martes, 25 de marzo de 2025

OS PRIMEIROS VOOS SEN MOTOR REALIZADOS EN ARTEIXO NOS ANOS 30

  O voo sen motor é un deporte aéreo que consiste en pilotar un planador para percorrer distancias e elevarse sen máis axuda que os movementos das masas de aire no seo da atmósfera, sosténdose e avanzando aproveitando as correntes de aire. Aínda que hai numerosos precedentes deste tipo de voos, considérase a Otto Lilienthal como o pai do voo sen motor.  

  O verdadeiro comezo deste deporte realízase en Alemaña en 1920, co primeiro concurso de aeroplanos sen motor celebrados na montaña de Wasserkuppe (Hesse). Nos primeiros tempos desta modalidade aérea, nos anos 20 e 30 do século XX, os planadores lanzábanse dende o alto dunha ladeira axudados por un sistema de gomas elásticas mais, dende hai anos, son remolcados por un avión.                                 

     Na Coruña, un grupo de aficionados a este deporte ían fundar o "Club de Vuelos Sin Motor" no ano 1932, club que máis tarde, no ano 35, pasaría a denominarse Aero Popular Coruña. Esta modesta entidade aeronáutica nacera do entusiasmo e tenacidade duns mozos herculinos que tiñan máis ilusión que medios. Nun pequeno local, fronte ao vello estadio de Riazor (hoxe colexio das Esclavas), instalaron o seu taller, local que se enchería de contado de madeiras e ferramentas e no que montarían unha oficina-biblioteca no interior da carrocería dunha antiga furgoneta. E como as ansias de voo eran grandes, non tardaron en crear o primeiro modelo capaz de voar, ao que lle chamaban "Rompepiernas". ¡Que valor para voar naquilo!

     Reclamáronse planos ao estranxeiro, e o taller-escola pronto tomaría un ritmo de traballo febril. Estudantes e mozos das máis variadas profesións, entre os que hai que lembrar ao presidente do Club, Ángel Blázquez; os irmáns Catoira (Ricardo e Juan); os irmáns Salgado (Enrique e Rafael); Jovino L. Villar; Bordomás; Urresti; Díaz ou, entre outros, Lalín Mora, convertiríanse rapidamente en carpinteiros de primeira e en verdadeiros artesáns da madeira, sendo de admirar a execución de traballos tan delicados como o planador "Zogling", que ía estar exposto no salón do Circo de Artesáns de 1935.
 
Voo sen motor na zona das praias de Alba e Sabón nos anos 30 (La Voz de Galicia, 26 de maio de 1963)
                                          
     Construídos polas súas propias mans, daquel taller de Riazor sairían dous aparatos: o deslizador, que pola peligrosidade nomearon "Rompepiernas", e o "Zogling". Outro flamante planador, un C.Y.P.A., sería doado pola "Dirección General de Aeronáutica Civil", aparato co que se realizarían voos de ata 34 segundos nas praias de Alba e Sabón, lanzándose dende o alto do Monte de San Tirso, dende a zona na que leva anos instalado o depósito de auga do Polígono. 
 
Panorámica actual do Monte de San Tirso e do depósito de auga do Polígono (Xabier Maceiras)
 
  Segundo as informacións publicadas na edición do 25 de xullo de 1934 do xornal La Voz de Galicia, ese lugar de Arteixo, que reunía as mínimas condicións para esta clase de voos, pasou a historia deste deporte aéreo porque "(...)según nota que el Aero nos comunica, se hicieron marcas muy apreciables tratándose de la primera vez que en Galicia se volaba sin motor."  
                                                  
  Así pois, Arteixo, aí é nada, foi pioneiro e testemuña dos primeiros voos sen motor realizados na xeografía galega. No mesmo artigo, La Voz tamén informaba que "(...) a pesar de no haberse anunciado las pruebas, asistió mucho público de Arteijo y alrededores que quedó complacidísimo de la espectacularidad de este hermoso deporte completo como pocos y con menor peligro de los demás".
 
La Voz de Galicia, 25 de xullo de 1934
 

     No ano 1935 aquel grupo de heroes comeza a construción dunha avioneta con motor, que sen dúbida algunha era a súa maior ilusión: "Le Pou du Ciel", que tan famosa se fixera en Francia. Mais este proxecto non ía chegar ao seu fin xa que se prohibiría posteriormente a causa dos moitos accidentes provocados polas deficiencias técnicas da súa fabricación. Os aficionados montaban o aeroplano en espazos moi reducidos e, calquera erro de milímetros nunha medida, convertía á "pulga" nun ataúde.

La Voz de Galicia, 11 de maio de 1935
                                       
     Con todo, a "pulga" coruñesa estaba totalmente terminada (axustada aos planos de Henry Mignet e co patrocinio de Pedro López Sors e co de Pedro Barrié de la Maza), pendente só de recibir o motor dunha casa francesa. Mais poucos días despois comezaba a Guerra Civil, quedando truncada a posibilidade de ver sucado o ceo coruñés e arteixán coa súa silueta.


FONTES:  

Ricardo Catoira (1963): "En 1932 un grupo de entusiastas coruñeses fundó en La Coruña el Club de Vuelos sin Motor", La Voz de Galicia, 26 de maio.

martes, 18 de marzo de 2025

A PEDRA DA ANDURIÑA DO FOXO (LOUREDA)

 Sen a intención de meternos na cociña de Xabi Varela, traballador do Departamento de Medio Ambiente e “Ornitólogo Maior do Concello”, título que lle outorgamos moitos dos seus amigos arteixáns, empezamos esta crónica falando da anduriña que, segundo a Real Academia Galega é un paxaro (hirundo rústica) da familia dos hirundínidos, coa parte superior de cor negra azulada, a inferior branca e a testa e a gorxa vermellas, ás rematadas en punta e cola gallada. 


Imaxe da Pedra Anduriña  
  
  A boa fama destas aves estivo sempre mesturada con misterios e lendas que os sabios da Antigüidade, como Aristóteles ou Plinio o Vello, non dubidaron en recoller nos seus escritos sobre Historia natural, sostendo que este paxaro invernaba, por sistema, entre a lama das pozas e ribeiras dos ríos, o cal xa se sabe que non é certo mais, con todo, pode ter algún fundamento baseado en casos singulares, como algún que outro paspallás ao que o frío adiantado do inverno sorprendera, descuidado, antes de iniciar o seu regreso migratorio, aparecendo despois escondido entre o barro da leira ao abrir os regos co arado.

  Curiosamente, no estómago destas aves que cada primavera voltan ás nosas aldeas procedentes de África central, atópase a chamada pedra de anduriña, tamén coñecida pedra alidoña, que son unhas areíñas silíceas ás que no pasado se lle atribuían, segundo Eladio Rodríguez González, "supersticiosamente virtudes milagreiras para curar feridas co simple contacto". Don Eladio, que foi un dos corenta membros numerarios fundadores da Real Academia Galega a cal presidiu entre 1926 e 1934, tamén di no seu popular dicionario que os niños das anduriñas "son respectados no noso país polos moradores das casas que elixe para procrear, porque en Galicia tamén é popular a lenda segundo a cal aliviu os sufrimentos de Xesucristo no Calvario arrancándolle co pico algunhas espiñas da coroa, sendo ademais xeral o sentimento de que leva a sorte á casa onde aniña, porque é o paxaro máis caseiro". Nese tesouro etnográfico que é o seu dicionario, Eladio Rodriguez deixa esta xoia: "Pedra das andoriñas: nome que dan nalgunhas comarcas ó altar natural".

Imaxe da Pedra Anduriña
  
   Non sabemos se a Pedra da Anduriña que luce esplendorosa no lugar do Foxo, na parroquia de Loureda, debe o seu nome a esas areíñas silíceas milagreiras ou a un altar natural mais, o que si podemos confirmar, e que as pedras tiveron culto de seu nos campos galegos dende remotas idades e, ás que se lles concederon características máxicas ou capacidades fóra do común reafirmaron a súa presenza ao longo de toda a historia da civilización.

  Situada entre a Fonte Santa e o Monte Subico, lugar no que se atopan algunha das formacións naturais máis impresionantes que se poden contemplar no municipio de Arteixo, hai quen fala da Anduriña como pedra de abalar, caso do escritor Vítor Vaqueiro que, no seu libro Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, despois de citar a coñecidísima de Muxía e de nomear a varias xa desaparecidas, dinos que (…) “Pedras abaladoiras de sona son a Pedra Andoriña, no Foxo, no Concello de Arteixo, en cuxa viciñanza se pode atopar un manancial de augas con propiedades medicinais, coñecida polo nome de Fonte Santa”.

  Algunhas destas pedras de abalar teñen, na parte superior, unha canle, o cal fixo supor, polo que nos conta no seu traballo Vítor Vaqueiro, que se utilizaron como aras ou altares. Así e todo, acredítase que a función que cumpriron máis a miúdo foi a de adiviñación, feito probable polo que Estrabón afirmou, hai 2.000 anos, que os galegos eran experimentados nas artes adiviñadoras. Tamén, segundo o noso ilustre veciño Manuel Murguía, houbo un tempo no que as abaladoiras serviron para probar a fidelidade das mulleres e a virxindade das doncelas. 

Imaxe da Pedra Anduriña
  
  Interrogadas varias personas maiores da zona sobre a teoría de que a Anduriña é unha pedra de abalar, respostaron que nunca sentiran tal información mais, do que si nos falaron, é da lenda que hai en torno a esta enorme mole de granito, que conta que a Anduriña e outras pedras de Subico... “saíron do volcán”.

  É probable que esta lenda faga referencia ás rochas de granito formadas antigamente no magma interior da Terra que, ao longo de milenios, foron aflorando á superficie da corteza, para que a erosión rematara de facer o traballo de modelado. No caso da Anduriña, ao igual que outras moitas que parece que proceden dos cumios dos outeiros, a forza dos elementos meteorolóxicos puido axudar a que terminara por rodar durante o Cuaternario ata o seu posicionamento actual, hipótese que obviamente non deixa de ser unha simple suposición.

  Pili de Trigo, unha das veciñas do Foxo entrevistadas, lembrounos que na súa infancia, alá polos anos 50-60, o feito de subir ata o curuto da Anduriña era toda unha fazaña para os cativos e cativas da aldea, en especial para as nenas, pois para elas significaba gañar unha batalla na guerra da igualdade! Pili tamén nos comentou que o que máis lles chamaba a atención da pedra eran os gravados que tiña, gravados actualmente inapreciables e que, segundo o seu testemuño e o de Carmiña de Flora, tamén veciña do Foxo, parecían representar… “un tenedor ou garfo, unha culler e un prato”.

  
   Colosal, impoñente, lendaria... a Anduriña segue alzando altiva a súa mole de granito facendo de vixía do Val de Loureda, parroquia na que a pedra é, para os seus habitantes, un dos seus maiores tesouros. Por tal motivo, Romina García, emulando o tema “Anduriña” que empezaron a cantar nos anos 60 Juan Pardo e Junior, quixo facerlle a súa particular homenaxe á máxica pedra da súa aldea compoñendo a seguinte canción:

Moitas cousas hai no Foxo
que non hai no mundo enteiro.
Temos ríos, temos fontes
e temos un monte enteiro,
e temos un monte enteiro,
e temos un monte enteiro.
Moitas cousas hai no Foxo
que non hai no mundo enteiro.

Desde a Pedra da Anduriña
poderás observar
cousas ben fermosas, cousas ben fermosas
que non teñen par,
que non teñen par,
que non teñen par.
E o bico da pedra ten cara de home,
e parece verdad.
E o bico da pedra ten cara de home,
e parece verdad.

Como diría o prezado Xurxo Souto… e de remate, que continúe!!!


FONTES:

-Barros, Ramón. Antigüedades de Galicia. Imprenta de Domingo Puga. A Coruña, 1875.
-Rodríguez, Eladio. Breviario enciclopédico. Letras, historias e tradicións populares de Galicia. Edición de Camilo Fernández Valdehorras. Editorial La Voz de Galicia. A Coruña, 2001.
-Vaqueiro, Vítor. Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres. Editorial Galaxia. Vigo, 2011.

mércores, 12 de marzo de 2025

A ROMARÍA DO SAN GREGORIO DE SUEVOS

   O día de hoxe, 12 de marzo, a igrexa católica celebra a onomástica dun dos seus santos máis importantes: san Gregorio Magno, tamén coñecido como Gregorio I ou Gregorio o Grande.

   Nacido no ano 540 en Roma no seo dunha familia patricia romana convertida ao cristianismo, a causa das súas virtudes e temperá inclinación á sabiduría, foi nomeado prefecto polo emperador Justino. Porén, pouco despois renunciou ao cargo e tamén á fortuna que recibira en herdanza dos seus proxenitores. Á morte de seu pai transformou a súa residencia familiar no Monte Celio nun mosterio dedicado a Santo André, propagando a regla beneditina mediante a utilización das súas posesións familiares.

    Cos seus monxes compartiu vida e oracións, mesmo fora do mosteiro, como a ocasión na que recibiu o encargo papal de ir a Constantinopla para solicitar do emperador Tiberio axuda contra os longobardos, un antigo pobo do grupo dos xermanos orientais que invadiu Italia no século VI.

    Tras ser elexido abade do seu propio mosteiro foi elevado, non sen innumerables protestas da súa parte, ao papado trala morte do pontífice Palagio no ano 590. O seu pontificado ía ser longo e frutífero distinguíndose entre os seus maiores logros a evanxelización da Gran Bretaña. Ademais, tamén foi un gran promotor da música sacra, atribuíndoselle moitas das composicións litúrxicas que aínda hoxe se utilizan na Igrexa Católica, polo que xa podedes imaxinar cal é a orixe dos cantos gregorianos.

    San Gregorio Magno faleceu en Roma tal día coma hoxe, o 12 de marzo do ano 604, e foi canonizado pola Igrexa Católica pouco despois da súa morte. É o santo patrón dos músicos, cantantes, estudantes e mestres e na súa iconografía aparece sempre con ornamentos papais.

   En Arteixo é venerado en Suevos, parroquia onde estivemos falando con varias persoas sobre a celebración do san Gregorio. Dora López Martínez díxonos que “aquí en Suevos sómosche moi festixeiros. Celebramos o san Martiño, que é o patrón da parroquia, o Carme, e o san Gregorio, que é a primeira festa do ano. Eu casei de moi nova e recordo que íamos comer polo san Gregorio a casa de meus pais, non un xantar de festa, pero ao mellor unha lata de sardiñas e un cacho de pan. Hai anos facíase unha romaría no adro da igrexa e viña moita xente de Oseiro, de Vilarrodís, de Arteixo... porque o san Gregorio de aquí era avogoso dos problemas do estómago. A romaría foi morrendo... foi morrendo... e xa hai anos que non se celebra, pero nós o san Gregorio seguímolo celebrando o propio día”.

Imaxe do San Gregorio de Suevos

   Outra das persoas de Suevos que nos permitiu pasear pola súa memoria foi Fina Vázquez Zas, que recorda que “antes o cemiterio estaba no lugar que hoxe ocupa o Centro Social e no adro da igrexa, onde agora están os nichos, poñíanse os romeiros e a xente que naqueles tempos vendía rosquillas e xoguetes polo san Gregorio”.

Igrexa parroquial de san Martiño de Suevos

    María Luisa Souto Calvelo é a persoa que se encarga de coidar e atender a igrexa parroquial. Tras contactar primeiramente con Manuel Ángel Blanco Vázquez, párroco de Pastoriza e Suevos, quedamos con María Luisa diante do Centro Social para fotografiar o interior do templo. Unha vez dentro da igrexa, recordando tempos de antano, contounos que “antes, polo san Gregorio, facíase unha romaría e viña moita xente de fora que tiña problemas de estómago. Facíase a misa e despois sacábase o santo en procesión, que eso continuase facendo.”

Igrexa parroquial de san Martiño de Suevos

    María Luisa acompañounos posteriormente ao domicilio de Sara Villaverde Méndez e de Antonio Sanjurjo Bastón, matrimonio co que conversamos durante uns minutos sobre a súa xuventude e, por suposto, sobre o san Gregorio. “A xente que estaba mal do estómago -recorda Sara- viña aquí a Suevos o propio día do santo a unha romaría que se celebrou durante moitos anos. Viña moita xente de outros lugares e ata había rosquilleiras, e tamén se ten feito baile no adro. Había unha misa á unha e despois sacábase o santo en procesión, que eso aínda se segue facendo. E por certo, o san Gregorio de Suevos antes tiña un paxaro nunha orella, se non recordo mal era unha pomba, que agora restaurouse e non llo puxeron... o paxarillo agora voou (risas)”, conclúe Sara.

   Gely, filla de Antonio e Sara, contounos unha divertida anécdota sobre a devoción que sempre houbo na súa casa polo san Gregorio. “Mamá pariu a meu irmán polo san Gregorio. Pola mañán o médico díxolle que ía dar a luz e ela díxolle que non podía ser, que era festa e tiña tres nenas pequenas e que non podía parir ese día... e tivo que voltar para o hospital, que o rapaz non podía esperar... mulleres fortes as de antes. E a meu irmán non lle puxeron Gregorio de nome... salvouse... puxéronlle Julio”.

   O san Gregorio quedou sen romaría hai xa bastantes anos, si, pero a veciñanza de Suevos nunca o esqueceu e continúa honrándoo cada 12 de marzo.

Procesión do san Gregorio de Suevos, 12 de marzo do 2025

Procesión do San Gregorio de Suevos, 12 de marzo de 2025

O 12 de marzo

hei de ir a Suevos

a pedirlle ao San Gregorio

os seus favores dixestivos.


Hei de ir a Suevos

a Suevos hei de ir

e prenderei unha candea

antes de en procesión saír.


Fun a Suevos

a Suevos fun.

O San Gregorio curoume

e xa non teño mal ningún.


(Xabier Maceiras, 2025)

Procesión do san Gregorio de Suevos, 12 de marzo de 2025


FONTES:

https://funjdiaz.net