mércores, 29 de abril de 2015

CRONICAS DE ARTEIXO: DEPORTES



I TRIAL DE ARTEIXO (28.10.1973)

     Falar do mundo do motor en Arteixo é meterse na cociña dos amigos do Club Autocross, que levan máis de tres décadas (primeiro no circuito "das Figueiras" de Sabón e posteriormente no "José Ramón Losada" de Morás) organizando campeonatos galegos e estatais de xeito inmellorable. Mais co seu permiso, hoxe vou deixarvos unhas pinceladas da primeira proba oficial celebrada no noso concello, neste caso do mundo das motos, puntuable para o Campeonato de España de 1973: o I Trial de Arteixo.

                                          Imaxes da proba celebrada en Sobico

     Facendo un pouco de historia, hai que decir que as competicións de trial tiveran a súa orixe en Gran Bretaña nos anos cuarenta do pasado século, mais as máquinas usadas eran dunha concepción moi pesada para a práctica deste deporte. Pola década dos sesenta, un representante dunha marca catalana viaxa a Inglaterra e, de casualidade, presencia unha competición desta modelidade. Á volta, él mesmo fabricaría unha rudimentaria moto, que se convertiría na primeira moto de trial española.

     Pouco a pouco irían xurdindo innovacións e, a base dunhas ideas e conceptos novos e revolucionarios, iríanse perfeccionando estas máquinas.

     Nos anos setenta as motos catalanas Montesa e Bultaco foran consideradas como as mellores do planeta, marcas lendarias que fundara Francisco Javier Bultó (primeiro Montesa e despois Bultaco) e que reinarían na modalidade durante moito tempo.

      Precisamente, un dos fillos do fundador destas dúas marcas, Ignacio Bultó, "Yato", catro veces campeón de España de Trial, unha medalla de ouro nos ISDE (Copa do Mundo de Enduro), varios subcampeonatos de Motocross e un Campeonato de España de Resistencia, fora un dos cincuenta participantes daquela sétima proba puntuable para o Campeonato Nacional celebrado en Arteixo o domingo, 28 de outubro de 1973. A competición, que despertara moito interés entre os aficionados ao mundo do motor, tivera como escenario o Monte Sobico e fora organizado polo Moto Club Coruña. Non houbera sorpresas! O pronóstico da proba cumpliríase! Coa súa Bultaco 325, Ignació Bultó, que naquela hora era o campeón vixente deste deporte, facendo gala da súa mestría e habilidade, fora o gañador da proba de Sobico.

                                                     La Voz, outubro 1973


Ningún comentario:

Publicar un comentario