domingo, 25 de setembro de 2022

A 'PEDRA DA SERPE' DA AVOA CARME

  Ser neto dunha menciñeira ten o seu aquel, abofé. Moitos dos recordos da infancia dun servidor son de follas de cecimbre, de cruces de palla, da paletilla caída, da sombra, do mal de ollo... Miña avoa Carme Pan Pan, de alcume 'Carme do médico', nacera no ano 1913 en Froxel, na mesma casa na que viñera ao mundo Manuel Antonio Martínez Murguía en 1833. Precisamente, polos contos que sempre contaba a avoa cando eu era neno, fora seu tataravó Antón Pan Vázquez, o que asistiu no parto de dona Concepción Murguía. A amistade entre as dúas familias seica viña de lonxe, feito que se reafirma co segundo nome do futuro patriarca das Letras Galegas, Antonio, o mesmo que o da persoa que axudou a traelo ao mundo e que tamén fora o seu padriño, Antón Pan Vázquez.

A avoa Carme en 1937
   Hai uns días repasei con meu padriño Quico, Francisco Rodríguez Pan, este apartado da nosa historia familiar e contoume que… “ á familia de miña nai chamábanlle 'os do Médico' porque nesa casa de Froxel había un médico que fixera a carreira de medicina en Santiago”(era Antonio Pan Sánchez). Para saír de dúbidas e confirmar todos eses datos dos que sempre se falaron na casa, hai varios anos acudín ao Arquivo Diocesano de Santiago de Compostela, e alí, na páxina 241 do libro de defuntos número 13 da parroquia de Oseiro aparece a seguinte información:
(…) En 29 de Diciembre del año de 1850 se dio sepultura en el cementerio de la iglesia parroquial de San Tirso de Oseiro al cadaver de Antonio Pan, marido de Benita López, ejercicio practicante de cirujía, vecino del lugar de Frogel, términos de San Tirso de Oseiro, el cual falleció el día anterior de enfermedad de tisis a la edad de treinta y cinco (...)”

   Meu padriño Francisco tamén me contou que un fillo de Antonio Pan Sánchez, probablemente Ventura Pan López, continuou a tradición médico-menciñeira dos seus antepasados, tradición que se foi transmitindo de xeración en xeración ata os tempos da avoa Carmen Pan Pan , 'Carme do médico', que sempre dicía que no faiado da casa na que nacera en Froxel “había moitos libros de médicos”.

 

Meu padriño Francisco nos anos 60

   O caso é que cando a avoa casou no Rañal a mediados dos anos 30 do século pasado co avó Milio, 'Milio do Touciñeiro', trouxo con ela os seus coñecementos medicinais das plantas, de remedios, dalgún que outro método de curación de enfermidades e un tesouriño do que vos falo deseguido, o que na casa lle chamaban 'a pedra da serpe' ou a 'pedra da cóbrega'.

   Quen escribe medrou escoitando centos de contos sobre esta pedra “máxica”. Meu padriño Quico recorda que a pedra servía para sacar o veleno das picaduras das serpes e que “tiña o aspecto dun canto rodado como os que hai nos areais. Era porosa e escura, pero tamén tiña algunhas pinchas de cores. Mamá dicía que esa pedra seica era do óso da cabeza dunha desas grandes cóbregas de África. Eu non sei como se fixeran con ela. Supoño que a compraría aquel médico antepasado noso, o bisavó ou o tataravó de miña nai. O caso é que, cando a xente se enterou de que tiñamos esa pedra na nosa casa do Rañal, era raro que durante algún día da semana non viñera alguén a sacar o veleno das picaduras das serpes. Viña xente de Sorrizo (nós tiñamos familia alí), de Chamín e de todo Arteixo. O remedio facíao no alpendre de abaixo.

 

Cos tíos Esther e Pedro nos anos 70. Ao fondo, o alpendre onde a avoa Carme realizaba as súas labores de menciñeira coa 'pedra da serpe'

  Mamá sentaba á persoa nunha mesa que había alí para matar os cochos. Tiraba unha pouca palla no chan porque sabía que o, ou a, "pacente" íase arrolar coa dor minutos despois. No sitio na picadura mamá botáballe leite de vaca que, se non recordo mal, tiña que estar algo morno. A continuación poñíalle a pedra da serpe enriba, que quedaba pegada succionando o veleno da picadura que sufrira a persoa. Durante o tempo que a pedra chupaba o veleno os “pacientes” seica non aguntaban coa dor e acalorábanse entre a palla. Cando a pedra caía, despegándose da picadura, era o indicativo de que xa absorvera todo o veleno”.

Meu padriño Francisco aínda recorda que, nunha ocasión, sendo el neno, viñera á nosa casa a tía Dominga, a avoa de Quico de Pichel, berrando coa dor. Seica estaba apañando nas fabas nunha leira que tiñan nas Rañeiras e picouna unha serpe:

    -Carme, Carme, ou Carme… onde vai túa nai Quiquiño?

    -Ai que dor teño meu Deus, ai que dor! Vai buscar a túa nai Quiquiño!

E chegou mamá, puxolle un pouco leite morno enriba da picadura. Despois a 'pedra da serpe' quedoulle pegada no brazo chupándolle o veleno. E logo de arolarse na palla coa dor, mentres a pedra succionaba o veleno, a tía Dominga sandou!

 

Víboara de Seoane , vipera seoanei (Cortesía de Xabi Varela)

   Noutros puntos da xeografía galega estas pedras tiñan outras denominacións, unha delas “pedra da pezoña”, da que nos fala José Casal Porto na revista cultural A Taboada. Dun xeito moi semellante aos recordos que aínda se manteñen vivos na memoria de meu padriño Quico, Casal Porta conta que ata hai ben poucos anos os labregos da súa contorna, no concello de Moraña (Pontevedra), usaban coma remedio contra as picadas das serpes e outros bechos pezoñentos, as 'pedras da pezoña'. Aínda hoxe son gardadas con veneración polos seus donos. O ritual era como sigue. Cando alguén era picado por unha serpe acudíase buscar unha 'pedra da pezoña'; logo embebíana en leite acabado de muxir e sen ferver, e colocábana sobre a picadura. Se a picada tiña veleno, a pedra quedaba apegada ata succionalo por completo, e cando se desprendía de por si xa non quedaba pezoña. Unha vez feita a curación metíase a pedra de novo en leite para que expulsara o veleno. Curiosamente na contorna de Moraña, moitas das 'pedras da pezoña' son machadiñas puídas de cuarcita coma as do neolítico.1

  Con relación ás 'pedras da pezoña', en 1910 Jesús Rodríguez López escribía o seguinte no seu libro Superticiones de Galicia:

Algunas piedras redondas, pequeñas, jaspeadas y porosas, que se encuentran generalmente a orillas de los ríos, suelen darles gran valor contra o “mal da pezoña”, y las aplican a las mordeduras de los animales ponzoñosos. Algunas personas guardan estas piedras como objetos de gran valor, y las hay que propiamente parecen puntas de flechas de los tiempos remotos. A las piedras que mancha el rayo, les atribuyen tambien idénticas propiedades”.2

    Segundo as informacións de Rafael Quintía, o uso curativo destas 'pedras' xa vén de antigo. Frei Jerónimo Feijoo nas súas Cartas eruditas e curiosas (1742-1760) fai unha extensa descrición das propiedades e características das denominadas 'pedras da serpe', que coincide coa 'pedra da pezoña' ou 'pedra do veleno'. Feijoo fala das súas virtudes non só contra a pezoña de serpes, escorpións, salamántigas, etc., senón que relata distintos exemplos de portentosas curacións doutros tipos de doenzas como son a epidemia de carbuncos, as trabadas de lobos e cans rabiosos, ou os tumores, entre outras. Chega a dicir que a 'pedra da serpe' ten as mesmas virtudes e aínda máis cás que se lle atribúen ó alicorno, o corno de unicornio. Sobre o xeito de aplicar esta 'pedra da serpe' di que se debe picar o sitio da mordedela cun alfinete de modo que sangre un pouco, a continuación aplícaselle a pedra que inmediatamente se pega á pel ata que, espontaneamente, se despegue indicando que o veleno se disipou. A pedra pode permanecer adherida á ferida varios días. Unha vez que esta se despegou, lávase ben, uns din que con auga morna, outros que con viño e os máis que con leite, como ocorre coa 'pedra da pezoña'. A este amuleto tamén lle chaman 'imán dos velenos' ou 'magnes venenorum', como di Etmuleno na súa obra Zooloxía. A 'pedra da serpe', a 'pedra da cobra', a 'pedra da pezoña' e a denominada 'pedra caimán' (posiblemente nome derivado de 'pedra imán' ou 'imán dos velenos', segundo Vicente Risco) virían ser o mesmo tipo de obxecto sandador.3

   Consultando outras informacións sobre este método curativo sobre as picaduras de cóbregas, en África había a chamada 'pedra negra', que non era un mineral, senón un óso das patas traseiras de búfalo, vaca ou boi. Debido ao seu gran poder de absorción, aínda se utiliza para neutralizar os efectos das velenosas mordeduras das víboras. A preparación consiste en calcinalo como un carbón ata que o óso quede negro e brillante. A partir dese momento pódese utilizar poñéndoo sobre a mordedura para que vaia absorvendo o veleno e, unha vez usado, cócese en leite durante dúas horas e queda listo para utilizarse noutra ocasión. Seica este misterioso remedio era o secreto mellor gardado dos curandeiros das selvas do centro de África, ata que chegaraon alí os europeos. A chamada 'pedra negra', tamén se coñece como 'pedra belga' (probablemente polos misioneiros do Congo Belga) ou 'pedra negra dos Padres Blancos', orde misioneira que descubriu o proceso de fabricación entre os curandeiros tradicionais e difundiu o seu uso.

 

Pedra belga (researchgate.net)

   Da 'pedra da serpe' milagreira de supostas propiedades curativas que había na nosa casa do Rañal escoitei, ao longo da miña infancia e xuventude, ducias de contos sobre as persoas que viñan buscando remedio ao seu mal e, tamén, do misterioso xeito que desapareceu este pequeno tesouro familiar. A miña veciña Carmen Bermúdez, 'Carme do Bichelo' recorda que “por esa pedra disque lle daban moitos cartos a teus avós, que lla pagaban moi ben. Iso oíallo eu a mamá cando era nena. Os ricos queríanlla comprar. Daquela era o que había, todas as enfermidades curábanse con remedios caseiros, e á vosa casa ía moita xente a quitar o veleno coa pedra esa. Mamá contou que un día viñeron por ela e nunca máis lla devolveron”, testemuño que coincide co de meu padriño Francisco: “non recordo a quen lla prestaran; o que si sei é que esa 'pedra das cóbregas' que tanta xentiña curara, nunca máis volveu para a casa”.

______________________________

1 José Casal Porto (2005): As pedra da pezoña, Revista Cultural A Taboada das Asociacións O Migallo de Cuntis e A Cabana de Moraña, n.º 10, xullo de 2005.

2 Jesús Rodríguez López (1910): Supersticiones de Galicia, Imprenta de Ricardo Rojas, Madrid, pp. 146 e 147.

3 Rafael Quintía Pereira (2009): A pedra da pezoña e outras pedras sandadoras da cultura popular galega, Revista Electrónica Galicia Encantada, páx. 6.

Ningún comentario:

Publicar un comentario