xoves, 20 de setembro de 2018

AS "LIBRERÍAS AMALUCHA"

  A vila de Arteixo conta na actualidade con varias tendas de xoguetes, con varios “todo a cen”, librarías e outros negocios nos que os ollos dos cativos fan chiribitas ao pasar por diante deles. Mais un momentiño, na infancia de quen escribe o conto era outro ben distinto pois, as nenas e os nenos dos setenta, non tiñamos tantas opcións para comprar a larpeirada ou o xoguete de turno como teñen os rapaces de hoxe. Non, abofé que non. A única opción, ou polo menos a única que eu lembro, era a “Librería Amalucha”.

Imaxe dos anos 70 da "Librería Amalucha"
  Moitas das lembranzas da miña infancia están asociadas con aquel negocio que estaba situado no baixo do edificio que fai esquina entre a Avenida de Caión e a rúa Nicaragua. Entrar alí era entrar noutra dimensión. Era como viaxar á galaxia na que os soños se facían realidade! Na “Librería Amalucha” había ducias de tesouros cos que os nenos e nenas de 8 ou 10 anos de aquela hora podiamos soñar: madelmans, geypermans, barbies, cómics, cromos de Panini dos álbums que se coleccionaban cada dous por tres, os coches de Guisval cos que tanto alucinaba, larpeiradas de todo tipo… Deus, canto babeei naquelas catro paredes!

   Teño que confesar que ao longo dos anos 70 fun un rapaz afortunado: tiña “enchufe” na libraría ou, como se di agora, “Pase VIP”. VIP é un acrónimo que procede da lingua inglesa que refire Very Important Person (Persona Moi Importante) e home, comprenderedes que non era o meu caso, mais cada vez que aquel mincha de 8 ou 9 anos que era eu entraba pola porta do estabelecemento, Amalucha e Carmen Varela, as dúas mulleres que levaban o negocio, facíanme sentir como tal. Bueno na realidade, o meu “pase” debería axustarse máis, seguindo cos acrónimos de procedencia británica, a Very Dear Child (Neno Moi Querido). Tiña “enchufe” porque Amalucha e Carmen son irmáns de Celia, que casara no Rañal a finais dos 60 con meu tío Jesús (DEP), Chucho para os seus amigos, antigo porteiro do Penouqueira e do Catuxa e, por iso, as dúas propietarias do negocio tratábanme coma se fora seu sobriño. Comigo sempre foron un ceo de mulleres!


Publicidade de 1981
   Os nenos e nenas de agora que cursan os seus estudos no CEIP Ponte dos Brozos teñen xornada de 9:30 a 14:30. Antes, na nosa infancia, a xornada era partida e había clase pola tarde de 15:00 a 17:00. Mais iso sí, antes de entrar, xusto despois de que o autobús nos deixara na parada, que estaba no lugar que actualmente ocupa o edificio de Educación Infantil, a iso das tres menos cuarto ou tres menos dez, non había día que non fora a buscar á libraría das cuñadas de meu tío Jesús a larpeirada de turno e moitas, moitas veces do noso Señor tanto Amalucha coma Carmen me agasallaban cun chupa Kojak, cuns caramelos Sugus ou cunha tableta de chicles Cheiw Junior ou Bang Bang, todo un luxo para época! 

A "Amalucha" antes da súa inauguración
   Naquela altura, moitos dos meus amigos dicían que de maiores querían ser futbolistas, bombeiros, policías e ata había algún que soñaba con ser o home do tempo. As miñas pretensións de futuro nada tiñan que ver coas dos meus compañeiros. Non, eu quería ser libreiro ou, en todo caso, traballar nunha libraría. Seguramente, o feito de ver día si e día tamén tantas cousas marabillosas xuntas no negocio das irmáns da tía Celia, a maioría delas só alcanzables polo día de Reis, tivo moito que ver con aqueles desexos. O soño non tardaría en cumprirse pois, cando tiña 9 ou 10 anos, algún que outro domingo vendín xornais na de Amalucha. ¿Cómo? Pois veredes…

    Vendo a oportunidade de negocio, Amalucha e Carmen abriran a libraría da que estamos a falar, a “Librería Amalucha” da Avenida de Caión, pouco antes de que se inaugurara o Colexio Público Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos, un centro educativo que principiaba a súa andaina en setembro de 1974. As dúas mulleres traballaban alí de luns a sábado mais, uns anos antes, ao parecer entre o 69 e o 71, Amalucha xa abrira outro estabelecemento na súa casa da Baiuca, unha pequena tenda que ven sendo a mesma na que despachei por primeira vez na miña vida.

   Ocasionalmente, cando meu tío Jesús me viña a buscar ao meu domicilio do Rañal, o mesmo no que el nacera no ano 1942, e me levaba de paseo no seu Seat 850 azul ata Arteixo, logo de falar cos seus amigos da infancia e da xuventude e de tomar unhas Fantas de laranxa nun dos bares da vila, íamos sempre a ese pequeno negocio que, a dicir verdade, era un cuarto habilitado que súa cuñada Amalucha tiña na antiga casa na que residía dende a infancia, vivenda coñecida como a casa dos do Trono na que María e Generoso, os sogros do tío Jesús, criaran á súa ampla prole: Marica, Amalucha, Carmen, Pilar, Rebo e Celia.

A casa do farol era onde Amalucha tiña a libraría na Baiuca
   Poucos recordos teño de aquela pequena tenda… un moble cun cristal na parte superior que facía de mostrador, a ventá que daba para o camiño, tres ou catro estantes nas que había revistas, tebeos e xornais que agardaban ser vendidos cada vez que soaba a campaniña da porta… e pouco máis. Do que si me lembro é que ás veces, cando estabamos charlando na cociña da casa e entraba algún cliente, despois de escoitar o “tilín-tilín” da porta, Amalucha dicíame:

-Veña, vai despachar ti!

   E eu, con vergonza ou sen ela, atendía á clientela rezando para que me pagaran cos cartos xustos pois, naqueles primeros anos da miña vida, as matemáticas non eran o meu forte! Dábame pánico facer a operación de cálculo para devolverlle ao cliente a volta de tal ou cal billete ou de tal ou cal moeda polo temor a equivocarme! Mais, con todo, non había problema: os medos superábaos coa axuda de Amalucha quen, ademais de exercer de libreira, aqueles domingos tamén facía de mestra de matemáticas co sobriño de seu cuñado Jesús, o “Iribar do Penouqueira”. 
 
   Amalucha Varela pecharía a tenda da Baiuca a mediados da década dos oitenta para adicarse única e exclusivamente, xunto coa súa irmá Carmen, ao outro negocio que tan estratexicamente estaba situado ao carón do colexio de primaria. 

Imaxe actual da libraría "Laydi", antes "Amalucha"
   A partir de aquela época, a partir de aqueles mediados anos oitenta, coa posta en funcionamento do Instituto de Educación Secundaria Manuel Murguía e o Centro de Formación Profesional, en Arteixo irían abrindo novas librarías como a Vagalume, Iglesias e xa, posteriormente, Marina, Mina... 

   As irmás Varela seguirían co negocio ata a súa xubilación. Primeiro retiraríase Amalucha, a maior, e posteriormente Carmen quen, nos primeiros meses de 1999 traspasaríalle o estabelecemento a María Isabel Suárez, deixando de chamarse “Amalucha” para denominarse “Laydi” que é como coñecemos na actualidade esa libraría que fai esquina entre a Avenida de Caión e a rúa Nicaragua.

Ningún comentario:

Publicar un comentario