Fabulación das Croas, obra do pintor Roberto Castro |
Este
asentamento, tamén coñecido como castro de Armentón e como castro de Anzobre, ofrece grandes dificultades
para o seu estudio por mor das modificacións sufridas a partir dos
anos corenta do século pasado, que foi cando empezou a ser utilizado
como terras de cultivo. Mais, con todo, aínda se aprecia a parte do
recinto superior, definido por unha muralla de forma circular que
conta cun estreito foso que o illa dun terraplén na parte norte.
Sería
precisamente nesa época, aproximadamente sobre o ano 1945, cando o
arqueólogo Luís Monteagudo rexistra seis machadas das nomeadas de
“tope”, descubertas por un labregos do lugar cando empezaran a
achanzar, naqueles días, os terreos do castro que serían destinados
posteriormente ao uso agrario.
O
historiador José Ramón Barreiro Fernández apunta no seu libro
Historia de la ciudad de La Coruña, que hai bastantes indicios
de que as machadas poideron ser fundidas alí mesmo, o que ven a
corroborar a teoría do xornalista nado en Pastoriza Guillermo Pardo
que, na reportaxe Arteixo: La mayoría de los castros del
municipio se encuentran destruidos, publicada en La Voz de
Galicia o 4 de decembro de 1981, cóntanos que o de Armentón
probablemente se trate dun asentamento mineiro:
“Su
característica más relevante es su ubicación, no en el monte, sino
en el medio del fértil valle de Barrañán; la existencia de
residuos de escorias de hierro nos hace pensar, forzosamente, en un
asentamiento más bien minero que defensivo, aunque este último
aspecto se constata también inmediatamente”.
A arqueóloga arteixá Ana Corredoira comentounos recentemente que,
a extensión temporal das
machadas
rexistradas
por Enrique Monteagudo,
sitúase habitualmente no bronce
final, perdurando se cadra ata o ferro inicial. Segundo Corredoira,
hai
quen sostén que as machadas son votivas, é dicir, que foron
depositadas a modo de ofrendas, e que as aleacións probablemente
foran ternarias (Sn + Cu + Pb), cunha cantidade moi alta de chumbo
(plomo),
o que as faría pesadas, desequilibradas e fráxiles. A
nosa veciña arqueóloga
tamén nos apuntou que
outros
especialistas afirman que as pezas son funcionais como machadas o
que,
coñecendo as limitacións das mesmas, probablemente foran utilizadas
para cortar madeira viva.
Dun
xeito ou doutro, o único que sabemos con certeza é que Luís
Monteagudo (1919-2018),
que
fora no
seu momento
director do Museo Arqueóloxico da Coruña e membro
do Deutsches Archäologisches Institut de Berlín, escribiría
na Prähistorische
Bronzefunde alemá,
da cal era habitual colaborador, o libro
Die
Beile auf der Iberischen Halbinsel,
unha
publicación na que o popular arqueólogo coruñés fala das machadas
descubertas ao longo da historia en toda a Península Ibérica, entre
elas as seis de Armentón, das que nos comenta que
apareceran no castro das
Croas
ao pouco de empezar a ser traballada a superficie para cultivo.
Cultivo no interior do castro |
Neste
libro alemán, publicado a finais dos anos setenta, Monteagudo
dinos
que
xa da por perdidas as seis machadas, un tesouro arqueolóxico
que tería a oportunidade de ver tres
décadas antes
formando parte dunha colección privada. Afortunadamente
o prestixioso arqueólogo, falecido en febreiro deste
ano
2018 pouco antes de cumprir o seu cen aniversario, aproveitaría o
momento da
visita á devandita colección
para facer o debuxo das seis
pezas, debuxo
que aparecería editado orixinalmente
nunha publicación realizada
polo
Museo de Pontevedra do ano 1958 e
que, ata o día de hoxe, é a única imaxe que temos delas xa que se
descoñece a localización actual das seis machadas.
Proximidades da leira de Fabalvedre. Ao fondo, o Pazo de Anzobre |
Outro
dos puntos de interés do castro das Croas de Armentón son os
espectaculares afloramentos rochosos que hai no xacemento, o que nos
fai pensar na posibilidade da orixe do topónimo O Roque, unha das
aldeas próximas ao xacemento. Segundo as teorías de diversos
historiadores sobre as orixes exactas respecto á etimoloxía do nome
Roque, hai quen insinúa que se deriva da voz xermánica “hruk”,
que significa “corvo”, mais tamén hai quen afirma que pode
proceder do escandinavo “hrokr”, “home alto” en galego. A
pesar disto, a teoría máis relevante en torno a este topónimo, é
a que sitúa a etimoloxía do nome no latín vulgar tardío “rocca”,
que significa “pedra ou rocha”, o que nos leva a reflexionar
sobre o nome desta aldea próxima ao castro do que estamos a falar.
Tampouco
podemos pasar por alto outro dos lugares que se atopa nas
proximidades do recinto, o núcleo de A Grela, onde se atopou, na leira
de Fabalvedre, unha extensión de terreo cunha densa dispersión
cerámica, sobre todo tella e algún fragmento de vasilla que os
expertos e as expertas cualifican de posible adscrición romana.
FONTES:
-Barreiro
Fernández, José Ramón. Historia
de la ciudad de La Coruña. La
Voz de Galicia, 1986.
-Monteagudo, Luís. Die Beile auf der Iberischen Halbinsel. Prähistorische Bronzefunde. Munich, 1977.
-Pardo, Guillermo. Arteixo: La mayoría de los castros del municipio se encuentran destruidos. La Voz de Galicia, 4 de decembro de 1981.
-Rozamontes, María. Arteixo de onte a hoxe (Volume III). Departamento de Turismo e Normalización Lingüística do Concello de Arteixo, 2007.
-Monteagudo, Luís. Die Beile auf der Iberischen Halbinsel. Prähistorische Bronzefunde. Munich, 1977.
-Pardo, Guillermo. Arteixo: La mayoría de los castros del municipio se encuentran destruidos. La Voz de Galicia, 4 de decembro de 1981.
-Rozamontes, María. Arteixo de onte a hoxe (Volume III). Departamento de Turismo e Normalización Lingüística do Concello de Arteixo, 2007.
Ningún comentario:
Publicar un comentario