martes, 20 de xaneiro de 2026

O NAUFRAXIO DO MERCANTE NEERLANDÉS 'ANNA' EN SUEVOS EN 1969 E O LIBRO DE XURXO SOUTO "O RETORNO DOS HOMES MARIÑOS"

  O 19 de setembro de 1969, tan só tres meses despois de que o lagosteiro francés “Genevieve de Galard” naufragase no Rañal con sete mariñeiros bretóns (e un can) a bordo, ocorría un novo sinistro marítimo nas augas de Arteixo. O pequeno mercante de nacionalidade neerlandesa “Anna”, de 499 toneladas de desprazamento e matrícula de Zaandam (Paises Baixos), que transportaba 900 tm. de porcelana chinesa en po, dende Teignmoenth (Gran Bretaña) ata o porto italiano de Xénova, íase a pique a unhas seis millas do litoral de Suevos.

El Ideal Gallego, 20 de setembro de 1969

  Foi polas catro da madrugada dese día cando o primeiro oficial do buque, R. Hogkamer, que naquel momento estaba de garda, entrou alterado no camarote do capitán Gerhard Block, para espertalo e comunicarlle que o “Anna” tiña unha alarmante escora. O máximo responsable sobe correndo á cuberta e, logo de avaliar a magnitude do problema, dase conta da existencia dun perigo real de afundimento. Instanstes despois ordena emitir unha mensaxe de socorro solicitando asistencia urxente. Nesa altura, a escora do mercante era de 25º, encontrándose a unhas 12 millas ao oeste das Illas Sisargas.

  A mensaxe de auxilio sería captada polas estacións costeiras de Labañou e Eirís, polo remolcador alemán “Oceanic”, que estaba estacionado no porto da Coruña, polo barco “Pando Cape”, así como tamén a recibirían os pesqueiros “Costa del Mar” e “Pilar Iglesias”, que navegaban pola zona.

  Ás oito da mañá, o “Oceanic” estaba a carón do “Anna”, que despois de emitir o SOS puxera rumbo cara o porto herculino, pensando aínda que podían chegar polos seus medios. Pouco despois comezaban as operacións de remolque e a evacuación da tripulación, unha dotación composta por sete neerlandeses, entre os que figuraba a muller do primeiro oficial R. Hogkamer, un portugués de Cabo Verde e un galego de Noia, que era o cociñeiro. Só quedarían a bordo o capitán Gerhard Block, o primeiro oficial, o maquinista e un mariñeiro, estes tres na proa para facer o amarre do remolque, e o capitán na ponte dirixindo as manobras.

La Voz de Galicia, 20 de setembro de 1969

  Unha hora e media máis tarde, cando navegaban fronte ao litoral de Arteixo, a escora chegaba xa aos 50º, polo que as posibilidades de salvación do mercante eran practicamente nulas. O “Anna” estaba tan escorado e as ondas azoutábano tanto que, arredor das 09:30 h., quedou coa quilla ao aire. Os tres tripulantes que estaban na proa tiveran que tirarse ao mar e serían recollidos deseguida polo remolcador “Oceanic”. Como bo mariño, o capitán Block fora o último en abandonar o buque, saltando á auga dende unha xanela da ponte. Sobre as 09:50, despois de nadar durante aproximadamente dez minutos, sería rescatado polo pesqueiro de Malpica “Costa del Mar” que, ao mando do seu patrón Modesto Varela Verdes, realizara unha ousada manobra ao introducir o seu barco entre o aínda flotante mercante neerlandés e o remolcador alemán para poñer a salvo ao capitán. Ás 10:05 o “Anna” remataba a súa reviravolta xirando sobre si, quedando coa quilla ao sol a poucas millas da Punta Lagosteira.

Os náufragos do "Anna", excepto o capitán, na cuberta do remolcador "Oceanic" (La Voz de Galicia, 20 de setembro de 1969)

  Pasado o susto, e unha vez en terra, o cónsul de Holanda na Coruña, Ángel Rego González, faríase cargo dos náufragos, aloxándoos nunha pensión da Praza de Lugo. O capitán Gerhard Block sería internado no Sanatorio do Socorro e sometido a observación por mor da gran cantidade de auga que tragara. Block, de 40 anos, natural de Ijmuiden e casado cunha toledana (coa que tiña dous fillos), levaba catorce anos ao servizo da compañía propietaria do mercante afundido e substituía ao capitán habitual, que comezara as vacacións. Block, que soamente facía unha semana que se reincorporara ao traballo despois de disfrutar de un mes de descanso, mandaba outro navío, pero a compañía dispuxera que saíse cara a Teignmoenth (Inglaterra) para facerse cargo do “Anna”, que, como xa dixemos, tiña que transportar dende aquel porto 900 toneladas de porcelana chinesa en po ata Italia.

La Voz de Galicia, 20 de setembro de 1969

  Nas primeiras horas do sábado, 20 de setembro de 1969, o mercante neerlandés aínda aboiaba no noso litoral, o que representaba un perigo para a navegación nunha das vías marítimas máis transitadas. Por tal motivo, a Comandancia de Mariña da Coruña avisaba a todos os navegantes para que tomasen as debidas precaucións na navegación pola zona, facendo as oportunas xestións para afundilo a cañonazos e resolver así o problema. Pouco despois do mediodía, a fragata “Vicente Yáñez Pinzón” saía da súa base de Ferrol cara as augas de Arteixo coa idea de afundir o barco, pero non sería quen de localizalo xa que o “Anna” fórase, por fin, a pique.

  Ás sete da tarde dese mesmo día, a tripulación completa do buque, co seu restablecido capitán, saía en tren para Madrid, de onde partirían máis tarde en avión cara a Amsterdam.

  A historia do “Anna” é unha das que contamos habitualmente nos roteiros literarios que realizamos cada verán coa Rede Municipal de Bibliotecas de Arteixo polo litoral do municipio. Se aínda non participaches connosco, animámoste a que nos acompañes este verán, no que faremos as rutas Suevos-O Rañal e O Rañal-Barrañán.

  O “Anna” tamén ten o seu protagonismo na obra do prezado e admirado Xurxo Souto. Despedímonos con el, transcribindo o que nos conta no seu fantástico libro O retorno dos homes mariños (Edicións Xerais, 1999):

Mercedes enche o ollo co paxaro azul dourado da súa cunquiña de té.

-Oíu? Laura, e a vostede quen lle deu esta vaixela tan bonita?

A sabia do mar sorrí e ponse colorada, como se revelase unha gran confidencia. Foi un regalo que me fixeron do Anne.

Mercedes leva a vida toda parando nesta casa. A súa nai traíalle a Laura moletes de encarga de pan de Carballo (nunca se explicou como aquela muller soa podía comer tanto). Aínda hoxe queda abraiada con tanta riqueza da enciclopedia submarina.

-Que era, un barco chinés?

-Non, da parte de Roterdán. Pasou por diante da Coruña. Debeu de ser aló polo ano 69. Viña de Inglaterra cara a Xénova cargado de porcelana en po. Era un mercante pequeno. Pola parte de Bens escorou, había moito mar. Pediu axuda. Achegouse un remolcador alemán. Tentou tirar del pero non foi nada. O remolcador recolleu a tripulación, fóra o capitán e o maquinista, que aínda quedaron teimudos dentro. Déronme o aviso e cheguei ás nove a Suevos, a ver se había que axudar en algo. E ás nove e media, lémbrome ben, o Anne volveu escorar máis e quedou coa quilla ao aire. O barco íase perder, o capitán o maquinista e un mariñeiro, que non me acordou dicirche, dentro.

O mar estaba negro como este café. Ninguén sabía que había de ser deles. E daquela, ras!, con tanto temporal meteuse polo medio o Costa do Mar, un pesqueiro de Malpica, don Modesto era moito patrón, e recolleron o capitán e os outros dous da auga. Tiráronse da ponte abaixo no último momento, houberon afogar. Leváronos ás présas ao hospital, tiñan os pulmóns como esponxas da auga que tragaran.

Laura moito se emociona ao falar, non dá bebido e no café negro da cunca arma a tormenta toda.

-Estaba en Suevos co escafandro, ben cho vin. De aí a un pouco o casco do Anne deu a volta toda. Daquela parou de chover un chisquiño. Baixou unha raiola entre as nubes e vimos o Anne virado do revés, marchando á deriva, no medio do temporal.1

________________________________________

1 Xurxo Souto (2021): O retorno dos homes mariños (2ª edición), Edicións Xerais, Vigo, pp. 87-88.

Ningún comentario:

Publicar un comentario