venres, 26 de marzo de 2021

A PANADERÍA CARRACEDO DE CHAMÍN

    Como ben sabedes, no noso concello temos unha chea de panaderías distribuídas por case todas as parroquias do municipio, polo que podemos mercar pan en A Groufa, A Maceira, Arteixo, Chamín, Lañas, Loureda, Meicende, Uxes, Vilarrodís… De todas e cada unha delas prometo falar polo míúdo algún día nesta bitácora xa que hoxe o protagonismo é para a Panadería Carracedo de Chamín, que con máis de seis décadas de historia ten máis que merecida a pequena homenaxe que lle facemos a continuación.

Celsa Martínez facendo o reparto por Monteagudo

    Hai que remontarse ata os duros anos da posguerra para falar das orixes da Panadería Carracedo, que foi cando Ramiro Carracedo García e seu tío José Carracedo Esmorís empezaron a cocer no forno da casa na que reside actualmente o meu prezado amigo Alberto, cuarta xeración deste popular negocio xunto a súa irmá Laura.

   No forno desa vivenda, situada a marxe esquerda da estrada que nos conduce a Caión, uns metros máis arriba da panadería actual, Ramiro e José traballaron arreo ata que o primeiro decidiu facer a maleta da emigración para probar fortuna no Uruguai. Dous irmáns de Ramiro, Santiago e Julio, ían continuar enfornando en cadanseu negocio. Santiago faríao nunha casa situada detrás da taberna do Piñeiro, na que máis tarde quedou uns anos o seu fillo Jorge ata que pechou definitivamente, e Julio faría o propio no que vén sendo a actual Panadería Carracedo de Chamín.

 

Forno no que cocían Ramiro Carracedo e seu tío José

    Antes de ser panadeiro, Julio traballara con seu pai Jesús no serradoiro que levaría posteriormente Pepe Carracedo, máis coñecido polo alcume de Canuto da Lagoa. Polo que recorda a familia, Jesús e Julio eran moi bos negociantes e, á parte da madeira, dábanlle un pouco a todo xa que tamén se gañaban a vida como vendedores ambulantes e comerciando con produtos ultramarinos pola bisbarra.

   Ao casar con Celsa Martínez Varela, veciña da parroquia de Monteagudo, Julio deixa o serradoiro e construé a casa familiar, unha vivenda na que ían vir ao mundo os tres fillos do matrimonio, Ramón, Ramiro e Celsa Carracedo Martínez, e na que en 1954 abriu a tafona, cocendo e despachando no baixo. Julio cocía e facía o reparto na besta ao tempo que Celsa críaba aos rapaces e tamén repartía por Chamín, Sorrizo, Monteagudo, Armentón… Naquela hora, os cabalos do reparto foron dando paso a unha DKW, unha furgoneta da que aínda se acordan os máis vellos de Chamín.

   E así foi transcorrendo o tempo ata o fatídico 17 de agosto de 1974, que foi o día no que Julio faleceu con tan só 47 anos, tras sufrir un infarto cando realizaba o reparto por Barrañán na DKV. Superar a perda de Julio e levantarse de aquel golpe tan terrible non foi nada doado para a súa viúva Celsa, que con toda a valentía do mundo decidiu continuar cara adiante co negocio na compaña de Ramón, o seu fillo maior.

   Tras un par de anos á fronte da panadería, Ramón emigra a Inglaterra deixando a tafona en mans de seu irmán Ramiro, que non ía tardar en converterse nun dos grandes panadeiros do municipio arteixán.

   Pouco tempo despois Ramiro casa con Cristina Rodríguez, veciña de Lendo (A Laracha) coa que foi sentando as bases do que hoxe é a Panadería Carracedo: sinónimo innegable de calidade no produto e de excelencia na elaboración.

    Os seus dous fillos Alberto e Laura, cuarta xeración do negocio, íanse criar entre o pan e os sacos de fariña de Emilio Esteban provenientes de Renedo de Esgueva (Valladolid), a mesma fariña de trigo que xa utilizaba Julio Carracedo en 1954. Alberto e Laura, presente e futuro da Panadería Carracedo, traballan dende mozos con seus pais Ramiro e Cristina. 

 

Imaxe da Panadería Carracedo de Chamín

   A Alberto podémolo ver a diario no forno de Chamín e a Laura no despacho que a Panadería Carracedo ten na rúa Ría de Noia da capital do municipio, aberto pouco antes da morte da avoa Celsa, falecida en outubro de 2008 aos 78 anos de idade. Tanto no despacho de Chamín como no de Arteixo podedes mercar un dos pans máis ricos da bisbarra, pan de millo, doces, tarta de Santiago, roscas, bizcoitos, tartas ou empanadas de varios ingredientes (9 variantes) como a de zamburiñas, unha marabilla e unha verdadeira delicatessen!

   Iso si; se ides a mercar calquera dos seus produtos, especialmente nas fins de semana, xa vos aviso que vaiades con tempo porque o habitual é que haxa ringleiras de xente á porta de ambos despachos … por algo será!

2 comentarios: