domingos. Era moi bo cliente,
moi discreto e deume moi
bos consellos".
Geluca
Naya, que quedaría viúva en xuño de 1992, levaría as rendas da
Casa Lola durante dúas décadas, ata o 2000, que foi o ano no que
decidiu xubilarse e alugarlle o restaurante a Antonio Calvete, quen
seguiría mantendo o nome orixinal do negocio. Posteriorme, o Casa
Lola pasaría a denominarse Restaurante Mela e, na actualidade, é
coñecido como Bar & Grill 1906.
Imaxe dos catro negocios que tiveron Lola e Geluca ao longo das súas vidas |
Mari,
a filla de Geluca, seguiría coa tradición culinaria familiar, aínda
que abandonaría
o
camiño que
abriran súa
nai e súa avoa materna para especializarse no
mundo da pastelería. Hoxe
o
seu negocio,
Confitería
Mari, negocio
no
que traballa
coas
súas
fillas
Lucía e
Lola,
é
un dos máis apreciados do sector polo xeito tan minucioso que
teñen na elaboración
dos seus produtos, moi
especialmente
as larpeiras, sen dúbida algunha,
das mellores da zona,
por
non
falar das milfollas
ou das
tartas Selva
Negra ou a
de
San
Marcos, delicatessen
coas
que
podedes tocar o ceo, ese
ceo
dende o que de
seguro
observa Lola, Dolores Naya Pan, a bisneta do padriño de Murguía, a
nora de Manuel Rey Súarez, esa
muller que foi
quen de
marcar
un antes e un despois na gastronomía da zona!
Bo traballo de investigación!! Segue así, noraboa.
ResponderEliminarMi Enhorabuena por la exposición de la vida de mi abuela. Gracias.
ResponderEliminarEste comentario foi eliminado polo autor.
EliminarXavier, grazas por culturizarnos un poco mais sobre a nosa xente.
ResponderEliminarMe encantou, esta xenial coñecer a nosa historia.
ResponderEliminarSigue así Xavier!
Gracias por "historiar" la vida de mi abuela paterna. A mi padre, Manuel, le hubiera gustado leer este relato.
ResponderEliminar