Continuamos coa viaxe carnavalesca que iniciamos a semana pasada en Meicende, onde houbo e hai grande, grandísima, tradición antroideira. Unha paixón que na actualidade manteñen viva as comparsas “Os Subterráneos”, que, así como o que non quere a cousa, xa leva 30 anos de vida, e “Os Chinchetas”, que se formou hai dous ou tres anos na trastenda da papelería de Mariví e que, dende aquela, arrasan nos concursos de comparsas da bisbarra.
As persoas que seguides este espazo, xa sabedes que nós somos máis de escribir dos tempos de antano que os de hogano, máis que nada pola urxencia de recoller as informacións que as nosas persoas maiores aínda conservan na súa memoria. Pois ben, estos días, ao fío de darlle protagonismo ao Meicende antroidero do pasado, estivemos charlando no local social da sociedade La Esperanza con Jesús Varela Añón (Meicende, 1936), que cumpriu 90 anos o 14 de febreiro, e con Sergio Naya Folgueira (Meicende, 1949). Durante uns minutos tamén se uniu á conversa, telefonicamente, outro dos “clásicos” da localidade, Lino González Rodríguez (Meicende, 1945).
Na infancia e xuventude das nosas tres fontes orais, Meicende era sinónimo de troula, de festa, de esmorga, de foliada e, por suposto, de Antroido, de Antroido con maiúsculas grazas a comparsas como “Os do Couto” ou “Os Rescastados”.
Tal e como contamos a semana pasada, “Os do Couto” era a comparsa de Ricardo Rodríguez Alvedro, máis coñecido polo alcume de ‘O Moucheiro’. Un dos numerosos integrantes desta comparsa era Luís O Paxaro, un rapaz da Moura que acabou formando unha comparsa en Bens. Como era de agardar, aquel abandono sería motivo de sátira para ‘O Moucheiro’, letrista maior de Meicende que lle compuxo ao Paxaro a seguinte canción que nos cantou Sergio Naya Folgueira no local social de La Esperanza o pasado 10 de febreiro:
Paxariño que alegre cantabas
polas follas dos loureiros.
É verdá que moito te alegraches,
cando fuches ghanarlle aos de Oseiro.
Fuches a Bens polo diñeiro,
pra cantadores, os do Moucheiro.
Outro dos integrantes da comparsa “Os do Couto” era Antonio Regueira Galán, máis coñecido polo alcume de ‘Chandeira’, un rapaz das Eiras moi asociado á sociedade La Esperanza. Andando no tempo tamén ía montar a súa propia comparsa que bautizou co nome de “Os Rescastados de Meicende”, aínda que tamén era coñecida como a comparsa de Chandeira.
![]() |
| Comparsa "Os Rescastados de Meicende". O home da segunda fila é Antonio Regueira 'Chandeira' (Cortesía de Sergio Naya Folgueira) |
As comparsas do ‘Moucheiro’ e do ‘Chandeira’ botaron moitos anos de troula e estaban moi ben montadas. Ambos os dous, coas súas letras, deron moita vida ao Antroido de antano, non só en Meicende, senón ao de toda a bisbarra.
A época de esplendor da do ‘Moucheiro’ foron os anos 40-50, tempos de poucos medios económicos. A do ‘Chandeira’ foi nos 50-60. Sergio Naya recorda que “aquí en Meicende había moitas modistas e dedicábanlle todo o ano a preparar os traxes do Entroido. A comparsa do ‘Chandeira’ sempre ía ben. As modistas compraban a tela e facían bos traxes. En Meicende había moita imaxinación e compositores había moitos”.
![]() |
| Comparsa "Os Rescastados de Meicende". 'Chandeira' é o home da fila inferior (Cortesía de Sergio Naya Folgueira) |
Ao igual que o fixera con anterioridade a do ‘Moucheiro’, a comparsa do ‘Chandeira’, “Os Rescastados” ía concursar á Coruña, onde gañaron varios premios. E, por suposto, tamén desfilaban por Meicende, que iso era unha costume sagrada. Sergio Naya e Jesús Varela recordan que “no local novo da sociedade, que se inaugurou en 1960, tamén actuaban as comparsas. Aquí facíanse 3 ou 4 días de baile de Antroido e tamén había sesión infantil”.
![]() |
| As rapazas da imaxe eran de Meicende e formaban parte da comparsa de 'Chandeira' (Cortesía de Sergio Naya Folgueira) |
Lino González aínda se acorda dos bailes de Carnaval que se facían no local vello “e tamén me acordo dos bailes que se facían polo Antroido no salón de Baltasar. Eu vin actuar alí á comparsa de Bens (a do Paxaro) a máis unha comparsa de Feáns”.
![]() |
| Arturo Bombo, Emilio Perchas e Lolo García en Meicende, diante do Salón de Baltasar (Cortesía de Sergio Naya Folgueira) |
‘Chandeira’ tivera que facer un paréntese na súa actividade antroidera. As circunstancias da vida fixérono emigrar a Venezuela. Estaba casado con Maruja Díaz Vázquez, que era natural de Arteixo. De solteira vivía cerca do Balneario, ao carón do antigo cuartel da Garda Civil. Tiñan catro fillos, dous homes (Ito e Nel) e dúas mulleres (María Jesús e Marité).
![]() |
| De esquerda a dereita: 'Chandeira', Marujela, Arturo Bombo e Logo García en Meicende, á altura onde está na actualidade o Bar Monforte (Cortesía de Sergio Naya Folgueira) |
Anos despois, Ito, o fillo maior de ‘Chandeira’, seguiu coa tradición antroideira da familia ao continuar coa comparsa que fundara seu pai tempo atrás. ‘Os Rescastados’ seguirían como tal ata os anos 80, xa con Chandeira de volta da emigración. Unha vez xubilado, o noso protagonista acompañaba ao seu fillo e aos outros membros da comparsa por toda a bisbarra.
Antonio Regueira Galán 'Chandeira', poeta antroideiro fundador da comparsa “Os Rescastados”, faleceu en Meicende o 26 de outubro de 2002 aos 75 anos de idade.
Tanto ‘O Moucheiro’ coma ‘Chandeira’ teñen que figurar con letras maiúsculas no dicionario antroideiro arteixán, abofé!
Poñémoslle a póla a esta crónica coa programación do Entroido de Arteixo deste ano:









Ningún comentario:
Publicar un comentario