Hoxe, 2 de febreiro, é o Día das Candeas ou da Candeloria, día agardado no que o refraneiro popular indica que é cando casan os paxariños. Un servidor pode dar fe do amor eterno que se prometeron, no xardín da casa, varias parellas de pequenas aves cos seus encantadores píos.
“Pola Candeloria casan os paxariños e maila galiñola”
“Pola Candeloria casan os paxariños e vaise a galiñola”
O Día da Candeloria ten orixe nos cultos pagáns da fertilidade e dos ciclos da natureza, que como a noite de San Xoán, a Semana Santa, o Nadal e moitos outros, acabou por ser cristianizado. Neste caso tratábase do ritual do lume, coas súas virtudes apotropaicas (de afastamento de desgrazas, protectoras).
Na antiga Roma celebrábase as Lupercais, a festa do lume e na honra da fertilidade. Nesta festa, realizábase unha procesión con candeas acendidas de noite.
No ano 492, o Papa Xelasio I crea a festa da Purificación da Virxe que é conmemorada o 2 de febreiro. O nome da Candeloria está orixinado pola procesión realizada dentro da igrexa con candeas benditas, festa que substitúe e cristianiza a festa pagá romana e que posiblemente sexa orixe do actual Día da Candeloria. Este día a relixión católica celebra a Presentación de Xesús no Templo, a Purificación da Virxe despois do parto (de aí que hoxe sexa a onomástica das Puras e Purificacións) e a Virxe da Candelaria, advocación mariana aparecida en Tenerife (Illas Canarias) no século XV. Día das Puras e das Purificacións. E mañán, 3 de febreiro, do San Brais...
“Polo San Brais, hora e media máis”
Estamos nunha época na que a luz empeza a vencer ao tenebroso inverno, unha época na que xa se percibe a proximidade dos brotes das plantas que non tardarán en xerminar dando paso a un novo ciclo da nai natureza. É a festa da luz, que é como lle din en Oseiro ao que en Barrañán nomean as Candeas ou a Candelaria.
Daniel Martínez Suárez, presidente da Comunidade de Veciños de San Xiao, e Manuel Rey Vázquez 'Bareta', os dous xubilados e veciños de Barrañán, recordan con nostalxia os tempos nos que a veciñanza ateigaba a igrexa parroquial polas Candeas. “Antigamente cando nós eramos mozos, tal día como hoxe sacábase en procesión o San José e a Virxe da Candeloria. Hoxe só sacamos a Candeloria porque non vén xente dabondo á igrexa. O San José sacámolo coa Virxe do Carme no verán, polo Sacramento. Antes, polas Candeas, viña moita xente de toda a parroquia de Barrañán, de Arméntón, de Monteagudo, de Chamín… e mesmo se facía unha poxa de carne para as ánimas. A xente traía á igrexa cacheiras, bicos, e patas dianteiras da última matanza do porco, e tamén algunha cunca de barro con graxa derretida”.
Seica a poxa propiamente dita principiaba no adro da igrexa á saída da misa, que era cando se lle ofrecía a carne ás e os parroquianos para que poxaran por ela. O encargado da poxa era Jesús do Quixeiro. Subíase ao valado e dende alí facía as oportunas operacións. Logo, a persoa que máis ofrecía era a que levaba a peza de carne para a súa casa, quedando os cartos a beneficio das ánimas do purgatorio.
Daniel e 'Bareta' pensan que en Arteixo “a Candeloria soamente se celebra en Barrañán e en Oseiro, alí chámanlle a Virxe da Luz”. Tamén nos contaron que na súa parroquia “pola Candeloria algún ano ata houbo funcionista que organizou bailes no Salón do Xastre”. Os dous veciños lamentan que se perdan as tradicións mais, con todo, a veciñanza fai o posible por mantelas vivas. “Na nosa casa -afirma Daniel- seguímolo celebrando cada ano e sempre temos festixeiros. Ademais, na parroquia xa levamos varios anos organizando a Festa do Cocido das Candeas.”
Quen escribe estivo hoxe na igrexa de Barrañán, onde o crego don Juan Ramón bendiciu as candeas que a xente mantivo acesas mentres durou a misa na que se sacou en procesión á Virxe da Candeloria, unha pequena talla de madeira de mérito polo seu estilo e a súa antigüidade. Posteriormente, como di a tradición, a xente levou as candeas para os domicilios pois atribúenselles poderes como calmar as treboadas ou alumear o camiño das almas que deixan este mundo.
Procesión da Candeloria de Barrañán (2 de febreiro de 2023) |
Procesión da Candeloria de Barrañán (2 de febreiro de 2023) |
Rematamos polos distintos refraneiros populares galegos que recollen refráns sobre a Candeloria e o seu día:
-
Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, mitá do inverno está por pasar.
-
Cando a Candeloria chora a mitá do inverno está fóra; se chora ou ri, o inverno está por vir, e se chora ou fai vento, inda o inverno está dentro.
-
O día da Candelaria, si chora ou venta, inverno entra. E si non venta nin chora, inverno fóra.
-
Pola Candelaria, inverno fóra; se chove ou venta, inda entra.
-
Pola Candeloria, metade do inverno fóra; e se chove e fai vento, metade fóra e metade dentro.
-
Pola Candeloria, mitá do inverno vai fóra; se chora ou venta, inda entra.
-
Pola Candeloria pon a pita vella e a nova.
-
Polo santo Antón toda galiña pon. Pola Candelaria, a boa e a mala.
-
Que a Candelaria chore ou que deixe de chorar, a metade do inverno está pasado e a metade está por pasar.
-
Se a Candelaria chora, o inverno está fóra; se ri, aínda está por vir.
-
Se a Candeloria chora vai o inverno fóra; se ri, o inverno quer vir; mais cal chorar, cal rir, medio inverno está por vir.
-
Se a Candelaria empola, o inverno vai fóra.
-
Se a Candelaria chora, o inverno xa vai fóra. Se a Candelaria rí, o inverno está por vir; pero que ría e que cante hai inverno para tras e para diante.
-
Se a Candeloria vén mal o inverno está caroal.
Virxe da Candeloria de Barrañán
FONTES:
VIDAL, FRANCISCO A. (2014): A Candeloria, o Imbaloc e Proserpina.https://oschanzos.blogspot.com/search?q=a+candeloria
WIKIPEDIA: https://gl.wikipedia.org/wiki/D%C3%ADa_da_Candeloria
Ningún comentario:
Publicar un comentario