venres, 26 de maio de 2023

A FESTA DAS FLORES


"Este mes de maio
é o das flores,
cando os paxariños
ven aos seus amores"

 

     Na antiga Roma, este quinto mes do ano estaba dedicado a Maia, unha deusa que personificaba o crecemento da vexetación e dos animais, identificada con Bona Dea, a esposa de Fauno, aínda que mitoloxías máis arcaicas a fan filla deste deus, protector dos rabaños. Andando no tempo, para destronar do mes de maio a Maia, Flora e Bona Dea, a partir da Idade Media estendeuse o culto á Virxe María, tamén chamada, desde aquela, a flor das flores e ás nenas postas baixo a súa advocación “Fillas de María.”1

    En Arteixo a chamada “Festa das Flores” celébrase cada ano a última fin de semana do mes de maio e caracterízase, principalmente, por engalanar con alfombras florais as inmediacións da igrexa de Santiago de Arteixo para os actos relixiosos.

    Parece ser que este acontecemento ten a súa orixe no século XIX, unha tradición floral que dende aquela época sempre gozou de gran sona entre as xentes de toda a bisbarra, como así o demostra o seguinte artigo publicado en maio de 1906:

El alcalde de Arteijo rogó al gobernador que envíe el día 27 del actual á aquel punto una pareja do la Guardia civil para hacer guardar el orden en la solemnidad de las «Flores de Mayo» que se celebrará en aquella parroquial. No se confía por lo visto en que haya absoluta tranquilidad.”2

    As alfombras florais están relacionadas con “Las Hijas de María”, congregación que se encargou, dende os primeiros tempos da festa, da parte relixiosa das Flores, dedícandose durante todo o mes de maio á Virxe María. A principios do mes, a Virxe colocábase nun altar rodeada de moitas flores e, a partir de aí, todos os días despois da misa dedicábanlle oracións. 

 

Alfombra floral en Arteixo

   As “Fillas de María” eran todas mozas solteiras e lucían un estandarte de cor azul celeste cunha imaxe da Virxe no centro sostido cun pau en forma de cruz. Axudaban na composición de poesías e parodias aos nenos e ás nenas que celebraban a primeira comuñón o último domingo de maio. Ademais, tamén confeccionaban un mural de flores que poñía "Ave María", que colocaban na entrada da igrexa. Seica tamén facían os arcos de flores: a partir duns arcos de madeira, recubríanos de hedras e logo íanlle colocando as flores enriba.

   No día da celebración do sacramento da Comuñón, a rapazada participaba activamente nunha procesión que transcurría por un camiño cheo de arcos de flores. E non remataba aquí a colaboración dos máis pequenos xa que, despois da misa, subíanse a unhas mesas colocadas fronte a Virxe, onde recitaban as poesías que compuxeran coa axuda das “Fillas de María”, e representaban parodias nas que contaban o proceso da recollida das flores ou das ofrendas.

   É de destacar que cando morría unha das "Fillas de María" levaban o seu estandarte ao enterro. Encarnación González Mes, que finou na Baiuca aos 100 anos de idade en decembro de 1973, fora durante moitos anos presidenta das “Fillas de María” de Arteixo.

   Neses anos 60-70, época na que a fisionomía da capital municipal en pouco ou nada se parecía á actual, era cando se facían os bailes da festa das Flores no Balneario. Segundo un relato publicado no desaparecido Boletín Informativo Municipal por Carme, a de "Cóntame un conto", ese día elexíase "Mis Flor" entre as mozas da verbena. A súa coroación era cunha flor e un broche. E, para esta ocasión tan especial, viña como presentador un importante e coñecido locutor de radio. 

Festa das Flores de 1970

   Falade na casa, por favor, cos vosos pais e avós sobre aquelas Festas das Flores de antano. Xa me contaredes que mozas foron “Mis Flor” ou quenes eran aqueles locutores!

   Na actualidade os integrantes da Asociación Cultural Mariana son os encargados de realizar as alfombras florais da Festa das Flores, unha festa na que en cada edición hai verbenas, talleres, libros, atraccións e outros eventos cos que Arteixo celebra a súa particular maneira de festexar o mes de maio!

______________

1 Vid. Rosa Benigna Vizcaya & Francisco A. Vidal (2009): Dos fastos ós festexos. Dos antigos mitos á relixiosidade galega, Editorial Toxosoutos, Noia, pp. 105-106.

2 Vid. La Voz de Galicia, 17 de maio de 1906, p.2

Ningún comentario:

Publicar un comentario