martes, 9 de decembro de 2025

UN BAILE EN CORTEO (MONTEAGUDO) EN 1926

Riña entre mozos
____
Herido de gravedad
El vecino de Corteo de Arriba, de la parroquia de Monteagudo, en Arteijo, José Fidalgo, explota por lo visto allí un baile público; y el lunes último, terminado aquel a las diez de la noche, se suscitó una cuestión entre los mozos Adolfo López Boedo, de 17 años, vecino de Cayón, en Laracha, y Agapito Rodríguez, conocido más bien por “O fillo de Antón de Cachán”, que sirve como criado a José García, de Lestón, también de Arteijo.
Cuando salían del salón de baile el Agapito levantando en alto la “bisarma” que llevaba dijo al Adolfo estas palabras:
-Aí che vai eso. Y le dejó caer la “bisarma” sobre la cabeza del Adolfo López.
Inmediatamente de cometida la agresión se dió a la fuga.
Al Adolfo le auxiliaron otros mozos llevándolo al domicilio de sus padres, a donde acudió a curarle el médico del distrito, quien le apreció dos contusiones en la cabeza, a nivel de la porción posterior de ambos parietales con probable fractura del cráneo.
Su estado al parecer es grave.
El Agapito Rodríguez, sigue sin aparecer1. 
Panorámica actual da casa de Fidalgo en Corteo de Arriba

  Pois velaí o tedes! Aí aparece un dos moitos lugares de Arteixo nos que se facían bailes nos primeiros anos do século pasado, neste caso en Corteo de Arriba, na parroquia de Monteagudo, que malia a que o xornal La Voz de Galicia indicaba que o local era propiedade de José Fidalgo, na realidade, todo apunta a que se trataba de José “O Fidalgo”.

  Antigamente os lugares de encontro ou de “ligoteo” dos nosos antepasados eran as ruadas, as romarías, os bailes nas eiras dalgún veciño, salóns de baile ou mesmo en alpendres aos que, para dignificar o seu nome, nalgúns casos chamábanlle salóns.

Joseíño ha de vir(e),

que o dixo súa nai.

Se Joseíño non ven

foliada non a hai”

  Naqueles tempos a xuventude percorría quilómetros andando para mocear e bailar. Nas ruadas, polo que nos ten contado Herminda Deus, veciña do Rañal nacida en 1928 que xa hai anos que nos deixou, “botar botábannos o ollo primeiro eles a nós, anque nós tamén os mirábamos. Cando nos viñan chamar a bailar, se había varios, xa sabías cal bailaba mellor e cal peor, e aos que bailaban mal negábamoslle o baile”.

  En moitas ocasións ese era o primeiro contacto, do que ás veces xurdía unha relación e empezaban a “falar”. Se ambos os dous eran da mesma parroquia podían regresar xuntos, co resto de veciños. “Pasábamolo de marabilla, andando nun rebaño toda a pandilla”, recordaba hai uns días a señora Clarisa, veciña de Corteo de Abaixo.

  Hoxe o significado secundario de “falar” como “manter unha relación”, que se usou de forma xeral na aldea ata hai dúas ou tres xeracións, está practicamente en desuso. Mais, con todo, aínda se lle escoita a algún dos nosos maiores de cando en vez.

-E sabes unha cousa, Carme? O neto de Manolo do Igrexario seica fala coa neta dos do Muiñeiro.

  Conscientes de que a maioría da rapazada de hoxe vive á marxe de moitas das tradicións que viviron e transmitiron os seus antergos, aí queda ese “falar” de antano.

  No baile co que comezamos esta crónica, organizado en Corteo de Arriba a finais de febreiro de 1926, a xuventude de aqueles tempos celebraba a “diversión” ou “deversión”, que polo que nos contou a señora Clarisa, viña sendo o Entroido.


Panorámica actual de Corteo de Arriba

   Clarisa, nacida en 1947, dixo non ter coñecemento de baile algún na casa dos de Fidalgo “porque eu aínda non nacera. Nos meus tempos o único salón que había en Monteaghudo era o do Igrexario e despois tamén había na Laghoa, o da Benitona, que alí acordo de ver a Orquesta Mallo. Ese que dis ti de Corteo de Arriba sería nos tempos da xuventude de miña nai e de meu padrastro. Meu pai morreu cando eu tiña dous aniños; despois miña nai volveu a casar e eu crieime con eles. Meu padrastro ten falado dese tal José “O Fidalgho”, que creo que era José Pedreira ou Arijón Pedreira; eu a quen coñecín foi a Manuel, Manuel de Fidalgho. que foi o fillo máis novo que lle quedou na casa a ese José. Dedicábanse á labranza e despois arrendaron o lughar e fixeron unha casiña ao lado para vivir el a máis a muller. Dios lle perdone a miña nai era da Casanova, un lughar da parroquia de Monteaghudo que está ao lado de Santaia, en Chamín. Ten contado moitas veces que cando eran mozas bailaban ao son da pandeireta, que disque había unha rapaza que a tocaba moi ben. Naqueles tempos non había salóns e disque se xuntaban e levaban o candil do ghas… unha paghaba o ghas, outra poñía o candil... e veña festa coas pandeiretas! Eso era cando eran rapazas novas e case sempre se xuntaban en Santaia. Despois miña nai casouse e, ao pouco, xa empezaron a abrir por aí adiante salóns e a traer os ghaiteiros, que ao primeiro eran ghaiteiros e despois xa empezaban a vir dous músicos. Se cadra miña nai tamén foi bailar de rapaza a Corteo de Arriba á de Fidalgho, que eu nunca souben de que lles viña ese nome”.

   A casa dos de “Fidalgo”, e polo tanto o seu alcume, pensamos que se trata da mesma da que nos fala Carlos Martínez Barbeito no seu libro sobre os pazos da provincia da Coruña, cando ofrece detallada información sobre o pazo de Arixón: “En el lugar de Corteo, de la propia feligresía, otorgó testamento en 4 de febrero de 1651 don Alonso Rodríguez de Arijón y Varela, de quien fue hijo don Juan Rodríguez de Arijón y Varela, que se unió en matrimonio con doña Inés Gómez Rodríguez de Leis en 1657. De esta pareja nació don Alonso Rodríguez de Arijón y Leis, natural de la feligresía de Santo Tomé de Monteagudo y que casó con doña Inés Varela de Marta (...)2.

Imaxe actual da casa dos de Fidalgo

   Sobre este pazo de Corteo prometemos falar máis polo miúdo en futuras Crónicas de Arteixo. Mais, antes disto, seguiremos de “bailoteo” por outros puntos do municipio, xa que aínda nos quedan moitos salóns dos que falar.

   Para a vindeira semana, máis!

_____________________________

1 La Voz de Galicia, 23 de febreiro de 1926, páx. 2.

2 Carlos Martínez Barbeito (1986): Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña, Editorial Everest, León, páx. 78.

martes, 2 de decembro de 2025

AS PRIMEIRAS TELEVISIÓNS E A TENDA DE RADISGAL

   O 28 de outubro de 1956 Televisión Española (TVE) comezaba as súas emisións regulares, mais terían que pasar moitos anos para que houbera un televisor en todos os fogares xa que, nun primeiro momento, era un produto caro que non estaba ao alcance da inmensa maioría da poboación. Mesmo tiña un imposto de luxo (eran 500 pesetas), imposto que estaría en vigor dende ese ano de 1956 ata o 23 de setembro de 1965, data que sería suprimido, pois o réxime franquista deuse conta da importancia propagandística que tiña a caixa tonta e, dende aquel intre, fomentaría a creación dunha rede de teleclubs por toda a xeografía estatal.

  O número de receptores ía medrar de forma espectacular en pouco tempo. En 1958, dous anos despois das primeiras emisións, había 30.000 televisores en todo o Estado español; en 1963, 300.000; en 1965, 1.250.000; e, en 1968, máis de tres millóns.

  En Galicia inaugurouse a televisión o día 1 de setembro de 1961, en Santiago de Compostela, cunha emisora Philips que transmitía na canle 4 da banda 1. A primeira emisión de TVE que chegou á cidade da Coruña foi o día 15 dese mesmo mes de setembro. Era un reemisor importado de Alemaña, que recibía a canle 4 de Santiago. O repetidor estaba en Pena Moa.

  ¿Cales foron os primeiros fogares privados en Arteixo que tiveron televisión? ¿Cales foron os primeiros establecementos públicos que incorporaron as 625 liñas? ¿E as primeiras tendas de electrodomésticos? Foron diversas as fontes orais consultadas dende que abrimos este espazo a finais de 2014 e poucas concordaron nas súas respostas. Faríano unicamente nas marcas máis difundidas, que eran Philips, Vanguard, Iberia, Telefunken ou General Electric, e tamén no custe: unhas 20.000 pesetas (120 euros), prezo prohibitivo naquela hora, polo que adultos e cativos acudían en masa a ver as emisións aos bares e casas a donde chegaran as primeiras teles, caso da vivenda da señora Julia da Baiuca, a nai de Fino, Julita, Sarita, Pablo, Totos, Tete e Pitos Mosquera Calvete, que segundo a maioría das fontes consultadas foi a primeira particular de Arteixo en ter este novo invento. Casa onde, por certo, Julita, Pablo e Pitos ensinarían a ler e a escribir a ducias de nenas e nenos e donde moitos destes cativos e cativas tiveron a oportunidade de ver, por primeira vez, os festivais de Eurovisión ou as filigranas que facían coa pelota xogadores inesquecibles como Pelé, Alfredo Di Stéfano ou o noso Luis Suárez.

   El Gallo de Oro (o antigo), Muiñeiro, Moisés, Sanchís... irían poñendo (non podemos dicir quen foi o primeiro) nos seus establecementos o novo aparato máxico e, ao mesmo tempo, moitos dos seus clientes non eran quen de explicar como se podían meter dentro daquela caixa as persoas que falaban no seu interior, clientes para os que era un verdadeiro acontecemento ver e escoitar por aquela caixa ao seu veciño máis popular: Arsenio Iglesias, "o raposo de Arteixo".

A primeira televisión do bar Insua, o popular Muiñeiro (Xabier Maceiras)

  Cara a finais dos anos sesenta e principios dos setenta había dúas tendas de electrodomésticos en Arteixo onde se podían mercar os televisores: a de Fontes e a de Radisgal, e hoxe toca falar desta última.

  Alí traballaba Luis, Mari Carmen (a muller de Manolo o Miaxo) e Mari Pili. Luis facía un pouco de todo: atendía na tenda, instalaba os electrodomésticos e as antenas de televisión e, ademais, buscaba clientes por todo Arteixo. Eduardo Longueira, o señor Radisgal, que xa daquela era unha persoa maior, tamén tiña tendas en Ponteceso e na Coruña, onde unha das dependentas era Mari Chelo, irmán de Mari Pili, a que traballaba en Arteixo.

    O sinal da emisión que chegaba a Arteixo, sobre todo ao centro da vila, era moi malo: "Ás veces víanse os futbolistas ao revés, coa cabeza na parte inferior da pantalla e os pés na superior", lembraba Pepe do Muiñeiro, unha das nosas fontes orais ata o último dos seus días (deixounos en novembro de 2023 aos 82 anos de idade). Por tal motivo, Radisgal seica decidiu montar un repetidor nun monte do lugar da Pedreira, no alto da Catuxa, que era propiedade dos do Perinete, familia que a cambio recibiría un televisor de agasallo.

  Naqueles anos setenta tamén iría aparecendo pouco a pouco en Arteixo a televisión en cor, outra innovación de moito nabo que andaba polas 100.000 pesetas. Houbo bares e casas particulares que viron en cor, xa daquela, e cunha enorme expectación, os Mundiais de fútbol de 1974 e 1978, celebrados en Alemaña e Arxentina respectivamente, mundiais que gañarían en ambos casos as nacións organizadoras vencendo na final á laranxa mecánica na final, a Holanda dos Cruyff, Neeskens, Van Hanegem, Rensembrink, Haan, os irmáns Van de Kerkhoff, Rep e compañia.

  Así pois, o branco e negro empezaba a ser historia. Mais na casa dun servidor o cambio á cor non se produciría ata o ano 1982. Fora para ver o Mundial de España, lembrades? Si, aquel novo televisor tamén se comprara na tenda de Radisgal.

Publicidade dos anos setenta de Radisgal

_______________

FONTES:

Xan M. Fraga Rodríguez (2004): Crónicas de Carballo II, Agrupación Cultural Lumieira, Carballo

martes, 25 de novembro de 2025

AS PRIMEIRAS BICICLETAS DE ARTEIXO

 As bicicletas son na actualidade cada vez máis lixeiras e sofisticadas e ademais, o seu continuo uso está moi estendido en boa parte do planeta. Non se trata só dun xoguete para nenos ou dun vehículo deportivo. Non, abofé que non, xa que hoxe son moitas as cidades ou municipios que teñen sistemas públicos de aluguer por horas e carrís bici para fomentar a súa utilización, caso de Arteixo. Mais houbo un tempo no que non era tan doado velas polas grandes urbes ou vilas, chegando incluso a estar consideradas como unha novidade tecnolóxica pasaxeira.

  Por incrible que pareza hai xa 200 anos que o barón alemán Karl von Drais fabricou a que está considerada como a bicicleta pioneira, un modelo ao que lle chamaría “máquina corredora” (laufmaschine en alemán) e que a prensa bautizaría Draisine ou velocípedo. Von Drais construira en 1817 aquela bicicleta, que era de madeira e funcionaba empuxándose cos pés, co obxectivo de ofrecer un medio de transporte máis barato e fácil de manter que os cabalos. O modelo ía gañar certa notoriedade, ata o punto de que o poeta John Keats falou deste invento como de “a nada do momento”, segundo aparece en The New York Times. 

  Dúas décadas máis tarde, en 1839, o ferreiro escocés Kirkpatrick MacMillan inventa (hai algúns historiadores que dubidan de que a invención se lle poida atribuir a MacMillan) a bicicleta a pedais, aínda que sería o inglés Thomas McCall o que empezaría a fabricar este novo invento en 1869. Nesa altura, neses anos 60 do século XIX, popularizaríase o modelo vendido como velocípedo, unha bicicleta que tiña o pedal na roda dianteira e que tamén era coñecida co nome de “bone shaker” (axitaosos) por mor do que acontecía cando se levaba polas rúas empedradas. Aínda que é probable que houbera modelos anteriores, o fabricante de carriños para bebés Pierre Lallement sería o primeiro en patentar a bicicleta a pedais. 

  En 1870 empézase a fabricar a bicicleta de roda alta, sendo un dos modelos máis coñecidos (e caros) a Ariel, de James Starley. Aínda que agora resulta estraño, estas bicicletas eran máis cómodas que as súas predecesoras, mais a súa popularidade foi limitada porque, segundo a web Ibike, “necesitaban un acróbata”. Trátase da primeira bici construida totalmente en metal, grazas aos avances da metalurxia á hora de fabricar pezas lixeiras e pequenas. Sinalar tamén que, por aqueles días, as rodas eran cada vez máis grandes dado o avance que proporcionaba cada pedalada. De feito, algúns modelos chegaban aos 40 quilómetros por hora, mais como a seguridade era un problema, tamén se fabricarían modelos con tres ou catro rodas.

  A partir da década de 1880 ían xurdir as chamadas “bicicletas de seguridade”, precisamente para afondar no risco de caídas dos modelos anteriores. A primeira que saiu ao mercado foi a Rover, obra do enxeñeiro J. K. Starkley, que eran unhas bicis xa moi parecidas ás actuais, con dúas rodas do mesmo tamaño e o cadro en forma de diamante. Ademais, en 1888, John Dunlop inventaría as rodas neumáticas, facendo máis cómodos os traxectos. E en 1889, o estadounidense Isaac R. Johnson patentaría unha primeira bicicleta plegable.

Modelo da década de 1890

  Nos anos 90 deste século XIX do que estamos a falar, as bicicletas comezarían a fabricarse en masa e para as mulleres, que as utilizaban cada vez máis, converténdoas en todo un símbolo de liberdade. Unhas bicicletas que serían asociadas moitas veces aos movementos sufraxistas femininos. 

   Nas crónicas da época da altura tamén aparecen recollidas varias novas sobre algún que outro accidente acontecido por aqueles días nos camiños de Arteixo, principalmente na costa de Oseiro. Sirva de exemplo esta publicada no xornal El Lucense: diario católico de la tarde que, na súa edición do 21 de xuño de 1897:

 “(…) el Sr. D. Felipe Altadill salió anteayer mañana a las cinco montando una máquina Opel a recorrer la carretera. La desconocía en gran parte, y al llegar a Oseiro, media legua distante de Arteijo, se dejó ir cuesta abajo, por no apreciar bien la pronunciadísima pendiente que allí existe. Parece que hasta llevaba puestos los piés en el descanso. En el centro de la cuesta había parado un caballo y contra él fué a chocar la máquina. El Sr. Altadill fué lanzado a bastante distancia quedando sin sentido. La bicicleta quedó destrozada. Las dos ruedas se hicieron dos ochos, y casi se deshizo el cuadro. Unos aldeanos recogieron al señor Altadill y lo llevaron a una casa próxima, prestándole los primeros auxilios”. 
Modelo de 1898

  Dicir quen foi a primeira persoa do noso municipio que tivo unha bicicleta podedes imaxinar que é misión imposible, mais o que non é rocambolesco é afirmar que unha das primeiras foi a de Manuel María Puga, Picadillo, un persoeiro que tamén deixaría latente a súa enorme curiosidade por todas as innovacións do seu tempo, converténdose nun apoixoado usuario de moitas delas como o automóbil, o gramófono ou a fotografía, afección grazas á cal ducias de veciños e veciñas de Arteixo poideron enviarlle aos seus parentes emigrados en América retratos feitos por el no Pazo de Anzobre. Co seu humor tan particular, Picadillo queixábase que os fabricantes de bicicletas non deseñaban modelos adecuados para persoas do seu peso, que nalgúns momentos da súa vida seica chegou a ser de 270 quilos.

Manuel Puga, Picadillo, no pazo de Anzobre cunha bicicleta (Cortesía da súa neta Chau Fernández -Gago Puga)

  E chegamos xa ao século XX, tempos novos nos que os automóbiles comezan a estenderse, principalmente a partir dos felices anos 20. Este feito levaría a que os fabricantes de bicis se fixaran nun novo público: os nenos, con deseños cada vez máis ostentosos e chamativos, engadindo na década dos 50 elementos que en moitas ocasións lembraban a avións e a foguetes espaciais. Precisamente un neno arteixán de aqueles anos 50, Julio Mancebo (durante moitos anos mestre e director do colexio San Xosé Obreiro de Meicende e coordinador do certame literario Manuel Murguía), contounos nunha ocasión que o Arteixo da súa infancia cambiaba notablemente coa chegada do verán, pois nesa época estival… “viñan moitos rapaces e aumentaban as posibilidades de diversión, porque tiñan xoguetes que nós non tiñamos: patíns, bicicletas, balóns de coiro, raquetas de tenis... Case todos aprendimos a montar en bici a conta dos veraneantes, e tamén a patinar na pista do Balneario. Tamén recordo que no baixo do almacén de Manolito de Ayán que daba a corredoira de detrás da Fonte había un taller de bicicletas onde podías alugar por media hora ou máis, pero non había cartos para facelo. Por certo, o dono do taller chamábase Anselmo. O pobre non fixo moito negocio”.

  Julio Mancebo tamén lembraba que...”os domingos alugaban patíns no Balneario e por poucos cartos podías levar unhas cantas cuadas mentres tratabas de aprender a gardar o equilibrio. Os rapaces que viñan todos os anos eran, entre outros, Fernando e Carlos Arrojo, que tiñan vivenda na Baiuca; Waldo e Miki que alugaban a casa que estaba ao lado do Gallo de Oro; e os que paraban no hotel do Balneario: Juan José Baquero e a súa irmá Pili, Antonio, Argimiro, Luciano e Maricarmen Vázquez Guillén que xogaba con nós ao fútbol e lle chamabamos Kubala, Fernando "Lerenco", Escribano ou Ana Del Río, que era filla dos administradores do Balneario por aquel entón. Tamén viña sempre Juanechas que estaba na casa da súa avoa doña Brígida”.

Imaxe dos anos 50 do Balneario. A nena da bicicleta é Ana del Río (Cortesía da súa familia)

  Do mesmo xeito, o tamén arteixán Manuel Rodríguez Pan, veciño de Oseiro nado no Rañal en 1936 e tío de quen escribe, recordaba que naqueles anos 50 nos que empezou a gañarse a vida traballando como escaiolista… “ía e viña todos os días andando da Coruña, e coma min moitos dos meus veciños. Daquela o soldo dun obreiro era de 103 pesetas á semana e non se podían gastar no trolebús porque senón os cartos non chegaban a nada. Había algún afortunado que tiña bicicleta, coma meu sogro, que cando lle subiron o soldo no seu traballo empezou a ir en bús e daquela eu herdei a súa bici. Anos despois xa comprei o meu primeiro coche”.

  Aqueles tempos nos que as bicicletas convivían con cabalos e burros que transportaban as colleitas que se vendían na Coruña, aqueles tempos nos que ter unha bici era case o mesmo que ter hoxe en día un coche, darían paso a outros tempos de certa mellora económica na que nos criamos moitos dos nenos e nenas de Arteixo que viñemos ao mundo nos anos 60 e nos 70, tempos nos que os nosos pais comprarían a nosa primeira bici na tenda de Cachaza na Coruña, como foi o caso dun servidor, ou na de “Milmañas” como foi o caso de Fernando Barreiro, un arteixán nado en 1963 que nos contou que “podías encargar a bicicleta no taller de Milmañas. Se non recordo mal, penso que facía de intermediario. El traías do almacén de Cachaza na Coruña”.

  Anos despois abrirían en Arteixo “Motos Barbeito”, negocio no que tamén se vendían bicicletas, e “Castro Amado”, un establecemento que estaba situado na Avenida de Fisterra, nese edificio de deseño triangular que está á man esquerda dirección a Carballo, e que vendería ducias de bicis durante bastante tempo, se cadra ata a chegada á Coruña das primeiras grandes superficies comerciais. 

  En decembro de 2023 o Concello de Arteixo puxo en marcha o servizo municipal de bicicletas. A web biciarteixo.com ofrece a información práctica do funcionamiento do sistema e amosa como acceder á aplicación a través da cal os usuarios poden utilizar o servizo, ademais de ver todos os termos que rixen o funcionamento deste servizo municipal de bicicletas.

  Bo paseo!

_________________


FONTES:

-JAIME RUBIO HANCOK (2017): Hace 200 años de la primera bicicleta: estos fueron los primeros modelos. El País. Verne. 19 de abril 2017.

mércores, 19 de novembro de 2025

A PARROQUIA DE BARRAÑÁN NO DICIONARIO XEOGRÁFICO DE SEBASTIÁN MIÑANO (1826-1829)

  Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal é unha magna obra composta por once volumes que foi publicada entre 1826 e 1829. 

  O autor deste dicionario foi o relixioso e escritor afrancesado español Sebastián de Miñano y Bedoya (Becerril de Campos, Palencia, 1779-Baiona, Francia, 1845), nun principio defensor dos ideais liberais, aínda que máis tarde pasou a simpatizar co bando dos absolutistas moderados. Aio do infante Luis de Borbón (1795), cando este accedeu ao arcebispado de Sevilla pasou a desempeñar o cargo de primeiro oficial da súa secretaría (1799) e, entre 1801 e 1804, íase ocupar dos asuntos do cardeal de Borbón na corte.

  No momento no que as tropas francesas invadiron España, Miñano acompañou ao xeneral Castaños na súa entrada en Madrid (agosto de 1808), mais posteriormente non só ía recoñecer a José I Bonaparte, senón que se converteu nun dos conselleiros íntimos do novo monarca. Coa caída deste tivo que emigrar a Francia, onde permaneceu ata 1816, que foi cando puido regresar a Madrid xunto con outros afrancesados.

  Durante a época constitucional colabora en El Censor. A súa visión sobre a problemática política do seu tempo aparece reflexada en Lamentos políticos de un pobrecito holgazán (1820), que, xunto con Historia de la revolución de España de 1820-1823 por un testigo ocular (1824), escrita en francés, e o seu Diccionario geográfico y estadístico de España y Portugal (1826-1829), constituen o máis sobresainte da súa obra.

  A edición do seu monumental dicionario, no que recolle datos sobre as diferentes divisións relixiosas ou administrativas do estado, así como dos núcleos de poboación, serviríalle para gañar un sillón na Academia de Historia en 1825. Con todo, este éxitoso traballo tivo as súas luces e as súas sombras xa que polemizou sobre as insuficiencias da obra co xeógrafo Fermín Caballero, quen lle reprochaba a Miñano que as principais fontes de información seguían sendo, como en tempos de Felipe II, os cregos. Ante as recriminacións de Caballero, Miñano defendeuse dicindo, en alusión aos curas párrocos, que… “á cada uno de los cuales he escrito separadamente, pidiéndoles nociones ciertas y positivas de sus respectivos pueblos y de los inmediatos”, cregos aos que Miñano agradeceu a súa axuda, o mesmo que ao director da Real Academia da Historia, Martín Fernández de Navarrete, e ao censor Juan Agustín Ceán Bermúdez.

  O Diccionario geográfico y estadístico de España y Portugal ten unha importancia extraordinaria para o mundo da investigación xa que ofrece unha completa visión de como era o país naquela época. Deseguido transcribimos o que Sebastián Miñano y Bedoya escribiu na súa devandita obra sobre a parroquia de Barrañán:

BARRAÑAN (SAN JULIÁN DE),

Aldea Realengo de España, en Galicia, provincia y jurisdición de la Coruña, sujeto al corregidor de la capital; 40 vecinos, 191 habitantes, 1 parroquia. Contribución 642 reales 1 maravedí.

En lugar del artículo inserto en el Diccionario, léase el siguiente que nos ha remitido el señor don Hilarion Pazos. Es de la provincia y jurisdicción de la Coruña, arzobispado de Santiago, con 48 vecinos, 260 habitantes, 1 parroquia compuesta de las aldeas de Branquenza, Outeiro, Sisalde, Esfarrapa, Ceara, Sar, Monte del Gallo, Menlle y Barrañán.

Situada a la falda del monte de Angra, al N. confina por este rumbo con la parroquia de Santiago de Arteijo, hasta la costa del mar; con la cual y arenal nombrado de Barrañán, tambien confina por el O.; por el S.O. con Santa Eulalia de Chamín; por el S. con San Pedro de Armentón, y por el E. y N.E. con la de Santa María de Lañas. Su figura es un cuadrilongo, tiene 1.240 ferrados de sembradura, la mitad de segunda clase, y la otra de tercera. Se estiende un octavo de legua de N. a S., y de E. a O. ¼ escaso; su clima es templado y bastante húmedo.

Areal de Barrañán. Ao fondo, o Monte da Angra

La separa de las citadas de Chamín y Armentón un riachuelo llamado del Castro, que baja de la parroquia de San Esteban de Larín, Santo Tomé de Monte Agudo, Armentón y Lañas, desaguando en el mar por el citado Arenal, sobre el cual, y en términos de dicha parroquia se hallan 3 molinos. Por un estrecho del O. y citado arenal pasa el camino que desde la Coruña da tránsito para Cayón, y sigue otro arenal llamado de Baldayo situado en las parroquias de San Salvador de Revordelos y Santa María de Noicela, San Cristoval de Lema y San Martín de Razo, con dirección a los puertos de Malpica, Corme y Puente Ceso, situado sobre el río Allones. Por la misma atraviesa otro camino de N.O. a N.E. que da tránsito a la ciudad de la Coruña desde las parroquias inmediatas, y partido de Bergantiños.

El dominio directo de toda esta parroquia corresponde al priorato de Santa María de Cambre, anejo al Real monasterio de San Martín de Santiago, por cuya razón percibe la cuarta parte de todos los frutos, ademas de la renta correspondiente a las casas, prados y algunas fincas exentas del ¼ , según lo capitulado en los foros. Tambien pertenece a dicho monasterio el derecho de patronato, y de su unida San Pedro de Sorrizo en los 4 meses ordinarios. El diezmo lo lleva in solidum el cura.

Produce 750 fanegas de trigo; 1.250 de maiz; 70 de patatas; 72 ½ de avichuela; 12 ½ de centeno; 12 ½ de cebada; 250 libras de lino, y hay de toda especie de legumbres y frutas. Industria: 3 molinos de agua; 8 telares; y tambien se dedican los naturales a la cría y grangería de ganados vacuno y lanar. Dista 2 leguas de la Coruña, 8 de Santiago, 5 de Betanzos, y 1 de Cayón. Contribución 1.347 reales.

martes, 11 de novembro de 2025

DOMINGO MÁXIMO MOSQUERA 'PITOS', UN ARTEIXÁN DE NOVELA

  Hai uns días deixounos Domingo Máximo Mosquera Calvete, un arteixán de novela ao que lle queremos render homenaxe nas Crónicas de Arteixo desta semana.

  Dicimos “de novela” porque a súa vida, as súas experiencias e a súa personalidade eran tan extraordinarias que parecían sacadas dunha obra literaria de ficción, abofé! Mestre, futbolista profesional, banqueiro, alcalde, xerente do Balneario… se hai un persoeiro da nosa bisbarra que é coñecido polas múltiples actividades que realizou ao longo da súa vida, ese non é outro que ‘Pitos’, alcume polo que o noso homenaxeado era coñecido na súa vila natal.

  Nacido na Baiuca o 3 de xullo de 1936, era o máis novo dos sete fillos (Fino, Julita, Sara, Pablo, Totos, Teté e Pitos) que tiveron Delfino Mosquera Riobóo e Julia Calvete Hermida, casados nas festas do Apóstolo de 1917.

  Delfino, Oficial 1º do Concello de Arteixo e presidente da Sociedad Instructiva y Recreativa El Alba”, verdadeiro referente cultural do Arteixo da época, ía falecer en novembro de 1938 con tan só 42 anos, cando ‘Pitos’ era un cativo moi pequerrecho de pouco máis de dous aniños.

  Así pois, o noso protagonista vai medrando sen a figura do seu proxenitor, pero protexido no matriarcado da señora Julia e arroupado no niño familiar. Unha vez que remata a súa formación, empeza a dar escola no seu domicilio (xunto a seus irmáns Julita e Pablo) a ducias de cativos de Arteixo que, ademais de aprender alí as primeiras letras, tamén tiveron a oportunidade de ver, por primeira vez, a televisión xa que a da señora Julia foi das primeiras (ou a primeira) casas do municipio que contou con este novo invento. A rapazada puido ver alí os festivais de Eurovisión ou as filigranas que facían coa pelota xogadores inesquecibles como Pelé, Alfredo Di Stéfano ou o noso Luis Suárez, bo amigo de ‘Pitos’… porque non esquezamos que ‘Pitos’ tamén foi un futbolista de novela que empezara a destacar no Penouqueira de moi cativo.

'Pitos' co Penouqueira nos anos 50

  Por aqueles días, cada vez que o Penouqueira xogaba no campo do Balneario, moitos dos seus alumnos acudían ao encontro para ver as filigranas que o seu mestre facía coa pelota defendendo as cores do equipo da Baiuca, partidos nos que habitualmente ‘Pitos’ non deixaba indiferente a ninguén: era quen de coller o balón nunha portería e chegar á outra driblando a canto rival lle saía ao paso! 

  O seu enorme talento levárao a fichar uns anos antes, nos primeiros 50, na categoría xuvenil do Santa Margarita, que chamara a súa atención nun dos amigables que xogara en Arteixo contra o Penouqueira. Mais a estadía do noso homenaxeado neste equipo da capital sería efémera, xa que non ía tardar en fichar no Deportivo, con quen se ía proclamar campión galego de xuvenís en 1953 baixo a batuta do arxentino Rafael Franco, que fora un dos integrantes da lendaria dianteira 'Orquesta Canaro' coa que o cadro deportivista quedara subcampión de Liga na tempada 1949/50. “Este pibe es un fenómeno”, dicía habitualmente o técnico arxentino sobre o futbolista arteixán abandeirado do número 10, a mesma camiseta que vestira ata a campaña anterior un tal Luís Suárez.

  Naquela altura o Deportivo da Coruña creara un equipo na Serie A Rexional, o Deportivo “B”, coa idea de que os seus xogadores xuvenís se fosen fogueando competindo con equipos como o Astano, Esteiro, Flavia, Brigantium, Ordes, Sporting Lugo, Noia ou mesmo co Fabril, outro equipo da cidade da Coruña. ‘Pitos’ xogaría neste Deportivo “B” ata a tempada 1956/57, que foi cando debutou na Terceira División co Fabril, que, por aqueles días, adestraba Antonio Vilar Chao, fillo do galeguista Antonio Vilar Ponte, e que fora un dos integrantes do Deportivo que acadara na tempada 41/42 o primeiro ascenso á Primeira División.

  No equipo fabrilista, ‘Pitos’ comparte vestiario con futbolistas do nivel de Mangana, Acuña -que era irmán de ‘Xanetas’, o porteiro do primeiro equipo deportivista-, Porvén, Chas, Gerardo Roldán -xogador de Meicende-, Bouza e un longo etcétera. Xogadores que, nalgúns casos, reforzaron algunha que outra vez aos equipos que disputaban os torneos de verán que se organizaban no Balneario de Arteixo por aqueles anos 50. Precisamente, foi nun destos partidos do verán xogados no campo do recinto termal, onde ‘Pitos’ sufriu unha gravísima lesión de xeonllo que estivera a piques de truncar a súa carreira deportiva, mais, con todo, emulando o afán de superación do astro brasileiro Garrincha, que tiña a perna dereita seis centímetros máis curta que a esquerda, o futbolista da Baiuca ía ser quen de seguir xogando ao fútbol grazas, en gran medida, ao traballo do masaxista do Deportivo, Vicente Cucarella.

  A súa pequena coxeira non sería impedimento para ser dos futbolistas máis destacados do Fabril durante a tempada 57/58 na que, segundo informaba o xornal La Noche na súa edición do 12 de novembro de 1957, espertara o interese de varios equipos: En el mismo Fabril está el jugador Pitos por el que se interesa el Cádiz y la Cultural Leonesa”. Mais finalmente o da Baiuca seguiría defendendo as cores do Fabril, onde xoga a un alto nivel a tempada 58/59 e parte da 59/60, que foi cando fichou no Racing de Ferrol, equipo que naquela hora disputaba a Segunda División.

La Voz de Galicia, 3 de novembro de 1959

   O futbolista arteixán, sempre co 10 ás costas, debuta no once ferrolán o 1 de novembro de 1960 nun Racing-Sestao no quea pesar de que os locais perderon por 2-3, deixa a súa pegada ao anotar o seu primeiro gol cos racinguistas. No anecdotario do seu paso polo once departamental tamén queda unha eliminatoria da ‘Copa del Generalísimo’, a actual Copa do Rei, na que o Racing de Ferrol se enfrontou ao F.C. Barcelona dos Ramallets, Kubala, Luís Suárez e compañía. O equipo galego, con ‘Pitos’ xogando de titular, perde no Nou Camp por 7-1, pero cóntase que Helenio Herrera, o adestrador do equipo catalán, quedara gratamente sorprendido coa exquisita técnica do da Baiuca e que chegara a interesarse por el. A modestia de ‘Pitos’, con quen falamos varias veces no transcurso da elaboración do libro 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha, levábao a dicir que esta información non era verídica pero, houbera algo ou non, deixamos o seguinte apuntamento que o escritor arteixán Antón Castro fai sobre el na súa novela El álbum del Solitario

Nosotros lo admirábamos por sus buenas maneras y porque sabíamos que había estado a prueba en el Barcelona en los tiempos de Kubala y Luis Suárez (algunos decían que había sido el delantero más grande del Penouqueira en toda su historia, mejor incluso que Arsenio), pero una inoportuna lesión le apartó del fútbol. Redondo y más bien pequeño, era un extremo hábil y veloz, autenticamente letal; su dominio del balón resultaba tan apabullante que en ocasiones, en verano, se permitía jugar descalzo1”.

  Ao remate daquela tempada 1959/60, na que ían pasar polo banco do Racing de Ferrol ata catro adestradores: Román Galarraga, Tomás Castro, Hilario Marrero e Ramón Miranda, o cadro departamental descendería a Terceira despois de xogar dezaseis campañas consecutivas na Segunda División.

  'Pitos' permanece en Ferrol a tempada seguinte, a 1960/61, na que os racinguistas non serían quen de recuperar a categoría perdida. 

Unha das formacións do Racing de Ferrol da tempada 1960/61. Na imaxe aparecen, de pé e de esquerda a dereita: Anca I, Anca II, José Carlos, Chatolo, Tini e Masdías. Anicados, na mesma orde: Pitos, Mimo, Menchaca, Víctor Ledo e Onaindia (www.veteranosracingferrol.org)

  Na 61/62 volta de novo ao Fabril, onde colle os galóns de capitán e, unha vez máis, é dos xogadores máis destacados. Desta campaña cabe salientar como dato anecdótico que, o 29 de abril de 1962, o futbolista da Baiuca defendeu as cores do C.D. Lugo nun partido amigable contra o Celta, no que os da muralla venceron por 2-1.

La Hoja del Lunes, 16 de outubro de 1961

  'Pitos', que naquela altura tiña 26 anos, vendo que estaba a piques de instalarse no declive da súa carreira deportiva, empeza a enfocar a súa actividade profesional no mundo da banca e non tarda en converterse, con 29 abrís, en director da primeira entidade bancaria do municipio arteixán, a Caixa de Aforros, que se inaugura o 21 de marzo de 1966. 

  Casado con Enriqueta Pérez González, matrimonio do que ían nacer catro fillos, o xa ex-futbolista dirixiría a Caixa durante máis de tres décadas, ata 1998. Nese período tamén fixo unha incursión no mundo da política xa que sería alcalde de Arteixo dende agosto de 1974 ata xaneiro de 1975, un curto mandato no que se inaugurou a actual Casa do Concello e igualmente comezara a funcionar o Grupo Escolar Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos.


Imaxes da inauguración da actual Casa do Concello sendo alcalde Domingo Máximo Mosquera 'Pitos' (Foto Blanco)

  Despois da súa etapa á fronte da Caixa, 'Pitos' ía pasar boa parte do seu día a día no Balneario de Arteixo, un establecemento que os irmáns Mosquera Calvete administraron durante máis de medio século e no que este persoeiro de Arteixo viviu momentos inesquecibles da súa vida deportiva, momentos que tivemos a fortuna de que nos transmitira no recinto termal. Un deles foi o partido Penouqueira-Fabril, que se xogou en xullo de 1958 e no que, á parte de 'Pitos' participaran, entre outros, Arsenio Iglesias e o lendario Luís Suárez, Balón de Ouro en 1960.

 O noso homenaxeado era dos que non quería saír da foto. Tampouco lle gustaba o protagonismo nin as homenaxes. Alí onde esteas, esperemos que non te enfades con nós por esta pequena mostra de admiración, efecto e respecto.

  D.E.P., Máximo!

_______________

1 Antón Castro (1999): El Álbum del solitario, Ediciones Destino, Barcelona, pp.56-57.