sábado, 11 de abril de 2015

CRONICAS DE ARTEIXO: O MAR DE ARTEIXO E OS SEUS NAUFRAXIOS

PRESENTACIÓN DE XABIER MACEIRAS


"Eu de rapaz, como agora de home, tiña media imaxinación chea de relacións mariñeiras. E sabía tantas historias do mar como da terra. Non había máis fermosos camiños que os do mar, que os camiños que soben os salmóns e as goletas de antano e que os grandes trasatlánticos de hogano. Dan estes camiños poder, riqueza, fantasía"

ALVARO CUNQUEIRO

Fábulas e lendas do mar 



      Sábese que a Costa da Morte non ten límites xeográficos precisos. Para uns comeza entre a Illa de Sálvora e Aguiño e finaliza nalgún punto indefinido próximo á cidade da Coruña. Outros din que ten o Cabo Vilán por límite sur e a Ponta do Roncudo, xunto a Corme, por límite norte. Para moitos, as Illas Sisargas e o porto de Malpica é outra posibilidade de inicio. Sen querer entrar en polémicas e debates que a nada conducen, no quilómetro 2 da estrada Arteixo-Caión, á altura de Valcovo, hai un cartaz da Consellería do Medio Ambiente da Xunta da Galiza que nos indica que a Costa da Morte principia neste punto.

      É certo que o concello de Arteixo non ten a tradición de vila vencellada ao mar como teñen por exemplo Caión ou Malpica, mais para ben ou para mal esta historia vai mudar coa actividade que vai xerar o porto de Ponta Lagosteira. Mesmo así, defronte ao noso litoral, un dos máis transitados nesta parte do Atlántico, navegaron ao longo dos anos o comercio marítimo romano (non deixa de ser curioso que na Coruña siga alumeando o gran faro romano) e as súas guarnicións invasoras; os saqueadores normandos e viquingos; os baleeiros franceses e bascos cando abundaban nas nosas augas os grandes mamíferos oceánicos; os navíos comandados polo corsario británico Francis Drake cando atacara a cidade herculina e o Santuario de Pastoriza en 1589; os barcos que se dirixían cara o novo mundo, os primeiros vapores de ferro; e xa na actualidade fano a diario os grandes mercantes e petroleiros que, nos últimos tempos, foron provocando grandes traxedias medioambientais nas augas galegas, tornando a Galiza no lugar do mundo que máis mareas negras sofreu non últimos 50 anos (Polycommander, 1970; Urquiola, 1976; Andros Patria, 1978; Mar Exeo, 1992; e Prestige, 2002), e isto sen contarmos os accidentes doutros barcos que tiveron verteduras tóxicas (Erkowit, 1970, e Casón, 1987). Nesta desgrazada estadística somente se achega a Bretaña francesa, con tres mareas negras no mesmo período de tempo.

      En consecuencia deste tránsito marítimo, en Arteixo houbo afundimentos, naufraxios ou embarrancamentos máis ou menos trascendentes, alén doutros sinistros que aconteceron no noso mar, como por exemplo o combate aéreo que decorreu en agosto de 1942 entre avións aliados e nazis, caendo un dos alemáns moi perto do Cabo Cociñadoro, ou a pequena avioneta americana "City of Galveston" que, pilotada polo aviador estadounidense William Richard Wyatt, precipitárase, en outubro de 1957, a unhas vinte millas da costa de Arteixo cando tentaba bater o record mundial de distancia en voo solitario.

     Este traballo pretende recompilar o acontecido aquí, nas nosas augas, para non esquecer feitos que fan parte da nosa historia. Feitos como os que pasaron en Suevos en 1902, despois de que embarrancase o vapor alemán "Trier", ou nos últimos días de xaneiro de 1938, en Chamín, cando a veciñanza pensaba que o navío belga "Artic", embarrancado no Reiro, viña axudar aos republicanos; historias como as que viviu Amelia Naya, propietaria do Bar Chucho durante máis de cuarenta anos, cando apareceron no seu estabelecemento os sete mariñeiros franceses que naufragaran, nun día de xuño de 1969, á altura da Pedra do Aguillón, ou as vividas polo viciño de Sorrizo Anselmo Pardo, cando varara unha balea de máis de vinte metros en Barrañán, no ano 1957; ou desgrazas como as das numerosas embarcacións pesqueiras afundidas perto do noso litoral. Algúns destes acontecementos ficarían reflectidos na nosa toponimia costeira, como por exemplo a Furna do Triel (a carón da Gaianda) que leva o nome do vapor alí embarrancado no ano 1902. Hai persoas que á praia da Arbosa (a que está despois de Repibelo, mesmo antes do illote da Pedra da Herba) chámalle "a do francés" porque foi alí onde embarrancaría, após estar dous días á deriva, o "Genevieve de Galard", o barco sinistrado en xuño do 69. Unha ucha, é unha especie de arca ou caixa grande na que se gardaban xéneros, roupas ou grans e probablemente, despois dalgún naufraxio, o mar achegou unha até a Area Pequena (Valcovo), praia que moita xente coñece como a Ucha. A lenda tamén di que, na desaparecida enseada da Becha, os barcos refuxiábanse para cociñar cando había temporal, e de aí que o cabo que había a súa beira levase o nome de Cociñadoiro.

     A recompilación dos datos desta publicación comezou por unha lenda do mar, por un naufraxio acontecido nas Illas Sisargas no ano 1889 do cal me falaron dous veciños do Rañal, Adolfo Vázquez (Adolfo de Tiso) e Francisco Sanjurjo (Kiko de Pichel), e que a eles lle transmitiran os seus devanceiros. O barco sinistrado era o "Priam", un vapor inglés que facía a ruta Liverpool-Hong Kong e que, despois do naufraxio, a súa carga iríase espallando por toda a costa, de Malpica a Arteixo, tornándose o noso concello no centro de operacións dos raqueiros. Os dous homes, Adolfo e Francisco, faláronme de moitas riquezas, de reloxos de ouro e prata, dun cofre cheo de cartos e dun piano que, despois de que as correntes o achegaran até o areal de Alba, acabaría soando no primeiro Café que houbo na Baiuca, "O Berán", e anos máis tarde, na igrexa parroquial de Santiago de Arteixo. Na procura de información deste naufraxio, fun topando con outros sinistros que tiñan ocorrido nas nosas augas e que me conduciron a este traballo, que nace da curiosidade e paixón que sinto polas cousas do mar (desde que era un cativo fun medrando escoitando centenas de historias que contaban os meus tíos maternos e o meu avó Milio sobre a recollida do golfe, dos obsequios que o mar deixaba nos areias, de naufraxios, de afogados...), e no cal a Asociación Cultural Monte da Estrela ofreceume a súa coloboración desde o primeiro momento. Para realizalo, as dúas obras de Fernando Patricio Cortizo "Historia da Costa Galega e os seus naufraxios" mostráronme o camiño a seguir. Igualmente, foi moi importante o sensacional traballo do historiador Felipe Valdés Hansen "Los balleneros en Galicia (siglos XIII al XX), onde saen á luz episodios do século XVII relacionados coa caza das baleas en Arteixo, como tamén o foi "Tesouros Asolagados" de Miguel San Claudio Santa Cruz, a quen cumpre facer unha mención a parte pola súa relación co noso concello. Este home é familiar dos propietarios da "Santa Cruz", aquela empresa que tiña as súas instalacións a carón de onde hoxe en día está a I.T.V. (Inspección Técnica de Vehículos) do Polígono de Sabón, unha empresa que realizara os desmantelamentos do dique flotante "Príncipe Bernardo", que embarrancara no Rañal en decembro de 1984, e do mercante chipriota "Mitera Sotira", que encallara na Ponta du Burro de Bens en decembro de 1988, dous sinistros que se narran aquí.

     Xa para finalizar esta introdución, decir que este é un traballo para ter presente e respetar a nosa toponimia marítima, para non esquecer a nosa tradición cultural mariñeira e, tamén para lembrarnos ou sacar á luz feitos que son parte da historia do concello. É un traballo sobre o mar, "O mar de Arteixo e os seus naufraxios".
                                         Xurxo Souto, Xabier Maceiras e Fernando Patricio

Ningún comentario:

Publicar un comentario